Resumo do pleno extraordinario urxente correspondente ao 6 de maio de 2021

 

A sesión extraordinaria urxente do Pleno da Corporación de Chantada, correspondente ao pasado 6 de maio de 2021, comezou ás 13:35 horas coa presenza do secretario accidental e da interventora, así como de 12 concelleiros. Manuel Diéguez (PP) incorporouse a escasos minutos de comezar a sesión.

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Podes consultar o audio íntegro do Pleno aquí: 

https://drive.google.com/file/d/1sUhwT8H7b5IO2US4lTw5ep0IEw_dgaP6/view?usp=sharing

 

1.-Pronunciamento do Pleno sobre da Urxencia da Sesión.

Decreto 2021-0342 [PLENO EXTRAORDINARIO URXENTE 070521]

Comeza o alcalde lembrando que lles faltan informes sectoriais da Deputación e de Fomento e mentres non se teñan estes informes non se pode comezar co expediente, porque non hai dispoñibilidade de terreos. Por iso, reparan Secretaría e Intervención. O alcalde non pode levantalo, ten que ser o Pleno, para gañar días e comezar a obra cren que debe facerse este Pleno, pois farían falla 4 meses para finalizar e pór en servizo a obra o 1 de outubro de 2021. Aínda que a empresa que o gaga lle poda levar menos. 

Acusa á Deputación e Fomento de enredar e andar pedindo diferentes cousas en diferentes momentos [non consta tal extremo por nengún lado do expediente que se nos remitiu]. O Concello de Chantada é unha administración seria que vai repor todo ben. O de Fomento agarda que se faga axiña e pensa que será favorábel e o da Deputación só falta unha certificación de Secretaría.

Se estes informes non chegasen habería que renunciar á obra, como xa lle dixo á Xunta, para que esta poida investir estes fundos europeus noutro lugar e a ver se a conxuntura permite que se reserven novamente en 2022, que é dubidoso segundo Manuel Varela

Para Raquel López, o seu grupo ratificará a urxencia como sempre fai, mais non entende agora as présas e que se convoque a sesión a unha hora incomprensíbel e que xera transtorno a moitos concelleiros porque interfire no seu horario laboral.

Desde Por Chantada cuestiónase a xustificación da urxencia que fai o alcalde, fálase de que é unha « necesidade que se ten creado a través dos anos», mais iso non xustifica un pleno extraordinario urxente. Sobre a falta de sectoriais entende que, se como di o alcalde, van chegar os sectoriais nos próximos días podería vir este asunto á sesión ordinaria do Pleno ou, en todo caso, a unha extraordinaria con todos os informes xa polo que non se entende por que hai que aprobar isto xa.

Lorenzo Varela escúdase en que queren ter todo preparado para poder adxudicar a obra antes do 15 de xuño, polo que se esperan máis podería non cumprirse ese prazo. Fano así porque non hai neste momento outra alternativa. Ou se fai isto e se crean postos de traballo en Chantada ou se mata este Concello para toda a vida.

Votación da urxencia:

A FAVOR: 11 (PP e PSOE)

EN CONTRA: 2 (POR CHANTADA)

2.-Expediente de contratación para LMT Soterrada de 20KV e Centro de Seccionamento para o Polígono Empresarial de Os Acivros.

Cómpre aclarar moi ben que é o que debía votar o Pleno neste ponto xa que o alcalde quere facer demagoxia con este tema para ocultar o tempo que perderon e os seus erros de xestión. Como se desprende da documentación que achegamos, só a máis importante do expediente que está incompleto dito sexa de paso, o que o Pleno debía votar era erguer ou non un reparo suspensivo da tramitación do expediente, formulado pola Intervención municipal ao seren os informes de Secretaría negativos sinalando unha irregularidade manifesta, que é comezar unha actuación sen dispor dos terreos previamente.

