Modelos de alegación para o novo Catastrazo

catastrazo
Foto: ©Archivo Efe/J. Ragel

A raíz do envío de 4.600 cartas aos chantadeses e ás chantadesas, do que alertamos desde Por Chantada, o Concello contou cunha empresa que informa os afectados, mais non fai alegacións que é o que realmente pode arranxar as deficiencias ou abusos detectados.

Ao non termos capacidade para darvos axuda individualizada a todas as persoas afectadas deixámosvos modelos de alegacións que agardamos vos valan para adaptar e facer as vosas.

Nun caso trátase dunha feita para unha adega, pensando no sector primario que se dedica ao viño, que pasou de uso residencial a agrario, co que lle baixou moitísimo o valor cadastral; e noutra, para un establo que xa se destinaba unicamente ao autoconsumo – por exemplo persoas xubiladas – e non xa á produción de leite e ao que tamén lle baixou o valor. Por último, vai un recurso de reposición xenérico con alegacións para calquera outro tipo de edificación. Este último conseguiu no anterior catastrazo unha redución de 50% do valor catastral e, xa que logo, unha redución significativa da cota a pagar de IBI (“contribución”) cada ano ao Concello de Chantada.

Naturalmente, convén que anexedes fotos do interior e do exterior onde se poida comprobar que efectivamente o uso é o que indicades, por exemplo agrícola fronte a almacén ou garaxe que pagan máis.

Alegacións adega Catastrazo 2022

Alegacións establo Catastrazo 2022

Alegacións outras Catastrazo 2022

Para calquera aclaración ficamos, como de costume, ao voso dispor e agrademento especial para aquelas persoas que colaboraron con nós para a confección destes modelos.

#construírfuturo

#mellorarChantada

#opartidodaxente

Comprometidos cun interior galego vivo

O goberno local incumpre a súa obriga de adecuar as licenzas da hostalería á Lei de Espectáculos.

 

Chantada, 2 de setembro de 2021.

Pode ser uma imagem de 2 pessoas e interiores

O poeta e integrante de Por Chantada, Rafa Lobelle, recitando nun recente recital, que se desenvolveu nas xornadas CULTURMAR, que organizou na semana das festas patronais a Cafetaría Mar de Chantada.

 

O próximo 14 de outubro vence o prazo da Xunta da Galiza para que os Concellos adapten as licenzas dos negocios hostaleiros ao Catálogo de Espectáculos Públicos.

O goberno de Manuel Varela incumpre as súas obrigas: nen se molestou en dous anos en informar aos negocios afectados, nen cumpre as súas obrigas máis básicas, mesmo as que derivan de ordes da Xunta da Galiza. Manuel Varela revela unha e outra vez a súa incompetencia en detrimento dun sector xa duramente castigado pola pandemía como é a hostalaría.

No inicio de 2018 entrou en vigor a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza, que, fora duramente criticada por varios dos colectivos afectados, desde as comisións de festas e festivais até ás salas de concertos e locais hostaleiros que complementan a súa actividade con programación cultural, aos que aquela lei condenaba ao feche.

O 14 de outubro de 2019, o DOG publicou o Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e estabelecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galiza e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia. O seu contido afecta ás comisións de festas e aos locais hostaleiros e corrixía parcialmente os aspectos máis lesivos da lei para o que unha das pancas esenciais é o obriga para os concellos de realizaren a adaptación das licenzas municipais a esta lei nun prazo de dous anos desde o 14 de outubro de 2019.

No tocante aos horarios, desenvolveuse o decreto mediante nunha orde, á que Por Chantada alegou en setembro de 2019 no período de exposición pública1. Coma sempre o Concello de Chantada nen estaba nen se esperaba a pesar de contar con máis medios e dedicacións exclusivas. O senador co seu habitual piloto automático leva dous anos mirando para o ar e o prazo remata de xeito inminente. Por Chantada exíxelle traballo e adicación para seren resolutivos en diálogo coa hostalaría.

