Por Chantada ve aberrantes os novos impostos á auga.

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

A Xunta da Galiza pretende aprobar dúas novas taxas que van disparar a factura da auga. Concretamente, trátase de dous canons de nova criazón para o consumidor doméstico e outro para os concellos, incluídos no Anteproxecto de lei para a xestión integral do ciclo da agua, xa en tramitación.

Estimacións de profesionais do sector sitúan a suba do recibo en 180% na auga dos fogares e 130% no caso das empresas. Un despropósito que, na Galiza, coincide no tempo coa suba interanual máis elevada da inflación rexistrada do Estado español (4%).

Trátase doutra volta de porca na política de mercantilización dun ben público e esencial que comezou coa Lei de augas da Galiza, que desde 2012 xa aplica un canon.

Por Chantada demanda a paralización inmediata da tramitación do anteproxecto e un plano de depuración e saneamento para as parroquias do rural galego.

 

IMG-20210310-WA0029
​Ao seu paso polos Cachóns do Asma as augas do río teñen un fedor moitos días insoportábel consecuencia da deficente depuración de augas. O Concello leva anos cunha problemática á que as diferentes administracións non lle dan solución e que nen sequera se inclúe no PACES (Plano de acción para o clima e a enerxía sustentábel).

Chantada 20 de setembro de 2021.

En sintonía coas políticas ultraliberais e aporofóbicas do PP, a nova lexislación castigará máis aos consumidores domésticos e, nomeadamente, aos que teñen un consumo máis baixo que, polo xeral, son fogares máis humildes. Apenas contemplan bonificacións de 50% para familias numerosas e fogares en risco de exclusión social, mais deberían ser nestes casos do 100%.

 
Para o uso doméstico existe agora no trecho máis baixo de consumo unha tarifa de 0€ que pasaría cos novos impostos a 0.15€ por metro cúbico, avanzando no mercado e mercantilización da auga. Por exemplo, nun fogar onde vivan 3 persoas cun consumo de 25 m3 de auga cada trimestre pagaríase case o triplo: dos actuais 6.65€ a 18.7€. Para alén do consumo os novos canons incorporan unha parte fixa (1.54€ por persoa e mes) remedando a factura da luz. 
 
A auga vai ser un ben crecentemente escaso, por iso se debe instar ao seu uso racional por parte da poboación con taxas que penalicen os consumos elevados e a falla de eficiencia desde os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais, é dicir, que pague máis quen máis consome. Amais, debe garantirse o seu fornecemento a todas as poboacións, así como o seu correcto tratamento e depuración.
 
Por Chantada demandará no vindeiro pleno ordinario que a Xunta paralice a tramitación do anteproxecto para desde o diálogo social incorporar os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais. Amais, exiximos saneamento e deputación axeitadas para as parroquias do rural a comezara polas do interior galego e, nomeadamente, as atinxidas por figuras de protección como a de Reserva de Biosfera.
 
 
Para leres a nosa moción íntegra preme aquí (PDF): Moción Por Chantada canon augas Galiza_signed
 

AMPLIACIÓN 22/09/2021.

 
Alertados pola viciñanza denunciamos a recollida de dados que está desenvolvendo o Concello de Chantada nas parroquias sen dar calquera explicación oficial á viciñanza. É bochornoso que un alcalde dun concello non emita un bando nen dea calquera explicación pública á viciñanza cando se están recollendo dados para un uso e tratamento que os afectados descoñecen. 
 
 
Consultados varios xuristas e expertos relacionan este censo coa intención da Xunta de “municipalizar” as traída do rural, de momento “voluntariamente”,  para que se lles poda cobrar o canon da Xunta (Lei de augas) mais os novos impostos que prevé o Anteproxecto de lei de mellora do ciclo integral da auga, denunciados nunha moción rexistrada onte. Amais, unha vez exista rede municipal nun territorio xa non será posíbel desengancharse e criar unha autoxestionada entre a viciñanza, pois non o permite a normativa e a Confederación Hidrográfica denegaría a renovación até daquelas traídas debidamente legalizadas, que no noso termo municipal non chegan a 10%).
 
 
 
Lembrade que, co modelo actual de mercantilización dun ben esencial e público por parte de Feijoo en sucesivas reformas normativas:
 
1.- Pagamos por trechos e non por consumo real (empresas) pasando o trecho máis baixo para consumidores domésticos de 0 a 0.15€ por metro cúbico.
2.- Pagamos canon autonómico en base a ese importe (imposto Xunta).
3.- Pagamos coeficientes de verquido en base a unha estimación non real de convivintes por morada (imposto da Xunta).
4.- Pagamos IVE de 10% e non de 4% porque seica non é un ben de primeira necesidade cando é para consumo.
5.- Pagaremos dous canons de nova criazón (impostos Xunta) triplicando o que se paga agora e cunha cota fixa de 1.54€ por persoa ao mes (haxa ou non gasto), o que supón un “mínimo” de case 20€ ao ano.

 
 
Están criando as condicións para facer, paso a paso, outro mercado piramidal e espoliador como o da luz, agora coa auga, ao tempo que acaban coa sanidade, coa educación e presionan cada vez máis as pensións.
 

