Apresentación de dous libros e debate participativo o próximo 14 de setembro

 

Desde Por Chantada-CUP impulsamos máis un acto para reflexionar sobre o tempo e o lugar que nos tocou vivir. Desta volta será o 14 DE SETEMBRO ás 19:30 horas no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada (Casino).

Trátase de ouvirmos e debatermos cos autores de dous dos ensaios fundamentais publicados na nosa Terra neste 2018: O colapso territorial en Galiza de Xose Constenla e O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega de David Rodríguez.

Xosé Constenla Vela (Compostela, 1980) licenciouse e doutorouse en Xeografía pola USC, exercendo actualmente como docente na UVigo e de León, após o seu paso pola universidade Carlos III de Madrid e a UdC. É tamén autor de (Re)Imaxinando o universo urbano. De Baltimore a Santiago de Compostela e hai uns meses, en marzo, estivo connosco precisamente para falarmos de modelos de xestión do #territorio na secuencia da declaración #BIC da #RibeiraSacra. Precisamente, froito daquel debate foron as alegacións que apresentamos ao expediente e que intitulamos Os indíxenas imos comer turismo. Agora, Xosé Constenla achéganos o seu novo ensaio O colapso territorial en Galiza, galardoado co Premio Ramón Piñeiro de ensaio no ano 2017.

David Rodríguez (Vigo, 1975) é deseñador gráfico. Publicou teatro radiofónico como O Bamban (2007) ou Nunca me esquecerei de ti (2010), o poemario Lapidarias, os versos escuros (2010) e partipou de ensaios colectivos como Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural (2010), A praza é nosa (2011), 15-M. O pobo indignado (2011), Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado exceção (2012), Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política (2014). Desde 2005 mantén tamén a súa bitácora persoal O Funambulista Coxo que peneirou en papel nun volume publicado en 2012 e intitulado Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro. No tocante a O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega estamos perante un monllo de reflexións imprescindíbeis e necesarias sobre o noso aquí e agora como pobo.

#SomosAlternativa #CUPChantada

https://porchantada.wordpress.com/

 

Se nos queres axudar a promover o acto colando cartaces nos teus espazos de relacionamento social , o cal agradecemos de antemán, podes imprimir o seguinte PDF: cartaz definitivo.