Este crónico desleixo fai que Chantada vaia esmorecendo e atinxe directamente tamén á economía local. Nesta ocasión, as consecuencias impactarían na cultura e na hostalaría precisamente os sectores máis castigados pola pandemía.

Desde a candidatura viciñal Por Chantada, á vista de que os prazos postos pola Xunta de Galicia están preto de esgotarse e de que o noso goberno non fai nada para regularizar a situación, apresentamos por rexistro escrito recordándolle a Manuel Lorenzo Varela as obrigas marcadas polo decreto do goberno autonómico, e solicitándolle que de xeito inmediato se dirixa aos negocios afectados, informándoos da Lei de Espectáculos e a lexislación que a desenvolve.

O Concello debe outorgarlle ás persoas afectadas un prazo para realizar os tramites pertinentes, e antes de que venza o tempo estabelecido pola Xunta, a Xunta de Goberno Local, que é o órgano neste caso competente, debe aprobar as licenzas axeitadas á lei.

Tamén aproveitamos para lembrarlle ao Goberno local que segue sen elaborar as bases para repartir os 50.000€ orzamentados para axudas COVID-19 en bonos, tan necesarios para as persoas máis carenciadas pola actual crise.

O desleixo do goberno local cara a hostalería e o comercio do noso concello é cada día máis patente. O descontento dos comerciantes e hostaleiros, tamén. Pola nosa banda, Por Chantada seguirá ao servizo da viciñanza, insistindo na necesidade de crear liñas eficaces de apoio e impulso de campañas de promoción do comercio e o consumo no ámbito local.

Agardamos que, novamente grazas ao traballo e constancia de Por Chantada, o Leviatán local saia do seu sono profundo e a situación se resolva en favor dos referentes culturais do noso concello.

 

POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

 

1“Suxestións de mellora de Por Chantada ao proxecto de orde para regular horarios de abertura e feche dos estabelecementos na Galiza.” in Por Chantada. Dispoñíbel en

https://porchantada.wordpress.com/2019/09/24/suxestions-de-mellora-de-por-chantada-ao-proxecto-de-orde-para-regular-horarios-de-abertura-e-feche-dos-estabelecementos-na-galiza/ (última consulta 7/08/2021).

Por Chantada apresentou alegacións ao Real Decreto sobre nutrición do solo.

 

 

 

Preme aquí para veres o documento íntegro das alegacións de Por Chantada.

 

 

O rascuño de Real Decreto polo que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel nos solos agrarios (RD) impulsado polo Goberno do Estado esquece máis unha vez a realidade galega e atenta contra todos os sectores agrarios e gandeiros que apostan por modelos sustentábeis polo que, de non atender ás modificacións propostas, terá o efeito contrario aos obxectivos que, teoricamente, procura.

Neste sentido, Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular formulou 40 alegacións ao documento e vindicamos novamente normas legais e unha PAC axeitadas para a Galiza e o noso sector primario, fundamental para a comarca de Chantada, que se vería especialmente castigada polas disposicións do RD. Se non se revisa o rascuño inicial no sentido proposto será letal para as pequenas e medianas exploracións galegas, que son a maioría, e atinxe a todos os sectores: o vacún, a carne, o vitícola, o froiteiro, a horta ou o florestal. Todos estes sectores foron defendidos nas nosas alegacións.

A pesares das boas intencións expostas na súa redacción actual o RD apenas favorece o intensivo e determinadas industrias, nomeadamente o sector porcino polo lobbing das organizacións estatais, para alén de impulsar a venda de maquinaria agrícola e a venda de adubos sintéticos moito máis contaminantes. É o mundo ao revés e, coma sempre, esquécese á maioría social que resiste no medio rural producindo.

 

Inxectores de xurro e obrigas burocráticas.

Embora na imprensa o pouco que trascendeu do RD foi a necesidade de inxectores de xurros, resulta que as disposicións son tan lesivas para a Galiza que isto sería o mal menor dentro das novidades que este traerá. Moito piores van ser as enormes obrigas burocráticas: análises de solos e materiais empregados, obrigatoriedade de asesoramento externo privado, caderno de fertilización, restricións ao amoreamento de esterco obviando o sistema tradicional galego de muricos que actúa como semicompostaxe e con nulo impacto ambiental, inspeccións de equipas, planos de adubado etc. Estas medidas van atinxir de cheo a todo o sector primario: desde unha pequena horta ou viñedo até calquera cultivo froiteiro ou florestal.

