Foto: ©Archivo Efe/J. Ragel
-
Exiximos sentido común ás administracións para que se deteña a aplicación disparatada dunha fiscalidade absurda para o rural e contraria ao direito consuetudinario galego.
-
Demandamos que o Concello de Chantada poña medios de asesoramento legal específico para que a viciñanza poda facer fronte, nos exiguos 15 días de prazo que se lle conceden, ao alude de cartas que están chegando desde Catastro, até 4.600 só no termo municipal de Chantada.
Unha empresa subcontratada está, teoricamente, mapeando as “zonas brancas” do Concello de Chantada para inventariar bens catastrais que, até agora, non constaban. Porén, están procedendo a alterar as superficies e os valores tamén de bens que xa estaban tributando e, na maior parte dos casos, con incrementos dos valores substanciais que, practicamente, duplican os até agora vixentes. Isto vai supor que a cidadanía do rural verá incrementados os recibos anuais que pagan polo IBI, a chamada popularmente como “contribución”. Tamén cómpre estar de ollo nos usos, xa que fronte ao uso agrario que paga menos hai tendencia a inventariar como “garaxes” ou usos “industriais” edificacións de uso agrario como pallares, alpendres e outras construcións anexas de escaso ou nulo valor de mercado real.
Por Chantada reitera o xa denunciado tamén no anterior Catastrazo, derivado da Lei Montoro, en referencia ao Ministro de Facenda do Goberno de Mariano Rajoy: o inxusto que é para moitos pensionistas seguir tributando (IBI) por cortes e naves que xa non empregan e que, ao non teren valor de mercado no rural non poden tampouco vender nen arrendar. É mester que o Catastro evite a catalogación de bens inmóbeis rústicos do rural (granxas, galpóns, naves) como bens urbanos e dispare valores catastrais que afectan negativamente ás familias do rural (desde bolsas de estudos até herdanzas).
Lembremos que só o anterior Catastrazo, na secuencia da crise de 2008, elevou en máis de 600.000€ a recadación anual do IBI urbano, tal e como xa advertimos no seu momento. Agora vólvese a un proceso análogo no cadro da crise da COVID-19 e nun medio rural castigadísimo polos prezos do leite que non atinxen os custes de produción, a saraibada en San Fiz ou o efeito da inflación (6% actual) na maioría das cativas pensións do noso campo.
De por parte, o Ministerio de Facenda incluíu nos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 a actualización dos valores catastrais de até 825.000 inmóbeis. É penoso que a urxencia estexa nas zonas brancas do medio rural e non nas áreas urbanas ou de maior especulación co prezo da vivenda, onde actúan as plataformas dixitais que fomentan a xentrificación.
Resulta sorprendente que casas con grande antigüidade se vexan revalorizadas en máis do duplo sen sufriren reformas nen ampliacións ou mesmo cando se lles reduce a superficie. A Orde HFP/1104/2021, de 7 de outubro, pola que se aproba o factor de minoración aplicábel para a determinación dos valores de referencia dos inmóbeis confirma a elevación do factor até 0.9% (o factor até agora vixente era do 0.5%) para os bens inmóbeis de natureza urbana e os de rústica que non superen o valor de mercado. Esta elevación posibilitouna a entrada en vigor da Lei de Loita contra a Fraude impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez(BOE 10/07/2021).
Por exemplo, se escrituramos unha vivenda de segunda mao por 20.000 euros, mais o seu valor de mercado é de 30.000 euros debemos tributar sobre esta segunda base impoñíbel sobre a que se calcularían os impostos afectados de 27.000 euros (antes só 15.000€). E, de existir desconformidade, correspondería ás partes da compra-venda demostrar que o valor de mercado está por debaixo do valor de referencia para o inmóbel segundo Catastro, o que é especialmente lesivo para o medio rural, se ben ten todo o sentido nos ámbitos propiamente urbanos.
