Resumo Pleno ordinario correspondente ao 30 de xaneiro 2020 [audio]

O Pleno comezou ás 20:05 horas coa presenza dos 13 concelleiros e concelleiras da Corporación, a interventora e a secretaria municipais e 3 funcionarios (un administrativo e dous policias locais). Como público asistiron sobre 20 persoas, a maioría delas ligadas co Servizo de axuda no fogar (SAF). Confire o audio do Pleno aquí: https://drive.google.com/file/d/1kTk9IHLAOy-26ch7fS3ZyqSSPlfX796O/view?usp=sharing

 

Antes de comezar a concelleira do PSOE, Raquel, invoca unha cuestión de orde para queixarse pola mudanza da data do Pleno sen avisar á oposición, do retraso no envío da documentación, non se receben as actas das Xuntas de Goberno Locais en tempo e forma, métense continuamente cousas por urxencia etc. En definitiva, estase a dificultar o labor da oposición. Manuel Varela retruca que se mudou porque tivo que asistir a Fitur e que non oculta nada. Mesmo afirma que había compañeiros do PSOE que preferían a mudanza de data. Daniel do PSOE nega que dixera iso.

1.- Actas anteriores, correspondentes ás sesións: Ordinaria do día 28/11/2019.

Rascuño acta Pleno 28/11/2019

Desde o PSOE din que no ponto do horario dos Plenos se abstiveron e que no ponto 8º na intervención non se indica.

Por parte de Por Chantada, indícase que as actas deberían paxinarse para podermos indicar as deficiencias detectadas con maior axilidade. Na quenda de debate da epígrafe 3ª (p. 9) contestouse polo noso grupo que é falso que se emitira recurso no último día do prazo, senón que se fixo ao comezo do mesmo. Isto non se recolle na acta. Na páxina 21, quenda de debate da epígrafe 8ª, propuxemos exixir á Deputación e á Xunta o arranxo das deficiencias do Polígono (fronte as discrepancias entre PP e PSOE) e tampouco se recolle na acta. Na páxina 24, rogos e perguntas do noso grupo, indícase nunha cuestión que nos contesta o señor Manuel Diéguez Carballo, algo bastante improbábel tendo en conta que non asistiu ao Pleno. Na seguinte pergunta non se recolle que a concelleira Cruz Fernández Rodríguez desmentiu que só se queixase unha persoa do asunto da rúa do Parque ao existir escrito da Comunidade Viciñal rexistrado no Concello no seu día.

Con estas modificacións, apróbase a acta por unanimidade.

2.- Inadmisión Recurso Potestativo de reposición de Por Chantada-CUP. Expediente Suplemento de Crédito 05/2019 (G-1021/2019).

Recurso de reposición de Por Chantada-CUP ao SC 5/2019

Informe resurso Suplemento de crédito 5/2019

PROPOSTA DE ACORDO AO PLENO

  • Desde o PSOE din que é a terceira vez que este asunto vén ao Pleno e reiteran os seus argumentos. É algo grave, obras en período eleitoral que se queren blanquear co SC 5/2019. Cando se inadmitira a reclamación de Por Chantada xa dixeron que faltaba ir ao fondo da cuestión e agora reiterase o mesmo. Agora arguméntase que non cabe apresentalo e desde o grupo municipal socialista son respeituosos co informe xurídico. O triste son as actuacións e revisión de fondo.

Desde Por Chantada explícase que este asunto xa foi debatido anteriormente, ou máis ben a oposición fixo un monólogo e o Goberno obviou calquera resposta e explicación ao caso, algo ao que nos ten acostumados. Como na medicina premoderna ou na economía ordoliberal contemporánea, para calquera doenza a receita sempre é a mesma: aplicar máis unha sangría ao paciente aínda que se vexa que iso só fai piorar o seu estado.

Novamente non se nos contesta a nada do fundo do asunto, obviando que se incumpriu a LCSP, que se abusou do fraccionamento e do contrato menor, ou que foron obras desenvolvidas en pleno período eleitoral e polos motivos expostos nos diferentes recursos apresentados susceptíbeis de seren declaradas nulas de pleno de direito e dar lugar a un expediente de oficio de depuración de responsabilidades.

Esta forma de xerir os asuntos públicos, tapar as irregularidades que son continuadas e sistemáticas, e negar calquera diálogo ou revisión para solucionar deficiencias é irresponsábel e contribúe a xudicializar a política e non a mellorar a xestión.

Solicitamos a votación nominal (art. 102 do ROF) e en contra de desestimar o noso recurso potestativo de reposición.

 

Votación nominal: a favor Por Chantada e PSOE (6); en contra PP (7).

Votación inadmisión recurso potestativo de reposición de Por Chantada-CUP: a favor PP (7); en contra Por Chantada (2); abstencións PSOE (4).

 

3.- Aprobación expediente contratación SAF, expediente G-37/2020.

01 PROVIDENCIA DE MODIFICACIÓN DO INFORME

02 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0009 [INFORME ECONOMICO-FINANCIERO SAF

03 INFORME TRABALLADOR SOCIAL

04 RESUMEN PPTO PRORROGADO 2020

05 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0011 [RECURSOS ORDINARIOS DO ORZAMENTO

06 ESTUDO ECONÓMICO SAF CHANTADA FINAL

07 memoria xustificativa

08 informe insuficiencia medios saf

09 informe non división lotes saf

10 PCAP SAF

11 PPT SAF

12 RC CONTRATO SERVIZOS SAF

13 LIBRO INFORMES SECRETARIA 2020-0005 [INFORME DE SECRETARIA]

14 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0012 [FASE A CONTRATO SAF CONFORME ARTI

15 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0013 [FASE A FISCALIZACION PLIEGOS SAF]

16 PROPOSTA DE ACORDO AO PLENO DA CORPORACIÓN

Desde o PSOE cualifican este ponto como outro capítulo da agonía e morte do SAF de Chantada. Abraiados perante esta licitación sen o orzamento para 2020. Trangallada con Modificación de crédito e Transferencia de crédito. Só con o SAF o 8% do orzamento non nato xa comprometido e a isto engadirlle o ponto de urxencia sen informar nen falar. Raquel acusa de incompetencia e comodidade ao PP. Comprometen xa entre 15-20% do orzamento sen sequera debatelo. Externalizan un servizo facéndoo un 10% máis caro do que supuña a xestión pública, só en IVE 36.000€, ao que cómpre engadir un coordinador do servizo e 5% de beneficio industrial.

Os pregos provocan dúbidas na bancada socialista, polas súas ambigüidades. A cláusula 27ª debería ser máis concreta nos limites da subcontratación. A situación das traballadoras non se sabe ben como fica <<tenas aquí>>. Raquel acusa ao PP de dicir que non mudaría a situación, mais non ve que se manteña o convenio actual con 6-7 días de LD, asistencia a familiares no médico, trienios… iso recóllese no convenio colectivo.

Faltan medidas claras no controlo do servizo e sobre a empresa. A mesa de contratación non a debe presidir o alcalde, só debería estar integrada por técnicos e non a concelleira 4 anos como responsábel.

Unha chapuza con aleivosía de quen espera a pasar as eleicións para externalizar, cun orzamento hipotecado e mostrando incompetencia para favorecer o lucro empresarial. Un ataque á xestión pública. Conflito laboral desde outubro e cercenando o direito á greve con servizos mínimos abusivos de máis de 90% e denegando todas as licenzas sen piedade e solventando os continuos reparos de intervención. O único responsábelk é a equipa de goberno e o alcalde.

Desde Por Chantada-CUP comézase con retranca, dicindo que as bases son bastantes rigorosas, vindo de vostedes, vese que renderon os 1.800€ do bufete de avogados que contrataron. En todo caso, nen se pode ocultar a privatización até, cando menos, 2024, nen a mingua de direitos laborais, nen moito menos que imos pagar moito máis que coa xestión directa e pública 100% do servizo. Isto sen contarmos que se negaron a calquera diálogo ou consulta coa oposición e desouviron estudar a criazón dunha empresa pública, que mesmo podería ser mancomunada con concellos limítrofes.
No prego de cláusulas administrativas particulares na cláusula 1 pon moi claro que «O Servizo de Axuda no Fogar é un servizo público de carácter local consistente en oferecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia (…)» co cal están dicindo que é un servizo público e a súa vez estano privatizando, isto é unha contradición moi clara.
É curioso ver que para ceder parcelas do público ao privado a lexislación é ben flexíbel e pouco importa que se incremente o gasto e que nos vaia saír máis caro. Iso si, para reverter privatizacións os concellos teñen que facer pinchacarneiros e xustificar moi ben a poupanza económica. A súa aposta estratéxica sempre foi favorecer o privado en detrimento do público, aínda que funcionase pior (lémbrese o caso das piscinas, por exemplo) e saíse en condicións ruinosas para o conxunto dos contribuíntes. Daquela, non partillamos os fracos argumentos da motivación da necesidade (Memoria, 9.c e Informe insuficiencia de medios), cando existen numerosas alternativas, que nen foron valoradas: estudar a criazón dunha empresa pública, racionalizar a distribución dos fogares e do servizo, impulsar cadrantes anuais das traballadoras e unha bolsa de reserva horas para cobrir eventualidades (baixas, imprevistos, asuntos proprios…), máis traballadores mediante RTP etc.

