Por Chantada recorre contra as bases do concurso de estabilización de persoal por entendelas contrarias a direito.

Sesión traballo Por Chantada

Xuntanza de traballo de Interior Galego Vivo. Foto: Por Chantada.

Por Chantada considera que as bases que rexen a estabilización de emprego (OPE) do Concello de Chantada non se axustan a direito ao vulnerar os principios de igualdade, mérito, capacidade, concorrencia e publicidade e, portanto, son manifestamente ilegais. En consecuencia, Por Chantada apresentou recurso administrativo de reposición contra as bases do concurso-oposición de estabilización de persoal que, amais, vulnera os direitos das persoas máis débiles ao excluír unicamente ás prazas de cinco limpadoras, a pesar de seren prazas estruturais e tendo privatizado tamén o servizo nun procedemento chapuceiro.

O goberno local exerce unha clara discriminación de xénero un colectivo feminizado, polo que tamén niso se vulnera a igualdade de trato entre homes e mulleres e exércese, indirectamente, discriminación de xénero situando a un colectivo feminizado e especialmente precarizado e vulnerábel en clara desvantaxe a respeito doutros traballadores municipais.

A nosa formación xa na sesión plenaria de 1 de decembro e na comisión informativa precedente advertira da ilegalidade desta cuestión e non tivemos acceso ás bases até a súa publicación no BOP. De feito, a falta de transparencia é manifesta, pois non se publicaron na web até que emitimos un comunicado denunciando o incumprimento das propias bases e, aínda hoxe, o formulario para poder participar non está ao dispor das persoas interesadas na web do concello incumprindo o ponto 4º das bases.

De por parte, fundamentamos tamén a nulidade das bases na clamorosa ilegalidade de que a maior parte das prazas só teñan concurso (non hai exame) e que puntúe o duplo traballar no Concello de Chantada ca noutro concello e o triplo ca noutra administración sen xustificación de nengún tipo. Só falta entón que puxesen nomes e apelidos ao pé de cada praza con estas bases proprias das prácticas caciquís: primeiro encheron o concello de persoal en fraude de lei como reiteradamente sinalaban os informes de intervención e agora fan unha OPE totalmente chapuceira con café para todos.

Por Chantada solicita, por este e outros motivos, que se anulen as bases, que, até onde temos coñecemento, non contan con informe de intervención municipal e exiximos que se suspenda o procedemento por entendermos que as bases son nulas de pleno dereito, así como polos prexuízos de difícil reparación que poderían derivarse dunha eventual posterior anulación xudicial. O goberno municipal, que unha e outra vez demostra a súa incapacidade manifesta, debería modificalas nos termos propostos e abrir un novo período de apresentación de solicitudes coa debida publicidade.

Finalmente, Por Chantada lamenta profundamente o silencio cómplice dos representantes dos sindicatos CIG e CSIF no Concello.

Confira as nosas alegacións íntegras en PDF:

AlegaciónsPCh_OPE_0123

Apresentamos recurso de alzada contra as últimas bases laborais do concello por entendermos que novamente non cumpren a lexislación vixente

logo-por-chantada

 

Son xa varias as veces que nos vimos queixando de como se xestiona o emprego público no concello de Chantada, con pouca transparencia, prazos sempre acurtados amparándose na urxencia, bases confusas ou pouco claras… Porén, as recentes bases publicadas no BOP nº 275 de 30/11/2016 entendemos que vulneran especialmente o ordenamento xurídico vixente polo que interpomos contras as mesmas senllos recursos  para que, cando menos, fique constancia de que somos perfectamente consciente das malas praxes e do abuso partidario que se fai da institución local, a cal debera ser patrimonio de todos os chantadinos e non só dunha minoría que fai e desfai ao seu antollo.

 

No escrito expomos, entre outras cousas, que o número de membros do tribunal non se axusta ao que indican numerosas disposicións e que reducir só a dous membros con voto non é de recibo nin lóxico desde un ponto de vista de garantir un proceso de selección neutral, técnico e con garantías de igualdade na concorrencia. Tampouco é de recibo contar cunhas bases confusas, con erros evidentes até no tocante á baremación e os totais de cada epígrafe e con sesgos claramente detectábeis como computar polo mesmo valor un curso de 120 horas que un mestrado de máis de 1.600 horas, co cal as sospeitas de prazas feitas á medida non pode ser máis evidente.

#SomosAlternativa #CUPChantada

BOP nº 275 (PDF) 

Impugnacion bases concello de Chantada (PDF)