Moción do grupo municipal Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular a prol da instalación nos colexios e institutos públicos de purificadores de ar HEPA.

 

Podes ler a nosa moción íntegra aquí (formato PDF): Moción Por Chantada filtros centros educativos

 

Por que apresentamos esta moción?

O curso 2020/2021 está desde o comezo marcado pola pandemía da COVID-19 e, en consecuencia, moitas AMPAs teñen mostrado desacougo e desconcerto en diferentes centros públicos do noso país pola actitude da Consellaría de Educación prohibindo ou pondo atrancos á instalación de purificadores de ar nos centros, a pesar de que,  tornarían as aulas máis seguras tanto para o alumnado canto para o profesorado. Desta arte, desde o grupo municipal Por Chantada-CUP, asumindo este desasosego da nosa viciñanza, dámoslle traslado ao Pleno da Corporación para que se posicione ao respeito á falta dun regulamento de participación viciñal que permitise canalizar a proposta ás proprias AMPAS.

Aproximadamente 80% dos contaxios da covid 19 son vía aerosois, fronte a 20% por fómites e superficies, como veñen divulgando dende hai meses expertos mundiais en aerosois. Por iso, o CSIC, máximo organismo científico do Estado, publica as súas recomendacións para a ventilación das aulas, baseadas nas investigacións máis rigorosas e punteiras, e seguindo a estela do protocolo de Harvard, propoñendo os HEPA como unha axuda indispensábel para mellorar a ventilación das aulas e baixar a carga vírica naquelas circunstancias nas que, por meteoroloxía ou contaminación ambiental (centros en rúas con moito tráfico, por exemplo), non é posíbel manter as xanelas abertas de xeito continuado. E, desde logo, a ciencia insiste na ventilación como punto chave, determinando que os espazos pechados, con pobre ou nula ventilación, agrupamento de persoas falando, cantando ou berrando e sen máscara, por espazo de tempo prolongado, son os escenarios de máximo risco de contraer a COVID-19. Os espazos fechados multiplican por máis de 20 o risco de contaxio e, entre estas contornas atópanse os centros educativos. En consecuencia, debemos utilizar un sistema de capas de protección combinadas (máscara, distancia, hixiene, ventilación natural por xanelas, filtrado de ar).

Amais, no edificio que alberga o Concello de Chantada existe unha problemática ligada ao gas radon. Sobre isto, xa alertamos no pleno ordinario de 8 de maio de 2017, através da Moción de Por Chantada-CUP para impulsar un estudo sobre a incidencia do cancro no Concello de Chantada e a adopción de medidas preventivas fronte a esta doenza. No Pleno ordinario de novembro de 2019 formulamos unha pergunta, xa que fomos coñecedores de elevadísimas medicións deste gas. A resposta foi que se ía arranxar cuns ventiladores.
A día de hoxe a situación non está solventada. Os filtros HEPA, porén, non son eficaces para gases, pasando unha das solucións, complementar da ventilación, pola instalación de filtros de carbón activo que protexan ás persoas traballadoras da casa consistorial.

 

 

Que demandamos concretamente?

1.- O Pleno da Corporación Municipal de Chantada demanda da Consellaría de Educación que permita o fornecemento aos centros educativos de equipos HEPA portátiles para engadir unha capa máis de protección fronte á transmisión da COVID 19, facéndose cargo da devandita instalación e subministro a propia Consellaría.

2.- Comunicar a aprobación desta moción, se for o caso, á Consellería de Educación e a todos os Grupos Parlamentares do Parlamento galego.

3.- O Concello de Chantada estudará a instalación de sistemas de succión e filtros de carbón activo na casa consistorial para lidara co gas radon. Asemade, promoverá campaña informativa sobre os perigos deste gas e instalará medidores en todos os edificios públicos da súa titularidade.

 

 

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

Resumo do pleno do día 18 de xaneiro

Por Chantada-CUP
Por Chantada-CUP

O pasado día 18 de xaneiro celebrouse un dos plenos máis importantes do ano, con 16 puntos na orde do día, entre eles os polémicos orzamentos cunha nova dedicación parcial de 4 horas para Diego Otero Veiga, pola que percibirá 24.070’28€ brutos (soldo máis Seguridade Social). Inicialmente prevíase que fose aínda superior. En todo caso foron moitas outras as cuestións que se trataron. Para veres o resumo íntegro preme en ler máis.

 

Consulta a convocatoria do pleno ordinario correspondente ao 18.01.2016 premendo no hipervínculo.

 

Seguir lendo