No Prego de cláusulas administrativas particulares do contrato do SAF do Concello de Chantada (PCAP), na cláusula 21ª indícase que o local da empresa podería estar en Chantada ou nos Concellos limítrofes. Entendemos que debería estar si ou si na vila do Asma, xa que estamos falando dun desembolso económico moi importante por parte da cidadanía.
Canto ao custo, estipúlase un custo de 3.639.571,36€ para o período 2020-2024, que achamos, no entanto, insuficiente e irreal (AO 231.227.99.04). A comezar porque nen contempla o IPC nem as subas salariais. Non obstante, se imos ao Anexo I do mesmo documento xa se fala de 4.199.505,41€ atendendo ao 20% das modificacións (909.892,84€ por ano con IVE incluído do 4% + 20% das modificacións). Por outras palabras, o lucro mínimo da empresa vai ser de 209.976€ durante a vixencia do contrato, aínda coas contas que se aquí se nos presentan. Unha aposta segura.
Porén, na CI díxoselle á miña irmá Cruz que as 66 persoas en listaxe de agarda entraban no cómputo actual e non no 20% das modificacións contempadas no PCAP, porén iso contradise coas traballadoras calculadas, xa que por cada traballador do SAF hai entre 1 e 4 utentes dependendo das horas estipuladas. Á parte habería que computar os quilómetros polo que incrementaría o prezo que se nos trae hoxe aquí.

SUPOSTO DE CÁCULO
Supoñendo que os utentes da listaxe de agarda son dependentes de grao 2 corresponderíalles 2horas diarias, isto suporía 10 horas a semana , 40 ao mes, 480 o ano e por 66 usuarios farían un total de 31.680 horas. Se multiplicamos as horas, sen contar feriados nen fins de semana, obtemos un custo de 551.232€ (31680×17,40= 551.232€) ao que habería que engadirlle os quilómetros a percorrer para atender a estes dependentes a maiores (unha media de 15km diarios x 5 días=75; semanais x4=300; mensualesx12=3.600 anuais x 66 usuarios=237.600×0,19km=45.144€): 45.144€. Falamos entón de 596.376€ anuais que non se están computando neste momento. Por outras palabras, mais 2.385.504€ no período de vixencia do contrato que, sen o 20% de modificacións, ascendería a 6.025.075,36€ e co 20% a 6.585.009,41‬ no total.

Estas discrepancias, falamos de máis de dous millóns de euros o cal non é peccata minuta, moito me temo que vai ser como o que falamos das horas. Nós indicabámoslle que andarían sobre 18€ e vostedes falaban de 14 ou 15. Resulta que aproximamos moito mellor. Claro que admitir un custo de 1.646.253€ suporía deitar por terra a suficiencia dos medios financeiros e imposibilitaría a privatización nestes termos.

De por parte, contémplase nos pregos que se debería cobrir o servizo de 8:00 a 22:00, cando o mesmo traballador social estima que a maioría dos fogares só queren o servizo de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00, entón cal sería o motivo da ampliación do horario se xa se contemplaba por necesidades do servizo en casos específicos?

Na memoria xustificativa fálase da adecuación á normativa laboral do convenio sectorial de aplicación dos contratos do persoal traballador do servizo. Por unha banda, dise que teñen que pasar coas mesmas condicións que teñen no Concello e, pola outra, dise que se lles ten que aplicar o convenio estatal de axuda no fogar prexudicando as traballadoras, xa que perderían dereitos pasando do convenio de persoal laboral a outro inferior. Nos pregos non observamos que se especifique o convenio de aplicación, que defendemos debe ser o galego, tal e como reclamou a delegada sindical das traballadoras. Só se recolle na epígrafe 7ª da Memoria (p. 9) que debe ser o Convenio Colectivo laboral do sector da axuda no fogar na Galiza, mais ponse entre parénteses.

Igualemente, quero salientar que existe solicitude de días por lactancia (13, RE 4779) dunha traballadora, da que tomou razón a XGL do 9/1/2020- No entanto, cal foi a nosa surpresa ao comprobarmos que non aparece na subrogación, a pesar de levar prestando os seus servizos no concello de Chantada dende o ano 2017. Pouco importa editar o III PIOM se logo actuamos deste xeito e non respeitamos unha baixa por maternidade de alguén que aprobou o exame da bolsa e solicitou a licenza por lactancia á que, evidentemente, ten direito. Esta é a conciliación e a igualdade que vostedes queren promover? Pola contra, outra traballadora que se apresenta por vez primeira á bolsa e, aínda negándose 3 veces a traballar alegando motivos persoais, nen se bota fóra da bolsa e resulta que si figura na subrogación. Isto non é para nada coherente. En todo caso, recapaciten en inclúan as dúas.

Tampouco o é nomear responsábel do contrato a concelleira de Servizos Sociais e que logo sexa suplente na mesa de contratación, cando ao noso xuízo, ambas figuras (a presidencia da mesa e o responsábel deberían coincidir).

Como lle dixemos no seu día, saía máis barato privatizar o Goberno, incapaz de xerir o servizo, do que o proprio servizo… claro que este Goberno se callar xa é máis privado e privativo do que un conxunto de servidores públicos ligados polo compromiso de fideicomiso cos seus cidadáns. Ou por que non levaron isto no programa e incumpren todo o que levaron nel?

Mantemos o voto en contra xa emitido na CI.

 

Por parte do PP dise que se se vai á CI será para vir informados e non con retaílas para estar en contra do que se fai en Monforte, Saviñao, Sarria ou Ribadeo. O PSOE debería usar outro tipo de adxectivos e non insultar, Varela acúsaos de na CI afirmaren que é o que queren as traballadoras. Raquel tenta contestar. Varela dille que non o interrompa. Están aquí as traballadoras e van mellorar e é falso que non se reuniran con elas, tal e como recolleu a imprensa. Non van dar máis explicacións, traballan para os cidadáns. Manteñen o voto da CI.

Raquel intervén para acusar a Varela de terxiversar as súas palabras, na CI a pergunta era se todo ficaba como estaba como é que segue a greve das traballadoras do SAF. Varela aféalle que siga insultando, que por ese camiño o PSOE de Chantada vai moi ben.

A favor: PP (7).   En contra: Por Chantada e PSOE (6).

Neste momento sae a maior parte do público e comeza a manifestación do SAF nas rúas contiguas á sala de Plenos.

4.- Aprobación de facturas mediante recoñecemento extraxudicial de crédito (REC 01/2020) por importe de 74.378,83 69.978.63€. Expediente 42/2020.

Informe de fiscalización_OMISION DE FISCALIZACION 2020-0001 [OMISION FISCALIZACION FACTURAS REC 01-2020 OF 01-2020]

01 PROVIDENCIA APROBACION FACTURA

02 PROPUESTA RESOLUCION APROB FACT PLENO A FISCALIZAR

03 MEMORIA XUSTIFICATIVA

04 PROPUESTA APROB FACT PLENO

Raquel acusa a Varela de mentir na CI ao dicir que eran sancións da CH e resulta que son facturas. Varela deféndese dicindo que non dixo iso, entendería mal.

Prosegue o PSOE dicindo que son 70.000€ de gastos que non se planificaron. Constantemente ocorre isto e o Concello está submido nun caos absoluto. Reparos por fraccionamento de contratos supón estar no fío do arame con adxudicación continuas ás mesmas empresas.

Desde Por Chantada dise que non podía faltar á cita un REC, que totaliza desta volta 74.378,83€ (69.978,63€ en facturas mais 4.400,20€ en sancións da Confederación Hidrográfica, outro clásico). Veñen acompañadas dunha Omisión de fiscalización 1/2020, de 24 de xaneiro, da intervención municipal, para comezarmos ben o ano. Dinos ese documento que non existía crédito axeitado e suficiente para esas facturas e que se incumpriron varias disposicións da lexislación, como o RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno ou a LCSP. Existen mesmo 3 facturas emitidas por comunidades de bens que non poden contratar con entes públicos e outras que fan referencia a gastos recorrentes e que superaron o ano polo que se incumpre o deber de licitación con transparencia, igualdade e publicidade. Tamén nos di que existen facturas pendentes de tramitar que son anteriores ás que imos aprobar, incumpríndose a prelación de pagos.

Non sería especialmente grave se acontecese unha vez, mais esquecéronse de dicir na Memoria xustificativa REC 01/2020, de 24 de xaneiro, asinada polo alcalde, que isto non é excepción senón norma. E que o uso e abuso do contrato menor é un procedemento sui generis da súa xestión, a pesar dalgunha moción que lle temos traído, como a de febreiro de 2016, Moción para a adopción de protocolos de transparencia e eficiencia nos servizos económicos do Concello de Chantada, nomeadamente no relativo á contratación e seguimento dos contratos menores. Folga dicer que se negaron a aprobala, como desouviron a nosa proposta máis recente, en 2019, de impulsar unha Central de Contratación Local.

