Alegacións á Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel.

 

No día de hoxe, Por Chantada-CUP vén de apresentar alegacións no período de exposición pública (1 mes apenas) ao documento da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta da Galiza para impulsar a Reserva de Biosfera Ribeira Sacra, serras do Oribio e Courel.

 

O documento, en PDF, pode consultarse aquí: Alegacións de Por Chantada-CUP á Proposta de Reserva de Biosfera Ribeira Sacra

Manuel Varela crea o cienfuentazo chantadés

 

Hoxe apresentamos un escrito no Concello, xa que se convocou Pleno para o día 10 aínda tendo solicitado que se ubicase noutra data ao non poder existir por un compromiso laboral inescusábel, no día 10. En todo caso, queremos deste xeito explicitar e que fique rexistrada a nosa posición e se tornen públicas.

O alcalde e Inta van rectificar erros do PXOU desde a CUP no recurso de reposición que apresentamos ao ponto 6º do pleno de xaneiro contra o que dispón a secretaría municipal, que coincide no seu informe co que expuxemos sobre o procedemento  para “legalizar” o uso de oficinas. Para iso, tanto a proposta de acordo canto o informe do arquitecto, que é quen contesta as alegacións formuladas durante o período de exposición, obvian a rotundidade coa que a secretaría di que o procedente é a modifación pontoal do PXOU e non unha simple rectificación. Portanto, ententemos que estamos perante un acto administrativo cuxa nulidade de pleno direito é evidente.

Se estes días sombras e escándalos rodean a universidade non deixa de ser paradigmático que Manuel Varela recorrese a un informe da universidade que el mesmo encargou e pagou para xustificar a adopción desta posición. É o cienfuntazo chantadés: usar un argumento falaz de AUCTORITAS para agochar a verdade, a VERITAS. Un informe que mesmo pretendía eludir o carácter do acto que se quer perpretar. Consta, amais, na acta do pleno de xaneiro (páxina 9) que o proprio Manuel Varela recoñeceu que eran conscientes do presunto erro que leva 32 anos vixente: 

«Quen ten que informar é o Arquitecto e na legalidade o Secretario. Ata agora tratouse o uso de oficinas como uso comercial»

Entón eludíanse conscientemente as proprias ordenanzas municipais?

As irregularidades e o recurso a informes externos de comenencia non é unha novidade na xestión de Manuel Varela. Na década de 90, sendo tamén alcalde do Concello Manuel Lorenzo Varela, ampliouse a concesión dos sumidorios e da auga a Aquagest, a pesar do informe contrario da secretaría municipal. Varela e o seu grupo, daquela o PP, amparáronse en dous informes subscritos por dous avogados externos… contratados pola empresa Aquagest! Por algo a concesión está dentro do sumario xurídico da Pokemon.

Toda a INFORMACIÓN no seguinte PDF:

Escrito remitido ao Presidente e á Corporación antes da celebración do Pleno

Recibo-2018-E-RE-30

Os indíxenas “imos comer turismo”: alegacións de Por Chantada-CUP ao expediente de declaración BIC da Ribeira Sacra

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

Alegacións á incoación do procedemento de declaración da Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural, coa categoría de paisaxe cultural, e outros bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial relacionados (PDF)

 

 

Por Chantada apresenta senllos recursos de reposición ao pleno do 8 de maio e ás bases do Depuemprego e de auxiliares da policía local.

 

Na nosa defensa dos direitos cívicos entendemos que debe gardarse a lei e garantir o acceso igualitario ao emprego público por parte de todos as persoas, para alén de garantir os direitos democráticos fundamentais á participación política dos representantes da cidadanía.

Por Chantada entende que tanto o pleno do día 8 (convocado sen celebrar as comisións informativas, onde se retiraron abusando da maioría absoluta as mocións do noso grupo e sen dación de contas da liquidación orzamentar e dos reparos da intervención) canto as bases (aprobadas por resolución da alcaldía para a selección de auxiliares de policía local e para o Depuemprego) apresentan irregularidades.

