ACTO INFORMATIVO: Lembras cando comer unha troita era saudábel?

 

cartaz-acto-verquidos-20_01_2017-lixeiro

 

A nosa loita pola #auga e a calidade dos nosos ríos segue e removeremos Roma con Santiago se fai falta porque #EntreTodasConstruímosChantada:

1.- apresentamos alegacións ao expediente de vertido ao Enviande xunto coa Asociación de Viciños Torre de Arcos;

2.- instamos ao concello a estudar o expediente e alegar (pasaron de todo coma sempre);

3.- participamos nun acto conxunto do PSOE para informar a veciñanza da parroquia de Arcos;

4.- denunciamos ao Seprona os vertidos ao Asma;

5.- solicitamos perante a Xunta unha nova depuradora para Chantada a través da deputada galega Paula Vázquez Verao;

6.- e agora impulsamos un acto con representantes en diversos niveis, desde a eurodeputada Lídia Senra até a veciña e ex-concelleira Olga Otero;

etc.

Mentres tanto o concello non só olla para outro lado senón que mesmo nos denegou o permiso para poder empregar o interior do muíño da Alameda, que se suma á negativa de cedernos un local para reunirnos como grupo municipal (a Inta si que se lle cedeu cando estaba na oposición).

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

logo-por-chantada

 

Moción de urxencia de Por Chantada – CUP para instar ás administracións locais da Ribeira Sacra a tomaren medidas para acoller a persoas refuxiadas

A continuación incluímos a moción de urxencia que presentamos e que foi rexeitada polo grupo do Goberno INTA, que se amparou nunha proposta xenérica do partido político Podemos para incluír a Chantada na rede de concellos solidarios. Aínda que nos alegramos nesta medida, consideramos que a nosa iniciativa era moito máis ambiciosa e publicámola aquí para quen teña interese (ver en pdf aquí a nosa moción: moción siria 4):

Siria

Exposición de motivos:

O pobo galego, tamén as parroquias do espazo coñecido como Ribeira Sacra, temos unha longuísima e dramática historia de migracións, desde a primeira emigración a América até o actual éxodo da mocidade máis preparada, pasando polo dramático exilio do 36.

É por iso que a nosa sociedade se identifica co drama das persoas refuxiadas que estamos a vivir, que ten como causa fundamental a guerra. A guerra como causa da fame, da destrución, da xeración de milleiros de persoas refuxiadas en Afganistán, no Sahel ou en Siria.

Nas sociedade modernas, a guerra responde a unhas motivacións económicas claras que no caso de Oriente Próximo se relacionan coa xeopolítica da enerxía e, nomeadamente, do petróleo. En marzo, a guerra de Siria cumpría 4 longos anos e o pobo sirio están exsangüe. Turquía, Arabia Saudí e mesmo os Estados Unidos de América e a Unión Europea alimentaron, directa ou indirectamente, o monstro da Organización para o Estado Islámico (OEI).

En consecuencia, Europa está recibindo milleiros de persoas refuxiadas que se encontran con todas as portas fechadas, cando non encontran a morte na fuxida. Porén, é Europa quen, historicamente e na actualidade, é en grande parte causante do drama humano e da situación de caos permanente en que viven eses estados do Medio Oriente.

Europa, que na retórica, segue a presumir de democracia e dereitos humanos, é directamente responsábel: pola venda de armamento, polo o apoio a réximes ditatoriais e polo saqueo ao que os oligopolios someten eses territorios.

Ademais, existe un mecanismo para evitar os problemas sobre a carencia de documentos de identidade, o pasaporte Nansen, que até 1939 se lle concedeu a 450.000 persoas refuxiadas. Europa non ten ningunha escusa para non aplicar unha medida semellante.

Como representantes públicos e demócratas que acreditamos nas resolucións das Nacións Unidas sobre dereitos humanos, refuxiados e dereito ao asilo non podemos ficar á marxe dunha cuestión que afecta a milleiros de seres humanos. Facelo sería carecer da empatía que nos fai precisamente humanos e instalármonos na barbarie do darwinismo social, antesala para o fascismo.

Nos concellos pertencentes á mancomunidade de turismo da Ribeira Sacra é imprescindíbel a colaboración entre pequenas entidades e de pouca poboación para estabelecer medidas eficaces de axuda e apoio aos refuxiados, así como as situacións de emerxencia social en xeral da nosa veciñanza, pois non se trata de campañas altisonantes nos medios de lavado de conciencia senón de desenvolvermos políticas eficaces contra a exclusión e a desigualdade crecente. Trátase de loitar contra as periferias próximas e afastadas en aumento que crea un sistema económico profundamente desigual e que xera cada vez máis tensións e contradicións no seu seo.

Proposta de ACORDO:

1.- Instar ás diferentes administracións locais do Consorcio de Turismo (en breve, mancomunidade) da Ribeira Sacra a que deseñen medidas específicas para a acollida de persoas refuxiadas en colaboración coas organizacións da sociedade civil; entre ditas medidas, que os concellos elaboren inmediatamente un censo de infraestruturas municipais con capacidade para acoller a persoas refuxiadas e en risco de exclusión social.

2.- Instar á Deputación de Lugo e á Deputación de Ourense, por contar con recursos e infraestrutura, a colaborar na recepción de 500 persoas refuxiadas no territorio denominado como Ribeira Sacra.

3.- Instar á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a aumentar a cota de acollida de persoas refuxiadas até, polo menos, a 5.000 e a 50.000 persoas respectivamente (facendo un esforzo maior as CC.AA. con menor presión migratoria).

4.- Instar á Xunta de Galiza a sacar unha liña para habilitación de lugares abandonados na contorna rural para as persoas refuxiadas que se amplíe progresivamente ás persoas en situación de exclusión social e permita, xunto con outras medidas, fixar poboación nestes territorios.

5.- Instar ao Goberno Central, á Xunta e ás Deputacións de Lugo e Ourense a aumentaren as transferencias extraordinarias aos concellos de acordo co esforzo de acollida, tendo en conta tanto a súa dimensión demográfica como a súa capacidade orzamentar.

6.- Aprobar unha modificación de crédito urxente na partida orzamentar (231.489.00) para a cooperación internacional, co gallo de destinar á axuda humanitaria internacional o 2% dos ingresos do concello de Chantada (108.293.107€) e que se xestione desde un Fondo de Cooperación Internacional (FCI) onde participe a sociedade civil que o desexe e extensíbel ao conxunto dos concellos da mancomunidade turística da Ribeira Sacra, que desexen sumarse a esta iniciativa.

7.- No inmediato, empregar esa partida para as continxencias asociadas á manutención, aloxamento e inserción de, como mínimo, 50 persoas refuxiadas en colaboración coa Cruz Vermella e outras institucións da sociedade civil que desexen involucrarse.

8.- Solicitar á area de vivenda en Lugo que as 5 vivendas que hai no Cantón por adxudicar e que levan sen ocupar dende que se fixeron, hai xa máis dun lustro, se destinen para acoller a refuxiados.

9.- Instar ao Estado español á trasladar á Unión Europea e á ONU o estabelecemento dun documento análogo ao pasaporte Nansen ao que podan acollerse os máis de dez millóns de apátridas que existen na actualidade en todo o mundo.

10.- Instar ao Estado español e a Unión Europea a prohibir a fabricación, importación e exportación de «concertinas» ou arame farpado que a empresa con sede no Estado español, European Security Fencing, está exportando para Hungría, Ceuta e Melilla e que conteñen unhas coitelas mortais, especialmente no modelo «concertina 22».

11. Condenar rotundamente as intervencións militares e inxerencias imperialistas en Oriente Medio e norte de África, causas directas do drama da oleada de persoas refuxiadas de 2015.

Siria refuxiados

Para que e para quen pagan impostos os traballadores de Chantada?

 

 

Informe de Por Chantada-CUP sobre a conta do concello de 2014

para que remate esta vergonha

En que se gastan os cartos no concello de Chantada? A que se destinan os impostos dos traballadores e das traballadoras do país do Faro? Canto se destina a políticas sociais e canto a débeda pública? No seguinte informe tentaremos dar resposta a estas e outras cuestións, aínda que se fixeron isto estando en minoría que podemos esperar a agora que teñen a maioría absoluta do pleno? Chantada ten un problema. [Descarga o pdf do informe aquí: Informe de Por Chantada-CUP sobre a conta do concello 2014].

0. Introdución

Onte, 31 de agosto, ás sete da tarde celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Comisión Especial de Contas na alcaldía, pola que cada concelleiro percibe 60€ por asistir. O único punto da orde do día era o “Informe da conta xeral de 2014“. Todos os grupos agás INTA reservamos o voto para o pleno, polo que a comisión contou con 4 votos a favor (faltou un membro da comisión de INTA) e 4 abstencións. Agora ábrese un período de exposición ao público durante 15 días e 8 máis para reclamacións antes de aprobarse no pleno.

O Informe da conta xeral 2014 contén información sobre a totalidade dos gastos e dos ingresos do Concello de Chantada durante o exercicio 2014, así como outra información de utilidade.

Sorprendeunos xa de inicio que o interventor, José Ferreiro Fernández, tentase aprobar as mesmas sen ningunha cuestión ou debate (que poderíamos formular noutro momento). Como xa intuíamos ao ver o informe trátase dun funcionario cuxa neutralidade é máis do que discutíbel e no desenvolvemento da sesión quedounos claro que o denominado “cacharrismo” ten unhas bases nunha burocracia e nunha casta política que se beneficiou amplamente dos métodos caciquís. Durante máis dunha hora e media estivemos formulando cuestións sen obter ningunha resposta concreta da persoa responsábel da elaboración das contas do concello e reducindo todo a unha “cuestión técnica”, como noutras escalas fan os burócratas do Dr. Schäuble.

Por se isto fose pouco, no pleno de xuño enumeramos unha serie de cuestións de índole económica, para que constasen en acta, e non recibimos resposta da intervención, cando o 14 de setembro de celebra un novo pleno ordinario e as cuestións formuladas nun pleno deben contestarse no seguinte por lei. Hai, xa que logo, motivos máis que suficientes para dubidar da imparcialidade do titular da intervención do concello e da súa belixerancia partidaria a favor de INTA (chegando a empregar mesmo a primeira persoas do plural ao referirse a decisións e medidas políticas do alcalde Manuel Lorenzo Varela).

A única alternativa que se nos deu para obter algo máis concreto (“se a carga de traballo llo permitía”) era enviarlle as cuestións por mail, aínda que non “poden” contestalas por esa vía senón mediante un “informe”. Está claro que non hai vontade de como funcionario público sustentado polos impostos de todas e todos os chantadinos responder as demandas de información e transparencia dos representantes da cidadanía.

Segundo a Lei 7/2007 do 12 de abril do Estatuto Básico do Emprego Público, a imparcialidade, a obxectividade e a profesionalidade no servizo garántense coa inamovibilidade na condición de funcionario de carreira, de aí que cando existe belixerancia política e parcialidade se perda a devandita condición. Os artigos 52, 53 e 54 son aínda máis claros a este respecto. A non observancia dos principios ten a consecuencia da perda da condición de funcionario regulada, nomeadamente, nos artigos 63 e 66.

Canto á verba oca dos tecnócratas e a apoloxía apolítica da tecnocracia temos claro que a oligarquía e os segmentos sociais favorecidos polo status quo venden a promesa demagóxica ás clases medias dunha reestamentalización da sociedade civil onde a disputa de clases non existe, onde as eleccións non poden modificar nada (e moito menos deter a brutal e salvaxe transferencia das rendas do traballo ás rendas do capital) e onde o partido-único (aínda que se presente con varias siglas) é o da austeridade que ofrece “estabilidade” e “recuperación”.

Non difire moito a situación en Chantada onde a dereita vende unha mellora da situación e un optimismo entenrecedor que só pode responder a dúas cousas: ou a unha ausencia total dos mínimos rudimentos da economía política e capacidade de análise do mercado mundial e da gaiola de ferro do euro –e aínda da situación concreta dos sectores produtivos da comarca–; ou a un egoísmo atroz onde o beneficio propio e o “sálvese quen poda” é a verdadeira “regra de ouro” e non a estabilidade orzamentar. A disxuntiva non é excluínte, senón que sospeitamos que mesmo pode retroalimentarse.