Na defensa do ben común e da maioría social nen un paso atrás.

 
 

O goberno local incumpre a súa obriga de adecuar as licenzas da hostalería á Lei de Espectáculos.

 

Chantada, 2 de setembro de 2021.

Pode ser uma imagem de 2 pessoas e interiores

O poeta e integrante de Por Chantada, Rafa Lobelle, recitando nun recente recital, que se desenvolveu nas xornadas CULTURMAR, que organizou na semana das festas patronais a Cafetaría Mar de Chantada.

 

O próximo 14 de outubro vence o prazo da Xunta da Galiza para que os Concellos adapten as licenzas dos negocios hostaleiros ao Catálogo de Espectáculos Públicos.

O goberno de Manuel Varela incumpre as súas obrigas: nen se molestou en dous anos en informar aos negocios afectados, nen cumpre as súas obrigas máis básicas, mesmo as que derivan de ordes da Xunta da Galiza. Manuel Varela revela unha e outra vez a súa incompetencia en detrimento dun sector xa duramente castigado pola pandemía como é a hostalaría.

No inicio de 2018 entrou en vigor a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza, que, fora duramente criticada por varios dos colectivos afectados, desde as comisións de festas e festivais até ás salas de concertos e locais hostaleiros que complementan a súa actividade con programación cultural, aos que aquela lei condenaba ao feche.

O 14 de outubro de 2019, o DOG publicou o Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e estabelecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galiza e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia. O seu contido afecta ás comisións de festas e aos locais hostaleiros e corrixía parcialmente os aspectos máis lesivos da lei para o que unha das pancas esenciais é o obriga para os concellos de realizaren a adaptación das licenzas municipais a esta lei nun prazo de dous anos desde o 14 de outubro de 2019.

No tocante aos horarios, desenvolveuse o decreto mediante nunha orde, á que Por Chantada alegou en setembro de 2019 no período de exposición pública1. Coma sempre o Concello de Chantada nen estaba nen se esperaba a pesar de contar con máis medios e dedicacións exclusivas. O senador co seu habitual piloto automático leva dous anos mirando para o ar e o prazo remata de xeito inminente. Por Chantada exíxelle traballo e adicación para seren resolutivos en diálogo coa hostalaría.

Este crónico desleixo fai que Chantada vaia esmorecendo e atinxe directamente tamén á economía local. Nesta ocasión, as consecuencias impactarían na cultura e na hostalaría precisamente os sectores máis castigados pola pandemía.

Desde a candidatura viciñal Por Chantada, á vista de que os prazos postos pola Xunta de Galicia están preto de esgotarse e de que o noso goberno non fai nada para regularizar a situación, apresentamos por rexistro escrito recordándolle a Manuel Lorenzo Varela as obrigas marcadas polo decreto do goberno autonómico, e solicitándolle que de xeito inmediato se dirixa aos negocios afectados, informándoos da Lei de Espectáculos e a lexislación que a desenvolve.

O Concello debe outorgarlle ás persoas afectadas un prazo para realizar os tramites pertinentes, e antes de que venza o tempo estabelecido pola Xunta, a Xunta de Goberno Local, que é o órgano neste caso competente, debe aprobar as licenzas axeitadas á lei.

Tamén aproveitamos para lembrarlle ao Goberno local que segue sen elaborar as bases para repartir os 50.000€ orzamentados para axudas COVID-19 en bonos, tan necesarios para as persoas máis carenciadas pola actual crise.

O desleixo do goberno local cara a hostalería e o comercio do noso concello é cada día máis patente. O descontento dos comerciantes e hostaleiros, tamén. Pola nosa banda, Por Chantada seguirá ao servizo da viciñanza, insistindo na necesidade de crear liñas eficaces de apoio e impulso de campañas de promoción do comercio e o consumo no ámbito local.

Agardamos que, novamente grazas ao traballo e constancia de Por Chantada, o Leviatán local saia do seu sono profundo e a situación se resolva en favor dos referentes culturais do noso concello.

 

POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

 

1“Suxestións de mellora de Por Chantada ao proxecto de orde para regular horarios de abertura e feche dos estabelecementos na Galiza.” in Por Chantada. Dispoñíbel en

https://porchantada.wordpress.com/2019/09/24/suxestions-de-mellora-de-por-chantada-ao-proxecto-de-orde-para-regular-horarios-de-abertura-e-feche-dos-estabelecementos-na-galiza/ (última consulta 7/08/2021).

Por Chantada denuncia os recortes da Xunta no IES Lama das Quendas

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

A Xunta pon en risco a saúde da comunidade educativa, mingua a calidade e a oferta educativas e deixaría sen educación para adultos a toda a comarca.

Exiximos que a Consellaría reverta estes brutais e irracionais recortes sen parangón nos 50 anos de historia do centro e que os alcaldes do PP de Chantada, Taboada e Carballedo fagan unha fronte común para manter a calidade educativa e servizos esenciais para a comarca.

Por Chantada xa puxo en coñecemento do Valedor do pobo estes graves feitos para que medie na procura dunha solución.

