Por Chantada defenderá no pleno unha moción con medidas perante a ofensiva espoliadora eólica e demanda de transparencia na LAT Maxal – encoro de Belesar.

 

Aquí hai varias empresas que queren dar un pelotazo, como no seu día ocorreu co ladrillo. Non hai ningún interese por unha transición enerxética, só pretenden embolsarse diñeiro dos fundos europeus construíndo parques.

Antonio Turiel. Experto en enerxía e doutor en Física que en calidade de autoridade compareceu na Comisión de transición ecolóxica no Senado.

 

 

 

 

IMG-20210730-WA0026
Faixa colocada en San Fiz pola viciñanza ao carón dos cartaces cos que Por Chantada reclamaba a declaración de zona de desastre natural, entre outras medidas, para esta parroquia após a saraibada sufrida no pasado ano. A día de hoxe as persoas afectadas seguen sen calquera axuda da administración. Foto: Observatorio enerxético de Chantada (OECh).

Nos últimos meses estamos asistindo a unha auténtica vaga de proxectos eólicos que ameazan con transformar aínda máis a paisaxe natural e humana das comarcas do noso país e máis unha liña de alta tensión (LAT) pretende vir desde o Maxal até Belesar, con parroquias como San Fiz de Asma totalmente xa saturadas con 39 torretas de alta tensión, cáseque 8 por km2 cando a Xunta ten en tramitación un POMF para esta parroquia, o primeiro da Galiza, que non foca en absoluto esta cuestión, nen moitas outras dito sexa de pasaxe, e cando é unha parroquia en zona BIC (categoría de paisaxe Ribeira Sacra) e incluída na Reserva de biosfera Ribeira Sacra e serras de Oribio e Courel. Para que serven estas figuras de protección alén de criaren marcas territoriais para o turismo? Para complicar a vida a quen aínda resiste no rural mentres se lle agasalla a Terra ás multinacionais?

O proxecto, ao que a Xunta se resiste a darnos acceso a pesar de solicitalo xa no pasado mes de xullo, verá parcialmente soterrada a liña desde o Piñeiro, mais entendemos que nun espazo declarado BIC e que pertence á Reserva de Biosfera o soterramento debería ser na integridade do seu trazado.

No caso do Maxal, tanto o parque canto a LAT, son competencia da Xunta. Sen exposición pública, sen informes sectoriais, sen información algunha… así se confrontaron proprietarios afectados ás “visitas” da empresa para que asinasen a cesión das súas terras, que só serán remuneradas se finalmente se fai a LAT e con contías dispares, dependendo do momento, o cal demostra a alta especulación e abuso que se comete por parte destas empresas. 

Aínda hai pouco, e a pesar de demandarllo por escrito e logo no pleno, o alcalde de Chantada negouse a apoiar a solicitudede Aliente para impulsar unha moratoria para as Reservas de Biosfera, de acordo coa 22ª Reunión ordinaria do Comité Español do Programa MaB correspondente a 2021, que, o pasado 24 de setembro, apresentou informes correspondentes ás incidencias e impactos provocados por proxectos de instalacións de enerxía renovábeis nas Reservas de Biosfera.

A Xunta leva anos criando  ad hoc  normas como a propia Lei Eólica de 2009, e as leis de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais de 2017 (Lei de predación da Galiza contra a que se pronunciara o pleno do Concello de Chantada) e a recente Lei de Simplificación Administrativa de 2021, facilitan cada vez máis ás empresas desenvolver os seus proxectos en detrimento da participación pública e dos dereitos e intereses das comunidades afectadas. A redución de prazos inserida nesta última colida até coas directivas europeas (Directiva 2011/92/UE e Directiva 2014/51/UE), tal e como se ten pronunciado o TSXG na súa Sentenza 17/2022 de 21 de xaneiro dada a primacía do direito comunitario.

Polo que atinxe aos concellos, estes teñen unha case nula capacidade de intervención e participación na toma de decisións sobre estes proxectos, limitándose a acatar as decisións da Xunta e do Estado. Isto supón un agravio comparativo e un grave prexuízo para as entidades locais cuxos territorios e habitantes teñen que soportar os impactos da implantación destas infraestruturas con moi escasas compensacións económicas.