Por iso rexistramos no día 18 de maio os seguintes recursos de reposición:

Recurso de reposición pleno ordinario 5 de maio de 2017 (pdf)
Recurso reposición Depuemprego e auxiliares policia local (pdf)

#SomosAlternativa #CUPChantada

Seguir lendo

Imposto de plusvalía municipal: que é, porque é inconstitucional e como reclamar?

[INFORME] Adaptación dun artigo de Carmen Giménez, avogada titular de G&G Abogados: https://carmengimenez.gandgabogados.es/. En 2016 este imposto municipal en Chantada representou 50.000€ segundo se desprende do informe de execución do 4º trimestre de 2016: Execuión orzamentar 4º trimestre de 2016.

A sentenza do Tribunal Constitucional1 pola que se declaran inconstitucionais dous artigos da Norma Foral de Guipuzcoa, reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, supón un golpe cáseque definitivo ao imposto denominado plusvalía municipal. Os órganos xudiciais invocan que a normativa reguladora da base impoñíbel do imposto de plusvalía municipal estabelece unha regra de valoración legal que non pode ser correxida cando se produce unha minusvalía, resultando pois contrario ao principio constitucional de capacidade económica.

Varios xulgados consideran que a cuestión da constitucionalidade ten unha dupla dimensión: dunha parte, se a redacción actual dos artigos 104 e 107 e 110.4 da Lei estatal de Facendas locais resulta ou non, compatíbel co principio constitucional de capacidade económica; doutra parte, se a regra de valoración legal estabelecida permite ou non unha proba en contrario que permita en vía de alegación ou de recurso administrativo ou contencioso-administrativo acreditar e probar que se produciu unha revalorización menor ou minusvalía. O xulgado de Madrid aínda insire unha terceira cuestion: a que emerxe cando se proba que é inferior o incremento real dos valores dos inmóbeis obxecto da liquidación ao que resulta da aplicación das porcentaxes previstas no artigo 107 da Lei de Facendas Locais.

Cales son as razóns dos contribuíntes e dos xuíces para cuestionar este imposto?

O valor cadastral do chan que aparece no proprio recibo do IBI dos inmóbeis, é a base de cálculo para o imposto de plusvalía. Dito valor cadastral determinase, entre outros factores, en base ao valor real ou de mercado do solo; sendo que precisamente, durante os anos máis azoutados pola crise (a partir de 2009), moitos dos valores cadastrais tiveron unha tendencia alcista (en parte porque non foran modificatos durante o período precedente de alta inflación) correndo unha sorte inversa do valor real que lles debería servir como base.

A fórmula prevista na lexislación estatal sempre dá como resultado unha cantidade a abonar ao concello, aínda que apenas haxa pequenas plusvalías cun resultado tanto máis desproporcional canto menor é a plusvalía real xerada. Isto é precisamente o que infrinxe o principio de capacidade económica contemplado na Constitución, ou aptitude para ser suxeito pasivo de obrigas tributarias. Se dita aptitude non existe, é dicir, non hai incremento do valor, non se pode producir o feito impoñíbel que dá lugar ao pago do imposto.

Que di a sentenza do TC?

1º Declara inconstitucionais e nulos os artigos 4.1, 4.2 a) e 7.4 da Norma Foral de Guipúzcoa, por canto que a pretensión formulada no proceso contencioso-administrativo inicial é a anulación dunha liquidación do Concello de Irún ditada ao amparo dunha norma foral.

2º Decláraos inscontitucionais e nulos exclusivamente na medida en que someten ao pago de imposto a situacións en que hai ausencia de incremento de valor. De feito, fai unha análise do principio de capacidade económica aplicábel de maneira individualizada a cada tributo ou imposto, e non ao sistema tributario no seu conxunto, resultando ser a capacidade económica un auténtico “fundamento” da tributación, de modo que o lexislador fica impedido de gravar riquezas virtuais ou ficticias, debéndose só gravar as riquezas reais ou potenciais. O contario é someter ao imposto unha riqueza inexistente, contraria ao principio de capacidade económica obtendo un resultado confiscatorio prohibido constitucionalmente.

