Nenas e nenos na saída da escola (primeiro terzo do século XX).
Desde a fundación de Por Chantada sempre tivemos claro que queriamos ser un proxecto político de base veciñal, participativo e aberto. Ademais, un dos eixes ideolóxicos que dan sentido ao noso traballo é o feminismo e o compromiso ineludíbel coa igualdade de xénero.
Baixo estes principios queremos pois dar cabida a este novo e ilusionante proxecto que vos propoñemos, co obxectivo de que entre todas e todos sexamos partícipes del e lle deamos forma, contido e difusión. Será unha das accións que desenvolveremos con motivo do noso quinto aniversario neste ano 2020.
Convencidos de que a memoria xoga un papel clave na transmisión da identidade e de que cando esta memoria se fai en feminino pode ser unha porta pola que camiñar cara a igualdade entre todas e todos. Así pois, queremos presentarvos este proxecto que pretende recoller a memoria e actividade das nosas mulleres ao longo das terras do Concello. Dende o noso pasado recente ata a actualidade. E, para iso, precisamos da vosa axuda.
Crearemos proximamente un espazo web específico para recoller todo o material sobre a historia e memoria das mulleres no concello de Chantada. Servirá como fondo dun arquivo fotográfico comentado que queremos compartir con toda a veciñanza e que está aberto á vosa participación de cara a enriquecelo e amplialo.
O espazo web contará tamén con entrevistas en vídeo a diferentes mulleres do concello que destacaron ou destacan en diferentes ámbitos da vida social, económica, cultural ou laboral do concello.
Chantada en feminino. Unha xanela do pasado cara o futuro.
Como se pode colaborar?
Enviando unha fotografía, preferentemente do século XX, escaneada ou simplemente fotografada de novo a poder ser en boa calidade, onde aparezan mulleres do noso concello ou que estean tomadas nalgún emprazamento da nosa xeografía.
Existe unanimidade en Chantada sobre o bon facer das traballadoras e traballadores do SAF, así como do seu grande labor. Este servizo, actualmente público, é esencial ao axudar e coidar a persoas maiores que viven soas nas súas casas. Doutro xeito, moitas destas persoas, nomeadamente no rural, veríanse imposibilitadas para seguir vivendo nas súas casas e/ou sen recursos para contratar a prezos de mercado un servizo análogo (as pensións na provincia de Lugo están 400€/mes por baixo da media estatal!). Tamén é un servizo esencial para as familias con maiores que precisan axuda no eido dos coidados.
Porén, sen levar iso no seu programa e non tendo cumprido aínda nada do mesmo, Manuel Varela e o actual PP de Chantada queren deteriorar e privatizar o SAF do que só lle parece interesar o rédito eleitoral. Así as cousas, esta quinta feira, tres de outubro, traen ao Pleno o comezo do proceso de privatización, cunha valoración que só ten en conta o IPC e non a realidade do custo para a cidadanía dun servizo privado.
👉🏼 As traballadoras municipais do SAF de Chantada cobran por baixo do convenio autonómico (-20%) e están gañándolle todos os xuízos laborais ao Concello.
👉🏼 O custe do Servizo de Axuda no Fogar para todos subiría 60%(vía impostos), como pasou nos dous primeiros anos en Monforte, xeraría conflitos laborais (Outeiro de Rei) ou minguaría o tempo de prestación real nos fogares (no Saviñao pasou de 60 a 45 minutos para cargar con máis usuarios ás traballadoras).
👉🏼 O problema non está nas traballadoras, senón na absolutamenteneglixente xestión do servizo que fai o Goberno Local de Chantada de Manel Varela. Non o dicimos nós, testemúñao a Intervención Municipal: Reparo 14/2019 de 9 de abril, Omisión de fiscalización 10/2019 de 22 de abril, Omisión de fiscalización 7/2019 de 3 de abril ou Fiscalización de Intervención 228/2018, de 18 de decembro con Reparo 96/2018. Nun deses informes a Intervención asevera, no tocante á contratación externa dunha empresa: «cabe sinalar a gravidade da contratación, xa que se repite ao longo do tempo, non se solicita a existencia de crédito adecuado e suficiente, e descoñécese o custo das horas e o importe das contratacións efectuadas.». Consecuencia: atrasos de meses nos pagos por parte do Concello a AFA e, como consecuencia, as traballadoras externas de AFA Chantada, que cobren baixas e ferias das traballadoras municipais, sen cobrar (nalgúns fogares é o único salario que entra cada mes).