Coa cesión de soberanía recadatoria á Deputación a partir do 1 de xaneiro de 2015 e a ratificación dun plano de axuste co Ministerio de Facenda Chantada é xa un concello intervido onde a súa soberanía local é, cada vez máis, un espellismo. Iso si, unha minoría benefíciase amplamente da situación, chegándose en tempos incluso a aboar por parte do concello os xuros das hipotecas de certos funcionarios que pagan os cidadáns cos seus impostos a escote.

Ao longo da análise das contas de 2014 queremos transmitir aos cidadáns e cidadás que teñan interese en que se gastan os cartos do concello e para que e quen paga impostos a clase traballadora de Chantada.

A modo de síntese deixámosvos os seguintes cadros:

CADRO I: gasto social versus gasto en débeda máis amortización da débeda anticipada (cartos para os bancos)

Gasto social

74€ por habitante

Gasto débeda

141,98€ por habitante

Gasto persoal

255,06€ por habitante

CADRO II: distribución das principais partidas do gasto do concello en 2014

Concepto

Gasto en 2014 (en €)

Porcentaxe do ingreso 2014

Débeda Pública e amortización da débeda antecipada

1.124.422€

22,42%

Concesionarias (Viaqua, Sogama, Ascan)1

559.000€

10,32%

Gasto persoal

2.181.568, 06€

40,29%

TOTAL % de ingresos do concello

73,03%

Podemos afirmar entón que o concello de Chantada destina os impostos das traballadoras e dos traballadores do país do Faro fundamentalmente ao pago aos bancos e ás grandes empresas que viven de parasitar o público. Politicamente, INTA é o partido dunha minoría da poboación con altos recursos económico, cunha especial relevancia da burocracia que recolle boa parte dos funcionarios públicos do concello.

Mudar o concello é, pois, mudar o Partido, que goberne a maioría social, o pobo traballador, e non unha elite que só vela polos seus intereses, tal e como se reflicte nas políticas desenvolvidas e na propia análise do gasto e do ingreso municipal. Chantada ingresa máis de 5.000.000€ cada ano, hai que preguntarse se a xestión actual é eficiente e axuda a paliar a grave crise social e demográfica ou se a agrava.

1.- Valoración xeral da composición das contas

Parécenos que sería mellorábel a distribución dos gastos, xa que se tende a concentrar nalgúns capítulos todo na administración xeral deixando as restantes partidas sen cumprimentar. A falta dun desglose maior e claridade nos conceptos é unha fórmula para opacar as contas. Se aínda por riba non se contesta a nada en concreto cúmprese co que se pide desde as administracións superiores, mais faise terribelmente difícil fiscalizar o desenvolvemento das contas do Goberno. Aínda así, e como se exporá, abonda o que se especifica para ver as orientacións xerais e prioridades deste goberno.

Na memoria tampouco hai referencia algunha aos compromisos adoptados no plano de axuste nin mención algunha da análise técnica dos orzamentos. Por outras palabras, preséntanse números sen contextualización de ningún tipo e preténdese que sexan aprobados sen maiores explicacións. Realismo máxico.

Tampouco se especifica o gasto e o vencemento das concesións a Viaqua, Sogama e Ascan que, segundo a nosa análise das contas, absorben en total 559.000€, un 10,32% do que ingresou o concello nese mesmo ano de 2014. Non se debe esquecer que no caso de Viaqua a concesión fíxose por 30 anos e que existen indicios de ilegalidade na mesma, investigados pola xuíza Pilar de Lara e remitida agora a investigación, pola dimensión da trama, á Audiencia Nacional.

Tampouco se indica a porcentaxe de execución dos orzamentos, só se indica a porcentaxe dos cobros pendentes, coa que encriptadamente se xustificou e xustifica a intervención do concello desde a Deputación de Lugo (coa escusa de que se melloraran os ingresos porque cobrará os impostos directamente a Deputación e logo cederallos aos concellos). O que, evidentemente, si se alivia é o traballo da intervención que vendo os informes recentes e comparándoos cos de anteriores titulares da área é máis ben discreto ultimamente.

É cando menos curioso que após tantos anos de alegría e esvanxamento desde as diversas institucións sexa agora, no tempo da austeridade e o reinado dos bonistas e rendistas (que se vingaron de Keynes folgadamente), cando chegue a onda de ceder a recadación dos concellos ás deputacións, organismos dependentes do Estado central. Nun futuro non moito distante será un instrumento para facer pagar as débedas e transferir recursos da administración local sen importar se se atenderon ou non as necesidades dos cidadáns?

Por outra banda, botamos en falta que se continúe sen facer ningún estudo, por frugal que sexa, da calidade dos servizos, o seu impacto económico e as alternativas de xestión pública directa que están en Francia e en moitos concellos do Estado na orde do día, nomeadamente no tema da auga.

Tamén debería subsanarse a deficiencia de que non levar unha contabilidade que permita extraer datos individualizados a respecto do custe dos servizos públicos. Porén desde Europa obrigan a facelo e xa vai entrar en vigor en novembro deste ano, aínda que a actual intervención falou de aplicalo a partir de 2016.

A pregunta de porque a execución dos proxectos de gasto con financiación afectada non foi desenvolvida na contabilidade de forma independente resolveuse por parte do titular da intervención co circunloquio de que precisa un módulo de contabilidade complexa. Algo así como que para traballar no campo hai que saber empregar a ordeñadora e o tractor cos seus diferentes apeiros…

Figura tamén unha subvención da AEDL do ano 2014, concedida pola Consellaría de traballo e benestar, cuxo importo ascende a 27.081€ dos que 7.988,90€ non se xustificaron. A explicación que se nos deu desde a intervención é «mirámolo» e tampouco o Goberno se pronunciou polo que mesmo podería ser que dita subvención se perdese por non xustificarse en prazo e forma. Solicitaremos explicacións, aínda que vistos os precedentes non agardamos explicacións convincentes nin satisfactorias.

No tocante ás subvencións, sería lóxico facer unha ordenanza reguladora para conceder as subvencións con normas claras, documentación homoxénea, baremos con puntuacións claras que garantan a transparencia na concesión, a igualdade e a progresividade segundo o seu impacto cultural, social e/ou económico.

Preguntamos se en 2016 se van manter as mesmas contías para todas as subvencións vixentes e respondeunos Manuel Lorenzo Varela que, como mínimo se manterán todas, e que tentarán mellorar algunhas (fútbol e baloncesto) e crear algunha nova (para o campionato estatal de montaña, mais que terán que estudar en todo caso).

As subvencións da Asociación de alcohólicos, El Enjambre, Alzeimer e Cruz Roja aparecen asociadas na memoria a unha partida que na liquidación aparece en branco, dotada con 0€. A partida 231 de Acción social aparece no desglose dos gastos coa contía de 32,67€ na partida específica de “outros suministros” (o mesmo que a de Promoción Social 232 con 0€ e asistencia a persoas dependentes con 0€) e o mesmo a partida orzamentar específica á que se asocian a 48.900. Magnífico traballo de corta e pega e máis un indicio das “prioridades” do “partido”.

Do punto de vista da lectura política e xa non da fasquía técnica outro exemplo das “prioridades” do Goberno que salientamos son os 3.000€ que se gastan en emerxencia social (partida orzamentar 230.489.00), unha cantidade menor dos máis de 4.000€ que gasta en combustíbel a policía local (partida orzamentar 132.221.03) ou dos máis de 5.000€ en produtos de limpeza na administración xeral (partida orzamentar 920.221.10). Por non falar dos máis de 24.716.46€ que se gastaron en teléfono na administración xeral do concello (partida orzamentar 920.222.00) e outros moitos exemplos que poderíamos seguir enumerando (comidas, atencións protocolarias, etc.).

Con isto o que queremos dicir é que ao tempo que se vende boa xestión e que todo vai ben a realidade é que hai un goberno con escasa ou nula sensibilidade perante a situación de emerxencia social de moitas veciños e veciñas. Cando temos máis dun 30% da poboación en situación de exclusión social, segundo diversos informes, o concello de Chantada é o segundo do sur da provincia de Lugo que menos destina ao gasto social por habitante (74€), situación que Manuel Varela xustificou en que a Xunta se fai cargo do centro de día e da gardaría e que «se non se gasta máis ao mellor é porque non fai falta máis» (sic.). A orquestra do Titanic toca ollando para a popa coa proa a toda vela rumo ás rochas.

2.- Balance de situación

Comezamos por inquerir porque non se explicita o patrimonio neto, que resulta de restar ao activo o pasivo. Contéstase que se fai na conta 100.

Tamén se, de acordo co plano de pago a provedores, estas contas non poñen en dúbida a capacidade do concello facer fronte aos compromisos adquiridos, cunha autofinanciación mermada que se obriga a reflotar desde Facenda con impostos de nova creación e que son sempre regresivos, polo que a carga fiscal maior recae sobre as clases populares2.

Volvemos aos trabucos e aos foros, só que hoxe non para os fidalgos senón para os etéreos mercados, as empresas do capitalismo de amigos politicamente promíscuos do Estado español e a burocracia colaboradora coa oligarquía. Esencialmente, o 1% máis rico da poboación mundial e, concretamente o 0’1% superior, tal e como analizou brillantemente Piketty no seu libro O capital no século XXI3.

A resposta, melancólica certamente, foi por parte do interventor que Manuel Varela sempre tivo vontade de baixar os impostos, aspecto que o titular da alcaldía ratificou. Mágoa que os cidadáns non lles sirva esa “vontade” para liberarse de cada vez máis impostos e pagos en canto ven decrecer os seus ingresos. Novamente, o funcionario recorreu ao circunloquio e a tratar a oposición como imbéciles reducindo todo a “cuestións técnicas”. Impresentábel. Se se crean novos impostos e estes suben hai que indicalo e punto, igualmente que hai que indicar outros impostos aos que se comprometeu con Facenda este goberno e que aínda non aplicaron por desleixo, como mesmamente se recollía por parte da intevención na documentación relativa á dación de conta de Informe de seguimento do Plano de axuste do primeiro trimestre de 2015.

Manuel Varela defendeu tamén que o seu Goberno durante 4 anos non fixo ningunha execución de crédito alén do pago a provedores que é como se un Estado rescatado di que só foi intervido unha vez e agora se dedica a cumprir cos “acredores”. Segundo o titular da alcaldía van tocarlle ao IBI e reducilo, se vén a autofinanciación en 2014 –segundo a intervención– si requiriu unha suba de impostos para equilibrar gastos e ingresos.

3.- Conta do resultado económico-patrimonial

O aforro que se apresenta foi explicado polo secretario do concello, pois tamén é interventor aínda que non exerza como tal en Chantada. Resulta de exercicios anteriores (797.420,24), xa que non hai un resultado positivo no presente exercicio, senón o contrario.

4.- Débeda pública: traballar para o inglés

Preguntamos tamén a canto ascendía a débeda pública do concello, mentres dous concelleiros do grupo de goberno continuaban cunha “comisión” paralela que durou toda a actuación. A resposta novamente foi bastante contraditoria, dando cifras diferentes e aproximadas desde o Goberno (3.300.000) e desde a Intervención (3.500.000). En todo caso, Manuel Lorenzo Varela salientou que non era un dato da conta de 2014 senón referido ao presente e que, en consecuencia, non viña a conto.

Os últimos datos que nós manexamos dan unha cifra de 3.761.000€, ou sexa 439,72€ por habitante e aproximadamente o 70% do ingreso promedio do concello (a diferenza dun Estado nos concellos a magnitude do PIB non se pode empregar por razóns obvias)4.

A tentativa de imputar esta débeda a unha suposta “herdanza” xa a desmontamos no seu momento cun informe na nosa páxina onde anexamos a acta dun pleno onde se recollen as débedas deixadas por Manuel Varela e as que este recibiu cando volveu á alcaldía. Dificilemente se pode falar de “herdanza”, copiando o discurso do PP sobre Zapatero –cando Rajoy situou a débeda pública do Estado español en 1’2 billóns de euros que farán inevitábeis novos “axustes” coa troika ao pasar as eleccións estatais–, cando Manuel Varela e o seu “Partido” –ora PP, ora INTA– gobernaron Chantada ininterrompidamente agás dous breves lapsos temporais. Porén, demostramos con datos que é rotundamente falso.