Foto Roi Fernández 2018

Foto: Roi Fernández para La Voz de Galicia edición Lemos. Imaxe de 2018 cando a comunidade educativa se tivo que mobilizar perante a perda de itinerarios no bacharelato e da cafetaría do centro. A Corporación naquela altura aprobara por unanimidade a Moción de Por Chantada-CUP a prol dunha educación pública, galega e de calidade para o rural galego.

 

Chantada, 6 de agosto de 2021.

 

A candidatura viciñal de Por Chantada reuniuse coa equipa directiva do IES Lama das Quendas, que amosou un profundo malestar pola redución inxustificada do cupo de profesorado para o curso 2021/2022. O centro perde 7.5 docentes a respeito do curso pasado e, o que é máis sorprendente é que perde 3 docentes en relación ao cupo de 2012-2020 sen calquera xustificación. A pesar de ter o aval da Inspección educativa desde Santiago aplícase un brutal recorte en plena pandemía, que non ten parangón nen coa época da Grande Recesión (2011).

As consecuencias deste recorte porán en risco a saúde da comunidade educativa, xa que será imposíbel manter as gardas fixadas no Protocolo COVID do centro, sobretodo ao comezo da xornada e dos recreos, e que foron un éxito no curso pasado. Cun recorte tan acusado do profesorado auméntase o risco de que o alumnado non respeite as normas e que poda darse transmisión na comunidade educativa. Tamén os recortes afectarían de cheo á equipa COVID do centro, que precisa moitas horas de dedicación.

De por parte, van supor unha forte mingua na calidade educativa en contra do espírito da LOMLOE e da propria retórica da Consellaría. Non se poderá formar grupo de PMAR co que sofre a atención á diversidade, que é un principio fundamental da LOE; periga a educación secundaria de adultos (ESA), que só se oferta neste centro en toda a comarca; reducirase moito a oferta de optativas, terase que suprimir o programa CUALE que leva máis de 20 anos impartíndose; pon en perigo os programas PLAMBE (Plano de Mellora da Biblioteca Escolar) ou o Clube de leitura, que tamén suporía detraer recursos económicos; e obrigará a dar as denominadas “afíns”, que ao non seren impartidas por especialistas minguan tamén a calidade educativa.

A Por Chantada parécelle especialmente negativo a perda da ESA, pois é un servizo educativo esencial xa non só para toda a comarca, senón para todo o partido xudicial. As persoas adultas sen a ESO terían que desprazarse até Monforte ou Lalín cando moitas veces o perfil do alumnado é migrante ou persoas con baixos recursos e dificuldades para se desprazaren, máxime coa oferta de transporte realmente existente hoxe por hoxe. Novamente, a obsesión do PP polos recortes mostra a falta de sensibilidade coas persoas e cos servizos para o medio rural.

Por Chantada condena enérxicamente estes recortes feitos con aleivosía no período estival e que se soman á amortización dunha praza de administrativo mais unha praza de limpeza que non se repón e que poderían obrigar a fechar o centro en agosto, algo que non acontecía tampouco durante todos estes anos. Non se pode facer política desde un despacho de Santiago ignorando a a realidade do rural e os dados e a información que dan os centros. O PP debe abandonar a súa economía planificada de recortes draconianos a base de planos quinquenais que baleiran o rural.

Demandamos que os alcaldes da comarca fagan unha fronte común para garantiren a saúde da comunidade educativa e unha atención educativa de calidade que atenda á diversidade e ao sentido común.

 

Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular

 

Salvemos o casco histórico! 230.000€ para atentar contra o patrimonio?

Salvemos o casco histórico_Por ChantadaConsulta aquí o texto íntegro da nosa: Moción Por Chantada canibalismo urbanístico

Na pasada lexislatura Por Chantada alertou do perigo que corrían as hortas urbanas do casco histórico. A reacción viciñal, mesmo recollendo sinaturas, e a indignación xeral da cidadanía frearon, ao menos polo de agora, semellante despropósito.
O pasado 10 de xuño o alcalde, en comisión informativa, revelou que tiña en mente un aparcadoiro subterráneo, negociado supostamente polo alcalde cunha empresa de Madrid, e que o rexedor propuña facer na praza do Cantón, mais a empresa defendía como emprazamento Xoán XXIII, a pesar do regato subterráneo que pasa por esa rúa. Segundo o Decreto 486/2021 de 29 de xuño van destinar 13.000€ só ao estudo da súa “viabilidade”!
 
O pior estaba por chegar o día 13:  o anuncio na sesión plenaria da eliminación do empedrado da rúa do Comercio e o cuestionamento do da praza do Cantón, porque, segundo o alcalde, non permiten ás mulleres andar en tacóns. Para alén do desafortunado comentario é máis un exemplo do canibalismo urbanístico de longa data da súa catastrófica xestión, como dan fe a praza de Santa Ana (co edifico do SAREB aínda sen demoler) ou a rúa Xoán XXIII desfigurada para darlle unha concesión a Viaqua até o máximo legal permitido.
A esta actuación na rúa do Comercio o Concello destinará o Plano Hurbe 2019-2021 por importe de 230.000€ (Decreto 574/2021, de 21 de xullo). Descoñecemos aínda se finalmente van remover o lastro, que é parte do noso patrimonio e que Por Chantada demandou conservar. Tamén cómpre ter tino, pois coa mudanza climática a plataforma única pode incrementar o risco de inundacións. Retirar cabos aéreos, ampliar o empedrado ou mellorar o da praza do Cantón eran alternativas ben máis necesarias.
Para deter o canibalismo urbanístico e salvar o casco histórico, polas súas hortas e polo seu empedrado; así como para darlle solución ao edificio do SAREB da praza Santa Ana, unha vella teima do noso grupo, defenderemo o día 29 de xullo no pleno ordinario a Moción de Por Chantada – CUP con medidas para paliar os piores impactos do canibalismo urbanístico na vila, que vos remitimos en anexo e agardemos sexa do voso interese.
Saúde e Terra!
#salvemosocascohistórico
#construírfuturo
#mellorarchantada
#opartidodaxente