Deberían lembrar tamén que a axilidade e eficiencia que invocan non pode contradicir as leis, pois vostede non é Luís XIV para dicer «L’Etat ce moi». Por exemplo, teñen a empresa que xere as RRSS 6 meses sen cobrar (parte vén agora a este REC 1/2020) e resulta que xa cando se contratou lle advertimos que era necesario facer unha licitación. Se iso é “eficiencia”… máis ben son probas continuadas e palpábeis da súa deficiente xestión.

Pola súa banda, o PP recoñece na figura de Manuel Varela que a oposición ten parte de razón. Porén, xa verán que difícil é gobernar cando lles toque. A plataforma de contratación do Estado mirárona, mais saia máis caro. En todo caso, eles están alegres porque aínda facendo REC non teñen que ir a operacións de crédito como en 2011. Non hai un millón de euros de débeda, iso era en 2018, agora case non hai a imprensa non pode mentir así. Sempre miran as melloras ofertas e peden 3 prezos para poupar aí cartos. Todos os subministradores baixaron os prezos porque pagamos máis ou menos ao día. Nas facturas do REC anterior había cousas do obradoiro de emprego e van solicitar outro e se houbese orzamento non o poderían contemplar aínda e terían que ir a unha modificación de crédito.

A favor: PP (7) En contra: Por Chantada e PSOE (6).

5.- Moción do grupo municipal socialista sobre servizos no rural. Expediente G-36/2020.

MOCION DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE SERVIZOS NO RURAL

Defende a moción do PSOE Raquel. Di que visa mellorar o rural. A primeira parte céntrase nos servizos básicos e urxentes (traídas de auga e saneamento). Case todo o rural sen elas. Problemas na época de seca.

Interrompe Varela (PP) para indicar que as traballadoras do SAF perderon a razón pola manifestación vergoñenta que están facendo. Outros sindicatos non defenden isto e dálle pena, vaia país que estamos criando. Acusa á oposición de alentar estas actitudes coas súas intervencións.

Continua Raquel. Non foron capaces de escoller unha parroquia, daí a súa proposta de comisión para facer baremos e reflectir nos orzamentos as máis urxentes. Os pontos 3º e 4º son menos urxentes. Trátase do convenio da FEGAMP e envexan a Sober polo proxecto de fibra óptica en todas as súas parroquias. Isto require anos, trataríase de sentar as bases.

Desde Por Chantada ven a moción interesante. No tema da auga existen numerosas problemáticas en diferentes lugares. Podemos cáseque dicer que non hai parroquia sen conflitos ou deficiencias na auga, porque cada vez fican menos viciños, a auga non se “busca” e o mantemento das traídas é insuficiente (ao tempo que aumentan as necesidades). Todo o noso apoio á creación desa comisión para o estudo das necesidades de cada parroquia en saneamento e auga. Cómpre lembrar que concellos con 500 ou 600 habitantes da provincia de Ourense levan 20 anos con saneamento integral e Chantada con máis de 8.000 habitantes ten o 90% do rural sen el, sen colectores do lixo para reciclar e con moitos lugares que no verao fican sen auga.

Tamén apoiamos a demanda de fibra óptica ao Goberno do Estado e á Xunta da Galiza, outro campo onde se manifesta a desigualdade e o abandono que padece o interior galego e que é fundamental para moitas empresas e explotacións, cada vez máis. O problema é que a fibra óptica para os lugares do noso Concello sería unha millonada e temémonos que o rural ficaría novamente cun servizo de terceira ou cuarta categoría. En Laponia foi a propria comunidade a que puxo a fibra óptica con fondos europeos.

O máis factíbel é estudar fórmulas para que o Concello poida ter unha conexión óptima e de balde e que a espalle ao rural, mais para iso é necesario dotármonos de nodos e infraestrutura. Este debería ser o camiño e a dirección na que traballar. Poden consultar con Xinzo de Limia, que puxo tiradas de fibra óptica municipal.

A Mancomunidade de Santa Águeda (San Amaro, Coles, Vilamarín etc.) ten pontos de graza e de balde nos concellos. No Macizo Central, dez concellos, van pór a Internet de balde por apenas 3.000€ cada un, para un proxecto semellante que financia 90% o GDR. Aquí, en Chantada, levamos anos sen ver un peso do GDR porque este rexeita proxectos deficientes e pouco interesantes.

No que discordamos, pois, desta moción é no convenio entre AMTEGA e a FEGAMP. En primeiro lugar, porque existen outras alternativas a estudar. Por exemplo, o Proxecto Guifi.net, que surxiu en Catalunya e outorga banda ancha a prezos irrisorios con nodos funcionando no Courel ou en Sarria xa (o custe por utente e ano é sobre 70-90€) e máis de 100.000 utentes no Estado. É unha rede libre e aberta toda vez nos dotemos da infraestrutura. En Euskadi, concellos de Bildu, contan con rede de balde para todos os empadronados e un informático que xestiona a rede e nas horas que lle sobran traballa para o Concello. O prezo son 10€ por utente. Aquí, neste Concello, temos un informático e facemos contratacións externas para calquera reparación e mantemento de computadores. Algo falla… mais para chegar a iso primeiro traballaron, insisto, en dotarse da infraestrutura certa para a súa orografía e necesidades reais.

O convenio da FEGAMP é unha chapuza porque non ten en conta a cobertura, por non falar que o prazo remata esta semana e se atenderán as demandas por orde de chegada (coma sempre imos tarde). Exixiríannos dúas cousas para que sexa a rede de balde para o Concello: informar dalgunha aldea sen cobertura de nengún tipo na actualidade e ceder 10 m2 de finca para a torre de celosía, que instala RTGAL, empresa pública. Onde temos esa finca en tan pouco tempo e ben ubicada? A Xunta dá, como máximo, 30.000€ para a acometida eléctrica, xa que os emprazamentos ideais distan normalmente do subministro.

Tampouco indican que compañía vai dar o servizo, xa que sae a concurso a posteriori. Pode resultar enton que a empresa X teña pouca rede de cobertura no noso ámbito e non solvente para nada as nosas necesidades.

É máis, vendo o convenio temos claro que isto non vai solucionar nada e temos que buscarnos a vida con iniciativas e medidas máis audaces. Claro que nengunha delas está na axenda deste goberno… De todas formas a torre de celosía si sería una boa adquisición que permitiría, ao ser do Concello, impulsar unha radio local e outros usos, aínda que non nos solventase a problemática da Internet.

O PP di que lle parece ben a moción e que na CI de urbanismo poden estudar isto conxuntamente cos orzamentos. O 50% do canon enerxético estaba previsto para saneamento e o resto para outras cousas necesarias no Concello, mais non se fixo así. O GDR investiu no centro de día máis de 200.000€ e este ano 180.000€ en Palas, non todos os anos vai levar Chantada partidas, sobretudo lévaas para servizos sociais. Insta a reunirse antes dos orzamentos e estudar as cantidades a destinar. Tamén fala de traer a auga desde o Faro, que sería un investimento importante e necesario, ora é inviábel atender 300 núcleos sen saneamento habitados. Rexeitan a moción, mais estudarán as necesidades.

A favor: Por Chantada e PSOE (6). En contra: PP (7).

6.- Moción de Por Chantada-CUP por uns servizos sanitarios dignos para o interior galego. Expediente G-36/2020.

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP por uns servizos sanitarios dignos para o interior galego.

Defende a moción de Por Chantada Antom Fente que le os acordos e fai unha síntese da exposición de motivos e as iniciativas que leva desenvolvendo Por Chantada neste eido.

Raquel (PSOE) di que nos últimos anos o PP leva atacando moito a sanidade pública, que se está desmantelando e o tema da pediatría tócalle a Chantada en primeira liña. A política debe buscar solucións: ambulancias, listaxes de agarda etc. Monforte pode ser o seguinte, como xa se indicou na defensa da moción. En Verín rectificouse pola presión popular, mais lamentábel ouvir que <<un parto non é un infarto>>. Apoian a moción na defensa da sanidade pública e as manifestacións.

O PP, por medio de Varela, di que receben mocións do PP e que non as traen ao Pleno. A moción anterior atinxe a Chantada, esta non. Sobre as transferencias de capital aos concellos a infección vén de atrás, xa que o Goberno central non financia ben as CCAA e a Deputación de Lugo está discriminada pola extensión, 92.000 millóns fronte os 160 millóns da Cruña. Lévano defendendo na FEGAMP, mais non os atenden. A ver se o defende tamén no Senado. O tema de Verín correxirase e espera que non volva ocorrer. Non hai cartos. Que loite o PSOE agora que está en Madrid. O tema da dependencia non se dotou de forma suficiente. A CCAA paga 9’70€, o utente 2€ e até os 17-18 hora ten que pagalo o Concello sen receber máis do 13% dos fondos do Estado. Que suban até o 25%. Lamenta moito e na situación que está agora terá que berrar con estas cuestións, mais vir ao Concello dicir que hai que facer cousas cando pagamos impostos coma todos e logo pagamos máis pola porta de atrás, pagamos duplamente. Sobre Portugal e o hospital privado de Chaves tiñan que ir a Porto ou a Verín por cobertura europea. En Portugal fano ben actualmente, mais o norte está abandonado.

A favor: Por Chantada e PSOE (6). En contra: PP (7).

7.- Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono. Expediente G-36/2020.

Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono

Por parte de Por Chantada defende a moción Antom Fente expondo os acordos e sintetizando a exposición de motivos. Acéitase a emenda do PSOE.

Desde o PSOE intervén Daniel. En primeiro lugar para indicar que as traballadoras do SAF están defendendo os seus direitos. Vostedes que son tan constitucionalistas respeiten ese direito, espétalle ao PP.

Varela (PP) indica que teñen direito da subdelegación do goberno, mais xa pasan da hora e non lle vai dar leicións de ética e respeito o PSOE. Pédelle a Daniel que se limite ao ponto a tratar.

Volve intervir o PSOE. A moción parécelles oportuna polo momento en que vivemos. Cada día que pasa é unha batalla perdida e condenan as voces negacionistas da ultradireita e a direita dócil como Rajoy que mencionaba un curmán seu.  O novo Goberno estatal do PSOE ten como ponto nuclear a loita contra a mudanza climática na figura da vicepresidencia de transición ecolóxica e aprobouse a declaración de emerxencia climática e púxose enriba da mesa facer unha lei de mudanza climática en 100 días. Desde o PSOE están de acordo coa moción: emerxencia climática, fixación de carbono, medicións e debe ser tamén autonómico ao ter a Xunta as competencias exclusivas en ordenación do territorio, mais ao PP dálle igual isto, polo que agarda que se produza o cambio na Xunta. As ECV provocan sombras e mais humidade e deterioros, xiadas, caída da folla, raíces… problemas que cumpre ter en conta na elaboración do protocolo. Ofrece colaboración para facelo. O PSOE apresenta unha emenda de engádega que pasaría ao ponto 4º sobre eficiencia enerxética nos edificios públicos e para novos edificios. A construción ten unha grande pegada de carbono e espallalo a outras administracións veno ben.

O PP di que rexeita a moción. Participou como alcalde das xornadas sobre mudanza climática na Consellaría de Medio Ambiente até 2030. Desde Chantada non lle imos dirixirnos a todas as administracións. Teñen axudas de 200.000€ do Ministerio para substitución de luminarias na Avenida de Monforte con 55% de poupanza; en Uxío Novoneyra tamén novo alumeado con 75% de poupanza… Traballar todo o que pede a moción requeriría destinar todo o persoal do Concello a isto e teñen outras prioridades. Ir facendo na medida do posíbel.

A pesar do anterior, na votación – imaxinamos que por erro- a moción apróbase:

Votación moción con emenda: unanimidade.

Votación moción sen emenda: a favor Por Chantada e PSOE (6) e en contra PP (7).

8.- Mocións e asuntos de urxencia.

8.1.- Modificación orzamentar 03/2020 mediante crédito extraordinario 01/2020 de 550.000€.

Intervén Fente (Por Chantada) para pedir a explicación da urxencia, xa que é algo que <<non decidirían hoxe pola mañá ao levantarse estupendos>>.

O PP explica que a urxencia é porque aínda hoxe receberan unha das dúas ofertas dos dous edificios que se queren mercar. Defende Varela que é un tema sinxelo e tiñan intención de mercar estas casas na zona antiga desde hai tempo. A antiga Academia queren comunicala co actual Concello cun corredor e a outra para albergar biblioteca e arquivo como é debido, que o actual está nunha situación perigosísima cada vez que hai que ir buscar algo. Facer un estudo para albergar todos os servizos do Concello. Amais, hai departamentos da Xunta esperanto por estudos detallados para investir, xa que en Chantada hai moito que non se investe en edificios desta índole e están na mellor disposición de acceder a isto.

Fente pregunta que edificios son e Manuel Diéguez di que son a antiga Academia e o inmóbel onde estaba o antigo Pub Boys, o nº6 da Rúa Formoso Lamas.

Votación da urxencia: a favor: Por Chantada e PP (9). Abstención: 4 PSOE.

Varela (PP) indica que este diñeiro que se pede se o RTGX axuda xa se solventaría en 2020 e se non en 5 anos, a razón de 50.000 anos cada 6 meses e cun ano de carencia.

O PSOE critica novamente que a documentación sexa insuficiente e se remitira o mesmo día do Pleno. Xa na CI meteron ponto por urxencia e non mandaron a documentación. Tampouco receberan as XGL.

A secretaria di que pensa que se mandaron. Fente di que de novembro non teñen e Daniel di que están na sede electrónica. A secretaria di que pediu expresamente que se eneviaran, que a ela é imposíbel.

Varela (PP) di que eles non se meten niso, que é cousa de Secretaría, que chamen desde o PSOE por telefone ao Concello e se informen. Que se alguén lles nega información que llo digan.

Raquel (PSOE) defende que para operacións desta índole o orzamento debería estar aprobado e sería bon telo para isto.

Varela explica que é compromiso, polo que 2020 sería o ano de carencia e, ao mellor, ao rematar o ano de carencia xa se amortiza; non afecta ao orzamento, nen este é a panacea. O orzamento de 2019 que teñen prorrogado non é tan desastroso e Pedro Sánchez aínda traballa con orzamento de Mariano Rajoy e o deste ano a ver se ben para xuño, que é difícil, canto mellor o fagan mellor para todos.

Raquel di que compadece a Sánchez por seguir cun orzamento do PP, mais el non ten maioría absoluta como o PP en Chantada. O PSOE di que é boa idea a compra, mais non viron a documentación en tempo ao remitírselle na mesma mañá do Pleno en horario laboral.

Varela di que houbo reunión no Concello e que a da Academia chegou antonte e a outra xa a tiñan e prepararon expediente Secretaría e Intervención, que el até non estaba. Gostaríalle facere isto por unanimidade, xa que é algo para todos os cidadáns e para as sucesivas corporacións que veñan. Poden dar ideas desde a oposición. O Concello está nunha situación que podería pedir 2-3 millóns de euros de crédito, xa que a capacidade do Concello é absoluta.

Raquel insiste en que lles parece ben a compra, como sempre dixeron, mais precísase ver a documentación e non tiveron tempo material. Abstención, aínda que segura de que a compra sexa boa deben ler os informes.

Varela di que leu a documentación hoxe pola tarde, que é un expediente fácil de ler.

Fente (Por Chantada) parécenlle ben os edificos. Certa incidencia non ter o orzamento. Contraditorio dicir que non hai débeda e remanente e logo ir a crédito. A urxencia polas eleicións autonómicas para receber axudas.

Varela di que hai boa predisposición da Xunta, por aí vai ben non é por votos. Diéguez que había predentes.

Fente indica que van dar un voto de confianza polo tema da biblioteca e da accesibilidade. Non gostaron das formas, que leva a receos e a desconfianzas.

Hai que pensar en ubicar aí os sindicatos e tirar o edificio da Praza da Galiza. Vaian pensando niso, gostaríalles ver tirada aquela casa.

Fente recalca que un dos edificios en todo caso vai ser para biblioteca e arquivos.

Varela di que si, que son sobre 680 m2 en total. O do Boys 280.000€ o resto para a Academia.

A favor: Por Chantada e PP (9). Abstención: 4 PSOE.

Sobre este ponto queremos lembrar o ponto 15.7 do noso programa, do seguinte teor: <<Adquisición de edificios contiguos á Casa Consistorial para mellorar a accesibilidade e construír unha nova biblioteca>>.

PARTE DE CONTROLO DA XESTIÓN.

9.- Dación de conta de resolucións da alcaldía (Decretos 544/2019 a 47/2020).

10.- Rogos e pergunta.

10.1.- Rogos e perguntas PSOE.

(vid. audio)

10.2.- Rogos e perguntas Por Chantada.

I.- Indicacións a cuestións formuladas con anterioridade.

1.1.- Axudas ao transporte. Rogo para incrementar contías caso haxa poucas solicitudes e evitar os excesivos remanentes que están ficando nesta partida. A concelleira Concepción indica que así farán na seguinte anualidade, mais que non lle deu tempo aínda ao acabara de incorporarse en maio.

1.2.- Lama das Quendas. Pontoalízase que, tendo falado coa asociación, o que pede esta é insonorizar os locais. Contesta Manuel Varela que se vai adquirir un aparato para realizar as medicións de ruídos.

II.- Subvencións.

2.1- Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B).

Acolleuse o goberno a esta resolución? Con que proxecto? Pamela contesta que si, que van facer máis un mirador, neste caso en Tarrio. Fente retruca que máis un mirador… que logo hai que mantelos.

2.2.- Para actuacións de mellora paisaxística e de mellora de bens e recursos que se encontren no Camiño de Santiago (DOG, nº 229, terza feira 2 de decembro do 2019). Acolleuse o Concello a esta liña de axudas (remataba o prazo o 2/01/2020) de até 15.000€ para Concellos e 10.000€ pra persoas físicas ou xurídicas privadas (75%)? Diego Otero indica que se gastará no Casco antigo para substituír placas co nome das rúas que aínda non están en galego e unhas letras de “Chantada” para que os visitantes podan fotografarse diante da Casa da cultura. Están estudando a peonalización.

2.3.- Para rehabilitar e reformar mercados municipais e prazas de abastos (DOG, 21/01/2020, 45 días para facer a solicitude e fondos FEADER, PDR). Acolleuse o goberno a esta resolución? Con que proxecto? A concelleira Pamela non ve a idoneidade de acollerse a esta resolución. Queren reorganizar a praza e apagar barreiras arquitectónicas. Pór queixos, viños e produtos locais para dinamizala. Porén, este ano correspondería facer a ordenación e logo pedir subvencións.