IMG-20210730-WA0025

Foto: Observatorio Enerxético de Chantada (OECh).

 

Que propón Por Chantada?

1.- A revisión por parte da Xunta do Plano Sectorial Eólico para adaptalo á normativa de Avaliación Ambiental Estratéxica e por parte do Goberno central  a incorporación de criterios de sensibilidade ambiental e afección territorial e social na planificación e regulamentación das enerxías renovábeis, particularmente na Lei do Sector Eléctrico e nos Planos de Fomento das Enerxías Renovábeis.

2.- En consecuencia,  mentres se procede a esa revisión solicitar da Xunta e do Estado unha moratoria real dos novos proxectos eólicos e dos que actualmente se atopan en tramitación e aínda non foran aprobados.

3.- Modificar a actual Lei Eólica galega e o marco regulatorio estatal para garantir a participación municipal e das comunidades locais nos proxectos eólicos, tanto desde o punto de vista impositivo como de promoción propia e participación no accionariado, favorecendo a coxeneración sobre os grandes proxectos primando a fixación de poboación no interior galego.

4.- Reformar o actual Canon Eólico e o Fondo de Compensación Ambiental para gravar a potencia instalada en lugar do número de muíños e permitir aos concellos a xestión directa do Fondo de Compensación.

5.- Crear unha oficina de información para os concellos e o público en xeral que atenda ás consultas e dúbidas sobre a tramitación administrativa dos proxectos eólicos.

6.- Impulsar desde o Concello de Chantada a contratación dunha empresa que asesore e desenvolva alegacións á LAT Belesar – San Fiz para demandar o seu total soterramento e garantir que o valor das terras e os direitos das persoas afectadas se respeitan.

 

Para leres a moción de Por Chantada íntegra en formato PDF preme aquí: Moción Por Chantada eólicos e LAT Maxal

 

EOLICOS_IGV

 

#construírfuturo

#mellorarChantada

#opartidodaxente

 

Apresentación do manifesto POR UN INTERIOR GALEGO VIVO

 

Desde Por Chantada temos o pracer de convidarvos a este acto que celebramos mañá sábado en Belesar, ás 17 horas. Dez candidaturas que imos xuntar forzas para loitar por servizos e oportunidades dignas para o interior galego.

 

Por Chantada informa: axuda económica para o pago da factura eléctrica e solicitudes de exención no canon da auga

 

Por Chantada - Participación Democrática Directa

Desde Por Chantada CUP informamos que a Xunta de Galiza ten aberto o prazo para solicitar unha nova axuda económica para o pago da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galiza. Este consiste nunha candidade fixa semestral de 90€ para unidades de convivencia que se axusten aos requisitos e de 150€ no caso das familias numerosas.

O prazo de presentación das solicitudes conclúe o 15 de setembro de 2015 e débense cumprir, entre outros, os seguintes requerimentos:

  • Ter fillos menores de 18 anos a cargo.
  • Estar aboando a factura eléctrica.
  • Que os ingresos totais da unidade familiar non superen a cifra de 9.585,19€ no ano 2013, ou sexa, 798,76€ ao mes.

A maiores, informamos tamén da existencia da exención no canon da auga e no coeficiente de vertedura por estar en situación de exclusión social, para o que se deben cumprir os seguintes requisitos:

  • Os ingresos totais da unidade de convivencia non superarán a cantidade de 6.390,13€, quere dicir 532,51€ ao mes.
  • O titular do contrato debe estar empadroado no enderezo para o que solicita a bonificación (o certificado de empadroamento solítase no concello e é de balde).

Por Chantada – CUP lamenta que o goberno de INTA non empregue a páxina do concello para informar puntualmente destas liñas de axuda e espera que poña a disposición dos veciños mecanismos para axudarlles a tramitar estas axudas.

 

Por Chantada CUP. Grupo de traballo de acción social