Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso

Artigo de Antom Fente Parada, voceiro de Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular.

 

EOLICOS_IGV

I. Roubáronnos o vento desde Elsinor a Esmelle

“A nosa Terra non é nosa, rapaces”. Tan sintética canto profunda era esta estampa de Castelao, onde retrataba o drama da emigración e do espolio da Galiza no seu tempo. Moitos anos máis tarde, no extinto xornal Galicia hoxe, Xosé Manuel Beiras Torrado escribía un artigo intitulado “Nen sequer o vento é noso” e defendía a vixencia da estampa do rianxeiro «só que graficamente transmutada pola traumática metamorfose social que extermina aos retratados nela: xa cáseque non hai labregos no agro nen picariños nas aldeas, mais o protagonista simbolizado daquela polo home do machado é este povo, e ise, malia que maltreito, aínda alenta e loita e brada que a nosa Terra non é nosa.»

No Incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca o mindoniense Álvaro Cunqueiro retoma a maxistral traxedia de Shakespeare. Nunha altura da obra o coro di «Non hai no mundo lugar máis venteado que Elsinor» e, certamente, a nosa é unha Terra rica, mais empobrecida e atravesada polo drama migratorio e a perda de servizos e, se non lle pomos remedio, de futuro para o interior galego. Retomo o texto de Beiras:

En Elsinor-Galiza, neste país hamletián onde os haxa, no lugar máis venteado da fisterra europea, todo estivo sempre aberto ao mar e ao vento tamén. Este povo sempre coidou que o mar e o vento eran libres. Até que viñeron forasteiros e pecháronnolos. Non nos pechamos nós ao mar e ao vento. Viñeron outros de fóra, chegaron de Terra Ancha e inda mesmo de máis lonxe, e non satisfeitos con nos desposuíren da xente, o gado, os ríos e o xardín, pecháronnos tamén as portas de acceso ao mar e ao vento que coidabamos seren bens libres ao noso dispor. Até o mar e o vento fóronnos vedados e espoliados.

 

A literatura como arma cargada de futuro para entendermos o crecente acaparamento de terras que padece o interior galego ou, para que darlle máis voltas, o espolio neocolonial. As nosa comarca –escríbolles desde a Terra de Asma– tamén ten escritores coevos que narran o drama e a urxencia de organizarnos e tecer alternativas. Colle a palabra o coro narrativo do romance Evanxeos apócrifos de Rafa Lobelle, onde Esmelle é o símbolo dun rural comesto polo inverno:

O esquecemento xa comezou a traballar, a xogar as súas cartas, vexan senón como o inverno sepulta nun silencio branco todas estas aldeas ata o punto de que ás veces, mesmo parece que poden chegar a desaparecer completamente baixo a neve para sempre, sen deixar nin o máis mínimo rastro. Tampouco pasaría nada, quizais incluso ninguén se decatase do acontecido, ninguén advertiría o asasinato de algo que xa está morto.

(…) Isto acabouse, non hai máis, pois entón non nos resistamos nun combate estéril que non nos vai levar a nada. Abandonemos nós este mundo antes de perecer con el. Por ese é o único fado que lle agarda a todo isto. Morrer. Ficar para sempre no sitio. Quedar enterrado para nunca volver entre as neves do próximo inverno.

Esa resignación, propia de boa parte das maltreitas sociedades civís do interior galego, esa apatía, é o contrario do que nos pide a cantautora Ses: Opoñerse á extinción. A continuada aldraxe que padece a nosa Terra precisa dunha resposta cívica organizada e así o acreditamos desde a plataforma Interior Galego Vivo (IGV), aberta á participación de persoas e colectivos coa única finalidade de dignificar o interior galego e construír futuro para nós e as vindeiras xeracións. Depende de nós sentar os alicerces dunha nova primavera.

 

II.- A farsa (1995-2007).

De 1995 a 2007 as concesións a empresas galegas non chegaban ao 15% da potencia autorizada, pois foron enormes grupos transnacionais os que se fixeron coa maior parte das concesións eólicas: Entrecanales (34%), Iberdrola (20%), Enel (12.5%), ACS de Florentino Pérez (7.5%) e FCC (4.5%). A maior parte invadían montes viciñais en man común e o 39% estaban en espazos naturais protexidos, como o noso pai Faro. Os impactos ambientais e sociais eran “externalidades”.