III.- Medio rural.

3.1- Rexistros e canalización de auga no lugar de Uriz.

Xa trouxemos hai medio ano aquí a cuestión da canalización de Uriz, producíndose inundacións pola falta de limpeza dos rexistros dadas as abundantes choivas. Rogámoslle novamente que o goberno teña en conta a situación e proceda a súa limpeza, que debería incluír a limpeza desde o manancial para asegurar tamén a existencia de auga no verao.

3.2.- Sinalización estrada San Lucas-Limiñón.

Colocáronse algúns indicadores recentemente, foi o Concello ou son privados? Manuel Varela indica que son de natureza privada.

IV.- Seguranza vial e infraestruturas.

4.1.- Fochancas na Cruz en Barrio.

Rogamos o arranxo de fochancas de dimensións considerábeis na cruz , no acceso a Barrio (parroquia de Muradelle).

4.2.- Pista de Pesqueiras-Airoá-Soilán.

Rogamos o arranxo da mesma dado o seu estado.

4.3.- Camporramiro-Polígono (a que pasa por Señorín).

Rogamos o arranxo da mesma dado o seu estado.

4.4.- Pista Río Pedroso até O Romeo.

Arranxada hai pouco xa volve ter fochancas, polo que rogamos se tomen medidas. Manuel Varela di que no cruce, polo peso do tránsito é incorrexíbel.

4.5.- Pistas da Deputación LU-P-1807 na parroquia de Brigos (Congostra Fonda e entrada a Eiriz) e LU-P-1805 (entre o Solar e Vilar de Eiriz).

Rogamos se demande á Deputación o seu arranxo, xa que hai fochancas considerábeis neses trechos da estrada e mesmo se produciron pinchazos en rodas. O PP non contesta. Os concelleiros do PSOE toman nota.

4.6.- N-540.

Apresenta importantes fochancas xa, precisamente na zona do Polígono. Rogamos que se actúe e non se volva a agardar a que estexa intransitábel para reaxir.

4.7.- Talude en Doutor Fleming.

Rogamos a rehabilitación do mesmo.

4.8.- Canto da rúa dos Pilos coa Alameda.

Non hai paseo (beirarrúa) e a vexetación da sebe entra na rúa. Rogamos que se actúe. O proprietario ten algún ao cargo do mantemento, mais deixou a poda ciscada.

4.9.- Pista de Fornas.

Comezaron os arranxos da pista de Fornas para a que se recebeu unha subvención da Xunta da Galiza segundo informou o alcalde nunha CI? Varela contesta que falou con Infraestruturas nesta semana e que, cando o tempo o permita, comezarán as obras con aglomerado en quente.

4.10.- Pista Surribas- Quinzán da Vila até o rego do Caño do muíño.

Solicítase o seu arranxo encontrándose nun estado de deterioro total.

V.- Educación.

5.1- Prescolar na casa.

Durante a pasada lexislatura, tanto sendo concelleiro educación Castor Novoa canto sendo Diego Otero, desenvolveuse o programa de Prescolar na casa. Para o mesmo o Concello outorgaba apenas unha achega de 1.300€ e a cesión dun local. No entanto, este curso aínda non se encontra operativo e, desde a asociación Antonio Gandoy, confirmáronnos que a nova concelleira non está polo labor de facer unha achega económica, aínda cando existen numerosas familias interesadas na súa existencia. Contestouse á solicitude de local formulada en 27/12/2020 en sentido negativo e sen dar alternativas e aínda o día 21/01/2020 receberan a notificación de cesión de local para xuntanza… celebrada en decembro!

  • Por que, de repente, se segue o mesmo goberno se están pondo tantos problemas con este servizo que contribúe á crianza e á conciliación e ten demanda por parte das familias?

  • Van ceder o local para que podamos ter no Concello de Chantada este servizo que contribúe para a crianza activa e a conciliación?

  • Que día e en que horario?

A concelleira Concepción di que a estas perguntas contestará noutro momento, que apostan polo público. Fente lémbralle a moción do pasado Pleno sobre a escola infantil que rexeitaron. Ao rematar o Pleno explícasenos que se quere implementar o Plano madruga e que, portanto, non acreditan que o axeitado sexa prescolar na casa e que o Telecentro tampouco é axeitado.

VI.- Patrimonio e cultura.

6.1.- Entroido ribeirao.

Declarado o Entroido Ribeirao BIC, resiste no Moredo e en Santiago de Riba, cando non fai tanto que se espallaba por Líncora, Vilauxe, A Sariña ou Nogueira. A asociación está facendo un traballo inxente e o día 9 de febreiro numerosos entroidos da Galiza visitarán a vila de Chantada. Coidamos desde o noso grupo que xa non sabemos como rogarlles que arranxen a casa escola do Moredo e o campo, así como incremente a subvención nominativa ao noso maior elemento elemento do patrimonio inmaterial xunto coa lingua e o Folión de carros.

Indícase que neste ano se vai substituír a varanda e Manuel Diéguez di que teñen compromiso de corrixir a situación e incrementar o apoio á Asociación do Entroido Ribeirao.

VII.- Medio ambiente.

7.1.- Colectores soterrados da rúa Nova.

O seu estado é deplorábel e dá má sensación nunha das entradas ao casco antigo e nunha das principais rúas da vila. Cando menos, rogamos que se baleiren.

7.2.- Decreto 615/2019 de 31 de decembro, devolución 9.971.72€ da anualidade 2018 por importe non xustificado da Rede Natura.

Os fondos da Rede Natura, outorgados pola Consellaría de Medio Ambiente, territorio e vivenda, non son suficientes para a xerir correctamente estes espazos e involucrar as poboacións locais. No entanto, sorprende que o Concello de Chantada perdese case 10.000€ por non xustificar o importe. Poden explicar isto? Varela indica que a tardanza dalgúns informes necesarios dalgúns departamentos atrasa todo e xa se queixaron na Xunta de Cultura, Patrimonio e da Confederación Hidrográfica. É imposíbel cumprir así os prazos e, para o rexedor, eran mellor transferencias directas aos concellos. Varela contesta que tiveron que readaptar cartos do Plano Único de Mondín porque a Confederación Hidrográfica exixe abastecemento de auga e complica todo para o arranxo da casa da escola. Acreditan pozo de 50 anos, mais non lles vale, e a concesión tarda un ano.

VIII.- Urbanismo.

8.1.- Decreto 578/2019, do 4 de decembro.

Polo mesmo, déixase sen efeito a encomenda fixada na resolución da alcaldía 509/2019, de 7 de novembro, e efectuase unha nova encomenda da defensa e representación do Concello de Chantada no Procedemento abreviado 331/2019 do Contencioso-administrativo, nº2 de Lugo a instancias de PRONOR Chantada S.L., a favor dos letrados da Asesoría Xurídica da Deputación Provincial. Non pasaba nada por darnos a razón no pasado Pleno de novembro cando lle advertimos que estaban cometendo unha ilegalidade e lembrámoslle que a lexislación non permite que cargos eleitos contraten a familiares directos en nengunha modalidadeNon se contesta.

8.2.- MP con ordenación detallada do PXOU en Pousada (Convenio urbanístico de planeamento coa mercantil Mirta Properties S.L.U.).

Mediante Decreto 639/2019 de 20 de decembro dáse trámite de audiencia aos titulares cadastrais afectados, total ou parcialmente, pola área de afección da MP en cumprimento do artigo 401 do Regulamento da Lei do Solo da Galiza (Decreto 143/206, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo da Galiza). No entanto o prazo fixado para alegacións ou adhesións ao convenio, 15 días, e a circunstancia de que rematase o mesmo día da reunión informativa (10 de xaneiro) invalidan o procedemento, xa que primeiro debe informarse axeitadamente e logo dar o prazo para formular alegación, se for o caso.

  • Vai o Goberno municipal convocar un novo prazo de alegacións, xa que mesmo a empresa redactora da MP recoñeceu que este procedemento era irregular? Varela di que as alegacións son despois e que só son 3 os afectados. Pode alegar calquera cidadán de Chantada.

  • Non debería na reunión informativa informar sobre Plano de como fica cada parcela e se hai mudanza do solo, posibilidade de expropriación etc.?

  • Rogamos que se poña solución a estas deficiencias e se abra un novo período de alegacións e información que siga os procedementos legais estabelecidos.

Varela di que só houbo perguntas dos concelleiros do PSOE e que noutros sitios non se informa os viciños. Neste momento sen coñecemento que se vai alegar?

Por Chantada fai achegas á proposta de Orde para a Tarifa Xente Nova da Xunta.