3º Os artigos da Norma Foral de Guipúzcoa son mutatis mutandis copia dos artigos contidos polo TRLFL, cuxa cuestión de inconstitucionalidade se encontra xa sobre a mesa do TC.

ARTIGOS DECLARADOS INCONSTITUCIONAIS

Artigo 4.-

1.- A base impoñíbel deste imposto está constituída polo incremento do valor dos terreos, posto de manifesto no intre do devengo e experimentando ao longo dun período máximo de vinte anos.

2.- O valor do terreo no momento do devengo resultará do estabelecido nas seguintes regras:

a) Nas transmisións de terreos, o valor dos mesmos no momento do devengo será o que teñan determinado en dito momento a efeitos do IBI.

Artigo 7.-

4.- Fican facultados os Concellos para estabelecer o sistema de autoliquidación polo suxeito pasivo, que traerá consigo o ingreso da cota resultante da mesma dentro dos prazos previstos na aliña 2 deste artigo. A respeito de ditas autoliquidacións, o Concello correspondente só poderá comprobar que se efectuaron mediante a aplicación correcta das normas reguladoras do Imposto, sen que podan atribuírse valores, bases ou cotas diferentes das resultantes de tales normas.

ARTIGOS DA NORMA ESTATAL

Artigo 107. Base impoñíbel.

1.- A base impoñíbel deste imposto está constituída polo incremento do valor dos terreos, posto de manifesto no momento do devengo e experimentado ao longo dun período máximo de 20 anos.

A efeitos da determinación da base impoñíbel, terase en conta o valor do terreo no momento do devengo, de acordo co previsto nas aliñas 2 e 3 deste artigo, e a porcentaxe que corresponda en función do previsto na aliña 4.

2.- O valor do terreo no momento do devengo resultará do estabelecido nas seguintes regras:

a) Nas transmisións de terreos, o valor destes no momento do devengo será o que teñan determinado en dito momento a efeitos do IBI. (…)

Artigo 110. Xestión tributaria do imposto. (…)

4.- Os concellos fican facultados para estabelecer o sistema de autoliquidación polo suxeito pasivo, que traerá consigo o ingreso da cota resultante de aquela dentro dos prazos previstos na aliña 2 deste artigo. A respeito de ditas autoliquidacións, o concellos correspondente só poderá comprobar que se efectuaron mediante a aplicación correcta das normas reguladoras do imposto, sen que podan atribuírse valores, bases ou cotas diferentes das resultantes de tales normas.

Que poden facer os contribuíntes que pagan o imposto de plusvalía municipal?

En base a esta doutrina prevese que chegarán ao concello reclamacións de quen pagou este impostos nos últimos 4 anos, ora como consecuencia dunha transmisión, ora pola non obtención de gaños nunha venda.

Os requisitos para reclamar son tres fundamentalmente:

a.- Que pola transmisión que deu lugar ao imposto non se obtivo ningu gaño, ou producíronse perdas.

b.- Que non transcorreu o prazo de 4 anos desde que se fixo o pago do imposto.

c.- Que a liquidación practicada polo imposto non sexa definitiva.

O procedemento para reclamar é solicitar a anulación da liquidación practicada e a devolución dos ingresos indebidos ou importe abonado por plusvalía municipal.

Por Chantada-CUP apresenta alegacións ao Expediente de vertido de augas residuais no río enviande e aos suplementos de créditos cos que se quere facer pagar ao concello sen dilucidar as pertinentes responsabilidades

logo-por-chantada

 

No día de hoxe, 19 de decembro de 2016, o Grupo Municipal Por Chantada-CUP vén de apresentar dúas alegacións no concello de Chantada que quere dar a coñecer e cuxo coñecemento entendemos que é importante sexa de libre acceso para que os cidadáns podan ter unha análise rigorosa para conformar a súa opinión sobre os asuntos públicos.