Por outras palabras, cinco grupos absorberon 78.5% da potencia autorizada neses anos sen deixar nada ou case nada nos territorios atinxidos. Se non acreditan no que lles digo lean A propiedade do vento galego. O desenvolvemento do sector eólico en Galiza (1995-2011) de Rosa María Regueiro.

Porén, no país do Faro sabémolo ben. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza anulou a declaración de utilidade pública, que aprobara o Goberno de Manuel Fraga no 2003, para expropriar o monte na parroquia de Argozón, pois os maxistrados cuestionaban que a exploración eléctrica por parte de Enerfín fose de maior interese social que o aproveitamento secular que lle deu a viciñanza ao monte co pastoreo en extensivo e do negocio da madeira. No entanto, a “utilidade pública” é o recurso das empresas para chantaxear ós proprietarios: ou aceitas as migallas ou exprópiese!

Por aqueles anos, chegaba a Chantada tamén un goberno bipartito de PSOE e BNG que, coma o de Compostela, durou apenas catro anos. Suficientes, para retratar que “negociación” estabelecera anteriormente o Goberno de Manuel Varela (PP) do parque eólico do Faro. Se co PP no Concello a empresa Enerfín pagara pola licenza de construción do parque 174.000€ coa revisión aplicada polo bipartito foron 450.000€. «Case cinco veces máis!», como me relatara o amigo Ildefonso Piñeiro, tenente de alcalde naquela altura. Era 2008. Ao ano seguinte os investimentos reais superaron os dous millóns de euros.

III.- A traxedia (2008-2023)

No 2005 chegara o bipartito á Xunta e no 2007, por iniciativa do BNG, apróbase un decreto que muda o marco normativo, abrindo as portas á participación de capital público e dos proprietarios dos montes. Tamén somete o seu trámite ao escrutinio cidadán. Porén, no 2009 a Xunta volve ás mans do PP e anúlase o concurso eólico impulsando unha nova lexislación que, nos últimos anos, foi novamente reformada para “simplificar” os trámites e facilitar a aprobación dos parques, moitos fragmentados indecentemente para evitar superar os 50MW, que obrigan a que o seu trámite teña que pasar por Madrid, como teñen recollido diversas sentenzas do TSXG.

O ultraliberalismo do Goberno de Feijóo lexisla a medida do grande capital proprietario do sector eólico e arremete contra a participación pública e a resposta cidadá. A lexislación que regula os eólicos aínda é a Lei 8/2009, mais viuse profundamente modificada pola Lei 5/2017 de fomento de implantación de iniciativas empresariais, que desde Por Chantada e outros colectivos no seu día alcumamos como Lei de predación da Galiza.

Este mesmo ano, Feijóo emendouse a si mesmo para servir ó lobby eólico ao aprobar a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica. Inclúe unha disposición adicional que permite poñer parques eólicos en zonas que non estexan incluídas no Plano sectorial eólico de 1997. Novamente a sabedoría popular: non dan pontada sen fío.

En decembro de 2020 trinta e seis proxectos superaban os 50 MW e somaban 2.500 MW con especial protagonismo para Greenalia, onde traballa como directiva Beatriz Mato, ex-concelleira de Medio Ambiente de Núñez Feijóo. Para facérmonos unha idea en 2017 a potencia eólica total era de 23.005 MW. Amais, cando se aprobou o Plano sectorial eólico (1997) os aeroxeradores non chegaban a 1 MW e eran torres de 35-50 metros. Agora falamos de 5.4 ou 5.7 MW e 200 metros de altura na ponta da pé. Parques como os do Faro están esgotando a vida útil (20 anos) e os muíños serán substituídos por uns novos que, na práctica, é instalar un parque novo cos seus novos impactos ambientais e sociais.

Hoxe Acciona, Iberdrola, Enel-Endesa e Naturgy deteñen 55% da potencia eólica instalada e o 88% pertence a grandes grupos ou fundos de investimento estranxeiros. A concentración de capitais cada vez é maior e os proprietarios reais dos nosos muíños de vento –mentres, dito sexa de pasaxe, deixamos caír os muíños de auga e, en xeral, o noso patrimonio–  están en Luxemburgo, en Bélxica, nos EUA, na China ou en Qatar.