No día de hoxe, desde Por Chantada-CUP rexistramos propostas de mellora e suxestións ao Proxecto de Orde pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta da Galiza, que podedes consultar aquí: IM-orde-tarifa-xentenova-gal.
O noso documento coidamos que conta con achegas moi salientábeis que, de seren aceites, mellorarían substancialmente o documento. En síntese:

  1. Consideramos que a Xunta da Galiza debería prever unha ampliación de idade para aqueles mozos e mozas que non poden cursar os seus estudos no seu lugar de residencia. Cremos que isto sería positivo para axudar a que parte desa mocidade, especialmente a que vive no rural, se manteña vinculada a el fomentando un interior galego vivo.
  2. Propoñemos que a Xunta da Galiza contemple convenios coas Administracións locais. Dese xeito, os Concellos poderían sufragar parte dos gastos ocasionados por eses estudantes universitarios que previamos na epígrafe anterior, de forma que, dun tramo tarifario superior, se puidese pasar a un inferior ou ao plenamente gratuíto. Isto permitiría que as axudas promovesen o transporte público e se adecuasen mellor aos desembolsos que teñen que realizar os mozos e mozas.
  3. Consideramos que o procedemento de reembolso da contía das viaxes previsto é sumamente confuso e pouco intuitivo para as persoas usuarias. Coa redacción actual, sería necesario acudir a un caixeiro da entidade financeira colaboradora para solicitar o reembolso das viaxes realizadas.Cremos que sería máis áxil que aos usuarios non se lles retirase o saldo da tarxeta cando realizan unha viaxe. Deste xeito, eliminaríase a necesidade de todo o proceso anterior e a intermediación bancaria.
Se quixeres ler as nosas propostas íntegras podes facelo premendo aquí (PDF): Propostas de Por Chantada-CUP ao anteproxecto da tarifa Xente Nova.
#Construírfuturo #InteriorGalegoVivo

Pleno ordinario do 8 de novembro de 2017

 


O pleno comezou ás 20:02 horas coa asistencia dos 13 concelleiros e o secretario e a interventora accidentais, Cores e Susana respectivamente. Canto ao público asistiron apenas 5 persoas e 2 xornalistas de Televinte. A data do pleno ordinario mudouse a petición de Inta, accedendo os restantes grupos.

1.- Aprobación da acta anterior.

Desde o PSOE piden extremar a cautela ortográfica, xa que se cometen moitos erros.

A CUP explica que vai votar en contra porque non constaba a acta no Gestiona e non se pode votar afirmativamente aquilo que se descoñece, amais solicita que se remitan as actas, pois non se enviaron as actas da XGL desde o último pleno ordinario.

A favor: Inta, PP e PSOE (12) En contra: CUP (1)

2.- Renuncia á condición e cargo de concelleira de María Cándida Carnero Blanco, do grupo municipal Inta.

O alcalde comeza brincando coa posibilidade de que aínda se pode volver atrás. O secretario accidental le o ditame da CI. Varela di que moi ao seu pesar se produce a renuncia e que en 2007 comezaron unha aventura no PP e, logo, tomaron a decisión con Penela e Castor de impulsar Inta. Agradece os servizos prestados, segundo el non ao partido mais aos veciños. Non aclara os motivos da demisión, mais recoñece que probabelmente non souberon coidar a Cándida como é debido. Onte dicía unha representante da subdelegación de Lugo, na reunión da mesa contra a violencia de xénero, que non lle ían sobrar noivos nas próximas eleccións. Moi válida onde estexa, tamén no Centro de Día onde desenvolve o seu labor profisional. Deséxalle o mellor a ela e a súa familia. Dálle apuro vela máis feliz e libertada desde fai uns dias. O labor político para ela foi arduo e sen cobrar, como a maioría dos concelleiros. Que lle vaia moi ben e sorte á familia. Grazas e sorte polo apoio recibido estes anos.

O PSOE tamén lle desexa boa xeira e pergunta quen vai asumir as responsabilidades e áreas de Cándida Carnero ao que desde Inta se contesta que se vai reorganizar novamente o goberno ao que entre a nova persoa (tampouco se aclara se será a nº 8 da listaxe de Inta, Salud Sotelo).

O PP agradécelle o traballo desenvolvido.

Desde a CUP, a pesar da distancia persoal e tamén de estar nas antípodas ideolóxicas, deséxalle bo camiño e remátase dicindo que no camiño, como din os poetas, é onde nos encontraremos. Coméntase que a experiencia é que a política actual nos fai piores persoas polo que non é bo eternizarse nos cargos, non debendo estar máis de 8-12 anos por hixiene democrática e persoal. Lémbrase que en política quen asume a responsabilidade e traballa realmente dedica moito tempo e traballo, só quen o fai o sabe, sen recoñecemento social de ningún tipo e, nos concellos pequenos, sen cobrar en boa parte dos casos.

Varela contesta ao “recado” dos 8 anos e di que iso dependende da valía da persoa, sen querer con isto desmerecer a ninguén.

[A xa ex-concelleira abandona o pleno entre abrazos do seu grupo e aplausos da Corporación].

3.- Alegacións de Por Chantada-CUP á modificación da ordenanza fiscal reguladora do ICIO e da ordenanza fiscal reguladora da taxa por licenzas e servizos urbanísticos (Exp. G-1123/2017).

O secretario accidental le o ditame da CI e a proposta ao pleno en base á seguinte documentación (PDF):

A voceira do PSOE, Raquel López, comeza indicando que non lle fica claro que se aceita e que non, xa que nas alegacións  só se aceita o relativo ao informe económico-financeiro? O alcalde contesta que si e que o informe financeiro é técnico, da interventora accidental.

No entanto, o PSOE manifesta a súa disconformidade con esas explicacións. Mistúranse epígrafes e destacan como a ausencia de informes foi nomeada pola propia intervención municipal anteriormente, obvíandose desde o Goberno. Tendo en conta os apuros que pasa o rural, ao que o PSOE apoio decididamente, debíase facer unha nova proposta que fose un apoio real, ficando esta proposta de Inta moi lonxe diso polo que votarán en contra.

Javier Medela, voceiro do PP de Chantada, maniféstase a favor mantendo a postura da aprobación inicial, que vén a ratificar, ao seu xuízo, o informe ténico e económico.

Desde a Candidatura de Unidade Popular Por Chantada defendemos que a proposta de acordo di que aceita as nosas alegacións, mais non vemos que se modifique en consonancia a ordenanza, polo que ou se mofifica a redacción da proposta ou estase aceitando unha cousa e facendo a contraria coa inseguranza xurídica e a problemática que iso insire. Non se pode ser tran trapalleiros. Se non se aceitan as alegacións votaremos en contra, aínda que tendo que aceitar o dos informes demostramos que o alcalde mentiu tanto na comisión canto no pleno negando a obrigatoriedade duns informes que agora se recoñece que si hai que facer e que, aínda por riba, tamén falseou o montande e valoración da “rebaixa fiscal”, da que publicamente saíu alardeando o alcalde, cando o técnico cifra en menos de 4.000€ anuais. Ao tempo, as grandes inversións (naves e actuacións doutro teor diferentes ás do sector primario) concédenselle bonificacións de 95% e rexeitouse a nosa moción para impulsar bonificacións no IBI de entre 90-95% para o medio rural que sería unha actuación seria e de verdade e non esta pantomima. Máis un exemplo práctico do que significa o eixe esquerda-direita en política para quen o queira ver.
Por último, é un tanto chocante que non se reparara explicitamente desde a intervención a ausencia dun informe económico-financeiro cando é preceptivo, co cal a única conclusión é que hai serias limitacións sobre a neutralidade e a independencia dos funcionarios polas dinámicas criadas durante décadas no Concello, demostrando que a rexeneración necesaria nas institucións vai moito alén da mudanza de cromos e peóns.

O alcalde nega que mentise e acusa á intervención dos vai-véns producidos. Móstrase extrañado polos 3.000€, porque lembra un caso que vira, aí ao mellor hai unha pequena “disfunción” por parte do técnico. Tampouco hai grandes investimentos no agro, ao mellor é por iso que o montante é pequeno, mais segue afirmando (a pesar dos dados do informe e da realidade!) que a rebaixa é dun 40-45%.

O voceiro da CUP lémbralle que segue faltando á verdade, porque lembramos perfeitamente como en novembro  de 2016 tiveron que retirar a proposta de moficicación precisamente por falta do informe técnico-financeiro! Mentir, minte e de que xeito, pois na páxina 3 da acta do pasado pleno di textualmente <<o Sr. alcalde confirmou que non é preceptivo o informe económico-financeiro, só cando afecte a ingresos e que non entende tanto lío>> e afirmábao aínda existindo o criterio da interventora emitido no seu informe e o precedente ocorrido no pleno de novembro de 2016, xa non entramos agora noutras deficiencias e irregularidades expostas nas alegacións.

Alega Varela que cada funcionario ten a súa responsabilidade e se non fan os informes é seu problema. Faise rebaixa na vía impositiva e parécelle moi ben porque favorece a algunhas persoas, non a moitos recoñece. Independentemente dos informes el di que fai o axeitado sempre e que non hai trampa nin cartón.

A favor: 6 Inta    En contra: 4 CUP e PSOE     Abstención: 2 PP

4.- Reclamacións e suxestións no período de exposición pública do Suplemento de Crédito (SC) 2/2017 por importe de 172.818,96 € [Exp. G-1119/2017].