A primeira delas é un documento de 13 páxinas que recolle as Alegacións de Por Chantada-CUP e Asociación de Viciños Torre de Arcos ao “Expediente de vequido de augas residuais e obras en dominio público hidráulico” no río Enviande. Antes de máis queremos agraceder a confianza e o apoio da entidade viciñal na defensa do patrimonio natural de todas e todos, non só da viciñanza da parroquia de Arcos. Pola nosa banda, xa anunciaramos que iamos estudar o expediente e apresentar, se procedía, alegacións, perplexos perante a deixadez do Goberno local (as súas razóns terán opostas polo que se ve a velar polos intereses xerais). A seguir, indicar que o documento, pode leerse integramente nesta entrada, consta dunha exposición inicial dos motivos que nos levan a apresentar estas alegacións (pp. 1-5), continuando por 7 alegacións onde detallamos os principais aspectos do proxecto e do vertido que pomos en causa (pp. 5-12) e, por último, unha solicitude composta de 5 pontos (pp. 12-13).

 

O segundo documento é a Reclamación en trámite de exposición pública de expedientes de Suplemento de Crédito 02/2016 e 03/2016 onde explicamos todo o proceso desde o comezo, adxuntamos boa parte da documentación e, entre outras moitas cuestións, sinalamos as irregularidades que, ao entender do noso grupo e fundamentándonos no ordenamento xurídico vixente, existen en todo o proceso: máis de 600.000 euros en obras fraccionadas en contratos menores contratadas verbalmente e a dedo sen proxecto nin consignación orzamentar, prescindindo (tal e como recoñeceu o concello ao declarar a nulidade dos actos) total e absolutamente do procedemento. Consta de 20 páxinas que constitúen un completo dossier sobre todo o proceso mediante o cal procuramos informar á opinión pública ao tempo que evitar que o concello perda nin un só euro por malas praxes e/ou actuacións irregulares.

Todas estas cuestións achamos que poden levar aparelladas responsabilidades patrimoniais e xurídicas que deberán ser esclarecidas a fondo, xa non só polo Concello de oficio senón polo Consello de Contas, entre outros. O que non se pode, desde logo, é “cargarlle o morto” á Facenda local a través dun pleno extraordinario urxente sen entregar a documentación en tempo e forma e sen xustificar a urxencia no momento da convocatoria, aspectos que tamén nos levaron en días pasados a formular unha reclamación.

No caso deste segundo documento, o proceso segue en andamento e non descartamos ningunha actuación para defender os intereses de todas e todos.

CONFIRA OS DOCUMENTOS (PDF):

Reclamación en trámite de exposición pública de expedientes de Suplemento de Crédito 02/2016 e 03/2016

Alegacións de Por Chantada-CUP e Asociación de Viciños Torre de Arcos ao “Expediente de vequido de augas residuais e obras en dominio público hidráulico” no río Enviande

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

stopfeminicidios

 

Apresentamos recurso de alzada contra as últimas bases laborais do concello por entendermos que novamente non cumpren a lexislación vixente

logo-por-chantada

 

Son xa varias as veces que nos vimos queixando de como se xestiona o emprego público no concello de Chantada, con pouca transparencia, prazos sempre acurtados amparándose na urxencia, bases confusas ou pouco claras… Porén, as recentes bases publicadas no BOP nº 275 de 30/11/2016 entendemos que vulneran especialmente o ordenamento xurídico vixente polo que interpomos contras as mesmas senllos recursos  para que, cando menos, fique constancia de que somos perfectamente consciente das malas praxes e do abuso partidario que se fai da institución local, a cal debera ser patrimonio de todos os chantadinos e non só dunha minoría que fai e desfai ao seu antollo.