Os beneficios para uns poucos que nunca o noso chan pisaron son elevados e o agardado maná dos fondos Next Generation anima ao capital-risco a procurar altos rendementos sen que importe o espolio do territorio e sen calquera contrapartida para os indíxenas que aínda resistimos (tamén as linguas murmuradoras que dicía a cantiga, aqueles hipócritas que retratou Celso Emilio na Viaxe ao país dos ananos). Por iso, Interior Galego Vivo asinou o manifesto Aldeas con horizonte, que aglutinou a máis de 50 colectivos, e no que se expoñen os quince principios mínimos que deben rexer o novo marco normativo sobre o desenvolvemento eólico na Galiza se queremos defender un rural vivo.

IV.- Termos voz de noso.

estado das estradas no rural na comarca de Chantada é calamitoso, tanto as da Deputación canto as de titularidade municipal. É a propria viciñanza quen ten que sinalizar fochancas perigosas para a seguranza vial. Non hai moito tempo a Xunta gastaba milleiros de euros nunha campaña publicitaria intitulada Volve ao rural. O rural é unha sorte de topos ou tópico recorrente no relato dos grandes partidos, mais a práctica diverxe e non existen apenas compensacións para as poboacións que manteñen o territorio (por canto tempo?).  

Xa no XVIII brumario Karl Marx advertía que a historia se repite, e, se non se opón ao espolio un bloco histórico alternativo, condenaranos e deixará eivada a nosa Terra e o futuro: espolio eólico, turismo predador sen racionalizar, abandono dos pequenos e medianos produtores, mingua de servizos públicos… É o momento de organizármonos.

Mentres o interior galego é vítima dun crecente acaparamento de terras e sofre unha ordenación do territorio que favorece o espolio. As principais empresas pagan os impostos (poucos) en Madrid. Aquí non queda nada, nen o vento. Madrid recebe os impostos e o resto do territorio é o coto de caza, La España vaciada que denuncia Teruel Existe. Hoxe Madrid é a única comunidade autónoma sen parques eólicos e, conforme os dados do último informe (2016) da Asociación de Empresas de Enerxías Renovábeis (APPA), dos 33.167 MW de potencia renovábel instalada no Estado apenas 165 MW se localizaban na Comunidade de Madrid, menos dun 0,50%. Semella que algúns teñen claro que onde se come non se caga.

O andazo actual é, portanto, aínda máis espoliador e letal. O Sindicato Labrego Galego impulsa asembleas informativas nas terras de Camba sobre o parque eólico do Maxal, que afectará a Antas, Taboada e Rodeiro. Este último concello verase afectado por outro parque e Chantada leva anos sendo atravesada por novas liñas de alta tensión sen nengunha compesación e, proximamente, chegaranos outra procedente do Picato.

Iso si, cando Por Chantada levou ao pleno unha moción para estabelecermos unha taxa municipal nas instalacións de transporte e enerxía, Manuel Varela, novamente, dixo que non. Era 2017 nun momento onde o servizo da débeda era descomunal e as inversións reais ridículas. Os pasivos financeiros foron 950.576,85 €, mentres que dos 477.896,73 € orzamentados para inversións boa parte non se executou e ficou como remanente (un clásico da súa xestión menos nos anos eleitorais). Fechábase o círculo destinando o remanente (RTGX) en 2018 para o pago de débeda novamente. Logo veu o Catastrazo, que supuxo elevar a recadación anual en máis de 600.000€, e as eléctricas seguen a día de hoxe sen pagar. Rapaces, os nosos concellos non son nosos!

Comezabamos este artigo apelando á sabedoría popular que tan finamente recollía, con lirismo e humorismo, a pluma de Castelao. Rematemos tamén con esa mesma sabedoría popular que na nosa zona sempre tivo claro a lei do funil das elites, que deixa o ancho para uns poucos e o estreito para a maioría.  Precisamos dunha ordenación do territorio e de políticas que eviten que o interior galego se converta nun deserto perde e pardo, ou sexa, un territorio despoboado ao servizo do capital-risco unha vez exterminados os untermenschen indíxenas. Para iso só hai un camiño: termos voz de noso.

 

Comprometidos cun interior galego vivo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s