No ano 2014, Chantada destinou 780.874,44€ ao pago de débeda pública, o que supón 91,29€ por habitantes e representa máis de 14% do total dos ingresos do concello. Nun concello coma Chantada 780.874€ son unha cantidade que podería resolver importantes déficits en políticas sociais, infraestruturas e un longo etc. e que están indo para os mesmos bancos que a partir de 2008 rescatamos cos nosos impostos. E están indo para os bancos porque houbo unha xestión irresponsábel do público, de orzamentos irreais e gastar máis do que efectivamente se recadaba (algo que aínda segue acontecendo). Ademais, se lle sumamos a amortización da débeda antecipada (8% do ingreso de 2014) os bancos recibiron 22’42% do ingreso do concello en 2014, un gasto de 141,98€ por habitante que contrasta cos 73€ que se destinan ao gasto social. En total, os bancos recibiron 1.124.422€, cantidade que pode mesmo ser maior xa que non computamos algunha partida orzamentar menor como a 330.352.00 (xuros de demora por valor de 1,259,58€ na Administración Xeral de… Cultura!!!) ou os xuros por non pagar en prazo da Administración Xeral de vivenda e urbanismo que ascenden a 79.379,60€ (partida orzamentar 150.352.00).

Actualmente, o concello paga pola débeda contraída polo Plano de Emprego a Provedores unha taxa de xuro do 4,08%, segundo Manuel Varela. Aínda que anunciou que a partir do 31 de marzo do vindeiro ano só pagará unha taxa do 1’35% o cal entende como unha magnífica noticia. Creamos os problemas, ofrecémoslle as solucións5. Asemade, anunciou que non ten prevista ningunha operación de tesouraría, aínda que podería facelo até 75%.

5.- O resultado orzamentar axustado

O resultado orzamentar forma parte do Estado de liquidación do orzamento e representa o resultado da execución do orzamento. Trátase da diferenza entre a totalidade dos dereitos orzamentares netos liquidados no exercicio e as obrigas orzamentares netas recoñecidas no mesmo período (2014 neste caso). O resultado final indicará se enes ano os recursos orzamentares obtidos son maiores ou menores que os gastos orzamentares do ano.

No 2014 este resultado orzamentar é de -783.378,88€ que, cos pertinentes axustes (créditos gastados financiados con remanentes de tesouraría e desviacións de financiación negativas do exercicio no caso que nos ocupa) fica en -424.910,79€.

Xa que logo o concello gastou 424.910, 79€ dos que non dispuña en 2014 de acordo cos seus ingresos e coa xestión desenvolvida. Isto significa que a situación financeira ten que correxirse, xa que os dereitos recoñecidos son insuficientes para atender ás obrigas xeradas por este Goberno, co agravante que non se destinan a paliar a grave crise económica e social do noso concello e a procurar alternativas, mais, fundamentalmente, a alimentar unha casta que se autorreproduce e que vive dos impostos de todas e todos.

É máis, o Goberno de INTA é incapaz de cumprir o compromiso da estabilidade orzamentar, a “regra de ouro” da troika, ao que se amolloou ao subscribir o Plano de pago a provedores (que tivo que subscribir por ter innúmeras débedas con estes por unha deficiente xestión onde sistematicamente se gastaba máis do que se ingresaba).

Preguntámoslle ao interventor que valorase que consecuencias a curto, medio e longo prazo ten para o concello este feito, especialmente de acordo co artigo 11 da LOESPE e coa Lei 27/2013 de racionalización e sostenibildiade da administración local. A resposta do interventor foi «estudiarémolo»6.

Preguntámoslle ao Goberno que medidas concretas barallas aplicar para correxir este desfase, así como a súa tradución en recortes nos vindeiros orzamentos e en que capítulos. Pola resposta, no mellor dos casos, podemos intuír que serán uns orzamentos de continuidade caracterizados pola improvisación e por ir saíndo do paso sen tocar o “fundamental” para o “Partido”. Esperamos equivocarnos.

Queremos concluír esta exposición cunha recapitulación: un concello gobernado durante máis de 40 anos cáseque polas mesmas familias políticas da dereita local encóntrase na seguinte situación en 2014:

a.- gasta 400.000€ máis do que ingresa (débeda que teremos que pagar cos nosos impostos). Hai que reparar que os máis de 700.000€ que hai de diferenza entre as obrigas recoñecidas netas e os dereitos orzamentares netos son equivalentes aos máis de 700.000 que se destinan a débeda pública, polo que o círculo retroaliméntase esixindo axustes cada vez máis draconianos para axustar as contas se non se lle pon remedio á situación. A opción de ceder á Deputación de Lugo a recadación do concello é a vía libre para que o Estado central “garanta” que as obrigas coas entidades de crédito e coas “reformas” se antepoñan a calquera outra consideración, por descontado ao interés xeral e ao benestar das veciñas e veciños do concello.

b.- de cada 10 euros que ingresa destina:

2’2€ aos bancos

1€ a Viaqua, Sogama e Ascan

4’2€ a gastos de persoal (somos conscientes de é inxusto meter a todos os funcionarios no mesmo saco, pois nin todos contan con privilexios nin é correcto asociar coa nugalla a moitos deles, si a unha parte da que máis ou menos o cidadán medio é consciente sen que enumeremos aquí pormenorizadamente).

Quedan 3€ para alumeado público, para escolas deportivas, banda de música, políticas sociais, cultura, festexos e festas…

Moi groseiramente podemos dicir que de cada 10€ que ingresa o concello de Chantada, máis de 7 son para o “Partido”e as súas redes clientelares e bastante menos de 3 para o 90% restante da sociedade. Isto non se pode mudar da noite para a mañá nin simplemente gañando unhas eleccións, aínda que conformar unha nova maioría política é determinante para inverter a tendencia.

6.- En que outras cousas gasta Chantada o que ingresa?

Código

Concepto

Cantidade (en €)

Porcentaxe

011

Débeda Pública

780.874,44

14%

132

Policia Local

281.558,98

5,19%

134

Protección Civil

45.393

0’838%

135

Brigada de Incendios

33.270

0’614%

150

Administración Xeral de Vivenda e urbanismo

695.285,84

12,84%

151

Urbanismo

61.777,36

1’14%

152

Vivenda

12.443,83

0,229%

155

Vías Públicas

631,30

0’011%

161

Auga

52.290’95

0’965%

162

Recollida e tratamento do lixo

572.338,67

10’57%

165

Alumeado Público

447.078’88

8’25%

170

Administración Xeral de Medio Ambiente

465’60

3’304%

179

Outras relacionadas co Medio Ambiente

10.862’53

0’2%

230

Administración Xeral Servizos Sociais

484.609’78

8’949%

231

Acción Social

32’67

0’0006%

233

Asistencia a persoas dependentes

0

0

241

Fomento do emprego7

200.045’89

3’69%

311

Amortización débeda antecipada

433.547’87

8%

320

Administración xeral de educación

79.692’81

1’47%

321

Prescolar

177

323

Promoción Educativa

444’91

0’008%

330

Administración Xeral de Cultura

185665’77

3’42%

332

Bibliotecas e arquivos

0

0

338

Festas Populares e festexos

152.424,51

2’815%

340

Administración xeral de deportes

379.672’36

7’011%

341

Promoción e fomento do deporte

0

0

342

Instalacións deportivas

0

0

410

Administración xeral agricultura, gandeiría e pesca

708

0’01%

420

Administración xeral de industria e enerxía

0

0

430

Administración xeral de comercio, turismo e PEMES

36.860’15

0’680%

432

Ordenación e promoción turística

0

0

450

Administración xeral infraestruturas

48.703’92

0’899%

454

Camiños veciñais

0

0

912

Órganos de goberno

67.982’30

1’255%

920

Administración xeral

954.239’77

17’623%

A súa vez cada partida contén no seu interior pequenos paquetes (partidas orzamentares) onde se van acumulando as facturas correspondentes. Por exemplo, se queremos saber o que gasta o concello en combustíbel debemos ir procurando este concepto nas diferentes partidas:

Gasto en combustíbeis do Concello de Chantada (2014)

Protección Civil

2.272’84€

Brigada de incendios

480€

Alumeado público

4.120’53€

Parques e xardíns

15.795’97€

Administración xeral de deportes

53.579’29€

Administración xeral de infraestruturas

9.802’42€

Policia Local

4.006’10€

TOTAL

90.057’15

1Gasto aproximadado, xa que as cantidades exactas non nos foron fornecidas por pate da intervención alegando descoñecemento das mesmas. Fundamentalemente, fixámonos nalgunhas partidas, aínda que previsibelmente se nons pasan por alto outras que non computamos, por exemplo o 3,5% que Aquagest recibe de comisión pola recadación do lixo ou os 3.000€ que recibe pola limpeza da rede de pluviais. Só estes dous conceptos supoñen máis de 10.000€ cada ano, máis de 300.000€ nos 30 anos de concesión concedidos por Manuel Varela en 2007 para atinxir o máximo legal dunha concesión (50 anos) e cun informe desfavorábel do secretario do concello por outorgar unha obra desas dimensións (a da rúa Xoan XXIII) sen concurso público. Xa que logo, a concesión realizouse en fraude de lei e está sendo investigada dentro da trama Pokemon como recollemos unha moción que presentamos para o pleno do 14 de setembro.

2No imposto regresivo paga o mesmo (realmente paga a proporción moito máis) o que non dispón de ingresos ou ten ingresos baixos que o que conta cun ingresos altísimos. Un exemplo de imposto regresivo é o IVE. Nos impostos progresivos, como o seu nome indica, a cotización varía segundo o tramo de renda en que se encontre o cidadán, pagando máis ou menos dependendo dos ingresos con este conte. No entanto, coincidimos con Thomas Piketty, pois a historia demóstrao unha e outra vez, cando indica que «a hstoria do imposto progresivo ao longo do século transcorrido suxire que o risco de desviación oligárquica é real (…). Foron as guerras as que levaron ao xurdimento do imposto progresivo, non o xogo natural do sufraxio universal» [Piketty, 2014: 572].

3O cal non exime a obra de ter erros clamorosos, como obviar a contradición capital-traballo e outras contradicións do capitalismo. Adoita acontecer cando os cantos de serea da academia moderna esquecen ou desbotan a totalidade da análise marxista.

4Tomamos como referencia para a poboación os datos do INE, 8.553 persoas e para os ingresos o dato que ofrece a propia conta xeral de 2014 (5.414.655,33€).

5Non está de máis lembrar que cando se subscribiu o devandito Plano non se coñecía sequera a taxa á que a banca privada ía cobrarlle os cartos prestados aos concellos (cando o normal é que os prestase o Estado e a que a estes llos cedes o BCE, mais o BCE ao ser “independente” dedícase a fornecer liquidez á banca privada ao 1% para que logo esta lla preste aos estados ao 4, ao 5 ou a máis do 7%).

6As consecuencias varían desde a intervención por parte do Estado central nos casos máis graves até o máis común que é obrigar a sucesivos planos de axuste até cadrar as contas e onde o que queda polo camiño adoitan ser os servizos sociais e os servizos públicos en xeral. Ese 30% que aínda non absorben en Chantada os bancos e a burocracia.

7Actuacións en relación coa RISGA da Xunta e co obradoiro de emprego, segundo resposta do Goberno.

Cando a Xunta lle dá aos rICOS para seguir mallando nos pobres…

Antón Fente Parada. Portavoz de Por ChantadaCandidatura de Unidade Popular

Empoleirados
Grande parte do problema no agro non está só nas políticas da UE ou nas políticas do Estado español que marxina o campo galego. En boa medida, o problema está tamén nas elites que se beneficiaron dun modelo que reproduce a dominación dos produtores e invalida toda marxe de manobra ou de cooperativismo real.

É, cando menos, curioso como a entrada de ICOS no capital da empresa de Melide Lasurgal cun millón de euros,operación que se viña argallando desde hai meses (polo menos desde finais do ano pasado), coincida coas manifestacións do sector. É aínda máis curioso que a conselleira saia na TVG apoiando a xogada e dicindo que “ese é o camiño”.