Por Chantada denuncia desleixo municipal fronte a falla de prazas de infantil e propón medidas para a conciliación.

Ouvidas as demandas das familias e dado que xa é un problema crónico sen que o Concello adopte medidas concretas apresentaremos unha moción para ampliar a Galiza Azul de Chantada cun novo módulo, así como outras melloras para a mesma, xunto a medidas que favorecen a conciliación.

10028

 

Na listaxe de agarda definitiva do baremo ordinario para o curso 2021-2022 figuran 10 alumnos e na provisional 13. Algunhas familias encontraron praza noutra escola (Taboada, Barrela, Lalín e Vilamarín) cos prexuízos que trae consigo e pondo en risco que parellas mozas se formulen deixar de tecer o seu proxecto de vida aquí, un luxo que non podemos permitirnos. Porén, o pior está por chegar, xa que en setembro e decembro haberá novos demandantes, mais non prazas, polo que a listaxe de agarda será substancialmente maior.

Para alén de vagas promesas sen concreción algunha, como unha nova escola que tería que financiar o Concello e que sairía moitísimo máis cara que ampliar a actual, o Goberno de Manuel Varela segue sen facer absolutamente nada. Ten algún interese inconfesábel en cronificar esta situación?

 

30/06/2021
 
 
A atención da infancia de 0 a 3 anos é un servizo esencial para a conciliación da vida laboral e familiar e para a igualdade entre homes e mulleres. Por outra parte, cada vez máis, demóstrase que a etapa educativa dos 0 aos 3 anos é esencial para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación e nos resultados académicos posteriores entre nenos e nenas, e constitúe un servizo indicado para reducir os índices de risco de pobreza infantil e as consecuencias desta situación na infancia, para alén que cada euro investido en educación ten un retorno de sete, segundo o premio Nobel de economía Stiglitz
 

Na Galiza, esta etapa depende da Consellería de Política Social e conta con disparidade de acceso e de servizos no territorio, non garantíndose unha rede pública, gratuíta e universal. En todo o sul de Lugo só hai 258 prazas públicas en escolas infantís da Xunta, máis 5 en Casa Niño.

Por todo isto, xa na pasada lexislatura rexistraramos, en 22 de decembro de 2017, a Moción de PorChantada-CUP a prol das escolas infantís na provincia de Lugo, aprobada por 11 votos a favor (Por Chantada, PSOE e Inta) e dúas abstencións (PP). Pedíanse 700 novas prazas para a provincia de Lugo, segundo a listaxe de agarda daquela altura, e un novo módulo para a Galiña Azul de Chantada, lembrándolle ao PP na Xunta que estaban apoiando máis as gardarías privadas cás públicas. Porén, a persistencia de familias sen praza anos após ano levounos a desenvolver parte do noso programa sobre a infancia através da Moción de Por Chantada-CUP sobreadopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliacióndas prazas públicas (novembro de 2019), que foi rexeitada polo PP (ex-Inta).

Para alén de vagas promesas sen concreción algunha, como unha nova escola que tería que financiar o Concello e que sairía moitísimo máis cara que ampliar a actual, o Goberno de Manuel Varela segue sen facer absolutamente nada. Ten algún interese inconfesábel en cronificar esta situación?

Cos dados da serie histórica na mao, en varios baremos Chantada apresentaba a segunda listaxe de agarda máis elevada da provincia, só por detrás de Lugo que ten máis de 80.000 habitantes fronte os 8.000 escasos de Chantada. Constátase así ano unha infradotación de prazas no noso Concello, cando o problema demográfico é unha cuestión fulcral e as políticas de conciliación e de axuda ás familias deberían ser prioridade nas axendas das institucións para loitar por un rural e un interior galego vivos.

Desta arte, Por Chantada entende, así como moitas familias que teñen transmitido o seu malestar, que é urxente negociar co goberno da Xunta para propoñer unha ampliación de outra unidade da Escola como xa nos pronunciamos en xaneiro de 2018 desde esta Corporación e facelo, asociándoo a xestións concretas por parte do Goberno e através dos Fundos europeos (FEDER). Nesta cuestión todas e todos temos que camiñar na mesma dirección e cunha única voz.

Sería tamén o momento de pular polo consumo de alimentos de proximidade e non polo catering privado. As cantinas escolares teñen un papel central para unha cociña colectiva artesá, pública e social que vertebre a comunidade educativa.

 

QUE PROPOMOS?