 

No escrito expomos, entre outras cousas, que o número de membros do tribunal non se axusta ao que indican numerosas disposicións e que reducir só a dous membros con voto non é de recibo nin lóxico desde un ponto de vista de garantir un proceso de selección neutral, técnico e con garantías de igualdade na concorrencia. Tampouco é de recibo contar cunhas bases confusas, con erros evidentes até no tocante á baremación e os totais de cada epígrafe e con sesgos claramente detectábeis como computar polo mesmo valor un curso de 120 horas que un mestrado de máis de 1.600 horas, co cal as sospeitas de prazas feitas á medida non pode ser máis evidente.

#SomosAlternativa #CUPChantada

BOP nº 275 (PDF) 

Impugnacion bases concello de Chantada (PDF)

Alegacións de Por Chantada-CUP ao PXOM de Chantada

 

Por Chantada - Participación Democrática Directa

 

 

O Pleno de Chantada, na sesión extraordinaria celebrada o día 18 de marzo de 2016, aprobou inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Chantada cos votos a favor de Inta (7), a abstención de PP e PSOE (5) e o voto en contra de Por Chantada-CUP (1).

No acordo, limitábase a información pública ao período mínimo legal de dous meses. Antes de rematar o mesmo, Por Chantada-CUP apresentou as seguintes alegacións que figuran no documento anexo, sendo a única forza da oposición que as apresentou no período de exposición inicial:

Alegacións Por Chantada_CUP ao PXOM

Amais, após pedilo no pleno extraordinario do día 18 de marzo e no ordinario de maio, solicitamos mediante un escrito conxunto cos restantes grupos da oposición a ampliación do prazo, finalmente concedido un mes máis por acordo da Xunta de Goberno Local do 7 de xuño de 2016. Este período, pola demora na publicación no DOGa remata o día 20 de agosto, data límite para apresentar alegacións.

A tal efecto actualizamos as nosas alegacións, remitíndoas con pequenas engádegas e correccións:

Alegacións Por Chantada_CUP ao PXOM agosto 2016

#SomosAlternativa #CUPChantada

[PXOM] Informe sobre a rúa Taboada

Por Chantada - Participación Democrática Directa

Pódese enganar a todos pouco tempo, pódese enganar a algúns todo o tempo, pero non se pode enganar a todos todo o tempo.

A canle local  de televisión, Televinte, retransmitiu unha petición veciñal para a modificación do PXOM nas rúas do Rego e Taboada. Con tal motivo a canle tamén entrevistou ao alcalde Manuel Lorenzo Varela, por certo nas mesmas datas en que asinou o Decreto polo que se crea a nova dedicación parcial que vai custar máis de 24.000€ ao concello de Chantada. Unha dedicación para Diego Otero Veiga tal e como adiantamos no pleno de xaneiro, aínda que Varela o negaba e se negou a dar nomes…  No vídeo, que pode verse a continuación, Varela fai unha serie de afirmacións respecto das cales cómpre facer as seguintes aclaracións porque xa está ben de mentir e intoxicar aproveitándose da falta de coñecementos urbanísticos da maioría da veciñanza.

1º) A carón da rúa Taboada existe un terreo que foi cedido pola familia Soto ao concello de Chantada, sendo alcalde  Sergio Vázquez Yebra no ano 1984. A imaxe reflite ese acordo que se plasma, deseña e aproba no PXOU de 1985. En virtude deste acordo constrúese un edificio de 5 andares nesa zona na intersección da rúa Taboada coa avenida de Lugo. Na primeira das estipulacións do documento asinado o 24 de abril de 1984 lemos (FIG. 1 e FIG. 2):

13451088_656427394511443_992844764_n
FIG. 1
13419236_656427937844722_1723029669814435799_n
FIG. 2

2º) A cambio da cesión de dito terreo, como xa dixemos, o concello de Chantada acepta permitir a construción de 63 vivendas de 100 m2 nunha superficie de edificación de 7.952 m2 (5 andares: baixo máis 4 andares) nos seguintes 8 anos á aprobación do PXOU de 1985  (1985-1993). Por outras palabras, todos os actores gañaron. O concello gañaba unha zona verde de 4.980 metros cadrados (este dato é moi importante) e os propietarios podía construír 63 vivendas.

