Chantada, 23 de maio de 2022.
-
Aprobouse un Plano estratéxico para conseguir a maioría que traia a mudanza que a viciñanza nos demanda o vindeiro mes de maio de 2023 e sen temor de confrontar o PP e as marcas brancas que xa está impulsando para tentar perpetuarse no poder.
-
Trabállase nunha candidatura plural de veciñas e veciños, atendendo ás nosas 36 parroquias e os diferentes sectores do noso territorio, co gallo de conformarmos unha candidatura gañadora e con capacidade de xestión e transformación.
-
A candidatura viciñal acordou impulsar a II Romaría Galeguista o vindeiro 16 de xullo.

O pasado 21 de maio, no Círculo Recreativo Cultural de 10:30 até as 13:30 horas, celebrouse unha asemblea de Por Chantada na que se expuxeron e explicaron as contas da candidatura viciñal en 2021. A nosa formación sempre apostou pola transparencia e a rendición de contas ao tempo que enceta o período de cobranza das cotas de 2022 após a paréntese que supuxo a irrupción da Covid-19.
De igual xeito, acordouse adaptar e actualizar o Plano estratéxico para conseguir a maioría que traia a mudanza que a viciñanza nos demanda o vindeiro mes de maio de 2023. Somos conscientes de que, a pesar de que desenvolvemos un labor intenso nestes últimos catro anos e que soubemos facer unha oposición construtiva tamén no pior da pandemía, debemos aínda convencer a moitas viciñas e viciños que senten a mesma paixón e ilusión ca nós á hora de mellorar Chantada.
A sociedade local foi abalada por múltiplas crises e calquera pode enxergar un panorama con máis sombras ca luces para os vindeiros anos que exixe que xente formada, con ideas novas e con capacidade de traballo e sacrificio tome as rédeas do Concello se queremos evitar ser un territorio sen proxección e futuro para as novas xeracións.
Por iso, coa vista posta en atinxirmos esa maioría que precisamos para construír futuro e benestar no noso Concello, traballamos nunha candidatura da viciñanza, plural e aberta, atendendo ás nosas 36 parroquias e os diferentes sectores do noso territorio.
Non nos van condicionar as tentativas, xa en marcha, de erguer marcas brancas coas que os de sempre pretenden perpetuarse no poder en canto Chantada esmorece e os desequilibrios aumentan. Por Chantada traballa por un Concello de todas e para todos para o que precisamos unha candidatura gañadora e con capacidade de xestión e transformación.
No aspecto máis lúdico, a asemblea tamén tivo tempo de aclarar o formato da II Romaría Galeguista, que terá lugar o vindeiro 16 de xullo, e que será unha encontro de carácter aberto e festivo no que haberá presenza de compañeiras e compañeiros de Interior Galego Vivo.
Por último, Por Chantada seguirá apostando por unha comunicación fluída e continua coa viciñanza, avanzar escoitando, trasladando as problemáticas das entidades sociais ao Pleno e traballar na resolución dos retos e problemáticas da sociedade local. Con humildade, entrega e constancia e sen nengunha dependencia exterior como até agora fixemos. O futuro ten partido.
A viciñanza interesada en receber máis información ou achegarse a nós pode facelo escrebéndonos através das nosas RRSS ou formulario de contacto desta bitácora.