En resumo, a revalorización catastral afecta ao IBI que pagamos cada ano se se eleva e as persoas afectadas teñen 15 días para reclamar. Alén diso, a o incremento do factor de minorización vai facer que aumente a base impoñíbel para vendas, transmisións, etc. e aplicarase a todos os bens, con independencia de que chegue carta ou non, nas operacións a partir do 1 de xaneiro de 2022. Por todo isto, Por Chantada e Interior Galego Vivo demandan unha fiscalidade propria para o campo e que non expulse a poboación ou sanee as contas municipais a conta de sangrar a viciñanza que aínda resiste nas aldeas. Deixen de mallar nos mesmos de sempre.
Por último, demandamos que o Concello de Chantada poña medios de asesoramento legal específico para que a viciñanza poda facer fronte, nos exiguos 15 días de prazo que se lle conceden, ao alude de 4.600 cartas que chegaron só no termo municipal de Chantada.
NOVAS RELACIONADAS:
-
- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para declarar o sector agro-gandeiro como actividade económica de especial interese ou utilidade municipal e impulsar unha nova ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmóbeis (rexeitada por INTA coa abstención de PSOE e PP). Entre outras cuestións propúñase:
Remitir á Deputación de Lugo, á Xunta e ao Estado a seguinte declaración institucional:
O concello de Chantada considera que debe adaptarse ao rural e á realidade galega a regularización catastral, xa que é un imposto que grava a riqueza e resulta lesivo para o campo galego, e demanda das diversas institucións que arbitren medidas neste sentido. A Corporación chantadina entende que:
a.- A regularización ignora a realidade agraria galega, equiparando todo volume no rural a un estabelecemento de natureza produtiva, cando por veces serve ao autoconsumo e outras está desprovisto de rendemento económico.
b.- A regularización catastral, debido á forma de actuación seguida fai recaer sobre o contribuínte a carga de solventar os erros da actualización, que se fai moitas veces sen coñecer o terreo, ignorando o contido real dos volumes, a súa función económica e mesmo a superficie real.
c.- A regularización ignora a estrutura da propiedade agraria galega, pois ao existiren un grande número de pequenas parcelas cómpre para unha mesma explotación numerosas infraestruturas, sendo moitas até de construción tradicional que ficaron en desuso por non se axustar as novas necesidades das explotacións. Isto non supón máis riqueza, senón que é unha característica da fragmentación parcelaria.
d.- A desconexión con outras normas xurídicas fai que o Real Decreto 595/2015 deixe fóra das bolsas de estudos a familias, dado que a regularización aumenta artificialmente o seu patrimonio damnificando o mundo labrego por partida dupla.
Por iso, a CORPORACIÓN do CONCELLO DE CHANTADA considera axeitado DEMANDAR das diversas institucións:
a.- Un redeseño deste imposto adaptado á realidade rural galega, onde se teñan en conta as variábeis antes citadas e se busque gravar a riqueza onde realmente existe. O sistema de corrección que teñen os concellos, estabelecendo deducións ou bonificacións e moi limitado e imperfecto, pola falta de competencia para axustarmos a realidade catastral ao estimado.
b.- Amais, o IBI é nestes tempos unha fonte de ingresos estábel á que as maltreitas facendas locais non podemos renunciar. Con todo, deberían estabelecerse con urxencia supostos de non suxeición ao imposto nos seguintes casos:
– volumes sen valor económico ou destinados ao autoconsumo;
– deducións e bonificacións obxectivas en instalacións agrarias en función do emprego que xeren, do seu carácter ecolóxico ou da incorporación de sistemas de eficiencia enerxética;
– deducións e bonificacións subxectivas, cando se trate de titulares xubilados, familias numerosas, novas incorporacións á actividade agraria, ou de unidades familiares complexas:
– ou mesmo deducións a totalidade dos pequenos produtores como parte da súa contribución á ordenación do territorio e a loita contra os incendios aos que a Xunta destinou só en 2015 160 millóns de euros, o 90% para extinción e o 10% para prevención.