No caso de Chantada, con titulares de elevada idade, é totalmente surrealista tentar aplicar estas medidas nunha orografía como a dos socalcos da Ribeira Sacra ao ser imposíbel amorear os estercos e enterralos nas catro horas seguintes á súa aplicación e favorecería, por un lado, o abandono, e, por outro lado, o uso de adubos sintéticos que contaminan acuíferos.

 

Non se estabelece a diferenza entre esterco e xurro.

De feito, o RD é tan incompleto e nefasto que non diferenza o esterco do xurro obviando que o primeiro ten menores perdas de amoníaco, maior contido de carbono orgánico e conserva mellor a estrutura do solo, pola mineralización máis lenta e o favorecemento da microbioloxía etc. É unha aberración condenar aos mesmos controis e obrigas (análises, rexistros, sistemas de aplicación, etc.) a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco do que a unha macroexplotación de porcino sen terra, o cal é un disparate e un auténtico despropósito a nivel ambiental. Tampouco se teñen en conta as características edafoclimáticas da Galiza como se todo o Estado tivese un único tipo de solo e clima e considerando igual unha granxa isolada na montaña do que miles de exploracións concentradas.

 

O eucalipto trátase como SAU.

Outra barbaridade é considerar o cultivo de especies forestais de crecemento rápido como superficie agraria útil. Entre o ano 1985 e 2005 na Galiza 43% da superficie agraria mudou de uso e representa xa menos da cuarta parte da superficie total da Galiza, a metade que na UE, e a perda de SAU entre 1985 de 2015 cífrase entre 160.000 e 185.000 has. As plantacións de eucalipto e piñeiro pasaron a ocupar 378.718 hectáreas máis de territorio, das cales 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos. A porcentaxe de superficie florestal que ten xa hoxe a Galiza a respeito do seu territorio (69%) é a mesma que Finlandia e Suecia. En síntese, a menor SAU maior despoboamento e piores condicións para producir alimentos de calidade e sustentábeis no rural en canto os usos alternativos para esa SAU que se perde son incumpatíbeis cun interior galego vivo. O RD acelera a conversión do interior galego nunha Laponia sen renos nen nenos.

 

Impón a necesidade de asesoramento externo.

No tocante a outra novidade como é o asesoramento, obriga a pagarlle a un asesor en fertilización para estercar as fincas sen reparar na extensión da exploración, na súa natureza (autoconsumo ou venda maciza) e no uso de adubos da propria granxa ou non. Para máis Inri, fica a porta aberta a que os asesores teñan relación con comercios agrícolas e empresas de fertilizantes favorecendo o negocio para unha minoría e a ruína da maioría.

 

Impúlsase o uso de lodos de depuradora, refugallos da agroindustria e até residuos plásticos na produción de alimentos.

A realidade supera a ficción. Un decreto que leva a palabra sustentábel no seu nome resulta que permite e incentiva o emprego de lodos de depuradora e outros refugallos da agroindustria, favorecendo que os microplásticos pasen á cadea trófica. O RD mesmo permite até medio quilo de plásticos por tonelada de material, un atentado á saúde da cidadanía e dos propios solos agrarios. Os cidadáns non merecemos gobernos que poñan por cima da nosa saúde e benestar os intereses da agroindustria.

De por parte, os níveis de metais pesados máximos permitidos son obsoletos. Deberíase ter en conta a revisión á baixa que xa fixeron destes valores varias CCAA.

 

Despropósito nas medicións GEI e no tratamento da agricultura ecolóxica.