Un camiño que á Xunta sáelle moi barato, pois gastando só 1’9 millóns de euros xa pode “vender” que fixo algo polo sector. Ao tempo a dirección da cooperativa pode encher o peito e dicir que investiu 1 millón de euros na transformación do leite. O titular do xornal pesebreiro La Voz de Galicia fai o resto (1).

Inmediatamente veñen á cabeza operacións semellantes que deron en calotes como Alimentos Lácteos ou Leyma. Ou apostas ruinosas da mesma ICOS como a fábrica de penso en Taboada fabricando a 10% da súa capacidade, que absorveu millóns de euros e que como resultado obriga aos socios a mercar o penso máis caro que a competencia, en canto gañan menos polo leite (a cooperativa fica con varios céntimos de marxe). Ou os millóns investidos en maquinaria, que directa ou indirectamente alimentaban a ilusión da estabulación permanente, un modelo que non vale para Galiza…

Se esas inversións millonarias se fixesen en xerar valor engadido para o leite do país do Faro hai moito tempo que se podía estar apostando pola calidade e non pola cantidade e obtendo unha marxe de beneficio que permitira resistir mesmo nestes tempos de crise. Cando os socios pasaron de ser donos a escravos da cooperativa? Que máis dá que esta xere 50 millóns de euros de facturación en 2014, 15% que en 2013 se é un elemento máis no exterminio do sector agrario? (2)

Podería pensarse que con eses datos, ICOS produce 70 millóns de litros de leite (3% do total da Galiza que é a 9 nación que máis leite produce de Europa), a cooperativa é unha grade empresa que reparte os dividendos ou cando menos parte dos beneficios entre os seus asociados. A non ser que consideremos unha comida e unha compra en Nadal como “dividendos”, nada máis afastado da realidade (3). É máis, son os “accionistas” os que nesta empresa xeran non só o capital inicial depositado senón gran parte do lucro: pagan os servizos que a cooperativa ofrece, mercan nos supermercados da cooperativa, mercan o penso da cooperativa a prezos superiores aos da competencia e, ao cabo, deixan de marxe para a empresa varios céntimos por litro de leite. Desde a Banca de Soto ningunha empresa local chegara a tanto.

Con todo, non é un fenómeno illado. No sector vitícola grandes adegas que son “cooperativas” empregaron o anzol do capital inicial (que o pequeno produtor ao seren aforros de toda unha vida se resiste a perder) para escravizar a estes: só poden entregar a produción que lles marcan (en canto prantan hectáreas de novo viñedo e as viñas de toda a vida van ficando a ermo, o cal reforza o novo “cupo” aprobado polo Estado español), ao prezo que a cooperativa fixa e, para fechar a cuadratura do círculo, cobran con 2-3 anos de atraso. Nunca se reparte un can de beneficios, pois hai que pagar pazos convertidos en adegas, maquinaria e os novos viñedos que se plantan para arruinar os propios socios. As relacións entre os directivos, a DO e os grandes partidos -nomeadamente o PP- non son ningún segredo en moitas comarcas do país, como o Salnés.

Descoñecemos se houbo xuntanza cos socios para decidir esta inversión en Lasurgal. Intuimos que investir no soro, o derivado “pobre” do sector lácteo neste momento é máis parte dunha operación de mercadotecnia que un negocio rendíbel e, desde logo, non vai solucionar os problemas dos labregos e das labregas. Que pasa coa manteiga? Que pasa coa graxa? Revéndenas a prezos irrisorios ou quedan co sobrante? Ou non será máis do mesmo e continúa a venderse a materia prima para as grandes industrias foráneas que logo a tratan e venden fóra?

Hai décadas podíase ter apostado por un modelo como o de Feiraco e termos hoxe unha marca consolidada e unha cooperativa que seguise sendo das labregas e dos labregos… En vez diso, seguimos apostando por incrementar a produción, mais seguindo coas mesmas práticas de subcontrata… Quen vai mercar esas toneladas de soro? Hai estudos de mercado rigorosos? Moitas incertezas que apuntan a que imos seguir igual, revendendo a intermediarios con máis potencia para negociar e levar comisións que dubidamos cheguen ao peto dos produtores e nun momento moi oportuno politicamente para maquillar as desastrosas políticas do Estado e da Xunta (do PP en suma).

Por se todo isto fose pouco, Lasurgal é unha empresa de Melide propiedade da mesma persoa que quebrou a quixaría do Saviñao e marchou cos cartos ficando os traballadores sen cobrar. Non sería de extrañar que nuns anos teñamos que lamentar outro episodio vergoñento como o de Alimentos Lácteos, onde os amigos do PP marcharon cos petos cheos coa beizón urbi et orbe de Feijoo desde San Caetano. Unha empresa ben relacionada coa Xunta que, por exemplo, en 2005 recibiu 1 millón de euros públicos para que as súas instalacións pasasen a producir 45 millóns de litros de soro (4). A maiores, o mercado do soro lácteo está coñecendo certa inversión de tipo especulativo e un boom asociado a estados en vías de desenvolvemento e, de feito, mesmo se converteu nun sensor da evolución do prezo do leite (unha especie de “bolsa do leite”) (5).

 

As labregas e os labregos farían ben en autoorganizarse en asembleas e endurecer as mobilizacións. Farían aínda mellor en mostrar unidade desde a base, virando as costas a esas elites locais (políticas e económicas) partícipes dun engano masivo ao sector. Elites que desde a década de 80 levan os réditos en canto outros moxen a vaca e fican coas débedas.

Tamén deberían reflexionar se a solución pasa por igualar a todos os sindicatos e a todos os políticos (mentres se segue apoiando maioritariamente “aos de toda a vida”). Non é xusto igualar a un SLG combativo e integrado na Vía Campesiña, a organización de campesiños máis combativa e grande do mundo; ou unha FRUGA compremetida con Galiza, cos sindicatos amarelos da industria; igualmente, haberá que preguntarse se o modelo de cantidade sen calidade é viábel coa terra e a dimensión e capital das explotacións do país; ou, se é xusto reclamar prezos dignos para o leite cando hai empregados de Bolivia, Ecuador ou Brasil traballando a 14 horas por 600€ e aos que ningún sindicato nin partido defende.

Os sindicatos combativos e de clase, ou sexa os que defenden aos labregos, aos pequenos produtores e non á industria e aos grandes produtores, deberían reflexionar sobre se merece a pena a unidade cando esta é unha pexa para desenvolver a autoorganización do campo e o endurecemento dos combates e das protestas. Até este momento a unidade poda que for precisa, mais de agora en diante é evidente que é desexábel mais non pode ser un impedimento para abrir un proceso de protestas onde se faga realmente dano tanto ao PP canto á industria. E iso non se consegue só con grandes e coloridos paseos polas vilas galegas.

Tamén se ten algún sentido comparar Galiza con Franza. A propia PAC naceu dun dos dous piares nos que se erixiu ese monstruo chamado Eurolandia na década de 50. O piar intervencionista e planificador do Estado francés. Frente a iso, o Reino de España non é máis que un protectorado do ordoliberalimo alemán ao que lle entregou a súa soberanía. Ao PP nunca lle importou o máis mínimo a estrutura económica de Galiza para alén do seu saqueo. Se non lle importou liquidar as caixas e que emigre o aforro galego, menos lle vai importar a sorte de milleiros de explotacións. Como moito algunha cataplasma cosmética en ano electoral da que fariamos mal fiándonos, dado que 2016 vai ser un ano brutal para o conxunto das clases populares do Estado español.

A sociedade debería preguntarse se pode seguir demandando produtos de calidade e desprovistos de química despreocupándose das sorte dos produtores. A comida da cancroxénese coa que nos invade o agronegocio só pode superarse apoiando e loitando pola soberanía alimentar. Moitas explotacións galegas manteñense no pastoreo en extensivo e mesmo na agricultura ecolóxica. Ese tipo de agricultura esixe selos específicos que certifiquen a súa calidade. Eses labregos e labregas meceren cartos públicos polo mantemento e ordenación da paisaxe e do territorio. Non son subvencións, é un pago ben pequeno pola débeda que a cidade contrae coa biosfera e co conxunto da humanidade por contaminar e consumir como se non houbese mañá.

 

(1) “Una cooperativa gallega se lanza a los derivados lácteos para sortear la crisis” http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2015/08/08/cooperativa-gallega-lanza-derivados-lacteos-sortear-crisis/0003_201508G8P26993.htm

(2) http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2001/01/21/386636.shtml

(3) A cooperativa ten 113 empregados que xunto aos socios reciben unha gran comida anual con orquestra e polvo na mellor tradición das Romarías populares de Fraga.

(4) “Melide rentabiliza el sector lácteo con una firma transformadora de suero” http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/02/23/3491233.shtml

(5) “Suero lácteo, clave en la innovación de alimentos” http://www.portafolio.co/economia/suero-lacteo-clave-la-innovacion-alimentos

“Situación del mercado del suero en Chile” http://www.odepa.cl/articulo/situacion-del-mercado-del-suero-en-chile-2/

FE DE ERROS (04/07/2016)

Na súa redacción orixinal o artigo afirmaba que ICOS tivera uns beneficios de 50 millóns de euros, o cal é un erro de grande magnitude xa que foron 50 millóns de facturación. Os beneficios netos declarados nun ano como 2011 foron apenas de 162.000€, ao que cumpriría sumar o investido en inversións ese ano para as que non se recorreu á vía do crédito. Por exemplo, véxase: http://www.icos.es/index.php?option=com_content&view=article&id=46:asemblea-xeral-de-icos&catid=10:xerais&Itemid=49 (última consulta 04/07/2016). Agradecemos que un lector atento nos teña advertido do erro.

 

Moción de Por Chantada-CUP para que o pleno de Chantada traslade á Xunta de Galiza que se cubra de forma estábel unha praza de pediatría no Hospital de Monforte de Lemos

Por Chantada - Participación Democrática Directa

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O SERGAS obriga a pediatras do Hospital de Lugo e Vigo a desprazarse ao Hospital de Monforte a cubrir xornadas de varios días no servizo de pediatría, principalmente as gardas da fin de semana.

Neste momento, hai tres prazas de pediatría no Hospital e unha máis a media xornada. A de media xornada é por redución de xornada para a atención das fillas e dos fillos, situación que durará varios anos; outra a xornada de completa acaba de coller unha baixa; as dúas restantes a xornada completa encóntranse unha cuberta e outra está en Lugo, ainda figurando como contratada polo Hospital de Monforte (lembramos que a xerencia se encontra agora en Lugo, desde onde se toman as decisións de toda a área sanitaria).

Esta situación é a que obriga a reforzar con pediatras, que se trasladan desde Vigou ou Lugo para as gardas. No entanto, a maior parte do tempo todo o sur de Lugo só conta cunha praza e media en pediatría en Monforte e é totalmente inxusto que os recortes se ceben nunha área xa de por si deprimida e cada vez máis dependente de centros de decisións alleos ás nosas necesidades.

A lóxica e o cumprimento da lei, no senso de minimizar os riscos laborais e primar o interese sanitario (e, neste caso, tamén económico, pois aforraríanse cartos) debería levar á contratación dun/dunha pediatra para o Hospital de Monforte a tempo completo, eliminando a peregrinación de pediatras desde Vigo e/ou Lugo como acontece na actualidade.
Por todo iso, proponse o seguinte ACORDO

O Concello de Chantada demanda da Xunta de Galiza que se cubra de xeito estábel a tempo completo a cuarta praza de pediatría no Hospital de Monforte.
Chantada, 31 de xullo de 2014.

Asdo.: Antón Fente Parada, portavoz do Grupo Municipal Por ChantadaCUP

Moción de Por Chantada-CUP para a implantación de Códigos de Transparencia e Participación Cidadá na administración local

Á atención do alcalde do Concello de Chantada

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O Grupo Municipal Por Chantada-CUP, a través do seu portavoz no Concello de Chantada, presenta para a inclusión, debate e, se procede, aprobación na vindeira sesión plenaria de carácter ordinario a seguinte MOCIÓN relativa á implantación de Códigos de Transparencia e Participación Cidadá na administración local (CTPC).

