Por Chantada celebrou unha asemblea e traballa xa nunha candidatura plural para conseguir a maioría que traia a mudanza que o Concello precisa.

Chantada, 23 de maio de 2022.

  • Aprobouse un Plano estratéxico para conseguir a maioría que traia a mudanza que a viciñanza nos demanda o vindeiro mes de maio de 2023 e sen temor de confrontar o PP e as marcas brancas que xa está impulsando para tentar perpetuarse no poder.

  • Trabállase nunha candidatura plural de veciñas e veciños, atendendo ás nosas 36 parroquias e os diferentes sectores do noso territorio, co gallo de conformarmos unha candidatura gañadora e con capacidade de xestión e transformación.

  • A candidatura viciñal acordou impulsar a II Romaría Galeguista o vindeiro 16 de xullo.

 

IMG-20220521-WA0001
Antom Fente, voceiro de Por Chantada, nun momento da asemblea do pasado 21 de maio. Foto: Por Chantada.

O pasado 21 de maio, no Círculo Recreativo Cultural de 10:30 até as 13:30 horas, celebrouse unha asemblea de Por Chantada na que se expuxeron e explicaron as contas da candidatura viciñal en 2021. A nosa formación sempre apostou pola transparencia e a rendición de contas ao tempo que enceta o período de cobranza das cotas de 2022 após a paréntese que supuxo a irrupción da Covid-19.

De igual xeito, acordouse adaptar e actualizar o Plano estratéxico para conseguir a maioría que traia a mudanza que a viciñanza nos demanda o vindeiro mes de maio de 2023. Somos conscientes de que, a pesar de que desenvolvemos un labor intenso nestes últimos catro anos e que soubemos facer unha oposición construtiva tamén no pior da pandemía, debemos aínda convencer a moitas viciñas e viciños que senten a mesma paixón e ilusión ca nós á hora de mellorar Chantada.

A sociedade local foi abalada por múltiplas crises e calquera pode enxergar un panorama con máis sombras ca luces para os vindeiros anos que exixe que xente formada, con ideas novas e con capacidade de traballo e sacrificio tome as rédeas do Concello se queremos evitar ser un territorio sen proxección e futuro para as novas xeracións.

Por iso, coa vista posta en atinxirmos esa maioría que precisamos para construír futuro e benestar no noso Concello, traballamos nunha candidatura da viciñanza, plural e aberta, atendendo ás nosas 36 parroquias e os diferentes sectores do noso territorio.

Non nos van condicionar as tentativas, xa en marcha, de erguer marcas brancas coas que os de sempre pretenden perpetuarse no poder en canto Chantada esmorece e os desequilibrios aumentan. Por Chantada traballa por un Concello de todas e para todos para o que precisamos unha candidatura gañadora e con capacidade de xestión e transformación.

No aspecto máis lúdico, a asemblea tamén tivo tempo de aclarar o formato da II Romaría Galeguista, que terá lugar o vindeiro 16 de xullo, e que será unha encontro de carácter aberto e festivo no que haberá presenza de compañeiras e compañeiros de Interior Galego Vivo.

Por último, Por Chantada seguirá apostando por unha comunicación fluída e continua coa viciñanza, avanzar escoitando, trasladando as problemáticas das entidades sociais ao Pleno e traballar na resolución dos retos e problemáticas da sociedade local. Con humildade, entrega e constancia e sen nengunha dependencia exterior como até agora fixemos. O futuro ten partido.

 

A viciñanza interesada en receber máis información ou achegarse a nós pode facelo escrebéndonos através das nosas RRSS ou formulario de contacto desta bitácora.

 

Apresentación do libro de Xabier Pérez Davila [audio]

Para accederes ao audio íntegro coa apresentación do libro de Xabier Pérez Davila, que transcorreu o 26 de xuño de 2021 no Círculo Recreativo Cultural (Casino) de Chantada preme na seguinte ligazón: https://bit.ly/3AaQrV9

 

IMG-20210627-WA0002

Momento da apresentación do libro de Xabier Pérez Davila Socialismo en Europa 2020 (Compostela: Laiovento). De esquerda a direita: Olga Otero, integrante de Por Chantada e da secretaría das persoas maiores do SLG; Xabier Pérez Davila, economista e escritor que colabora coa CIG e con MODEPEN; Antom Fente Parada, voceiro de Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular. Foto: arquivo Por Chantada.

Podedes mercar o libro nas librarías Mago e Central de Chantada.

Para leres unha entrevista ao autor elaborada pola prestixiosa revista Sin Permiso preme aquí: SP – entrevista a Xabier Pérez Davila – libro socialismo 

Para leres outra entrevista, no Nós Diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/capital-quen-goberna-economia-nesta-ambito-non-existe-democracia/20201030211759108004.html

Para accederes á sinopse da editora Laiovento preme aquí: https://laiovento.gal/CATALOGO/1057/SOCIALISMO-EN-EUROPA-2020.html

207574694_4352375014814186_823122077569179170_n

O Sindicato Labrego Galego e Por Chantada organizan unha xornada para o aproveitamento do monte comunal.