1.- Convenio entre o Concello de Chantada e a Xunta para dotar a escola infantil dun novo módulo e unha cociña ou no seu defeito, explorar fórmulas para empregar alimentos locais e as cociñas dos CEIP.

2.- Compromiso municipal de achegar a asignación económica que complemente os Fundos Feder da Unión europea cos que se farían estas actuacións.

3.- Exixirlle á Xunta que universalice a atención educativa de 0-3 anos como servizo público para a educación á infancia e contribúir á conciliación.

4.- Trasladar ao Goberno do Estado a necesidade de aumentar os permisos retribuídos por maternidade e parternidadade até un ano de duración con cargo á Administración Xeral do Estado.

5.- Impulsar unha Mesa de Traballo entre os concellos da zona sul de Lugo para homologar as condicións das diferentes escolas infantís e solicitar máis prazas á Xunta até cobrir a demanda existente e as previsións a futuro.

 

Chantada, 30 de xuño de 2021.

 

Poder ler íntegra a nosa moción aquí: Moción Por Chantada Galiña Azul e conciliación

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

 


𝐋𝐢𝐦𝐩𝐞𝐳𝐚 𝐝𝐞 𝐟𝐢𝐧𝐜𝐚𝐬 𝐩𝐫ó𝐱𝐢𝐦𝐚𝐬 𝐚𝐨𝐬 𝐧ú𝐜𝐥𝐞𝐨𝐬 𝐫𝐮𝐫𝐚𝐢𝐬

Limpa a túa finca

O prazo para “limpar” as fincas de maleza remata 31 de maio, como medida preventiva contra o lume estabelecida Lei 3/2007, do 3 de abril, de prevención de incendios forestais (DOG do 17 de abril de 2007), modificada posteriormente pola Lei 7/2912 de Montes da Galiza (DOGA do luns 23 de xullo de 2012).

Quen é o responsábel da xestión da biomasa vexetal? 

As persoas proprietarias ou os usufrutuarios dos terreos (artigos 21 e 22) incluídos nas faixas de especial protección de núcleos. Se non actúan os responsábeis, compete aos concellos executar a limpeza e repercutirlle os custos.

Deben xestionar a biomasa vexetal nun perímetro de 50 metros ao solo urbano de núcleo rural e urbanizábel delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións. No caso de depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, ubicadas a menos de 400 metros do monte, medirase desde límite das instalacións.

Especies prohibidas nas faixas de seguranza: piñeiros, eucaliptos, acacias, toxos, fentos, mimosas, xestas, carqueixa, piorno, carrasca (queiruga), silvas (Disposición transitoria terceira.

A empresa pública Seaga, nas áreas de maior risco (ZAR), fará limpezas a un prezo de 350€ por hectárea. Chantada está en ZAR, mais o Concello de Chantada é un dos poucos da Galiza que non asinaron o covenio polo que os proprietarios non se poden acoller a esta opción. 🤬 𝐎𝐮𝐭𝐫𝐨 𝐠𝐫𝐚𝐧𝐝𝐞 é𝐱𝐢𝐭𝐨 𝐝𝐨 𝐆𝐨𝐛𝐞𝐫𝐧𝐨 𝐝𝐨 𝐩𝐢𝐥𝐨𝐭𝐨 𝐚𝐮𝐭𝐨𝐦á𝐭𝐢𝐜𝐨 𝐝𝐞 𝐌𝐚𝐧𝐮𝐞𝐥 𝐕𝐚𝐫𝐞𝐥𝐚…

#construírfuturo

#mellorarChantada

#opartidodaxente

Por Chantada propón mudanzas nas ordenanzas para atinxir as metas de descarbonización.

 

Podes consultar a moción íntegra premendo aquí: Moción do grupo municipal Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular para favorecer a descarbonización mediante modificacións nas ordenanzas municipais.

 
Praza do Cantón (peonil mais con carros)
A pesares da peonalización da praza do Cantón nesta lexislatura os vehículos seguen estacionando con total impunidade. Foto: Por Chantada.
 
 
 

A candidatura viciñal Por Chantada defenderá na vindeira sesión plenaria unha Moción para favorecer a descarbonización mediante modificacións nas ordenanzas municipais. Esta moción complementa outras medidas propostas xa en decembro de 2019 co gallo de irmos avanzando nas metas fixadas para descarbonizar Europa. De feito,o 13 de maio aprobouse a primeira Lei de mudanza climática do Reino de España, que chega cinco anos após o Acordo de París.

A norma estabelece que os concellos de máis de 50.000 habitantes deberán contar con «zonas de baixas emisións» antes de 2023 onde non poderían acceder 40% dos turismos que actualmente existen. No 2040 todos os turismos e vehículos comerciais lixeiros novos á venda deberán ser de cero emisións e en 2050 todo o parque de turismos e vehículos comerciais lixeiros deberá ser de cero emisións. Pode parecer moito tempo, mais non o é para unha transformación de tanto calado na mobilidade que, con certeza, requirirá aínda futuras restricións.