Seguir lendo

Posicións de Por Chantada-CUP e resumo do pleno correspondente ao 13 de xullo do 2015

para que remate esta vergonha Nota previa: Como xa indicamos no anterior pleno o noso concelleiro, Antom Fente, sofre problemas de saúde e encóntrase recibindo rehabilitación. Por este motivo chegou ás 20:30 horas ao pleno, encontrándose este xa no punto número 8 (aínda que comezara ás 20 horas). [A orde do día pode consultarse aquí]

Por Chantada - Participación Democrática Directa

1.- Acta anterior, correspondente á sesión organizativa do 29 de xuño de 2015

Aprobouse por unanimidade por parte dos grupos municipais de INTA, PP e PSOE. Este pleno era o primeiro pleno ordinario após o da sesión constitutiva e o da sesión organizativa.

[Acta da sesión anterior en PDF: Acta sesión organizativa. Consulta o resumo do pleno anterior, ao que fai referencia a acta]

2.- Representantes do concello en órganos e entidades (XDR)

INTA, c0mo nos anteriores casos, designou membros do seu partido. Con isto copa todos os representantes do concello en órganos e entidades a pesar de contar con menos de 45% do voto emitido. Ao noso ver isto é un erro.

É particularmente simbólico que após 4 anos de goberno (xa sen contarmos os que votou como alcalde Manuel Varela no PP) non saiban nin os órganos e entidades en que o concello participa, ficando estes pendentes da sesión constitutiva onde correspondía designar toda a representación do concello en órganos e entidades. Dous dos órganos pendentes de asignar era o representante no parque de bombeiros e no XDR. No caso do parque de bombeiros o Decreto 19/2009, do 5 de febreiro, polo que se aproba a constitución do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento (publicado no DOG o 6 de febreiro de 2009) estabelece no capítulo II, artigo 8º que debe ser o alcalde quem represente ao concello.

3.- Adhesión ao acordo Marco de colaboración entre o MINHAP e a FEMP para o desenvolvemento da Lei de Transparencia [APROBADO] DECRETO PORTAL TRANSPARENCIA

Esta adhesión xustifícase en tanto en canto favorece a transparencia.

No entanto, non nos podemos resistir a sinalar o oxímoron entre o Goberno central do PP e a transparencia e o bon goberno: non sabían entón da existencia da caixa B no seu propio partido? O saqueo da reserva da Seguridade Social é bon goberno? Porque queren dar leccións a Grecia e condenar ao seu pobo cando a débeda do Estado español ascende a 1’2 billóns (con B!!!) de euros? Candos os “rescates” son unha nova estafa para financiar os buracos da banca fundamentalmente? Unha débeda impagábel, por certo, e que vai exixir – no mellor dos casos – unha restruturación senón un default (cousa na que o Reino de España ten experiencia desde Filipe II, sendo o Estado con máis bancarrotas da historia pola súa longa tradición de “buen gobierno”). E, para non cansar e rematar nalgún punto, como se conxunga a transparencia e a democracia cunha “lei mordaza” que segundo o editorial do New York Times (23/04/2015) fai retroceder ao Estado español «aos negros días do réxime de Franco»? A resposta está no vento, como no cantar rebelde.

 

4.- Adhesión ao convenio subscrito entre as administracións do Estado e Autonómica para a implantación dunha rede de espazos comúns de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galiza [APROBADO]

DECRETO CONVENIO MARCO OFICINAS ATENCIÓN CIDADÁNDECRETO CONVENIO MARCO OFICINAS ATENCIÓN CIDADÁN

5.- Bonificación ICIO construción edificio en R/Leonardo Rodríguez, nº 17 [APROBADO]

Coas informacións recebidas das comisións informativas e dado que estas bonificacións son unha constante en todos os gobernos para facilitar a rehabilitación de vivendas no caso histórico conforme á correspondente ordenanza de Rehabilitación do casco histórico (algo importantísimo e pór en valor e humanizar o casco histórico, no que imos con retraso por certo e non viría mal resolver o pantanal das casas sen entregar do Cantón dito sexa de paso).

BONIFICACIÓN ICIO MARIA TERESA MENDEZ FERNÁNDEZ

6.- Prezo público da piscina descuberta

Como após 30 minutos xa se ventilaran 8 puntos (o que dá a medida de até onde os plenos se convertiron nun ritual e a soberanía popular fica 4 anos secuestrados en 4-5 mans) non pudemos chegar a tempo para este punto, para o que mesmo tiñamos as enmendas que se expoñen a continuación. Loxicamente votariamos en contra a posición do Goberno. É máis, fixemos unha pregunta ao final do pleno para saber se se incluíran as correspondentes bonificacións e indicando que noutros concellos da zona eran de balde. Obtivemos a seguinte resposta de Manuel Varela (INTA): “É complicado facer a taxa, e quen paga as piscinas interiores xa non paga as exteriores. Na medida en que sexa rendíbel modificaranse as tarifas ou mesmo eliminaranse”. Para veres a proposta de INTA preme aquí: PREZO PÚBLICO PISCINA DESCUBERTA

1) Emenda AO PREZO PÚBLICO DA PISCINA DESCUBERTA

Exposición de motivos:

Non dubidamos para nada, que a doutrina á que se fai referencia no informe para aprobar os prezos que rexeran na piscina descuberta de Chantada leve razón, non imos a entrar a discutir iso. O que si parece claro, é o que dita a doutrina do sentido común e, para alén desta, está a Lei. Loxicamente, unha institución pública debe dar exemplo no cumprimento das disposicións legais e non pode cobrar unha taxa pola utilización de ningún espazo público sen ter aprobada a correspondente ordenanza fiscal.

Hoxe trae para aprobar, a destempo, cando xa se leva cáseque un mes cobrando pola utilización do servizo, a taxa das piscinas exteriores. E dicimos a destempo, por non usar outros cualificativos. É unha vergoña que isto pase nun concello como o de Chantada e retrata a nugalla, a improvisación e as limitacións deste goberno que segue co piloto automático da cultura do mínimo esforzo.

Cometeron unha ilegalidade, consecuencia dunha das moitas chafalladas ás que nos teñen acostumados, e que coidabamos que nesta lexislatura estaban dispostos a mudar. Un que peca de inxenuidade até que vai vendo unha e outra vez que non, como a ausencia de resposta as propostas de actuacións que lle fixemos para o sector lácteo, o cal xa non supón apenas unha falta de deferencia con Por Chantada e os seus mais de 500 votantes, senón unha falta de respecto coas persoas que son o piar económico fundamental da comarca. A vostede, toda vez que ten o soldo aprobado, daralle igual, a nós non.

A súa incapacidade e nugalla no caso das piscinas puido supor denuncias por parte da viziñanza –con todas as da lei dito sexa de paso–, co conseguinte trastorno para as arcas públicas. Amais, o tema das piscinas é un tema que ten especial incidencia na opinión pública e retrata a desastrosa clase política que sofren os chantadinos:

PRIMEIRO padecendo unha catastrófica privatización, tanto polo lado do servizo, canto polo das arcas municipais; SEGUNDO provocando un escándalo na súa remunipalización polas bases de contratación e AGORA cobrándolle aos chantadinos sen ter estipulados os prezos públicos e, xa que logo, cometendo unha ilegalidade.

A maior escarnio, cada día as piscinas públicas de Chantada contan con menos usuarios. Ninguén dos aquí presentes buscou a explicación en que non haxa bonificacións para colectivos sociais como as familias numerosas? Non se pensa na xente sen ingresos? Non se repara en que as piscinas de Monterroso, Antas, Taboada e Carballedo son de balde en canto as de Chantada son de pago? Que “plus” ofrecen para xustificar isto? Non me estendo máis no que é evidente: o retrato dunha xestión mediocre cando non pésima.

O Pleno do Concello aprobou no seu momento a Ordenanza Fiscal Reguladora do Prezo Público pola Prestación do Servizo de Piscina Descuberta e Anexos (que discriminaba por certo ás persoas pola súa pel e que daría para un capítulo aparte dos absurdos e arbitrariedades lexislativas que se comenten moitas veces). Nesa ordenanza podemos ler no ARTIGO 6, correspondente ás BONIFICACIÓNS que se estabelecen:

Bonificacións a familias numerosas:

  • Bonificación do 35% da cota, a favor daqueles suxeitos pasivos que formen parte dunha Familia Numerosa de Categoría Xeral.
  • Bonificación do 40% da cota, a favor daqueles suxeitos pasivos que formen parte dunha Familia Numerosa de Categoría Especial.

Pois ben, o Grupo Municipal de Por Chantada-CUP presenta para aprobación ao pleno as seguintes EMENDAS aos prezos públicos que van rexir nas piscinas exteriores e se contemplen as mesmas bonificacións que se aprobaron no seu dia:


1) EMENDA DE MODIFICACIÓN DOS PREZOS PÚBLICOS

° Bonificación de 35% da cota a favor daqueles suxeitos pasivos que formen parte dunha Familia Numerosa de Categoría Xeral.

° Bonificación do 40% da cota, a favor daqueles suxeitos pasivos que formen parte dunha Familia Numerosa de Categoría Especial.

° Bonificación do 50% para os desempregados que perciban prestación por desemprego.

° Bonificación do 100% para:

a.- desempregados de longa duración;

b.- persoas cun ingreso anual inferior a 12.000€ por ano;

c.– menores de idade e estudantado menor de 30 anos pertencente a unidades familiares con ingresos inferiores a 14.000€ por ano

2) Enmenda de Modificación do punto 2 da proposta do Goberno de 8 de xullo de 2015

Exposición de motivos:

De por parte, enmendamos tamén a delegación no equipo de Goberno da revisión das taxas de agora en diante ao entendermos que calquera modificación nos prezos públicos debe ser ratificada polo pleno, xa que toda vez aprobadas unhas tarifas e existindo a correspondente ordenanza non hai urxencia que xustifique que se furte do debate plenario a súa modificación, máxime cando ten un impacto directo sobre a cidadanía.

ENMENDA:

2.- Calquera modificación nos prezos públicos debe ser ratificada polo pleno.

3) Enmenda de engádega dunha DISPOSICIÓN ADICIONAL TRANSITORIA

Exposición de motivos:

Estaremos de acordo en que se cobrou de xeito ilegal unha taxa pola utilización deste servizo. Así pois, (como acto de contrición, propósito da emenda e dor dos pecados) debemos resarcir a todas as usuarias e todos os usuarios que pagaron a pesar de non termos a taxa aprobada, polo que propomos que durante o mes de agosto non se cobre por este servizo. Concretamente a emenda reza así:

Enmenda de engádega:

Disposición Adicional Transitoria: estes prezos públicos non se comezarán a aplicar até o mes de setembro de 2015, co obxectivo de compensar polo período en que se cobrou indebidamente e para facilitar que os usuarios con dereito a bonificacións podan presentar a documentación pertinente.

7.- Moción do Grupo Municipal Popular Instando á modificación da ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo nas instalacións de recreo municipal, piscinas e anexos. Parte de control da xestión [véxase punto anterior]

MOCIÓN PP PISCINA

8.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE O SECTOR LEITEIRO GALEGO

MOCIÓN PSOE SECTOR LEITEIRO

Aprobouse por unanimidade. Aínda que previamente apresentamos a seguinte enmenda por entendermos que era unha moción bastante limitada na súa parte propositiva. De todos os xeitos, retirámola para reforzar a unanimidade e non dar excusas nin a INTA nin ao PP que se mostraban reticentes. Esta enmenda realmente foi unha “reconversión” dunha solicitude que enviamos ao alcade e que, ante a falta de resposta, enviamos á Secretaría do Concello para que lla fixese chegar. No entanto, non obtivemos ningunha resposta.

Manuel Varela salientou neste punto que en maio houbo unha reunión en Monforte coas coperativas e cos sindicatos para solucionar o problema do sector lácteo. Compreteuse a que alguén do seu Goberno participaría da manifestación, aínda que non probabelmente el en persoa xa que tiñamos que comprender que estaba de vacacións. Porén, para sermos xustos hai que indicar que finalmente asistiu tal e como lle solicitamos desde Por Chantada e o PSOE e como debe ser do máximo representante do noso Concello.