 

O sindicato Labrego galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, interesados ambos polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan o próximo día 11 de xaneiro, as 11:00h no local da AA.VV de San Cristovo (parroquia de Mouricios en Chantada), unha xornada para propietarios de monte comunal e para todas aquelas persoas que se queiran achegar. Falarase da lexislación aplicada a esta tipoloxía de montes, as diferentes estratexias con diferentes cultivos e poñeranse sobre a mesa tamén exemplos de boa xestión.

O Sindicato Labrego Galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, dende o interese común polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan unha xornada dirixida aos propietarios de montes comunais e a interesados en xeral coa intención de achegar información á veciñanza neste eido.

Con esta xornada preténdese ofrecer diferentes formas de xestionar o monte comunal no marco da Escola de Acción Campesina na que participa o SLG. Falaremos de novas formas de explotación e diversas formas de pór en valor os nosos recursos. Para iso, contamos con tres relatores que falarán sobre a xestión dos montes, os aspectos legais que atinxen a estas propiedades e tamén de prácticas novidosas, que introducen alternativas á madeira, como o aproveitamento de resina ou mesmo gando. Todo isto coa intención de crear riqueza e emprego en base ao noso monte.

Intervirán na xornada Alberto Ledo Moure, axente forestal que explicará as particularidades legais que atinxen o monte comunal. Tamén Diego Sánchez Agra, técnico do Sindicato Labrego Galego que falará da xestión dos montes comunais e das diversas formas de aproveitamento dos mesmos. Por último,

José Manuel Yglesias e Ángel Buján Zas, propietarios do Monte Veciñal en Man Común do Carballo Vivo en Friol. Falaranos da súa experiencia particular e do rendemento do seu monte, canto a actividades como a madeira, resina, apicultura, porco celta… entre outras.

Para máis información contáctanos ou consulta o noso evento no Facebook: https://www.facebook.com/events/463651044526300/

[Audio] Acto formativo sobre abusos das eléctricas e pobreza enerxética

 

A pasada sexta-feira 23 de novembro impulsamos o derradeiro acto formativo deste 2018 desde Por Chantada-CUP. Deixamos, coma de costume, información sobre o acto, nesta caso o audio íntegro coa intervención do relator Pancho Casal, deputado de En Marea no parlamento galego. Que preste!

 

https://drive.google.com/open?id=1yK0JSw-D9xKyu7PKmK5490UcxPBCn8JI

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

[Audio] Acto formativo Por Chantada-CUP sobre as pensións

 

 

A pasada sexta-feira 16 de novembro impulsamos máis un acto formativo desde Por Chantada-CUP. Deixamos, coma de costume, información sobre o acto, nesta caso o audio íntegro coas intervencións dos relatores e do público. Que preste!

 

https://drive.google.com/open?id=1_gKY0oKpbG2Qzj6Nn8x2PldgZrZQQF0A

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

 #SomosAlternativa #CUPChantada 

[Audio] Acto formativo de Por Chantada-CUP sobre a PAC

O sábado 10 de novembro celebramos un acto no Casino de Chantada sobre as futuras mudanzas que vai sofrer a PAC. Deixamos aquí a apresentación que empregou Ana María Rodríguez, imaxes do acto e o audio íntegro da palestra coas intervencións de Lidia Senra, Ana María Rodríguez e o público asistente.

 

Que preste.

 

Audio íntegro do acto dispoñíbel na seguinte ligazón: https://drive.google.com/open?id=1zJ0wj0nAhWkNPHhl-jrr7uXTt5qbnV8c

Apresentación de Ana María Rodríguez: https://drive.google.com/open?id=1w-gAsv8lrRdEuPkYkhN1JQlCpBEU3K1K

 

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

 

 

 

 

 

#colapsosentornarratos: imaxes da apresentación dos libros de Xosé Constenla e David Rodríguez.

 

 

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

 

Desde Por Chantada-CUP agradecemos a todos os asistentes e, por suposto, aos relatores facer posíbel este acto, que achamos necesario. Por iso, imos dar continuadade a estes actos formativos nos vindeiros meses.  #SomosAlternativa #CUPChantada

 

 

 

Apresentación de dous libros e debate participativo o próximo 14 de setembro

 

Desde Por Chantada-CUP impulsamos máis un acto para reflexionar sobre o tempo e o lugar que nos tocou vivir. Desta volta será o 14 DE SETEMBRO ás 19:30 horas no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada (Casino).

Trátase de ouvirmos e debatermos cos autores de dous dos ensaios fundamentais publicados na nosa Terra neste 2018: O colapso territorial en Galiza de Xose Constenla e O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega de David Rodríguez.