Proposta de acordo ao Pleno para aprobación do expediente

Reparo 13/2021 da Intervención. FISCALIZACION INTERVENCION FASE A

Informe 7/2021 de Secretaría (negativo)

Prego de contratación LMT Acivros

Acordo XGL-APROBACION PROXECTO LMT

MEMORIA MELLORA

Informe técnico de supervisión do proxecto e viabilidade LMTS Os Acivros

Proxecto LMT Os Acivros. Versión 2

Ao comezar o debate do asunto a interventora sinala que hai varias erratas. Cores aclara que na temeridade púxose 30 meses e eran 30 días e o procedemento é aberto simplificado e hai algún corta e pega máis que xa fica agora correxido.

Comeza intervindo o PSOE, por medio de Daniel Camiñas. Felicítase pola obra e xa no 2018 levaron os socialistas isto ao Parlamento e no 2019 trouxeron moción ao Pleno para facer o que finalmente ten pensado facer o PP, que daquela votou en contra.

Isto vaise facer cunha subvención da Xunta, aprobada o 9 de outubro de 2020 e que saiu no DOG do 23 de outubro de 2020. A redacción do proxecto encárgase o 29 de xaneiro e rexístrase o mesmo no Concello o 28 de abril. Con respeito ao Concello vén ben que a liña sexa soterrada, xa que redunda nun menor impacto paisaxístico, mais xéralle dúbidas o trazado escollido para a liña, pois o máis rectilíneo sería o da N-540 e non meterse no casco urbano e facer quiebros. A separata de mellora parécelles ben, mais xéralle dúbidas o procedemento porque a vía do Bairro da Ponte é da Deputación e a vía debería ser, como xa se dixo no Pleno en máis dunha ocasión, debería ser peonil e só para residentes facendo unha nova ponte no río Asma.  Voltar pór aí formigón semella pouco axeitado

O informe de supervisión do proxecto fala dos informes sectoriais necesarios. Constan algús informes, segundo este, que non están no expediente, como o de Patrimonio e o da Confederación Hidrográfica. Amais, ve irregular como se xestionou o expediente, pois o 5 de maio fan a provicencia, a memoria, a separata de mellora e convócase o Pleno perante o reparo suspensivo. Todo isto en apenas horas.

Canto aos informes, o informe de secretaría xa se di que “non se pode informar de xeito favorábel” e incide na existencia de erros de copia e pega nese informe, que xa sinalou a interventora mais queren facer a observación novamente de que se teña coidado á hora de facer estes documentos. O prego de cláusulas administrativas só está en castelán e debería estar tamén en galego. Non é tanto pedir Obra informe de intervención tamén é negativo ao non contaren cos terreos como marca a lei.

Así as cousas, a proposta de acordo no ponto 1º pídelle aos 13 concelleiros levantar reparos coas responsabilidades que iso trae consigo, segundo a LBRL, e con todos os informes en contra… todo por non tramitar ben o expediente. Na falta de procedemento nunca terán o apoio do PSOE. No ponto 5º da proposta faise responsábel a Diego Otero Veiga, o cal é ilegal segundo o artigo 76.2 da LCSP. O artigo 62.2 di expresamente “en los contratos de obras, las facultades del responsable del contrato serán ejercidas por el Director Facultativo conforme con lo dispuesto en los artículos 237 a 246“. Así pois, o nomeamento ten que recaer no director de obra. Estamos na crónica de sempre: traen ao Pleno faltas flagrantes e ilegalidades. [A interventora fala co alcalde deste asunto]. As cousas importantes hainas que facer especialmente ben. Se corrixe o ponto 5º abteranse e se non votarán en contra.