No tocante á nosa enmenda, que xa publicamos no seu momento como solicitude no noso blogue (é a mesma con algunha lixeira mudanza após contactar con representantes do sector), o PP considerouna un ataque á consellaría (como se os gandeiros fosen xentes ociosas que teiman en protestar para ir contra o PP, tal é a cegueira deste partido); INTA que o concello non podía asumir eses compromisos desde o concello (explicoúselles que era solicitar non impulsar como concello este plano); e o PSOE que contaba con puntos interesantes e que era unha enmenda complexa e que eles apresentarían novas mocións sobre o sector lácteo.

Por certo, recalcamos que a nosa enmenda foi publicada como solicitude con anterioridade a coñecermos a do PSOE, xa que chegounos por varias vías que certos elementos difunden que copiamos os resumos dos plenos do PSOE, algo supomos que atribuíbel a iso que a sabiduría popular chama a malicia do tonto ou ao dito de que a envexa non é caridade.

Emenda DE POR CHANTADA-CUP INSTANDO AO CONCELLO DE CHANTADA A DAR O MÁXIMO APOIO ÁS DEMANDAS E MOBILIZACIÓNS DO SECTOR LÁCTEO e PARA DESEÑAR ESTRATEXIAS QUE DOTEN DE FUTURO AO MEDIO RURAL

Exposición de motivos:

O día 7 de xullo envíamos ao alcalde unha solicitude instándoo a apoiar as mobilizacións dos gandeiros e a impulsar unha fronte de alcaldes en defensa, xa non apenas do sector lácteo, mais do conxunto do medio rural e do tecido económico da nosa comarca. En vista de que non obtivemos resposta procedemos a volvelo enviar a través da secretaría do concello, non obtendo resposta novamente. Alén dunha falta de deferencia para Por ChantadaCUP e para os seus votantes, máis de 10% dos censados neste concello por se o esqueceu, parécenos unha mostra máis de desinterese, nugalla e desleixo fronte aos graves problemas que vive o noso sector leiteiro, piar fundamental da comarca.

Polo exposto, procedemos a ler a solicitude publicamente neste pleno e convertimos os puntos que antes eran solicitude nunha moción instando a actúar ao concello de Chantada. Esperemos que haxa unanimidade nesta moción ou entenderemos que calquera procura de consenso con este Goberno é unha perda de tempo:

«Como ben saberá vostede os nosos labregos están afeitos a padecer unha crise crónica e unha reconversión continuada desde a entrada do Estado español na UE en 1986. No entanto, nos últimos tempos o sector lácteo –sen esquecernos doutros sectores produtivos igualmente ameazados polo agronegocio das multinacionais– atravesa unha situación insostíbel.
Castelao dicía que o galego non pide, senón que emigra. Igualmente podemos afirmar que os nosos gandeiros, pulmón económico da nosa comarca, non protestan, senón que botan o candado. Con todo, a primeira tractorada da historia naceu e desenvolveuse na comarca de Chantada, porque no campo vainos a vida.
Desde o estabelecemento da cota láctea até a súa supresión Galiza perdeu 90% das súas explotacións no nome do “progreso” e as nosas parroquias van camiño de converterse nun deserto verde. O 2016 vai ser aínda peor que o 2015 polo aumento nun 10% da produción láctea en Franza, Alemaña e Holanda e dun 5% no conxunto da UE.
A resistencia heroica dos nosos labregos está tocando fondo. Os prezos que están percibindo sitúanse entre 26 e 28 céntimos por litro (incluso 18 céntimos en moitos casos), moi lonxe dos máis de 34 pagados noutras comunidades do Estado. Para máis INRI, Pascual, Leite Río ou Leitegal anunciaron que ían deter a recollida de leite en numerosas explotacións nun “mercado” que é de todo menos “libre”.
Desde o SLG denúnciase que estamos inmersos nunha xigantesca operación de desmantelamento do sector lácteo galego, que consiste en deslocaar a produción leiteira do noso país a outras partes do Estado próximas ás grandes urbes (nomeadamente na franxa mediterránea e Andalucía). Ao tempo, esmágase ao pequeno produtor para favorecer a agro-industria: xigantescas granxas con milleiros de vacas (como as que se fan subvencionadas con fondos da UE en Romanía e de capital xermano ou francés) que non ven a luz do día e producen un leite de pésima calidade. Un modelo que na última década se fomentou en Galiza, enganando desde as insituticións aos nosos labregos, xa que nin dispoñen da terra para a autosuficiencia nas forraxes, nen Galiza conta coa soberanía política precisa para protexer o noso sector primario frente a competencia estranxeira. Deste xeito, o libre mercado convértese no dereito de pernada do grande capital sobre os pequenos produtores que son esenciais xa non só desde o punto de vista económico, senón tamén para a conservación e ordenación do noso territorio e para dotar de futuro ás nosas parroquias e aos concellos do interior galego.
Por todo o exposto, o SLG, UU.AA e Asaja Galicia convocan unha manifestación e unha tractorada para o vindeiro 17 de xullo en Compostela, en protesta pola vergoñenta e inexplicábel inacción do Goberno galego presidido por Alberte Núñez Feijoo, que si ten tempo pola contra para que a consellaría de Rosa Quintana tire o rascuño de decreto sobre exección de residuros das explotacións gandeiras, que dunha parte mostra bastante descoñecemento do territorio e doutra parte obriga a novas inversións para adatar á ordenanza os tanques do xurro.
Ao tempo, algúns rexedores locais (de Mazaricos, Boimorto e San Sadurdiño concretamente) fixeron un chamado para impulsar unha fronte de alcaldes en defensa do sector por riba das pertenzas partidarias e emprazaron aos alcaldes de todo o país a unha xuntanza aberta, que se celebrará o vindeiro luns 11 en Boimorto.
Vostede é perfectamente consciente, como alcalde de todos os veciños e de todas as veciñas do país do Faro, da importancia estratéxica do leite en Chantada. Sen leite non hai pequeno comercio. Sen leite non hai hostalaría. Sen leite non hai centos de postos de traballo. Sen leite non hai ICOS –algo que infelizmente semella que esqueceu durante décadas a propia cooperativa–. Sen leite, en definitiva, non hai futuro para a comarca de Chantada.
Aínda que somos conscientes das limitacións, no tocante as súas competencias cada vez menores, dos concellos temos unha responsabilidade directa e debemos prestar apoio antes os abusos das industrias e dos vampiros que levan o beneficio deixándolle aos labregos só débeda e traballo de sol a sol. A dignidade sempre é “competencia” individual e colectiva e pode exercerse ou non. Como representante local das veciñas e dos veciños vostede ten neste sentido unha responsabilidade que sabemos asumirá, sendo unha voz máis nas demandas xustas do noso campo».

Por todo o exposto con anterioridade, Por Chantada-CUP solicita á alcaldía de Chantada que impulse a seguinte folla de ruta:

1.– Que Chantada participe como concello da reunión de alcaldes do día 17 de xullo en Compostela e exerza de cabeza tractora da mobilización cidadá e institucional no sur de Lugo.

2.-– Que se constitúa unha comisión específica, plural e aberta para a defensa do noso tecido produtivo, cunha rolda de contactos cos produtores, cooperativas e sindicados agrarios aos que debemos ceder o protagonismo e arroupar nas súas demandas.

3.-– Que se inicie unha rolda de contactos cos alcaldes da comarca e do sur de Lugo para facer unha fronte común que inste a actuar á Xunta e ao Estado e reclame futuro para o agro e prezos dignos para o leite, mediante un contrato anual con prezos fixos e dignos.

4.- Informar publicamente, xunto cos sindicatos agrarios con presenza na comarca que o desexaren, aos nosos labregos do contido do rascuño do decreto sobre execcións para que se podan apresentar as pertinentes alegacións.

5.– Solicitar un plano de emerxencia, coa suficiente dotación orzamentaria, que invista no fomento do valor engadido do noso leite con, cando menos catro liñas de axuda:
a.- Axudas a cooperativas para impulsar a transformación do leite galego en Galiza e desde un consorcio público-privado (a parte privada as cooperativas).
b.- Axudas ás pequenas explotacións de pastoreo extensivo pola súa función social e medioambiental. Axudas a SAT e outras asociacións de produtores para o fomento da venda local e a aposta pola eliminación de intermediarios a través da venda de leite fresco (que é unha realidade que levan décadas desenvolvendo pequenos produtores en Alemaña e noutros estados do norte de Europa).
c.- Campañas de información aos labregos e sensibilización cidadá para apostar por un modelo onde prime a calidade e non a cantidade (coas conseguintes liñas de axuda para tal fin).
d.- Modificación do Banco de Terras para que a terra sexa para quen estea disposto a traballala, sen menoscabo da propiedade, e blindándoo para uso exclusivo das explotacións familiares e SAT e, en ningún caso, para a agro-industria.

6.- Creación dun rexistro municipal de viñas co fin de promover un Banco Local de viñedos que permita a incorporación ás mozas e aos mozos que así o desexen e para o que se pode contar con financiamento doutras administracións públicas.

7.- Impulsar un FORO DE ASOCIACIÓNS RURAIS DO PAÍS DO FARO mediante o cal a veciñanza contribúa a elaboración de propostas encamiñadas a subsanar os deficientes servizos rurais e, sobre todo, propostas para a elaboración dun PLANO DE EMERXENCIA DEMOGRÁFICA, SOCIAL E ECONÓMICA (2016-2021) para executar nos vindeiros anos no concello de Chantada e que debe contemplar a mancomunidade de servizos e esforzos entre os concellos de Chantada, Carballedo, Taboada, Escairón e Pantón para conseguir financiamento doutras administracións con obxectivos e orientacións políticas ben definidas.

9.-MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE O MANTEMENTO E LIMPEZA DE SOARES

MOCIÓN PSOE LIMPEZA SOARES

Votamos A FAVOR, aprobándose por unanimidade e incluíndo unha enmenda para instar a limpar as gabias das estradas ao concello, que reproducimos a continuación:

O estado das gabias podería engadirse a esta moción. Tendo maquinaria propia o concello é lamentábel que se teñan sen desbrozar contribuíndo nas pistas rurais xa non a aumentar o risco de incendio, senón de accidentes por reducir a visibilidade.

Tamén é certamente preocupante que o concello non cumpra as ordenanzas que ten aprobadas e logo solicite aos cidadáns que si cumpran outras disposicións do concello, vaia exemplo estamos dando.

No conxunto da moción puntualizar que os reptís non son seres vivos a exterminar, que o seu número se viu seriamente reducido, que hai especies ameazadas e que axudan a controlar pragas de leiróns. Así pois, a redacción do epígrafe c) na exposición de motivos é bastante desafortunado.

Enmenda de engádega dun 5º punto:

5.- Instar ao concello a empregar a maquinaria municipal para o desbroce das gabias das estradas do rural cunha convocatoria laboral se for preciso para o emprego da devandita maquinaria.

DEBATE NESTE PUNTO

Manuel Varela indicou que a maquinaria está traballando desde fai fías e apareceron tamén os da Deputación. Medio Rural vai mandar máquinas de arrastre para outras pistas para “planchar o concello” entre xullo e agosto con dúas máquinas privadas de reforzo.

Indica igualmente que no soar da praza de Santa Ana van meter man, porque ten orde de derribo (onde era o Capitol histórico) e adecentar para aparcadoiro ou o que sexa e vaiar o edificio que está ao lado. Soar da Avenidade de Ourense para aparcadoiro en troques de desbrozarllo e botarlle zahorra. Na Rúa do Grelo desbrózaronse 2 ou 3 polas máquinas e entre 12 e 13 proprietarios foron informados pola policia local  para que limpen os soares ou farao o concello e enviaralle posteriormente a factura.

Héctor (PSOE) indicou que o soar detrás da Fonda América tamén debe limparse. Asemade, con moi bo criterio, asinalou que non debería desbrozarse nas horas centrais do día polo risco de incendio. Lonxe de tomar nota de alguén que fala con coñecemento de causa após traballar moitos anos en ICO o alcalde tomouno como un ataque, retrucando que ICOS tamén o facía (mal imos se non se sabe separar a vida persoal das persoas do político) e que levaban “un extintor” e que había 4 brigadas anti-incendios no concello (sic.). Só esperamos que non haxa unha desgraza.

