O pasado 19 de decembro desde Por Chantada dirixímonos ao Concello de Chantada solicitando información sobre os produtos que se botaron en varias rúas e baixo que protocolos e condicións se fixo uso dos mesmos. Coma de costume, este grupo non obtivo resposta, unha tónica que vén sendo demasiado habitual, xa que tampouco se nos está dando en tempo e forma acceso a outra documentación que demandamos para poder exercer o noso labor de fiscalización da nefasta xestión municipal.
Lembramos que en 2015 aprobouse, por unanimidade de todos os grupos, a moción Moción de Por Chantada para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada. A pesar disto, o Goberno municipal segue a facer caso omiso dos acordos e actúa con total opacidade.
Xa en 2017 propuxemos un protocolo para o emprego correcto dos fitosanitarios no noso termo municipal, debendo sinalizarse e informar correctamente do seu uso, xa que afectan á saúde das persoas e ao Medio ambiente. Conseguiramos que aparecese sinalización por primeira vez, aínda que esta fose incorrecta e incompleta. No entanto, desde entón, coa mudanza de titular ca Consellaría de Medio Ambiente, retrocedemos.
De por parte, no noso escrito reiteramos a lexislación de aplicación e os condicionamentos específicos para os ámbitos non agrarios.
Anexamos a nosa solicitude de 19/12/2021 e imaxes das diferentes áreas do casco urbano que foron queimadas com herbicida nesa semana e que non se sinalizaron.