👉🏼 Dada a situación explosiva creada pola incompetencia do Goberno este fai un duplo anuncio: a privatización do SAF e a contratación dunha nova empresa até decembro, Asanis Galicia, para baixas e vacacións e que se fará cargo das traballadoras actuais de AFA Chantada. O contrato non foi público nin licitado polo que, por montante e procedemento, pode contravir a Lei de Contratos do Sector Público, no sentido que xa ten indicado a Intervención municipal.
👉🏼 As traballadoras externas, agora Asanis Galicia, van ter unhas condicións laborais que non só as prexudican a elas, mais taméndegradan o servizo e aumentan a precariedade e a explotación laboral:
👉🏼 os km ao primeiro fogar non se cobran.
👉🏼 o tempo de fogar a fogar non computa como traballado
Son estas as condicións que queren impor ás traballadoras públicas mediante a privatización do SAF? E isto só é o comezo…
Dende Por Chantadamanifestamos a nosa total solidariedade cun colectivo maioritariamente feminino e xa moi castigado (funcións impropias, falta de apoio, ausencia de tabelas laborais en tempo e forma…).
A Aposta Segurade Manuel Varela era esta? Lonxe de cumprir o seu programa eleitoral e atender ás necesidades da viciñanza xeran novos problemas para non facer o seu cometido: gobernar e xestionar. Non sería máis doado privatizar o Goberno?
No día da romaría do Faro desde Por Chantada-CUP apresentamos alegacións ao anteproxecto de lei polo que se mofifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde da Galiza. Preocúpanos que afonda na ofensiva de socializar as perdas e privatizar os beneficios, degradar a sanidade pública e incrementar a condición periférica de Chantada e da Ribeira Sacra ao tempo que acelera a merma dos servizos sanitarios, facendo desaparecer a área sanitaria de Lemos.
Con tristura e estupor é como recibimos a nova de que a Deputación de Lugo e varios alcaldes da provincia de Lugo, fundamentalmente do PSOE, participen dunha plataforma que aposta por permitir a plantación de eucalipto no interior galego. Opóñense así á idea inicial da Consellaría do Medio Rural de prohibir o eucalipto na provincia de Ourense e en 29 concellos da provincia de Lugo. Aínda máis indignante é que a Deputación vaia destinar fondos públicos para unhas xornadas onde expor “diferentes pontos de vista sobre a especie”, ou sexa pura e simple apoloxía do eucalipto.
Por Chantada-CUPcelebra que no proxecto de decreto se contemple deixar a Chantada entre os territorios onde este cultivo fica prohibido e só pode comprender esta fronte ou no servilismo ás empresas extractivas ou na ignorancia. Non sabemos o que é pior. É máis parécenos insuficiente que en toda a Galiza o eucalipto só se restrinxa na provincia de Ourense e na de Lugo nas montañas orientais, nos concellos da Ribeira Sacra e do Val de Lemos e en boa parte dos concellos do interior lucense, como os da comarca de Sarria, coincindo por certo coas áreas onde o nitens tan caro a ENCE ten máis difícil prosperar.
Un pouco de historia e perspectiva para entender o problema
Precisamente cando o goberno portugués ben de restrinxir severamente o eucalipto no seu territorio, cando menos até 2030, un cultivo desterrado do resto de Europa dito sexa de paso (FIG. 1 e FIG. 2), convén lembrar algúns dados.
FIG. 1: hectáreas destinadas ao eucalipto na Península ibérica. A pesar de estar a cola na maioría dos capítulos (pensións, salarios, etc.) Galiza lidera a produción de eucalipto.FIG. 2: distribución do Eucalyptus globulus en millerios de ha no mundo. Sendo orixinario de Australia destaca que o Estado español, fundamentalmente Galiza, e Portugal a superen amplamente. Outros estados que o cultivan teñen igualemnte unha inserción subalterna e colonial na economía do actual sistema-mundo.
Tradicionalmente, na Galiza o monte non foi unha superficie forestal, mais agrícola e pecuaria inserida no que Bouhrier descrebeu como complexo agrario das sociedades tradicionais, onde o monte tiña un papel de fornecedor de materia orgánica que, convertido en estrume polos animais, servía para fertilizar as terras de cultivo. Sabémolo ben en Chantada co uso tradiconal do toxo. Amais, o monte tiña moitísimos máis usos: lugar para as estivadas e a plantación rotatoria de cereais, para o pasto do gando, para fornecer froitos silvestres e plantas medicinais, para obter pedra e carbón, para a vaza e para obter madeira. Moitos destes usos eran colectivos, manténdose aínda áreas do noso concello comunais.