Varela dille que lle diga cal é o ponto 5º. O director de obra vai ser o que vai ser e aparecerá o nome de Diego Otero porque no seu momento, cando se fixo a petición coa AECH foi el e, por iso, aparecerá. A el dixéronllo cando viña para o Pleno e non daba crédito, xa que nen el nen nengún dos que estamos aquí podemos ser directores de obra ao non sermos enxeñeiros. No 2018 e no 2019 a fase 2 fíxoa SUPLUSA, que para iso vendías as parecelas e, daquela, debería facerse cargo da submistración eléctrica do polígono de Chantada. Era cousa da Deputación e de Industria non do Concello. Como pasaba o tempo, AECH, conxuntamente con dúas ou tres empresas do Polígono e o Concello, puxéronse de acordo para facer a solicitude a partir do Concello de Chantada e fixeron xestións na Xunta enviando unha memoria das obras que había que realizar. Sobre o trazado el non é técnico e fíxoo a empresa Naturgy, que escolleu a opción máis favorábel. Ese proxecto enviouse á Xunta e esta ofereceu até 1 millón de euros. O presidente de AECH, Néstor Quiroga, e o alcalde foron á Deputación de Lugo e alí dinlles que se vai liquidar SUPLUSA e que xa verían se lle podían dar no 2021 algo ou non. As parcelas do Polígono estanse acabando e é o Polígono máis rendíbel dos que desenvolveu SUPLUSA, segundo se dixo na Deputación, e perigando o subministro e requeríndose outra ampliación o Concello pon o resto, o que non poña a Xunta. A Deputación dixo que o metera o Concello no Plano Único e que tiña moito remanente. Para iso, non facía falla ir a Lugo. 

O proxecto encargábase Naturgy, mais o que fixo non levaba desglosadas as unidades de obra e houbo que modificar o proxecto de finais de 2020. Poñíanlle pegas para ver quen pedía a subvención se a empresa ou o Concello… gañas de marear e desde algúns organismos estivéronselle pondo paus nas rodas. O informe de Infraestruturas veu de forma negativa nun primeiro momento, polo tema de se era a empresa ou o Concello, e de aí a reforma do proxecto. El non asume a responsabilidade disto se algunha administración non espabila e non pasa o sectorial antes desas data e terían que renunciar

Fente pregunta como queda o ponto 5º. Varela di que o director de obra de nome é Sergio, a interventora di que se modifica. Fente pide intervir e concédeselle a quenda de palabra (min. 24.14).

Examinamos o expediente dentro do escaso lapso temporal que había ao convocarse a sesión con carácter extraordinario e urxente. Vimos que é un contrato de bastante envergadura, que contabamos xa un pouco con el pola cronoloxía que xa se referiu. A Xunta achega o 80% e o Concello 478.000€, que se pediron através do SC 1/2021 mediante crédito bancario, aprobándose a comezos deste 2021. Coincidimos tamén que é necesaria a mellora da  electrificación do polígono dos Acrivros, que é un tema que xa saiu nesta lexislatura en varias ocasións. Nese sentido, xa hai moitos meses que se anunciou que esta obra se ía facer con cargo á subvención da Xunta dun millón de euros e unha posíbel subvención da Deputación que, polo xa exposto, non se materializou.  O proxecto de Naturgy, ao que se acaba de facer referencia, que vén, polo que consta na documentación, aínda que falta documentacion neste expediente, como se fixo referencia anteriormente e non endenmos por que, fálase de informes positivos que non constan no expediente.

Manuel Varela interrompe e di que é mentira. Fente retrúcalle que non están. Daniel corrobora que non están. Varela deféndese dicindo que son unha realidade, aínda que non estean e que a el non lle gusta mentir. Fente dille que serán realidade, mais se non están no expediente este non está completo. Varela di que cando di que faltan dous son dous. O voceiro de Por Chantada di que a fe resérvase para cando se vai rezar á igrexa. Varela contesta que debe ir pouco á igrexa. Fente dille que iso é un tema persoal e que, en todo caso, a fe tense alí e non Pleno non se obra desde a fe, senón desde a razón para o que se deben fundamentar as decisións nos papeis e no que está no expediente, que debe estar ben conformado e se falta documentación haberá que recoñecer os erros. 