Outro aspecto a pór en destaque é que a base de dados do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, o cal é especialmente grave e lesivo para a Galiza. Indícanse 0 horas (si o horas!) de pastoreo cando 61,2 % das granxas galegas fan pastoreo con algún ou coa totalidade dos lotes do rabaño (produción, secas e xatas). Amais, en nengún momento se fala dos pastos permanentes, a pesar de seren sistemas de produción máis extensivos e sustentábeis que reducen os gases de efeito estufa (GEI) e crian un solo vivo. Contrasta este maltrato á agricultura ecolóxica coa ausencia de regulación da gandaría intesiva sen base territorial e moito menos se potencia a soberanía alimentar e os alimentos quilómetro 0.

 

Síntese das nosas alternativas.

Así as cousas, Por Chantada defende:

  • Aplicar medidas de discriminación positiva para a produción ecolóxica e as pequenas e medianas granxas familiares e os proxectos agrarios biodiversos.
  • Excepcións no RD para as granxas de pequeno tamaño que practiquen a agricultura sustentábel e que empreguen métodos de aplicación tradicional dos estercos ou que estexan en zonas de alto valor natural ou que sigan prácticas agroecolóxicas en todo o seu conxunto.
  • Normas máis estritas para as granxas sen terra, restricións severas ao uso de lodos de depuradora e refugallos industriais e a consideración como SAU apenas das parcelas destinadas á alimentación humana e animal, nunca o eucalipto.

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

Propostas de mellora de Por Chantada-CUP ao anteproxecto de decreto polo que se crea a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.

 

No día de onte (11/02/2020) rexistramos as nosas Propostas de mellora de Por Chantada-CUP ao anteproxecto de decreto polo que se crea a Comisión Intedepartamental da Ribeira Sacra. O documento foi elaborado desde o Grupo de traballo para o Rural de Por Chantada, dependente da Comisión política.

Este novo ente, impulsado pola Xunta, visa, en teoría coordinar as políticas das diferentes administracións que se apliquen na Ribeira Sacra que, para o efecto se constitúe por concellos que ocupan máis de 10% da superficie da Galiza. Fronte ao BIC Ribeira Sacra, á declaración de Reservade Biosfera e á candidatura de Patrimonio da Humanidade preténdese harmonizar e elevar informes e demandas por parte das AA.PP.  Podemos sintetizar o documento das nosas achegas nos seguintes piares básicos que demandamos: pular por unha participación real da sociedade civil dos territorios implicados fronte ao actual modelo vertical, que exclúe e desouve sistematicamente aos “indíxenas”, polo que dificilmente a comisión pode atinxir os alvos fixados; e mellorar a eficiencia, a transparencia e o funcionamento democrático da Comisión.

 

Documentación (PDF):

Alegacións Por Chantada-CUP ao decreto de criación da Comisión interdepartamental da Ribeira Sacra

CT-decreto-comision-RibeiraSacra-gal

 

#ConstruírFuturo #PorUnInteriorGalegoVivo

Por Chantada eleva propostas de mellora ao anteproxecto de decreto da Xunta que regulará as directrices da paisaxe na Galiza.

 

Na pasada semana rexistramos Propostas de mellora e suxestións de Por Chantada-CUP ao Anteproxecto de Decreto polo que se aproban as directrices de paisaxe da Galiza. Tratábase dun documento moi complexo, asociado a un basto marco normativo e legal. No entanto, desde o grupo de traballo de medio rural, dependente da nosa Comisión política, considerabamos fundamental dar conta dalgúns aspectos que, en síntese, podemos enumerar do seguinte xeito:

  • Fixemos especial fincapé nas especies autóctones e en limitar severamente as especies alóctonas e pirófitas.
  • Apostamos polo mantemento e recuperación de SAU, xa que é vital para un interior e un rural vivos.
  • Limitar os privilexios das transnacionais fronte á cidadanía do común e que se estabezan pautas e normas, como mínimo, en igualdade e non con discriminación positiva para as grandes empresas enerxéticas e expoliadoras do territorio.
  • Ordenación autocentrada do territorio, da paisaxe e dos seus usos. Sempre desde a compatibilidade coa fixación de poboación e coa necesaria transición ecolóxica.