As repoboacións forestais comezaron a finais do século XIX e no XX, por razóns que nada tiñan a ver coas dinámicas propias do rural galego senón para abastecer de maderia á industria estatal e mesmo moitos terreos de mancomún foron forestados á forza no franquismo, especialmente na montaña oriental lucense. Que agora se reclame o eucalipto para non ter unha Galiza de dúas velocidades é tan ridículo canto historicamente refutado. É como pedir un encoro en Erbedeiro ou en Chouzán para que volvan os viciños.
Precisamente o que se tenta na actualidade, ao compás do despoboamento e da crise do agro, é converter o monte exclusivamente en terreo produtor de madeira, un deserto verde ao servizo das transnacionais, implantando masivamente especies e técnicas importadas e alleas á unha xestión silvícola racional e respectuosa co noso medio.
Porén, o certo é que o monte debe observarse desde outra perspectiva máis próxima aos nosos avós e menos aos koalas. O monte pode ser zona de pastoreo, especialmente nas zonas máis afastadas das aldeas onde hai extensións sen cultivar que poderían dar rendementos agro-pecuarios acollendo rabaños que limpasen o monte. De feito, Maceda de Tribes creou mesmo postos de traballo públicos con este sistema, xestionando dun xeito eficiente e racional o monte ao tempo que mantén as tradicións.
A lacra dos lumes custoulle á Xunta 173 millóns de euros en 2016, calculan a socialización deste impacto os que fan apoloxía do eucalipto? Véxase a evolución do gasto en incendios na Galiza que como o propio eucalito é o paradigma dunha xestión externa cunha estrutura allea ao local e aos indíxenas do rural, cuxo único papel é proporcional unha eventual e precaria man de obra (e até para iso hai que ter “padriño”):
Fonte: La Voz de Galicia
Con todo, aínda deixando o gravísimo problema dos incendios forestais a cerna do problema é que incentivar a monocultura forestal, como a Lei de montes de 2012, empobrece, polo que o efecto é precisamente o contrario ao que persegue supostamente a fronte do koala.
O eucalipto non lles deixa ver a fraga: dados que obvia a fronte do koala
A produción forestal supón por volta de 450 millóns de euros e dous terzos expórtase, cáseque todo ao resto do Estado, polo que é un sector extractor de materia prima sen transformación. Unha grande produción que non se centra no país nin xera valor engadido. En postos de traballo xera sobre 6.000 directos e 15.000 indirectos aproximadamente, bastantes menos do que o sector agrícola e pecuario a pesar da profunda crise e do abandono que sofre por parte das administracións.
A terceira parte da superficie galega (a que podemos considerar Superficie Agrícola Utilizada) xera un valor engadido aproximado de 1.300 millóns de euros, o que representa sobre 1,3€/ha. Os outros dous terzos dedícanse xa a superficie forestal producindo un valor engadido de 325 millóns, ou sexa, sobre 0,2 ou 0,3€/ha, segundo contabilicemos toda a superficie forestal ou só a arborizada. Se alén diso lle imputamo os custes externalizados que pagamos toda a cidadanía para apagar os lumes cada verán o rendemento é mesmo negativo. En conclusión, está demostrado que o valor engadido xerado por unha ha de superficie agrícola é entre 5 e 8 veces maior que o xerado por unha ha de superficie forestal e precisamente cando moitas explotacións se reorientan ben para o extensivo, ben para unha maior autonomía forraxeira precisando terras próximas o que se está fomentando é o abandono as terras tradicionais de labradío para inzalas de eucalipto.
Por Chantada-CUPacredita nun monte multifuncional e solicita que a Xunta faga unha valoración integral específica dos montes galegos como xa fixeron Extremadura ou Euskadi ao tempo que o que a Xunta, a Deputación, os concellos e os denominados “partidos” deben facer polo ben do país, sen maior demora, é aumentar os lucros obtivos polas funcións recreativas e ambientais do noso inmenso patrimonio natural que fan que Asturies e Cantabria teñan unha renda por ha de monte moi superior á da Galiza.
Que os eucaliptos nos deixen ver e valorar o noso patrimonio natural e ambiental. O eucalipto é sinónimo de deserto verde, de probreza para a maioría social deste país.