Xosé Constenla Vela (Compostela, 1980) licenciouse e doutorouse en Xeografía pola USC, exercendo actualmente como docente na UVigo e de León, após o seu paso pola universidade Carlos III de Madrid e a UdC. É tamén autor de (Re)Imaxinando o universo urbano. De Baltimore a Santiago de Compostela e hai uns meses, en marzo, estivo connosco precisamente para falarmos de modelos de xestión do #territorio na secuencia da declaración #BIC da #RibeiraSacra. Precisamente, froito daquel debate foron as alegacións que apresentamos ao expediente e que intitulamos Os indíxenas imos comer turismo. Agora, Xosé Constenla achéganos o seu novo ensaio O colapso territorial en Galiza, galardoado co Premio Ramón Piñeiro de ensaio no ano 2017.

David Rodríguez (Vigo, 1975) é deseñador gráfico. Publicou teatro radiofónico como O Bamban (2007) ou Nunca me esquecerei de ti (2010), o poemario Lapidarias, os versos escuros (2010) e partipou de ensaios colectivos como Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural (2010), A praza é nosa (2011), 15-M. O pobo indignado (2011), Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado exceção (2012), Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política (2014). Desde 2005 mantén tamén a súa bitácora persoal O Funambulista Coxo que peneirou en papel nun volume publicado en 2012 e intitulado Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro. No tocante a O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega estamos perante un monllo de reflexións imprescindíbeis e necesarias sobre o noso aquí e agora como pobo.

#SomosAlternativa #CUPChantada

https://porchantada.wordpress.com/

 

Se nos queres axudar a promover o acto colando cartaces nos teus espazos de relacionamento social , o cal agradecemos de antemán, podes imprimir o seguinte PDF: cartaz definitivo.

Información de interese sobre fitosanitarios

GZ

Desde Por Chantada-CUP organizaremos un acto informativo o vindeiro 29 de xullo sobre a nova lexislación sobre fitosanitarios así como unha visión sobre a influencia e efectos do lobbing das transnacionais dos pesticidas sobre as nosas vidas ou os efectos destes produtos na nosa saúde. Será unha palestra aberta a todo aquel que desexe achegarse e onde poderedes formular as vosas inquedanzas. Conteremos con Vítor Álvarez Árias funcionario de Medio Rural e, antes de máis, activista político envolvido sempre coa causa e nas loitas da esquerda galega emancipadora.

En consecuencia, parécenos interesante oferecer algunha información previa que poda servir para ir aclarando determinadas cuestións que afectan aos usuarios de produtos fitosanitarios e nomeadamente no relativo á Inspección de equipos de apliación de fitosanitarios (ITEAF) ou máis coñecida como a “ITV das sulfatadoras”.

As equipas de aplicación de produtos fitosanitarios, a partires de agora, deberán ser inspeccionadas tal e como estabelece a Xunta e, dependendo da equipa, o seu custo oscilará entre os 75 e os 85€ . A data límite para facelo é o 26 de novembro de 2016. A lexislación aplicábel é o Decreto 60/2014, de 15 de maio, polo que se regulan as inspeccións periódicas das equipas de aplicación de produtos fitosanitarios e se crea o Comité Fitosanitario Galego e o Real Decreto 1702/2011, de 18 de novembro, de inspeccións periódicas das equipas de aplicación de produtos fitosanitarios.

No entanto, debemos ter claro que non afecta a calquera dispositivo dos que se emprega para dar produtos fitosanitarios. Así pois, non será necesario que unha sulfatadora tradicional pase a ITEAF en ningún caso (xa que non ten unha capacidade superior aos 100 litros). Aqueles dispositivos que si atinxe a nova lexislación antes de pasar a ITEAF deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA).

Porén, diferente é o caso doutros dispositivos que si a deberán pasar. Por exmeplo, as equipas móbiles de aplicación de produtos fitosanitarios de uso agrario e non agrario como os pulverizadores hidráulicos, os pulverizadores hidroneumáticos, os pulverizadores neumáticos, os pulverizadores centrífugos ou os espolvoreadores. A maiores, tamén lle afecta ás equipas de aplicación montadas a borde de aeronaves, as equipas instaladas no interior de invernadorios e outros locais fechados ou os pulverizadores de arrastre manual con depósito maior de 100 litros.

Canto á periodicidade das inspeccións nas equipas novas será dentro dos 5 anos a partir da súa adquisición e a partires daí unha vez cada lustro a non ser no caso de titulares prioritarios que será cada 3 anos (asociacións, empresas de servizos agrarios, cooperativas ou comunidades de bens con máis de dez produtores).

Antes de levardes os vosos dispositvos a pasar a ITEAF debedes levar a cabo unha serie de operacións con carácter previo:

1.- Ter correctamente regularizada a equipa, coa documentación da máquina e o número correspondente do ROMA.

2.- O traballador que emprega habitualmente a equipa debe estar presente na inspección.

3.- O dispositivo deberá ir totalmente limpo de tratamentos polo que se debe desmontar preivamente limpando todas as saídas e filtros para que non teña restos de produtos. Comprobar que non haxa obstruccións ou pezas desgastadas.

4.- Arranxar calquera defecto ou disfunción que, con anterioridade á inspección, se teña detectado.

5.- O depósito deberá ir con auga en 3/4 partes da súa capacidade e, preferentemente, accionado polo tractor co que habitualmente se emprega.