Xa no 2030 o sistema eléctrico terá que ter orixe en enerxías renovábeis nun 74% como parte da estratexia para mitigar as emisións de gases de efeito estufa (GEE) en 23%, a respeito de 1990. Contodo, convén subliñar que a Galiza produciu desde fontes renovábeis xa en 2020 75% da súa enerxía, polo que non se sustenta o boom especulativo dos eólicos que non deixan no territorio e nas poboacións máis ca externalidades negativas en canto a Comunidade de Madrid non ten instalado un só parque eólico. Continúa tamén como materia pendente conseguir que as comarcas netamente secuestradoras de carbono sexan compensadas e que as cotas de carbono teñan ligazón territorial e non se convertan nun novo mercado bursatil e especulativo global.

Amais, cómpre termos en conta que os turismos son os automóbiles que máis peso teñen nas emisións do transporte por superficie (case dous terzos), seguidos polos vehículos pesados ( 30%). Porén, os sucesivos gobernos neglixenciaron o desenvolvemento do tren de proximidade, tan común nos estados centrais da UE-15, e investiron sumas estratosféricas en autoestradas e infraestruturas que, para maior INRI, debían sempre pasar polo sumidoiro de recursos que é Madrid. A consecuencia é unha brutal desvertebración territorial.

 

Chantada no contexto da descarbonización.

O Concello de Chantada aprobou un plano de acción (PACES) unilateralmente, sen contar coas achegas do noso grupo, e nun documento que recorre ao plaxio da Wikipedia, entre outras deficiencias manifestas, o Goberno local optou por sacar adiante un documento que fixa unha redución de 40% para 2030 nas emisións de CO2, sendo o sector da mobilidade o de maior peso nas emisións de gases de efeito estufa (GEE).

O Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) é un tributo directo que grava a titularidade dos vehículos de tracción mecánica e a ordenanza municipal do IVTM do Concello de Chantada non contempla bonificación, exención total ou parcial, redución da cota ou calquera outro tipo de minorización do imposto en virtude da incidencia da combustión ou ausencia de combustión no Medio Ambiente. Para rachar con esta disfunción entre as ordenanzas e as declaracións, Por Chantada propón a adopción de mudanzas na ordenanza IVTM.

Segundo Decreto de alcaldía 128/2021, de 24 de febreiro, no 2021 ingresaranse en conceito de IVTM 370.111,67€ e dado o parque de vehículos actual, bastante envellecido, a nosa proposta de bonificación podería redundar en incentivar o carro eléctrico sen por iso ter un elevado impacto na facenda local, reiterando a nosa posición de preferencia polas bonificacións fronte as rebaixas do tipo xeral. Así é, porque acreditamos que son necesarios ingresos para termos uns bons servizos públicos, aínda que para iso haxa que optimizar tamén a Administración e, como non, ter un Goberno competente e eficaz.

Asemade, cómpre lembrar que o carro eléctrico non diminúe apenas as emisións de GEE, mais tamén reduce a contaminación acústica, redundando en vilas con contornas máis amábeis para as persoas. No entanto, tamén se torna imprescindíbel preparar con tempo a chegada dos vehículos eléctricos cun Plano de mobilidade eléctrica do Concello de Chantada, que planifique os pontos de recarga na vía pública e bonifique a criazón e reforma de infraestruturas (prazas de garaxe residenciais, vías públicas e centros de traballo). Isto require atender a outras ordenanzas fiscais como a do ICIO.

Por todo o exposto anteriormente, o grupo municipal Por Chantada-CUP propón ao Pleno da Corporación do Concello de Chantada o seguinte ACORDO:

1.- Elaborar informe técnico que permita modificar a ordenanza IVTM do Concello de Chantada na liña de bonificar ou minorar o imposto por aqueles vehículos eléctricos ou híbridos debidamente homologados e acreditados nos termos expostos na exposición de motivos desta moción.

2.- Comunicar dito informe aos grupos políticos da Corporación.

3.- Acordar entre os grupos, na CI de economía e facenda, a porcentaxe de redución a aplicar en virtude dos tipos de vehículos para a reforma da ordenanza IVTM.

4.- Planificar o proceso coa celeridade e antelación suficiente para que poda entrar en vigor no exercicio fiscal 2022.

5.- Informes técnicos para modificar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), na orde de incorporar unha bonificación á taxa a pagar nas obras para axeitar garaxes comunitarios particulares para a recargar as baterías dos vehículos eléctricos e outras actuacións orientadas a mitigar a mudanza climática.

6.- Publicar no site do Concello estes acordos durante un mes e notificar á AECH, centros educativos, organizacións agrarias (SLG, ICOS, UUAA) e organizacións ligadas co desenvolvemento sustentábel, para que acheguen aquelas suxestións de mellora que estimen convenientes dando así pé á participación cidadá en cumprimento ás recomendacións en materia de transparencia e bo goberno da UE.

7.- Configurar unha equipa de traballo con persoal técnico e representantes municipais dos diferentes grupos que elabore un Plano de mobilidade eléctrica do Concello de Chantada (2023-2030). Entre outras cuestións atenderá a planificar os pontos de recarga na vía pública e a renovación de vehículos municipais que contemple a compra de vehículos eléctricos sempre que for posíbel.

 

 

O Concello de Chantada perdeu 6 meses sen adoptar accións para adaptar a vila a nova normativa de circulación nas vías urbanas.