 

Podes consultar todas as achegas aquí (PDF): Propostas de mellora e suxestións de Por Chantada-CUP ao Antexproxecto de Decreto polo que se aproban as directrices de paisaxe da Galiza

#ConstruírFuturo #InteriorGalegoVivo

 

Por Chantada fai achegas á proposta de Orde para a Tarifa Xente Nova da Xunta.

No día de hoxe, desde Por Chantada-CUP rexistramos propostas de mellora e suxestións ao Proxecto de Orde pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta da Galiza, que podedes consultar aquí: IM-orde-tarifa-xentenova-gal.
O noso documento coidamos que conta con achegas moi salientábeis que, de seren aceites, mellorarían substancialmente o documento. En síntese:

  1. Consideramos que a Xunta da Galiza debería prever unha ampliación de idade para aqueles mozos e mozas que non poden cursar os seus estudos no seu lugar de residencia. Cremos que isto sería positivo para axudar a que parte desa mocidade, especialmente a que vive no rural, se manteña vinculada a el fomentando un interior galego vivo.
  2. Propoñemos que a Xunta da Galiza contemple convenios coas Administracións locais. Dese xeito, os Concellos poderían sufragar parte dos gastos ocasionados por eses estudantes universitarios que previamos na epígrafe anterior, de forma que, dun tramo tarifario superior, se puidese pasar a un inferior ou ao plenamente gratuíto. Isto permitiría que as axudas promovesen o transporte público e se adecuasen mellor aos desembolsos que teñen que realizar os mozos e mozas.
  3. Consideramos que o procedemento de reembolso da contía das viaxes previsto é sumamente confuso e pouco intuitivo para as persoas usuarias. Coa redacción actual, sería necesario acudir a un caixeiro da entidade financeira colaboradora para solicitar o reembolso das viaxes realizadas.Cremos que sería máis áxil que aos usuarios non se lles retirase o saldo da tarxeta cando realizan unha viaxe. Deste xeito, eliminaríase a necesidade de todo o proceso anterior e a intermediación bancaria.
Se quixeres ler as nosas propostas íntegras podes facelo premendo aquí (PDF): Propostas de Por Chantada-CUP ao anteproxecto da tarifa Xente Nova.
#Construírfuturo #InteriorGalegoVivo

Por Chantada apresenta recurso contra obras desenvolvidas con afán electoralista e sen crédito suficiente

 

Na sesión ordinaria do Pleno de Chantada do 3 de outubro de 2019 votamos en contra do Suplemento de crédito 5/2019, non apenas pola desfavorábel Fiscalización de Intervención, mais, sobretodo, por tratarse de 80.719,97€ (ponto 2º da orde do día) asociados ao Expediente G. 1021/2019. No mesmo recollíanse, unha serie de actuacións para as que non figuraba crédito, tratándose da súa maioría de obras e actuacións desenvolvidas en plena campaña electoral ou nas semanas previas, mediante o abuso da figura do contrato menor. Entendemos que concorren, entón, causas para declarar a nulidade de pleno direito do acordo e comezar un expediente para dilucidar responsabilidades.

A Fiscalización de Intervención 84/2019 de 24 de setembro conclúe que «a modificación formulada pode producir un incumprimento do plan económico-financeiro e incumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto. Ademais cabe sinalar cos gastos propostos realizáronse sen crédito adecuado e suficiente.». Neste sentido, o artigo 173 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL) ten o seguinte teor: «non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos autorizados nos estados de gastos, sendo nulos de pleno direito os acordos, resolucións e actos administrativos que infrinxan a expresada norma, sen prexuízo das responsabilidades a que haxa lugar».

Aínda que nese mesmo Pleno se decidira iniciar a privatización do SAF ou, posteriormente, se convocase un pleno extraordinario urxente avisándonos con 6 horas de antelación, acreditamos que o Goberno está sobrepasando nesta lexislatura todos os limites e barreiras, xa non só de carácter ético mais tamén legal. As facturas non se disponibilizaron no momento de convocar as comisións informativas previas ao Pleno, senón a posteriori polo que non se cumpre o disposto no ROF e concorre máis unha causa de nulidade de pleno direito.