O secretario accidental le o ditame da comisión informativa, quen ratifica a desestimación das únicas alegacións apresentadas, as de Por Chantada-CUP, en base, segundo o alcalde, á necesidade de axilizar os pagos e obrando no expediente, en esencia, a seguinte documentación (PDF):

Coma sempre, comeza a quenda de intervencións o grupo con maior representación numérica da oposición, o PSOE. Raquel López di que as actuacións en materia económica do Concello sancionadas nos informes da intervención municipal son un reiterado desastre. Non poden votar a favor dun SC e dunhas partidas orzamentares (PO) que reinciden nunha má praxe económica unha e outra vez sen solucións á vista.

O PP di que se abstén <<por coherencia>> e en base ao informe da interventora accidental, Susana Martínez.

O voceiro de Por Chantada, Antom Fente,  indica que, neste caso, desestímanse as nosas alegacións ao SC 2/2017, a diferenza do que aconteceu no ponto anterior, en base ao remanente que aínda ten o Concello, mais dificilmente poden saber se ese remanente é suficiente para executar a sentenza cando non existe un orzamento firme que cuantifique a actuación que se vai desenvolver. É máis o que se sabe certo é que o orzamento do anteproxecto de Viaqua ascendía a por volta de 200.000€ e que a Confederación Hidrográfica desestimou ese proxecto elevando a conatía seguramente a máis dun millón de euros. Con todo, a secretaria e a interventora titulares aclararon, a instancia do noso grupo, en Comisión Informativa (CI) que o preceptivo era incluír no orzamento, toda vez apresentada a alegación por parte da afectada, a contía do anteproxecto podendo incorrer, do contrario, en desacato reiterado de sentenza xudicial coas conseguintes consecuencias xurídicas e económicas para o Concello e os seus xestores. Porén, en vez de pensar en resolver o problema o único que fixo Inta, á última hora e previamente ao Pleno pola vía dunha emenda asinada por Pamela (Inta), após defender na CI o contrario, foi dar un pinchacarneiro, para sacar adiante o Orzamento sen cair nun explícito desacato xudicial, orzamentando unicamente 10.000€. Porque se fixo así? Porque a mediados de agosto aínda non existía orzamento para o ano 2017, magnífica xestión con maioría absoluta por certo, e incluír unha modificación de máis de 200.000€ en período de alegacións significaría reformar todo o orzamento e, en vista da (nula) capacidade de traballo do goberno elevar a aprobación definitiva, con sorte, a decembro de 2017. En consecuencia, non «queda suficientemente demostrado que o Remanente de Tesourería é suficiente», como se afirma para desestimar as alegacións da CUP, e o que si está claro é que o orzamentado non é unha reserva de crédito suficiente para facer fronte á Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza 660/2007 coas consecuencias que poden derivarse no medio prazo para a facenda local, tamén pensan do Orzamento para 2018 pór 10.000€? Vostedes fanas, os contribuíntes pagan.

O alcalde nega que houbese proxecto feito, que era un estudo detallado de 200-240.000€. Logo na Confederación falouse de perto dun millón de euros, ben é certo, o que sería inviábel para o Concello recoñece. Falaron co avogado da familia e chegaron a un acordo para prorrogar dous anos a actuación e conseguiren fondos das 3 administracións [Concello, Xunta da Galiza e Confederación hidrográfica Miño-Sil] e hai que agardar sobe 6 meses polo informe da Confederación que nos dirá o que e como o temos que facer, xa que o prazo dado pola sentenza non é viábel. Parao ano probabelmente, efectivamente, haxa que pór a mesma contía sempre e cando sexa suficiente para a porcentaxe que debe abeirar o Concello. Nestes casos as alegacións non deberían facerse, xa que a diferenza de cando están ben postas, só atrasan o cobro de obras do ano pasado e se se poden pagar é porque hai remanente e el xestiona moi ben o Concello.

Por moito que puxeran as outras administracións, que se van desentender probabelmente da Sentenza 660/2007 do TSX que a quen condena explicitamente é ao Concello pola súa neglixencia, coida o Goberno que con 12.000€ vai abondar nunha actuación que recoñeceu reiteradas veces que andará ou superará o millón de euros? Está insinuando que a Secretaria e a Interventora mentiron ou se equivocaron ao indicar cal sería o procedemento legal para evitar o desacato xudicial en beneficio do propio Concello e non dos intereses políticos do partido no Goberno? Canto ao atraso nos pagos é culpa de Por Chantada que obras de 2016 non se pagasen no primeiro trimestre de 2017, ao sumo no segundo, cando o Goberno podería ter aprobado a conta xeral, o remanente e liquidado as débedas facendo os correspondentes SC? Ten culpa a CUP, cun único concelleiro, de que o Orzamento para 2017 chegase no mes de agosto? É culpa de Por Chantada que se contraten actuacións sen crédito, sen licitar, abusando do contrato menor como lle repara constantemente a intervención? Onde consta o acordo coa familia? Debémonos fiar da súa palabra como no caso do informe económico que non era necesario para modificar o ICIO? O que está esperando é que pasen 2 anos cheguen as eleccións e a ver se a pataca quente queda de herdanza.

Varela retruca dicindo que é algo que tamén herdaron eles, que Fente non ten culpa do atraso do orzamento, mais as empresas tampouco por non cobraren e pide que se vote o ponto sen máis debate.

A favor: 6 (Inta)     En contra: 4 (CUP e PSOE)   Abstención: 2 (PP)

5.- Moción de Por Chantada-CUP para dirixirse á CNMC para evitar os abusos no prezo do leite.

Comeza Fente expoñendo os motivos nos que xustifica a apresentación da moción, após ler o secretario accidental o ditame da CI.

O PSOE concorda coa exposición de motivos e engade que a última referencia en orixe é de 31,1 céntimos, que se ben é o máis elevado desde a desaparición do sistema de cotas fica moi afastado dos 34 céntimos do umbral de viabilidade a longo prazo. Engade 3 pontos como emendas que entende aplicábeis polo Ministerio e di que o consumo de leite descendeu 2% en 2017 na Galiza. Tamén di que o acordo entre industrias é abusivo e deberíamos talvez somarnos á propia denuncia do SLG diante da CNMC.

Emendas:

2.- Instar as administracións públicas e ás propias empresas a que fagan campañas para reactivar o consumo de leite e derivados, especialmente para os galegos.

Que se aplique a normativa europea que prohibe chamar leite a derivados vexetais [este subepígrafe será logo retirado polo PSOE].

3.- Potenciar o papel das organizacións de produtores de leite da Galiza mediante as cooperativas e sindicatos agrarios para ter máis forza perante as industrias.

4.- Incrementar a vixilancia sobre os primeiros compradores para que cumpran coa consignación de finanzas que garantan os ingresos das explotacións.

O PP móstrase no fondo de acordo coa proposta da CUP, se ben indica que no mercado libre é ilegal marcar prezos. A nivel municipal o que podemos facer é arranxar pistas e o Banco de Terras e non estes brindes ao sol que non entende moi ben a que veñen.

Varela di que Inta está a prol dos agricultores e que todo o que se faga é pouco. A industria é abolustamente necesaria tamén, aínda que poda estar facendo manobras indebidas tampouco se pode presionar demasiado. A CNMC se se mete coas industrias pode provocar que estas deixen de recoller. Lembra igualmente que a cooperativa ICOS é primeira compradora e que non deberíamos apertar as cooperativas. Pregúntalle a Raquel se o seu compañeiro Héctor está de acordo con iso. Tamén afirma que falando con persoas do agro as industrias obríganlles a asinar porcentaxes de leite para envasar de dúas formas: un a 30-31 céntimos (B, 60%) e outro de pastoreo A (40%) a 34 céntimos. Di que pode ser unha boa solución.

Comenta o alcalde que vai primar as granxas que pastorean e que se debe explorar máis o Banco de Terras.

Héctor di que o Bantegal existía desde 2007 [fora unha das medidas estrela de Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural no Goberno bipartido do BNG] e estaba o regadío de Lemos e 2.700 hectares na nosa zona e foi deitado por Núñez Feijoo e o PP. Sempre se pediu desde as cooperativas e os sindicatos. Engade que co mesmo depósito de leite non poden existir dous tipos de leite, iso é unha fraude.

Varela contesta que, ultimamente, participou en reunións de fusións das cooperativas, que pidan eles o que temos que facer e non vir con cousas, como di o PP, que son brindes ao sol. Inta di que o que pode facer o Concello é rebaixar impostos, como fixeron co ICIO, e non meternos no que non dominamos ben.