3º) Tamén na FIG.2 faise mención a un plano onde aparece a superficie verde de 4.980 metros cadrados que aínda é de titularidade municipal a día de hoxe. Ese plano recollése no PXOU é o que segue (FIG. 3) estando representada a zona verde con círculos e figurando tamén un vial que uniría as avenidas de Monforte e Lugo e que nunca se desenvolveu. Entre ese vial e o terreo cedido ao concello figura a propriedade actual do construtor.

Do outro lado da rúa unha zona verde que non se respectou e que hoxe contén elementos altamente inflamábeis en pleno centro de Chantada, contra toda lóxica ao estar no PXOU 1985 (lembramos que vixente até a a aprobación do novo) como zona verde… como é que pasa de ser zona verde a solo urbano consolidado agora sen ningunha contraprestación para a cidadanía (por exemplo a ampliación das beirarrúas nesa parte da rúa Taboada)?

O espazo verde situado na marxe esquerda da rúa Taboada en sentido ascendente suprímese e pasa a ser edificábel cun fondo de 16 metros e 4 andares de altura, un incremento enorme da edificabilidade suprimindo unha zona verde, que se recalifica a solo urbano consolidado sen ningunha contraprestación e en detrimento da calidade paisaxística da contorna urbana do noso ámbito vilego. Con todo, imos centrarnos na marxe dereita en sentido ascendente, na propiedade municipal, mais queremos que se vaia vendo até onde é inefando este PXOM.

01.- PXOM. Vixente
FIG. 3

3º) Neste 2016 un empresario da construción local, que adquiriu no seu día o terreo contiguo ao de propiedade municipal por un prezo moi inferior ao que tería un solar ao non poderse construír nel (aprox. 60.000€), intentou anexionarse a parte pública. A cuestión saiu en pleno e Varela dixo que estaba negociando co construtor e que se nos informaría cando correspondese… Tal opacidade é, cando menos, preocupante e non consta que o concello respondese á demanda do construtor con firmeza, estando disposto a defender a titularidade pública nun contencioso dun terreo de alto valor de cambio, pola súa ubicación, e de alto valor de uso, como zona verde ou libre a carón de edificios dotacionais tan importantes como o auditorio municipal, o edificio de usos múltiplos, Televinte ou o xulgado. De feito, ese terreo estase empregando como aparcadoiro improvisado na actualidade.

4º) Pouco despois, na véspera da entrada en vigor da nova Lei do Solo de Galiza, o Goberno de Inta aproba en solitario o PXOM de Chantada aprobeitándose de que a lei electoral outorgoulle a maioría absoluta con tan só o 45% dos votos emitidos e sen ter entregado a documentación relativa ao PXOM con anterioridade á Comisión Informativa. Como fica a rúa Taboada neste novo PXOM (FIG. 4)?

Zona verde Rua Taboada Plano001
FIG. 4

5º O primeiro que observamos na FIG.4 é que as zonas verdes de 1985 desaparecen e a propiedade municipal subsúmese nunha das denominadas como áreas de reparto no PXOM, concretamente a área de reparto D1-AR-03. Mais, que é unha área de reparto? É unha superficie que sen ser zona urbana consolidada permite a través dun plano parcial ser desenvolvida urbanisticamente. Sorpresa! O terreo que se mercou a un prezo baixo aparece recalificado  e mesmo se suprime a ordenación detallada de viais e espazos verdes que contemplaba o PXOU de 1985 sen ningunha xustificación e, en palabras de Varela, habería que fiar todo á incertidume dun desenvolvemento posterior…

Por outras palabras, o alcalde pídenos aos cidadáns un acto de fe na súa palabra a que tantas veces faltou cando todos os indicios apuntan ao que apuntan e cando sabemos como foron para o interese xeral outras negociacións feitas polo señor Varela como os eólicos ou a rúa Xoan XIII. Amais, non debera aproveitarse tamén a titularidade pública do terreo para ampliar as beirarrúas da rúa Taboada e non deixar os exiguos 8 metros desde a notaría? Nótese que na parte baixa da rúa amplíase o vial mesmo por riba dunha edificación existente, hai cidadáns de primeira, de segunda e terceira en Chantada?