  Rosa (PSOE) indica que en Uxío Novoneyra e na que baixa ao Faro hai soares que tamén é preciso limpar.

Por parte do PP, Medela fixo fincapé en que se aplique a ordenanza, punto que tamén subliñamos desde os outros grupos da oposición.

10.- Dación de conta de resolución da alcaldía

[nas dacións de conta nin se debate nin se vota, só se poden facer preguntas se algo non fica claro]

O voceiro do PP indica que no decreto non se corresponde a data. E coletillas das resolucións que o propio secretario di que sobran.

11.- Dación de conta de informe de seguimento do Plano de axuste do primeiro trimestre de 2015 

[Documentación: Informe da intervención sobre o seguimento do PLANO AXUSTE]

Indicamos a nosa vontade de que todas estas preguntas consten en acta, xunto ás do punto 12 e as do punto 13. No entanto, o que debería ser natural e até beneficioso para o coñecemento e a correcta información dos cidadáns provocou un evidente malestar no Goberno. Para Varela o concelleiro de Por Chantada “quere saber todo nun pleno” e que sendo músico “non debería tocar de ouvido” (simplemente se recorreu a analizar a documentación que recibimos como concelleiros e facer o noso traballo de seguimento do Goberno), senón achegarse ao concello e falar co interventor. Mais o máis grave foi que ameazou con aprobar un regulamento-mordaza para evitar que podamos preguntar libremente o que estimemos oportuno nos plenos. Os vellos métodos de amedrentamento caciquil que non lle van funcionar con Por Chantada. É máis, arríscase a que lle sexa contraproducente esa actitude arrogante e prepotente que caracteriza a certos representantes da vella política. Alá eles.

A isto engadiu algunhas imprecisións e inexactitudes coas que tenta apresentarse como un bo xestor escúdandose na “herdanza” (despois de 4 anos este argumento recoméndamoslle que o vaia mudando e xa foi totalmente desmontado na nosa páxina con numerosos informes). Nin resposta merecen pois estes ex abruptos que retratan a quen os emite e mostran a infinita paciencia de quen os escoita e padece. O PP tamén lle lembrou que non se recauda e que non se fixeron ordenanzas e se teñen pensado recuperar isto para o seguinte trimestre.

Reproducimos as nosas preguntas, xulguen a que se debe a “discordia” e o “malestar” mal disumulado na resposta do alcalde de todos os Chantadinos que por unha parte quere converter os plenos en trámites e polo outro non quere un regulamento de participación veciñal porque “para iso estamos os representantes dos cidadáns”. A coherencia (ou a comenencia) feita carne, desde logo.

Pregunta 1: Que se pode facer para paliar a escasez de recursos materiais e personais do Departamento de Intervención para que cumpra coas obrigas legais existentes e poda facer unha avaliación real do cumprimento do Plano de Axuste?
Pregunta 2: Que consecuencias pode ter que non se estea cumprindo coas obrigas legais?
Pregunta 3: Cando se ten previsto facer unha avaliación, co debido rigor, do cumprimento do Plano de Axuste?
Pregunta 4: Cando se ten previsto ter a contabilidade do exercicio 2013 cando estamos xa en xullo de 2015 e e o Goberno ten previsto aprobar os novos orzamentos para 2016 no mes de outubro, ou sexa, á volta do verán?
Pregunta 5: A escasez de recursos materiais e persoais é crónica ou hai visos de que se poda subsanar nalgún momento? A que materiais fai referencia concretamente?
Pregunta 6: Coñecíanse estas obrigas legais no momento de aprobar por unanimidade o Plano de Axuste? Informouse das limitacións desde a intervención para axustarse a estas obrigas legais?
Pregunta 7: Porque non se anexan as medidas do Plano de axuste ao informe da intervención toda vez que sen esa información é moi difícil facer un seguimento axeitado do mesmo?
Pregunta 8: O incremento do IBI nun contexto de queda da borbulla inmobiliaria contemplado na medida 1do Plano de axuste cando se ten previsto dar por finalizado?
Pergunta 9: As estimacións de 130.000€ e 100.000€ de incremento no IBI no contexto actual de crise económica en que supostos e fundamentos se sustentan?
Pregunta 10: Porque non se aprobou o padrón e hai ese non aforro de 46.397,45€? Cando se ten previsto aprobar o padrón correspondente e en que se basa a estimación desa cantidade que se vai aforrar coa súa aprobación?
Pregunta 11: A poupanza ou aforro de 230.000€ que se ten previsto facer no exercicio 2015, o actual, en que estado se encontra a xullo de 2015 con máis de medio ano transcorrido? É unha proxección, xa que logo, con fundamentación lóxica e real?
Pregunta 12: Poden explicarnos a natureza dos impostos que se subiron en materia urbanística e a que cidadáns afectan e se é un imposto progresivo ou regresivo?
Pregunta 13: En que se fundamenta ese incremento de ingreso nos impostos? Verificouse en pasados exercicios se realmente era así? Que fundamento ten, xa que logo, a proxección de 54.839,14€ para 2015?
Pregunta 14: Porque o concello aproba unha ordenanza para crear un imposto no lixo no medio real que non aplica? Esperou a deixar pasar as eleccións incumprindo os compromisos adquiridos no Plano de Axuste no tocante a súa medida 4? Que consecuencias pode ter isto para o concello de Chantada?
Pregunta 15: Ten previsto o actual Goberno de INTA aplicar este imposto ao medio rural, que precisamente o que lle cómpren son novos trabucos? En caso afirmativo, vai o Goberno executar as obras de sumidoiros, tratamento de residuos e separación do lixo, etc. que xustifiquen ese trabuco?
Pregunta 16: Pode explicársenos a natureza das taxas en actividades deportivas e de lecer por un lado e de utilización das instalacións deportivas polo outro, así como a súa xustificación? Porque se empregan tempos verbais en pasado neste epígrafe? Xa non existen? Recadáronse efectivamente esas previsións?
Pregunta 17: Porque se inclúe nun plano de axuste a modificación da ordenanza de entrada de vehículos e de utilización do solo polo mesmo goberno que logo non crea esta ordenanza? En que se fundamentou no seu día esta suba impositiva aos cidadáns e que consecuencias pode ter isto?
Pregunta 18: Pódesenos explicar porque na redución de custes de persoal se produce un desaforro de 4.416€?
Pregunta 19: Porque non se pode cuantificar o aforro a consecuencia do feche da Oficina de Rehabilitación?
Pregunta 20: Quen elabora e en que consisten os estudos de viabilidade dos contratos de inversión? En base a que criterio, alén da enxeñaría financeira para acollerse a un plano sen adoptar os pertinentes requisitos, se calculou que con esta medida se ían aforrar 50.000€ anuais e como se explica que non conste documentación algunha ao respecto?
Pregunta 21: En conformidade co exposto da anterior pregunta, celebrouse algún contrato desta natureza sen o estudo de viabilidade que o propio Goberno actual fixou como requisito preceptivo? Se é así, que consecuencias legais pode ter? Solicito que os servizos xurídicos do concello elaboren un informe ao respecto para coñecemento do pleno e da cidadanía.
Pregunta 22: Como se pode xustificar nun plano de axuste rigoroso e críbel que se estabelezan medidas de aforro enerxético no alumeado público e no gasoil das piscinas municipais sen que este sexa cuantificado? Como se come que anos despois non se poda cuantificar o aforro nesta partida? Sospeitamos que se trata dun “aforro negativo” (por empregar a neolingua orwelliana dos Chicago boys), a non ser que o Goberno estea en condicións de explicarnos as medidas pasadas e presentes que adoptou ao respecto e se comprometa a ir dilucidando estas cuestións antes do aprobamento dos novos orzamentos no mes de outubro? Ou pensa que imos apoiar uns orzamentos feitos a ollo e para “ir tirando” mentres segue disparando a débeda pública que segundo o Consello de Contas de Galiza no 2013 era xa de 5.725.492 EUROS achegándose perigosamente aos cáseque 7 millóns que o actual alcalde deixou como herdanza cando perdeu as eleccións á fronte do PP?
Pregunta 23: Cando pensa o actual goberno cuantificar a maior parte das subvencións nominativas do ano 2015? Porque se apostou no plano de axuste por reducir as subvencións nominativas, sabedores de que as subvencións nominativas son en moitos casos esenciais para moitos colectivos culturais e para termos un tecido social vivo nun contexto demográfico deprimido? A simple lectura deste informe dos técnicos de facenda do concello dá a certeza de que foi un plano feito sen brúxula, sen rigor e para saír do paso. Coma sempre deixan os desfalcos para os que veñan detrás, xeracións egoístas de vividores que deixan un desastre económico, social e ecolóxico ás xeracións do futuro.
Pregunta 24: Como se pode facer unha estimación de aforro por valor de 120.000€ na reagrupación de contratos menores de subministros e servizos e non constar documentación algunha para comprobar esta medida segundo o informe da intervención? Que caste de carallada é esta? Están tomándonos o pelo ou que? Cando e canto van ter que pagar os cidadáns por este desfase continuado entre os compromisos adquiridos co Ministerio de Facenda no “Plano de axuste” e a realidade de improvisación e falta absoluta de rigor financeiro?
Pregunta 25: Pode os técnicos financeiros e xurídicos do concello de Chantada elevar un informe ao pleno sobre as consecuencias económicas e legais a curto, medio e longo prazo desta falta de observación do “Plano de axuste”, así como propostas de medidas concretas para subsanar estes desfases?

 

12.- Dación de conta de informe de morosidade do primeiro trimestre

Informe de morosidade do primeiro trimestre de 2015 da intervención do concello de Chantada: 04 informe morosidad tesoreria 1T2015

Pregunta 1: O concello de Chantada cumpre co artigo 6 do RD 635/2014 no tocante á publicitación periódica do período medio de pago a provedores na páxina web empregando os modelos-tipo de publicación que pon a disposición do concello o Ministerio de Facenda para garantir a accesibilidade e a transparencia de devantida información?
Pregunta 2: Os 589.725,95€ (pendentes de pago e fóra de prazo ao final do trimestre) e os 149.054,35€ (pendentes de pago e dentro do prazo legal ao final do trimestre) aínda se encontran sen pagar? Se a resposta é afirmativa suporía que vostede, de perder as eleccións, deixaría facturas no caixón por valor de 738.780,3 € (alén dunha débeda pública de case 6 millóns de euros no ano 2013 e un Plano de axuste que é papel mollado). Como para presumir de “xestor”.
Pregunta 3: Cal é o importe exacto a día de hoxe de débedas con provedores do concello de Chantada? 738.780,3€?
Pregunta 4: É consciente vostede que esa cifra é superior ao suposto “remanente” do que presumía na campaña e aínda no pleno constituínte e co que se ían arranxar camiños (existencias en caixas e bancos)? Un remanente, segundo o informe presentado no pleno de investidura, de 695.126,90€, dos que 648.497,29€ son un crédito contraído coa Caixa Rural e, xa que logo, unha nova lousa de débeda. Pode explicarnos cando hai que devolver ese crédito e que medidas se teñen pensado para paliar a débeda pública toda a vez que o Plano de Axuste está tendo un grado de cumprimento testemuñal?
Pregunta 5: É racional e responsábel seguir negando que a situación financeira do concello é desastrosa e bordea perigosamente un punto de non retorno onde o servizo da débeda faga insostíbel os mínimos e elementares servizos públicos castigando con máis impostos e menos servizos a aquelas persoas que peor o están pasando (autónomos, labregos e traballadores)? Somos conscientes, a non ser que estexamos radicalmente equivocados –que pode ser por a inefabilidade resérvase seica só para o papa– os que estamos aquí sentados, do que estamos permitindo e facendo cando precisamos un concello saneado e eficiente para axudar a que Chantada non morra definitivamente? Suplícolles que se poñan as pillas e se non teñen capacidade o recoñezan e soliciten axuda de especialistas ou o que faga falta. Así non podemos seguir. Por favor.