Moitas das actuacións englobadas no SC 5/2019, como xa foi indicado, son actuacións desenvolvidas durante a campaña eleitoral ou nas semanas previas á mesma, polo tanto cun afán electoralista e contravindo as disposicións legais na materia, a comezar polas disposicións da Lei de Contratos do Sector Público (LCSP) sobre contrato menor, procedemento e fraccionamento. Concorren causas de uso partidario e eleitoral das institucións. Algúns exemplos:

• Empedrado praza de Santa Ana: 1.197,90€
• Restauración lavadoiro Lence en Requeixo: 786,50€
• Viloira (Requeixo): 2.274,80€
• Lavadoiro Sobreira: 302.50€
• Fonte de pedra en Vilanova (Laxe): 605€
• Muro de contención e lavadoiro en Xoanín (Laxe): 1,573€
• Obra en Riopedroso: 1.270.50€
• Santa Rosa (Sabadelle): 2.504,7€ (dúas empresas)
• Obra fonte Costoira: 3.696,55€
• Muro de pedra San Fiz: 7.707,70€
• Obra en Meixide (San Fiz): 1.687,95€
• Fonte A Sariña: 5,650,70€
• Lama das Quendas: 3.796,98€
• Accesos O Peto (Centulle): 1.343,10€
• Limpeza Cuqueira: 2.438,15€
• Accesos Camporramiro: 7.063,98€
• Barrio (Muradelle): 2.792,68€
• Casteda (Arcos): 1.849,97
Destrozo de camiño histórico feito con pedras do río en Belesar e limítrofe dun peto das ánimas e do Camiño de inverno, constituíndo per se un atentado ao patrimonio: 5.726,45€1.

 

Por estas e outras razóns, recollidas no documento apresentado, solicitamos a revisión de oficio do expediente e a súa nulidade de pleno direito, derivándose as responsabilidades ás que haxa lugar. Podes ler o documento íntegro aquí: Reclamación Por Chantada-CUP SC 5_2019.

 

Suxestións de mellora de Por Chantada ao proxecto de Decreto de turismo activo da Galiza.

Desde a Comisión política de Por Chantada-CUP elaboramos, a partir dun proceso aberto á participación, un documento con propostas de mellora ao Proxecto de Decreto de turismo activo da Galiza.  Na nosa proposta recollemos a totalidade das contribucións recebidas desde o pasado 5 de outubro.

Anexamos o documento orixinal e as nosas propostas de mellora:
#defenderAmaioría #ConstruírFuturo #UnidadePopularEnMarcha

Suxestións de mellora de Por Chantada ao proxecto de orde para regular horarios de abertura e feche dos estabelecementos na Galiza.

Ao rematar o prazo inminentemente, e após abrir un proceso de participación, desde a Comisión Política de Por Chantada elaboramos un documento con propostas de mellora ao Proxecto de orde pola que se determina o horario xeral de abertura e feche dos estabelecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas na Comunidade Autónoma da Galiza. Dita orde, desenvolve algúns aspectos da Lei 1072017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza. Entón, afecta ao horario de abertura e feche de todos os estabelecementos e regula os procedementos exepcionais para ampliación de horarios (competencia municipal).

Na nosa proposta recollemos a totalidade das contribucións recebidas desde o pasado 5 de setembro. Facemos especial fincapé na nosa demanda de que os estabelecementos de apostas fechen ás 00:00 horas e que se contribúa a que os concellos podan exercer as súas proprias competencias.

Anexamos o documento orixinal e as nosas propostas de mellora:

Alegacións á Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel.

 

No día de hoxe, Por Chantada-CUP vén de apresentar alegacións no período de exposición pública (1 mes apenas) ao documento da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta da Galiza para impulsar a Reserva de Biosfera Ribeira Sacra, serras do Oribio e Courel.

 

O documento, en PDF, pode consultarse aquí: Alegacións de Por Chantada-CUP á Proposta de Reserva de Biosfera Ribeira Sacra