A maiores, o PXOM ten a obriga de estabelecer unhas regras xerais para ese hipotético desenvolvemento da área de reparto D1-AR-03 que contempla (FIG. 5):

Zona verde Rua Taboada Ficha002
FIG. 5

6º) O primeiro que chama a atención na FIG. 5 é que dos 4.900 metros cadrados que tiña o concello en 1985 agora só se contemplaría unha zona verde de 2.500 metros cadrados polo que o concello perdería a metade da superficie e, aínda por riba até se permítese que a zona verde se vincule ao carón do río Asma. Curiosamente, disto non nos di nada o señor Manuel Varela, só que “os cidadáns poden estar tranquilos”.

Por exemplo, noutras áreas de reparto, por exemplo a D1-AR-06 e D1-AR-10, xa se debuxan nas propias áreas de reparto as zonas verdes e até novos viais, o cal tería todo o sentido no presente caso.  No caso de D1-AR-10 refírese a zona que está en fronte ao bar Tropic que, en caso de desenvolverse, leva a zona verde asociada (FIG. 6). No tocante a D1-AR-10 encóntrase fronte ao bar Silt e contempla xa non só unha zona verde senón tamén novo vial que a une coa outra zona de desenvolvemento paralela: D1-AR-05 (FIG. 7).

Que demostra isto? Que o feito de non marcar como zona verde a parcela de titularidade municipal é unha decisión política que, polas palabras do propio Varela, se debe a supostas “negociacións” con empresarios, nada transparentes nin beneficiosas para o interese xeral polo que intuímos.

D1-AR-10
FIG. 6
D1-AR-05
FIG. 7

Seguro que podemos as chantadinas e os chantadinos estar tranquilos cando temos un PXOM do que nos esconden cousas tan graves e serias como estas? Canto vale a palabra de INTA e do señor Varela? Seguro que menos que os decretos que aprobou ás agochadas para unha dedicación de 25.000€ e o pago de multas por velocidade con cargo a fondos públicos…  Ao mellor  refírese á tranquilidade de INTA coas eivas da Casa da Música, incapaces de pedir en 5 anos de goberno un informe do técnico municipal até que se fixo pola nosa iniciativa… Ou falarán da flema coa que votaron en contra da nosa proposta para baixar o IBI, bonificar instalacións agro-gandeiras e aplicar bonificacións para familias numerosas?

#SomosAlternativa  #CUPChantada

 

Outras novas na páxina de Por Chantada-CUP relacionadas co PXOM

ALEGACIÓNS-TIPO PARA O RURAL

RESUMO DO ACTO DE POR CHANTADA SOBRE O PXOM

O PXOM E CHANTADA: CRONOLOXÍA DUN DESASTRE

RESUMO DO PLENO EXTRAORDINARIO (E ACCIDENTADO) SOBRE O PXOM

ALGUNHAS RECOMENDACIÓNS E INSTRUCIÓNS PARA FORMULAR ALEGACIÓNS AO PXOM

INTERVENCIÓN DO VOCEIRO DA CUP, ANTOM FENTE, NO PLENO SOBRE O PXOM (PDF)

DECLARACIÓNS DO VOCEIRO DA CUP EN TELEVINTE SOBRE O PLENO DO PXOM (YOUTUBE)

MAPA XERAL SOLO URBANO

MAPA XERAL SOLO RURAL