13.- Dación de conta do período medio de pago do primeiro trimestre de 2015
Segundo o Ministerio de Facenda [PERIODO MEDIO DE PAGO 2015_Primer trimestre_] o concello de Chantada tarda máis de 90 días en pagar como media. Isto contradí a a súa afirmación no pleno constituínte en que afirmou que o pago das facturas se mellorar e xa andaba polos 30-45 días. Naquela altura, xa desmintimos na nosa web este dato, xa que segundo os datos publicados polo xornal La Voz de Galicia (maio de 2015) Chantada está entre os concellos cos peores indicadores de morosidade no pago a provedores da Galiza, tardando de media máis de 90 días.

Isto supón o triplo do prazo legal e dispara por norma o custe dos servizos contratados entre outras consecuencias.
Outras consecuencias como que cada vez que un concello supera os 30 días no pago aos seus provedores debe incluír na actualización do seu plano de tesouraría medidas que permitan xerar liquidez necesaria para reducir os prazos de pago. Gostaríanos que se nos explicase que medidas se van adoptar ao respecto, porque se prometeu inversión no arranxo de infrastruturas rurais e se por outra banda é preciso unha maior inversión social nalgún lado haberá que meter a tesoura cando os ingresos nin aumentaron nin se espera que aumenten de aquí a outubro, data en que teñen pensado presentar os orzamentos (rogámoslle que sexan rigorosos e serios e non como de costume para cumprir coa legalidade na forma, mais non no fondo).
Así pois, Chantada aínda non está entre o 20% (66) dos concellos galegos que se enfrontan á aplicación de medidas correctoras pola súa elevada morosidade; sendo segundo Facenda a débeda dos concellos galegos cos seus provedores ao feche do primeiro trimestre do ano de 125,08 millóns de euros (fronte aos 147,2 millóns que si se abonaron en tempo e forma), dos que 4 de cada 10 corresponden ás 7 grandes cidades. Amais, o groso da débeda galega a 31 de marzo concéntrana os concellos d’ A Cruña (72.05 millóns) e Pontevedra (31,5 millóns), sendo tamén os que máis invisten en pagamentos a provedores: 74,73 no caso dos cruñeses e 45,66 dos pontevedreses. No caso de Lugo, os concellos deben aos seus subministradores 15,92 millóns (despois de abonar 16,5 millóns) e os de Ourense 5,55 millóns, após liquidar 8,3 millóns.
Ser eficientes no pago a provedores mellora a longo prazo os custes e, xa que logo, permite aforrar cartos públicos. Ser eficientes no pago a provedores é necesario nunha boa xestión económica dos recursos de todas e todos (dos que nos votan, dos que non nos votan e dos que quedan na casa ou meten unha roda de chourizo no sobre). Ser eficientes no pago a provedores no curto prazo alivia a situación delicada pola que atravesan moitas pequenas e medianas empresas, xa de por si afectadas por un ciclo nocivo que se retroalimenta: restrición do crédito, redución da demanda e aumento ou mantemento da morosidade en cotas moi altas.
Chantada con 90 días (tres meses) supera os 30 días (1 mes) que fixa a lexislación vixente, ou sexa o triplo do prazo legal, sendo o concello do sul de Lugo que rexistra un peor dato só superado por Taboada (116 días), cuxa xestión nefasta non é ningún segredo dito sexa de paso, aínda que o seu alcalde presida tamén o XDR Miño-Ulloa –unha entidade nada transparente en canto as súas contas e con numerosas queixas sobre o partidismo como criterio de concesión das axudas. País!
Se analizamos o informe de morosidade de tesouraría e intervención os datos son aínda máis preocupantes xa que aqueles conceptos que pola súa natureza gardan relación co tecido empresarial e de servizos local, de pequena entidade, superan con ampla marxe os 100 días. E a relación entre o pago dentro do prazo legal e o que se fai fóra do prazo legal é sinxelamente terríbel e mostra unha dinámica perversa de xestionar o público que remata por disparar os custes dos servizos contratados porque as empresas saben cando prestan o servizo ou cando exercitan a entrega de materiais, mais non saben cando é que van cobrar polo que aplican un “recargo” – sorte de taxa de interese – que pagamos todas as cidadás e todos os cidadás. Isto debemos mudalo xa polo ben de todas e todos.

PREGUNTA 1: Que medidas ten pensado tomar o Goberno, e en que se fundamentan, para reducir a súa morosidade especialmente no que concirne a débeda con pequenas e medianas empresas da comarca de Chantada?

14.- Dación de conta da execución orzamentar do primeiro trimestre de 2015

MEH-resguardo-firma-digital-presupuesto ejecucion 1ºtrim 2015

PREGUNTA 1: Agradeceríase que se anexara un documento con maior precisión e claridade explicativa xunto ao resgardo MEH, xa que é moi difícil de entender para as persoas que non temos experiencia previa con ese tipo de documentación. Existe algún manual para iniciarse nestas cuestións que sexa accesíbel para os que non somos especialistas?

Pregunta 2: Cal é o total de gastos no 1º trimestre e cal é o total de ingresos no mesmo período?
Pregunta 3: Obtidos os compoñentes do remanente, pódese proceder ao seu cálculo:
REMANENTE DE TESOURARÍA= FONDOS LÍQUIDOS+DEREITOS PENDENTES DE COBRO-OBRIGAS PENDENTES DE PAGO= 1.771.953,67€

Esa cantidade é da que dispón para gastos xerais o concello substraéndolle os saldos de dubidoso cobro (1.309.140,60€) o que dá un remanente para gastos xerais de 463.813,07€. Este remanente é do que dispón para este trimestre o concello? Cales son estes saldos de dubidoso cobro (a partida 490 “Provisión para insolvencias”?

Pregunta 4: Que se inclúe no exceso de financiación afectada? O dado é 0 porque só se coñece ao vecer os orzamentos anuais? (Si) Pode explicarnos máis polo miúdo este concepto (Desviacións de financiación positivas acumuladas a fin de exercicio)?

Pregunta 5: Se o remanente para gastos xerais é de 464.813,07€ e a necesidade de financiamento da corporación local é de 620.302,52€ significa isto que a institución segue incorrendo en déficit e xa que logo aumentando a súa débeda?

Pregunta 6: Cal é a débeda viva ao final do trimestre? 3.476.324,14€?

Pregunta 7: Cal é a débeda a curto prazo e a emisión de débeda?

Pregunta 8:Pódese determinar neste momento, como marca o XIC (Xestión Integral de Concellos), a parte empregada para financiar gasto e a pendente de empregar? Cal é?

 

15.- Rogos e preguntas

15.1- ROGO PARA A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN ESPECIAL PARA A ELABORACIÓN DUN REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN VECIÑAL

Ao abeiro dos artigos 41.26 e 88.3 do ROF solicitamos a creación dunha comisión especial que inicie os trámites para a elaboración dun regulamento de participación veciñal e que integre colectivos e individuos da sociedade civil que desexen participar da súa redacción votándose, en última instancia , en referendo ao abeiro do susudito artigo do ROF.

Contestación: Finalmente conseguimos que sen entusiasmo o Goberno vaia estudar esta posibilidade. Previamente afirmouse que aos cidadáns xa se lles atende no concello e que para que queremos logo concelleiros e “representantes”. A nosa argumentación xirou en que os regulamentos de participación veciñal xa existen en numeroso concellos, que teñen maioría absoluta para facelo ao seu gosto en última instancia e que a cidadanía debe ter canles para facer chegar propostas e cuestións aos plenos sen intermediación partidaria ou estaremos contribuíndo á fractura entre cidadáns e caste política.

15.2- PREGUNTA SOBRE A ADXUDICACIÓN DO CENTRO DE DÍA E ESTADO DA OBRA NESTA ALTURA

Parabenizamos ao goberno por esta decisión que tamén levabamos no noso programa electoral. En todo caso, solicitamos que se vaia informando do estado da cuestión:

Pregunta: Como se vai financiar? Esta adxudicado?

Resposta: Vaise firmar coa empresa (o secretario puntualiza que se trata da empresa Fegilca) o xoves día 16 de xullo o convenio.centrodedía

15.3.- Pregunta sobre a natureza da autorización, ou se se está amparando unha ilegalidade, coa que conta o edificio da Plazuela en que INTA ubicou durante a campaña electoral unha faixa e que está invadindo a vía pública, concretamente a beirarúa. Recomendamos estudar o caso, se non se fixo, e adotar medidas antes de que denuncie calquera veciño esa usurpación indebida da vía pública e o estado ruinoso que contradí o exposto na Lei 9/2002 do 30 de decembro

O alcalde responde que se van adotar medidas legais.

15.4.- Pregunta sobre a adoción de bonificacións para familias numerosas, desempregados, etc. para as piscinas (ver punto 6)

Resposta: “É complicado facer unha taxa e controlar quen entra ou non nas piscinas exteriores”. Resulta bastante curioso cando na ordenanza das interiores en teoría pesoal sen formación pertinente pode revisar a pel e discriminar a persoas en función diso. Non será que o alcalde improvisa as respostas coa súa nugalla característica? “Na medida en que sexan as piscinas rendíbeis modificaranse as tarifas ou eliminaranse” (ao mellor dentro de 4 anos quédalle ben pór isto no programa electoral despois de crearen eles as taxas).

11209355_10200535545946825_1807923903425690559_n

Medela do PP preguntou que criterio se seguía para o desbroce. O criterio de INTA é “a feito” (se o conto non fose triste habería que recoñecerlle sentido do humor ao noso alcalde), despois de solucionar 4-5 “urxencias” e de que os operarios collan práctica en pistas anchas. Urxente a limpeza da N-540 e limpeza dos arcéns e que Protección Vial as pinte con urxencia. Medela retruca que sería bo que o operario se desprazase en coche particular para non perder o tempo polo camiño indo no tractor. Varela replica que non ten sentido porque até setembro-outubro non se fará duplo quenda laboral ao ser perigoso (novamente algo bastante contraditorio co que lle contestou a Héctor do PSOE no punto 9 a raíz da nosa enmenda á moción do PSOE).

 

Medela pregunta tamén polo arranxo de pitas ao que Varela contesta que se fará con fondos da Xunta, da Deputación e propios. Medela pregunta por 4.018,8€ en facturas en sacos de cemento. Varela aclara, após unha indecisión inicial, que se corresponde cun palé de material que se levou para o almacén para non andar buscando saco a saco.

Raquel, a portavoz do PSOE, agradece que se axilice a web e que se publiquen ordenanzas e normativas municipais en vigor progresivamente. Sinala problemas na recollida de lixo nas aldeas, onde pasa máis dunha semana e non se recolle o lixo, algo que lle parece que non pode ser se se quere cobrar por este serizo, que entende que así se faga. Varela pídelle que diga algún lugar concreto para tomar medidas e Raquel pon como exemplo San Fiz. O número 2 de INTA, Castor, aclarou que pode deberse a problemas da empresa á hora de cubrir algunhas vacantes laborais e que se tomarán medidas falando co encargado da empresa, Pablo. De feito, recoñeceu os mesmos problemas na vila e que teñen relación co punto limpo.

Raquel pregunta por carros (coches) parados na zona de Marín desde fai moito tempo e Varela di que foron inmobilizados polo xulgado e que non nos extrañemos que sigan alí anos en canto non se resolve o proceso xudicial. Raquel engade queixas polo estacionamento de comións na rúa Rosalía de Castro e Varela retruca que pola semana son poucos e que tamén se encontran baixando a avenida de Portugal e a avenida de Monforte.

Máis importante, ao noso ententer, é a denuncia que Raquel fixo dun novo verquido ao río Asma o 21 de xuño e, sobre todo, a pregunta sobre as cantidades recaudadas por Augas de Galicia desde 2012, xa que ao ser un cánon finalista o concello debe reclamar inversións. Varela pedirá os datos, xa que os descoñece, a Viaqua (antes Aquagest, empresa relacionada con numerosas tramas de corrupción e a que o alcalde fixo no seu día unha concesión da auga a trinta anos)  e di que a depuradora para o polígono é urxentísima. Aínda que non o dixemos por saírse do debate, a Lei de Augas  xestionada polo chiringuito público Augas de Galicia, onde entran cargos “populares” con altísimas remuneracións, é a porta para privatizar a auga como xa se fixo noutras latitudes e o que se debe pedir a derogación da lei e a xestión pública da auga.