IMG_20210511_132626_1

Imaxe do mesmo día en que entra en vigor o novo regulamento. O Goberno municipal, a diferenza doutros concellos galegos, non adoptou nengunha medida nos seis meses que se daban aos entes locais para adaptar a sinaléctica e a normativa local ao novo regulamento.

 

Chantada, 11 de maio de 2021. 

 

O Consello de Ministros (Goberno de España) aprobou o pasado 10 de novembro unha modificación do Regulamento de Circulación no que se estabelecen novos límites de velocidade en áreas urbanas. Esta modificación concedeu 6 meses para a súa entrada en vigor, para facilitar que os gobernos municipais tiveran tempo suficiente «para adaptar a sinalización e/ou infraestrutura».

Así pois, desde o 11 de maio está en vigor o novo límite de velocidade de 30 km/h en todas as vías urbanas que teñan un carril por cada sentido da circulación. A redución da velocidade a 30 kms./h. en vías urbanas, como recoñece a propia DGT, reduce:

  • nun 80% o risco de morte en caso de atropello;
  • as emisións de CO2, e por tanto o fume e a contaminación;
  • o ruído nas rúas da vila.

No entanto, como de costume, o Goberno de Chantada deixou pasar medio ano sen facer nada e o piloto automático municipal alimenta o caos circulatorio na vila. Debera modificar a ordenanza de circulación, proceder a sinalizar correctamente as vías, etc. 

Por tanto, a partir de hoxe a velocidade no casco urbano de Chantada será de:

  • 20 kms./h. en «vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa» (por exemplo Rúa do Parque, Rúa da Barxela, Praza de Santa Ana ou Praza da Galiza).
  • 30 kms./h. en «vías dun único carril por sentido de circulación», é dicir, en todas as rúas do núcleo urbano de Chantada, a excepción das que estean na situación anterior.

 

IMG_20210511_133907_1

Por Chantada considera que:

  • O goberno municipal debe de dar explicacións sobre o motivo polo que NON tomou ningunha medida con relación aos novos límites de velocidade: nen sinalización nen cambio en infraestruturas.
  • É necesaria unha reconfiguración da mobilidade na vila de Chantada que:
    • Permita unhas rúas transitábeis para todos e todas: nenos e nenas, persoas maiores e persoas con mobilidade reducida ou calquera outro tipo de diversidade funcional.
    • Aumente a seguranza das persoas.
    • Favoreza o benestar de todos e todas, especialmente das persoas máis vulnerábeis.

Por Chantada solicita que o Concello de Chantada:

  1. Implemente con carácter de urxencia as medidas de seguranza viaria (sinalización horizontal e/ou vertical, adecuación das travesías, etc…) que se adapten á nova normativa de circulación que estabelece os límites de 20 kms./h. e 30 kms./h. e axuden a condutores e peóns.
  2. Modificación da ordenanza municipal de tráfico para adaptala á nova normativa e ás novas necesidades sociais.
  3. Medidas de restrición e racionalización do tránsito que nos leven a cumprir coa normativa autonómica, estatal e europea de mobilidade e accesibilidade universal.
  4. Revisión do mobiliario urbano e sinalización (altura das sinais, colocación, etc…) para que cumpran coa normativa autonómica, estatal e europea de mobilidade e accesibilidade universal.
  5. Medidas para reducir a perigosidade en áreas especialmente sensíbeis: contorna dos centros escolares da Lama das Quendas (CEIP Xoán de Requeixo e IES Lama das Quendas) e entorno da Residencia de Maiores.

 

IMG_20210511_132522

Por Chantada, de sermos goberno, propón para o período 2023-2027:

  • Reestruturación do tráfico e dos aparcamentos na Praza de Santa Ana, con medidas que impidan o aparcamento en toda a praza, agás para a carga e descarga dos comercios, convertendo Santa novamente nun lugar amábel para as persoas.
  • Reestruturación do tráfico e dos aparcamentos nas rúas Xoán XXIII, Ánxel Gómez Montero, Fonte Arcada, entre outras.
  • Auditar os recursos e as accións desenvolvidas pola Policía Local, para mellorar o exercicio das súas competencias e promover as medidas que sexan necesarias co propósito de racionalizar os recursos municipais.
  • Modificación da ordenanza municipal de tráfico para adaptala á nova normativa e ás novas necesidades sociais.

 

IMG_20210511_134556

 

Finalmente, achegamos tamén como anexo o “Manual de aplicación dos novos límites de velocidade en vías urbanas”, elaborado conxuntamente pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e pola FEMP: GuíaReducida30

 

Chantada, 11 de maio de 2021.

Grupo de traballo de mobilidade da Comisión política de Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular.

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra debe especular menos co patrimonio cultural.

 
paso RM NG fondo paso Sernande
 
 
A proposta sobre as barcas do Miño evidencia descoñecemento, cando non se conta coa sociedade civil nen se define unha estratexia-marco con viabilidade, e acompaña no tempo o Plan de acción para a paisaxe da Ribeira Sacra que apenas supera os 100.000€ en dúas anualidades e a repartir entre 10 concellos.
 