Continúa Fente desde o ponto anterior á interrupción lembrando que ese primeiro proxecto de Naturgy non valía [decatáronse só cando a Xunta lles informa negativamente], polo que se debeu encargar outro e ese “novo” proxecto chega cando chega perdéndose meses. Agora hai moita présa por uns informes sectoriais que faltan, que en teoría o da Deputación axiña vai chegar, cando se perderon meses por non facer o desglose por unidade que é sabido e coñecido que é obrigatorio en todas as obras públicas. Despois na xustificación afírmase que vén ao Pleno para levantalo entre todos… non, vén ao Pleno porque o orzamento supera o 10% dos recursos ordinarios do Concello e existe reparo suspensivo da intervención e o informe negativo da Secretaría. Do contrario podería aprobalo a Xunta de Goberno Local, pois furtáronlle ao Pleno a competencia sobre os contratos de máis de 10% do orzamento. Non semella moi razoábel a quen lle tiraches a competencia despois, cando non queda outra, vir apoiar que dea o seu apoio. Xustificárase a decisión en que se entorpecía e resulta que hai que seguir vindo ao Pleno por facer as cousas mal.

O informe de intervención é bastante claro:
Do informe anterior e do exame do expediente despréndese que non pode acreditarse o requisito de dispoñiibilidade dos terreos para a súa normal execución. Dacordo con reiterados pronunciamentos das diferentes Xuntas Consultivas de Contratación Administrativa o requisito de dispoñibilidade dos terreos debe existir no momento da aprobación do expediente de contratación.

Daquela, procunciarse sobre algo que non sabemos se finalmente se vai dispor ou non sería outro acto de fe. E isto somado aos meses que se perderon como se explicou antes. O prazo de execución é deica o 31 de outubro e volvemos un pouco ao mesmo: unha neglixente xestión coloca a administración non beco sen saída e obriga a tirar para adiante asumindo irregularidades. Unha vez pode pasarlle a calquera. Hai que dicir que a Deputación se demora nos seus informes habitualmente, mais a solicitude por parte do Concello é do seis de abril. Varela nega a maior e di que había outros de antes. Pois tampouco están no expediente.

Nas propostas de mellora, os tempos son os que son, mais vendo o trazado habería que tentar darlle solución ao Bairro da Ponte e lembramos que o expediente chegara ao Valedor do pobo pola perigosidade para os peóns. Houbera unha reunión de Manuel Varela e Manuel Martínez na Deputación para tentar darlle unha solución e a proposta dos semáforas foi rexeitada pola sociedade civil e por nós e habería que ir a tentar facer unha ponte sobre o Asma. Varela di que as melloras non permiten facer a ponte. Fente dille que ninguén afirma iso, mais habería que tentar conseguir iso, que vén a conto porque unha das separatas de mellora da actuación que aquí se debate volve erguer o firme do Bairro da Ponte. As melloras da obra é para que non se faga daquela maneira e onde hai formigón se repoña e o aglomerado en quente onde o hai nas da Deputación. Por aí non vemos problema, mais a solución para o Bairro da Ponte polo dito e por ser Camiño de Inverno debería ser outra.

Tamén despois traiamos o da proposta de acordo que está pouco axustada a direito e mal redactada polo que se di nese ponto 5º e a competencia para erguer o reparo é do PlenoAquí intervén motu proprioa interventora, María Yebra-Pimentel, e di que non está mal redactada, o que debe mirar e que a competencia é do Pleno mais a avocación da competencia para o suposto… entón as cousas redáctanas os funcionarios non os políticos. En consecuencia, deixe de reiteradamente de faltar un pouco ao traballo dos demais. Métase politicamente, mais non fale da redacción das cousas porque erros pódeos ter calquera. Efectivamente, di Fente, el tamén comete erros. A interventora dille que el tamén algún. Fente dille que ten moitos e cando os ten asúmeos se se dá conta deles. A interventora quere pór de manifesto que hai un traballo moi grande e importante dos funcionarios no expediente e, fundamentalmente, os documentos redáctanos os funcionarios polo que lle pede a Fente respeito e que retire o de mala redacción, porque habería que ver as redaccións que fai vostede. Fente indica que retira o de mala redacción e non só iso pídelle desculpas se se sentiu ofendida. A interventora di que claro que se sente ofendida. Fente reitera as desculpas e tamén a calquera traballador que intervise no expediente e se puidese sentir aludido. A intención non era menoscabar o traballo de ninguén e tampouco o dos funcionarios nese sentido. Poden constar as desculpas na acta que non hai problema nengún. Intervén Manuel Varela para pedirlle ao voceiro da CUP que vaia rematando a súa intervención. 

