Por Chantada propón mudanzas nas ordenanzas para atinxir as metas de descarbonización.

 

Podes consultar a moción íntegra premendo aquí: Moción do grupo municipal Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular para favorecer a descarbonización mediante modificacións nas ordenanzas municipais.

 
Praza do Cantón (peonil mais con carros)
A pesares da peonalización da praza do Cantón nesta lexislatura os vehículos seguen estacionando con total impunidade. Foto: Por Chantada.
 
 
 

A candidatura viciñal Por Chantada defenderá na vindeira sesión plenaria unha Moción para favorecer a descarbonización mediante modificacións nas ordenanzas municipais. Esta moción complementa outras medidas propostas xa en decembro de 2019 co gallo de irmos avanzando nas metas fixadas para descarbonizar Europa. De feito,o 13 de maio aprobouse a primeira Lei de mudanza climática do Reino de España, que chega cinco anos após o Acordo de París.

A norma estabelece que os concellos de máis de 50.000 habitantes deberán contar con «zonas de baixas emisións» antes de 2023 onde non poderían acceder 40% dos turismos que actualmente existen. No 2040 todos os turismos e vehículos comerciais lixeiros novos á venda deberán ser de cero emisións e en 2050 todo o parque de turismos e vehículos comerciais lixeiros deberá ser de cero emisións. Pode parecer moito tempo, mais non o é para unha transformación de tanto calado na mobilidade que, con certeza, requirirá aínda futuras restricións.

Xa no 2030 o sistema eléctrico terá que ter orixe en enerxías renovábeis nun 74% como parte da estratexia para mitigar as emisións de gases de efeito estufa (GEE) en 23%, a respeito de 1990. Contodo, convén subliñar que a Galiza produciu desde fontes renovábeis xa en 2020 75% da súa enerxía, polo que non se sustenta o boom especulativo dos eólicos que non deixan no territorio e nas poboacións máis ca externalidades negativas en canto a Comunidade de Madrid non ten instalado un só parque eólico. Continúa tamén como materia pendente conseguir que as comarcas netamente secuestradoras de carbono sexan compensadas e que as cotas de carbono teñan ligazón territorial e non se convertan nun novo mercado bursatil e especulativo global.

Amais, cómpre termos en conta que os turismos son os automóbiles que máis peso teñen nas emisións do transporte por superficie (case dous terzos), seguidos polos vehículos pesados ( 30%). Porén, os sucesivos gobernos neglixenciaron o desenvolvemento do tren de proximidade, tan común nos estados centrais da UE-15, e investiron sumas estratosféricas en autoestradas e infraestruturas que, para maior INRI, debían sempre pasar polo sumidoiro de recursos que é Madrid. A consecuencia é unha brutal desvertebración territorial.

 

Chantada no contexto da descarbonización.

O Concello de Chantada aprobou un plano de acción (PACES) unilateralmente, sen contar coas achegas do noso grupo, e nun documento que recorre ao plaxio da Wikipedia, entre outras deficiencias manifestas, o Goberno local optou por sacar adiante un documento que fixa unha redución de 40% para 2030 nas emisións de CO2, sendo o sector da mobilidade o de maior peso nas emisións de gases de efeito estufa (GEE).

O Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) é un tributo directo que grava a titularidade dos vehículos de tracción mecánica e a ordenanza municipal do IVTM do Concello de Chantada non contempla bonificación, exención total ou parcial, redución da cota ou calquera outro tipo de minorización do imposto en virtude da incidencia da combustión ou ausencia de combustión no Medio Ambiente. Para rachar con esta disfunción entre as ordenanzas e as declaracións, Por Chantada propón a adopción de mudanzas na ordenanza IVTM.

Segundo Decreto de alcaldía 128/2021, de 24 de febreiro, no 2021 ingresaranse en conceito de IVTM 370.111,67€ e dado o parque de vehículos actual, bastante envellecido, a nosa proposta de bonificación podería redundar en incentivar o carro eléctrico sen por iso ter un elevado impacto na facenda local, reiterando a nosa posición de preferencia polas bonificacións fronte as rebaixas do tipo xeral. Así é, porque acreditamos que son necesarios ingresos para termos uns bons servizos públicos, aínda que para iso haxa que optimizar tamén a Administración e, como non, ter un Goberno competente e eficaz.

Asemade, cómpre lembrar que o carro eléctrico non diminúe apenas as emisións de GEE, mais tamén reduce a contaminación acústica, redundando en vilas con contornas máis amábeis para as persoas. No entanto, tamén se torna imprescindíbel preparar con tempo a chegada dos vehículos eléctricos cun Plano de mobilidade eléctrica do Concello de Chantada, que planifique os pontos de recarga na vía pública e bonifique a criazón e reforma de infraestruturas (prazas de garaxe residenciais, vías públicas e centros de traballo). Isto require atender a outras ordenanzas fiscais como a do ICIO.

Por todo o exposto anteriormente, o grupo municipal Por Chantada-CUP propón ao Pleno da Corporación do Concello de Chantada o seguinte ACORDO:

1.- Elaborar informe técnico que permita modificar a ordenanza IVTM do Concello de Chantada na liña de bonificar ou minorar o imposto por aqueles vehículos eléctricos ou híbridos debidamente homologados e acreditados nos termos expostos na exposición de motivos desta moción.

2.- Comunicar dito informe aos grupos políticos da Corporación.

3.- Acordar entre os grupos, na CI de economía e facenda, a porcentaxe de redución a aplicar en virtude dos tipos de vehículos para a reforma da ordenanza IVTM.

4.- Planificar o proceso coa celeridade e antelación suficiente para que poda entrar en vigor no exercicio fiscal 2022.

5.- Informes técnicos para modificar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), na orde de incorporar unha bonificación á taxa a pagar nas obras para axeitar garaxes comunitarios particulares para a recargar as baterías dos vehículos eléctricos e outras actuacións orientadas a mitigar a mudanza climática.

6.- Publicar no site do Concello estes acordos durante un mes e notificar á AECH, centros educativos, organizacións agrarias (SLG, ICOS, UUAA) e organizacións ligadas co desenvolvemento sustentábel, para que acheguen aquelas suxestións de mellora que estimen convenientes dando así pé á participación cidadá en cumprimento ás recomendacións en materia de transparencia e bo goberno da UE.

7.- Configurar unha equipa de traballo con persoal técnico e representantes municipais dos diferentes grupos que elabore un Plano de mobilidade eléctrica do Concello de Chantada (2023-2030). Entre outras cuestións atenderá a planificar os pontos de recarga na vía pública e a renovación de vehículos municipais que contemple a compra de vehículos eléctricos sempre que for posíbel.

 

 

Un comentario en “Por Chantada propón mudanzas nas ordenanzas para atinxir as metas de descarbonización.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s