Valoración da asemblea de Por Chantada-CUP dos resultados das #municipais2019

Reunida a militancia e simpatizantes de Por Chantada-CUP, o pasado sábado, aprobouse, por unanimidade, a seguinte análise e valoración dos resultados das #municipais2019:

Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular non pode congratularse polos resultados, xa que supoñen máis catro anos de maioría absoluta de Manuel Varela, agora no PP, e a perda dunha oportunidade histórica para a mudanza que Chantada precisa. No entanto, fomos a forza que máis medrou en apoios (+8,25), obtendo 966 votos e o 18,56% dos apoios e ficando a 75 votos de obter o terceiro concelleiro e, con el, derribar a maioría absoluta. É o máis importante a nosa implantación social viuse amplamente reforzada permitindo encarar con optimismo o período 2019-2023.

Neste sentido, podemos parabenizarnos por sermos un revulsivo eleitoral e disputarlle a hexemonía a quen acumula xa 20 anos no poder con consecuencias perniciosas visíbeis para todo o Concello. As forzas tradicionalmente hexemónicas en Chantada obtiveron o pior resultado da súa historia e mesmo foron superadas polas forzas a prol do cambio en 279 votos. De feito, Manuel Varela, a pesar de traballar coa maquinaria ao 100%, obtivo os mesmos apoios practicamente ca en 2015 con Inta e cunha moi importante baixada se metemos na ecuación os que tiña o PP. Infelizmente, a lei eleitoral, novamente, agasallou coa maioría absoluta a Manuel Varela.

Compre lembrar que se partía dun cenario complexo e difícil por factores diversos:

  • dunha parte, Inta e o PP totalizaban 9 concelleiros e 60,75% dos apoio;

  • as forzas proclives ao cambio ían en exceso divididas, en tres candidaturas, co procedente de 2015, cando Inta obtivo a maioría pola lei eleitoral ao ficar o BNG sen representación;

  • o traballo e o labor de oposición non foi socializado todo o axeitadamente que cumpría;

  • as eleccións estatais e a coincidencia das europeas non eran o mellor cenario para unha candidatura veciñal e independente, aínda así podemos dicir que superamos as eivas cunha campaña preciosa, en positivo e centrada en propostas para construír futuro e mellorar Chantada;

  • desde xaneiro a nosa vila vive un apagón informativo, polo feche de Televinte, e as RRSS só chegan a unha parte da poboación sen termos aínda unha implantanción uniforme e axeitada nas 36 parroquias e tendo moi pouca presenza na imprensa.

 A aposta pola unidade popular que sempre defendemos, acreditando na pluralidade e na soma de continxentes diversos centrados na mellora de Chantada, revelouse máis unha vez como certa e aprezada por amplos sectores sociais, conseguindo ilusionar e consolidando un proxecto soberano, centrado nas veciñas e veciños de Chantada, cada día máis enriquecido, e con enorme potencial.

Por Chantada-CUP fixa como obxectivo atinxir a confianza dunha maioría social que nos permita acceder á alcaldía en 2023, para o que debemos mellorar a relación e comunicación coa cidadanía, mellorar a nosa implantación territorial e traballar, desde xa, en mellorar Chantada: propostas e alternativas que desenvolvan o noso programa, diálogo social, traslado das problemáticas da viciñanza ao Pleno e procura de solucións… Para todas estas tarefas, a asemblea elixiu, por unanimidade, unha Coordinadora que desenvolverá diferentes áreas de traballo e liñas de actuación para conseguir o noso horizonte estratéxico: a transformación do Concello para polo ao servizo da viciñanza rematando co abandono e as políticas de piloto automático que provocan o devalo do noso potencial e do noso territorio. En definitiva, non desfalecer e #construírfuturo.

Municipais 2015-2019: evolución resultados totais.

2019

2015

Diferenza

Partido

Votos

%

Concelleiros

Votos

%

Concelleiros

Votos

%

PP (+Inta)

2.428

46.65%

7

3.216

60,75%

9

– 788

– 14,1

PSOE

1.471

28.26%

4

1.194

22,55%

3

+ 277

+ 5,71

CUP

966

18.56%

2

546

10,31%

1

+ 420

+ 8,25

BNG

270

5.19%

224

4,23%

+ 46

+ 0,96

2019: último escano asignado PP. Candidatura máis próxima: CUP a 75 votos.