 
Anuncios sen substancia que nos dirixen ao desastre: un modelo neocolonial e invasivo, de costas aos “indíxenas” e que se fundamenta nunha inventio da  Ribeira Sacra para criar unha marca territorial artificial.
 
 
Fronte a isto, propomos resgatar os valores e os elementos patrimoniais realmente existentes nas comunidades locais, desde unha perspectiva global e coordinada, que permita a participación real da cidadanía. Os habitantes do territorio debemos ser os protagonistas das políticas que se implementen no mesmo para asumilas como proprias e dotalas de viabilidade e sinerxias que retroalimenten a súa eficacia e eficiencia.
 
 
O turismo, se ten unha planificación e unha xestión axeitadas, pode traer beneficios económicos e sociais que poden mellorar a calidade de vida das comunidades, así como xerar oportunidades de emprego. Porén, con esta proposta dos pasos de barca, carente de calquera planificación, con descoñecemento sobre o interese das comunidades locais e dos propios visitantes –como recoñece a propia xerente–, queda en evidencia a incapacidade do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra para facer unha xestión axeitada que «poida traer beneficios económicos e sociais para a vida das comunidades»
 
 
O até agora sinalado son as principais conclusións da análise elaborada polo Grupo de traballo de Patrimonio, pertencente á Comisión política de Por Chantada e que se pode ler íntegra no anexo (PDF de 7 páxinas):
 
 
paso RM NM 2

Moción do grupo municipal Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular a prol da instalación nos colexios e institutos públicos de purificadores de ar HEPA.

 

Podes ler a nosa moción íntegra aquí (formato PDF): Moción Por Chantada filtros centros educativos

 

Por que apresentamos esta moción?

O curso 2020/2021 está desde o comezo marcado pola pandemía da COVID-19 e, en consecuencia, moitas AMPAs teñen mostrado desacougo e desconcerto en diferentes centros públicos do noso país pola actitude da Consellaría de Educación prohibindo ou pondo atrancos á instalación de purificadores de ar nos centros, a pesar de que,  tornarían as aulas máis seguras tanto para o alumnado canto para o profesorado. Desta arte, desde o grupo municipal Por Chantada-CUP, asumindo este desasosego da nosa viciñanza, dámoslle traslado ao Pleno da Corporación para que se posicione ao respeito á falta dun regulamento de participación viciñal que permitise canalizar a proposta ás proprias AMPAS.

Aproximadamente 80% dos contaxios da covid 19 son vía aerosois, fronte a 20% por fómites e superficies, como veñen divulgando dende hai meses expertos mundiais en aerosois. Por iso, o CSIC, máximo organismo científico do Estado, publica as súas recomendacións para a ventilación das aulas, baseadas nas investigacións máis rigorosas e punteiras, e seguindo a estela do protocolo de Harvard, propoñendo os HEPA como unha axuda indispensábel para mellorar a ventilación das aulas e baixar a carga vírica naquelas circunstancias nas que, por meteoroloxía ou contaminación ambiental (centros en rúas con moito tráfico, por exemplo), non é posíbel manter as xanelas abertas de xeito continuado. E, desde logo, a ciencia insiste na ventilación como punto chave, determinando que os espazos pechados, con pobre ou nula ventilación, agrupamento de persoas falando, cantando ou berrando e sen máscara, por espazo de tempo prolongado, son os escenarios de máximo risco de contraer a COVID-19. Os espazos fechados multiplican por máis de 20 o risco de contaxio e, entre estas contornas atópanse os centros educativos. En consecuencia, debemos utilizar un sistema de capas de protección combinadas (máscara, distancia, hixiene, ventilación natural por xanelas, filtrado de ar).

Amais, no edificio que alberga o Concello de Chantada existe unha problemática ligada ao gas radon. Sobre isto, xa alertamos no pleno ordinario de 8 de maio de 2017, através da Moción de Por Chantada-CUP para impulsar un estudo sobre a incidencia do cancro no Concello de Chantada e a adopción de medidas preventivas fronte a esta doenza. No Pleno ordinario de novembro de 2019 formulamos unha pergunta, xa que fomos coñecedores de elevadísimas medicións deste gas. A resposta foi que se ía arranxar cuns ventiladores.
A día de hoxe a situación non está solventada. Os filtros HEPA, porén, non son eficaces para gases, pasando unha das solucións, complementar da ventilación, pola instalación de filtros de carbón activo que protexan ás persoas traballadoras da casa consistorial.

 

 

Que demandamos concretamente?

1.- O Pleno da Corporación Municipal de Chantada demanda da Consellaría de Educación que permita o fornecemento aos centros educativos de equipos HEPA portátiles para engadir unha capa máis de protección fronte á transmisión da COVID 19, facéndose cargo da devandita instalación e subministro a propia Consellaría.

2.- Comunicar a aprobación desta moción, se for o caso, á Consellería de Educación e a todos os Grupos Parlamentares do Parlamento galego.

3.- O Concello de Chantada estudará a instalación de sistemas de succión e filtros de carbón activo na casa consistorial para lidara co gas radon. Asemade, promoverá campaña informativa sobre os perigos deste gas e instalará medidores en todos os edificios públicos da súa titularidade.

 

 

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.