Fente subliña que en todo caso hai unha cuestión que é a do ponto 5º da proposta do acordo que si que está non axustada a direito. Si, iso é un erro que recoñece a interventora. Varela di que xa está recoñecido e non fai falla que chova sobre mollado. Non é chover sobre mollado, estamos na nosa quenda de palabra e facendo referencia por vez primeira ao tema. Cando algún do PSOE dixo iso xa se retirou, vostede non ten que estar insistindoEstaba falando do asunto cando xurdiu o tema da mala redacción polo que reitera as desculpas se puido ofender a alguén, que non lle caen os aneis por facelo ou recoñecer os erros. Nesa intervención é cando di isto e está axustado ao ponto e ao que se está tratando. 

En definitiva, isto lembra a parábola do fillo pródigo. O pai unha vez perdoa ao fillo errante. Porén aquí, este Concello, a parábola repítese unha e outra vez. Non é a primeira vez que se vén con reparos e perdirnos que o levantemos con todos os informes de todos os técnicos en contra. Non entendemos como vén nestas condicións. Como non entende emita o voto, dille o alcalde. Eles teñen maioría e están de acordo en levantar este reparo. Así que vostedes voten o que queiran. Só faltaría que tivésemos que votar o que vostedes nos digan.

Daniel Camiñas para matizar pede a palabra. Na moción de 2019 xustificou que daquela era a Deputación e resulta que a calificación xurídica non mudou en nengún problema. O alcalde interrompe e o concelleiro do PSOE pídelle que non o faga fronte ao que ameaza Varela con retirarlle a palabra e pasar a votar porque non ten direito a corrixilo. Está totalmente equivocado, xa tivo a súa quenda. Está na segunda quenda. Non hai quenda nengunha, di Varela, isto non é unha moción. Si que é así, segundo o ROF, se quere lello.

Volvemos á mesma, iso no 2018 e 2019. O PP sabía desde o 23 de outubro que tiña a subvención. Vén feito facer as xestións para a subvencións, mais do 23 de outubro até o 29 de xaneiro, como dixo Antom, non se contratou o proxecto. Estívose traballando cun proxecto da empresa, señor. Entón eses tres meses xa non é culpa dos demais. No que consta no expediente, que é o que ten a oposición para facer a valoración, mandouse o primeiro oficio o día 6 de abril. Esa data non é verdade, ese día mandouse unha xustificación. Eles valoran o que está no expediente o demais é fe. Está suficientemente debatido e como lle dixo ao señor Fente Parada voten. Se esta obra, polo que a el lle sona, queda sen facer pode ser polo sectorial de Fomento e sería ben triste. Hai xente do PSOE que lles está botando unha mao na Cruña e en Madrid. Os reparos hai que levantalos para ir adiantando e non hai máis rollo que dicir. Daniel insiste en que desde outubro se perderon meses. Varela di que cando falaba dos funcionarios o señor Fente Parada non se imaxina o traballo que lle deu a 4 funcionarios isto. Daniel di que non lle cabe dúbida. O alcalde contesta que entón non lle meta a el o dedo da chaga e a responsabilidade tamén destas cousas. Un segundo, o señor Fente… nen un segundo nen nada, pasamos a votar.

 

VOTACIÓN PARA LEVANTAMENTO DE REPARO DA INTERVENCIÓN E CONTINUAR A TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE:

A FAVOR: 7 PP

ABSTENCIÓNS: 4 PSOE

EN CONTRA: 2 POR CHANTADA

 

Despois da votación e rematada a sesión, Manuel Varela dille á oposición que pode estar orgullosa e que os empresarios de Chantada van estar moi agradecidos. Fente dillo que non sexa demagogo. Aínda que o alcalde quere facelo pasar por un insulto este adxectivo, segundo a RAG non é tal cousa e en todo caso díselle que non actúe como tal non que o sexa. 

 

cropped-logo-redes-8m-blanco

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s