A CUP lembra que denominar leite o que non procede dun mamífero é unha fraude ao consumidor. Sobre o mercado libre lembrámoslle ao PP que até dous dáis existía un sistema de cotas que lle veu moi ben, ao igual que a PAC, a franceses e alemáns e pola contra aquí liquidamos o tecido produtivo básico e afastámonos de ordenar o territorio, da soberanía alimentar… O mercado libre non pode ser o dereito de pernada permanente de Goliath sobre David. Tamén se comenta quen conxelou o Banco de Terras e como podería levar en activo 30 anos reordenando o territorio e dotando de maior base produtiva ás exploracións, xa que a terra que non se ten alúgase a un prezo elevado vía forraxes, ou como os termos municipais poderían tamén impulsar bancos de viñedos para a incorporación da mocidade ao sector primario, tal e como temos proposto, polo que podemos e debemos facer máis que acementar e pór farolas que dan pouca ou nengunha produción; mercados de alimentos locais, apresentamos un proxecto no seu momento que nen se leu, para producir e consumir localmente produtos de calidade e dotalos de proxección exterior; asinalamos tamén a responsabilidade política en orientar e subvencionar os labregos primeiro para o intensivo e agora chegar alegremente os mesmos como paladíns dos pastoreo; falamos do prezo do penso para producir ese leite que eleva o seu custe de produción ou as eivas na formación e no manexo que esta administración nen quere nen sabe suplir para reorientar o modelo e prepararse para o que aí ben; por último, completamos o repaso lembrando que o big to fail que se aplicou no sistema bancario galego, ao cabo agasallado a Venezuela e cos ruinosos xestores xubilados con pensións millonarias que pagou o contribuínte empobrecido pola crise, non ten porque repetirse no caso do tan cacarexado Grupo lácteo galego… Non por ser máis grande se corrixen os erros e eivas existentes a non ser que se manteña a ficción, durante un tempo, a golpe de subvencións públicas. Sobre o brinde ao sol non podemos pronunciarnos, dada a experiencia que teñen no tema os partidos políticos que din defender aos seus votantes e logo só saben mallar neles e repetir unha e outra vez que nada poden facer en cando benefician sempre ao grande para que cada vez os sexa máis. Por Chantada non se imaxina a comarca de Chantada sen leite e sen un agro vivo e, no entanto, entre todos os partidos o que están conseguindo é a chegada do deserto verde para gloria de 3-4 agroindustrias extractivas afondando na desigualdade social e económica.

Varela solicítalle a Raquel que volva ler as emendas á moción e esta reitéraas retirando o tocante ao leite cando desde Inta se afirma que iso xa non se produce e está controlado, pondo bebida de soia ou cousas semellantes. Pede pasar a votar e rematar o debate reiterando que as industrias poden ser atracadores, mais totalmente necesarias e falta un grupo lácteo galego que se leva esperando por el 35 anos.

Procédecese a votar, por esta orde e con idéntico resultado, as emendas do PSOE e a moción orixinal da CUP.

A favor: UNANIMIDADE (12: CUP, PSOE, Inta e PP).

6.- Moción de Por Chantada-CUP para rexeitar a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais na Galiza.

Le o ditame da CI o secretario accidental mais os acordos propostos e procede Fente da CUP a facer unha síntese da exposición de motivos da moción, que pode consultarse íntegra en PDF, facendo fincapé en como se nos rouba a auga ou o vento sen nengunha contraprestación para os indíxenas que resistimos no territorio:

Raquel López e  o PSOE din partillar o fondo do propoñente. O tema da minería di que non nos afecta en Chantada, mais si, por exemplo, os eólicos. Acusa ao PP de facer unha manobra para recortar competencias aos cidadáns coa apariencia de facilitar as cousas favorécense as iniciativas privadas en contra dos cidadáns de a pé.

O PP deféndese dicindo que unha lei de que simplifica prazos sempre é boa. Regula, por exemplo, os pozos petrolíferos, mais aquí non hai que máis dá. Tamén acusa á CUP de non pór unha soa alternativa sobre a mesa facendo simple demagoxia eleitoral. Fente interrompe para dicir que non se presenta en Catalunya. Medela contesta que as locais están aí e xa andan facendo demagoxia pensando nelas. Recoñece, con todo, que estudou a lei a raíz da moción, xa que non a coñecía.

Varela di que se van abster, que é o máis fácil. Estivo en Lugo con Francisco Conde, o conselleiro de Industria, e coa Federación empresarial que están contentes coa lei. Os Concellos teñen a opción de participar con algunha empresa ou por libre nos parques eólicos. Acusa a CUP de facer unha moción de corte político, aínda que recoñece que política é todo e están no seu direito.

Desde a CUP din que se lles pode acusar pola súa posición ideolóxica e diverxer desta, mais que chama a atención que se lles acuse precisamente a eles de non traer alternativas e propostas ao Pleno de Chantada unha e outra vez. Lembran que é un debate de modelo de país, de futuro e de prioridades: se o imporante é a maioría social  e fixarmos poboación no territorio ou favorecer ás multinacionais. Engádese unha reflexión sobre o impacto que vai ter a declaración BIC na Ribeira Sacra e como se furta o debate, sendo os indíxenas convidados de pedra no seu impulso e aprobación ando deberiamos ser os protagonistas, responsabilidade das sucursais políticas de Santiago e Madrid.

Procédese á votación da moción:

A favor: 4 (CUP e PSOE)  En contra: 2 (PP) A: 6 (Inta).

7.- Moción de Por Chantada-Cup na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego.

Por parte do secretario accidental procédese a dar traslado ao Pleno do ditame da CI e mais dos acordos propostos pola moción de Por Chantada-CUP (PDF): Moción de Por Chantada-CUP na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego.

Desde a CUP faise unha síntese da exposición de motivos e vendo que o PP trai un papel coas medidas propostas por Feijoo no Parlamento dise que moitas xa estaban en andamento ou foran paralizadas polo proprio PP, cunha miopía que só fará que o problema continúe sendo crónico en canto se gasta máis e máis en extinción e en contratos coa empresa privada.

O PSOE indica que é triste este ano para os lumes e para Chantada. Leron a moción e estaban tamén traballando nunha semellante. Neste caso, os acordos propostos son reiterativos e extensos. O problema non é só a xestión actual da política forestal senón que o que vén de atrás, como se dixo por parte doutro grupo, debendo buscar o acordo con sindicatos e partidos. Tamén está o vector da mudanza climática. Raquel López propón a reorganización dos pontos e agrupar outros ou eliminar [non imos dar conta polo miúdo dos cambios propostos e, en todo caso, aceitados desde a CUP, xa que non saíron adiante].

Medela di que non apoian a moción, están nas antípodas ideolóxicas. Defende que o presidente da Xunta ofereceu chegar a acordos, mais seguimos en campaña. Tamén di que a Galiza non arde, estana queimando. Discrepa do que se di sobre os eucaliptos e onde está o monte coidado non arde, como na Mariña lucense. Os solares que arderon en Vigo tamén son culpa do PP? Nunha noite 268 lumes forestais.

Varela di que “lo bueno si breve dos veces bueno” e que esta moción quere abranxer todo e iso non pode ser, unha moción debe ter 2-3 conclusións non algo tan extenso que é imposíbel. Os propios concellos e parrroquias teñen culpa por como es´ta o monte. Di que desde a parroquia de Fente, Santa Cruz de Viana, viciños queren investigar parcelas de monte e reordenar entre eles o monte. Así é, os proprios proprietarios deberían facelo. Nengún goberno nons vai ordenar o monte. Cando arde o que hai que facer é axudar a apagalo e denunciar a quen se sabe que prende e dar traslado á autoridade competente. Di que isto é maltrato ao monte galego. Nengún político lle pon lume ao monte. Abeirar o ombreiro todos para solucionar o problema. Pór en valor, como xa se dixo, o monte. Van votar contra esta moción.

Raquel López quere lembrar que en Arcos había unha UXFOR pola que traballou moito a asociación e o PP botouna para atrás ao chegar Feijoo.

Varela di que simplemente lles mudaron o nome, aquí na Galiza querémoslle moito á terra por iso non van as cousas adiante.

Medela quer intervir, por alusións ao PSOE, e di que en Arcos fracasou polo chamado efeito Panorama, pois querían os cartos para contratar orquestras.

Héctor do PSOE retruca que non había corta algunha nese caso, só plantación para un proxecto con balsa de incendios.

Campelo di que perderon axudas na época do PP na Xunta por non adiantaren os cartos.

Juan Alberto Diéguez (Inta) afirma que se o monte é dos de Arcos deben os de Arcos coidalo, a administración non vai facer todo.

Hector retruca cunha pergunta retórica sobre porque parcelou entón a administración en Laxe e porque noutros lugares as UXFOR avanzaron.

Medela (PP) di que a administración non pode facer todo e que as UXFOR seguen con outro nome as SOFOR.

Varela (Inta) di que en Arcos pasaría a SOFOR en todo caso que o problema tivo que ser outro.

A CUP di que aceita as propostas do PSOE, que todo o que sexa mellorar o texto orixinal, benvindo sexa, sobretodo se contribúe a suscitar un acordo. Falan de modelo de país e altura de miras alén do partidario. Explican que derogar unha lei non conduce a un baleiro legal, xa que pode derogarse pola aprobación dun novo e necesario marco legal. Retrúcanlle ao PP dicindo que na Mariña a pluviometría e a humidade non ten nada a ver con Ourense e que a fiscalía non ten unha soa evidencia da tese do terrorismo. Medela di que el non falou de terrorismo en nengún momento e que Por Chantada fai demagoxia. Fente contesta que para demagoxia Feijoo na oposición acusando ao goberno daquela altura de que co PP non morría xente nos incendios, polo que no PP estarían mellor caliños. O de Santa Cruz o que evidencia é un fracaso da administración e agora dise que o Goberno non pode ordenar o monte, mais desde o século XIX quen inseriu un modelo concreto de florestación e xestión do monte foi quen é. En canto a Galiza ten o maior índice de medre da biomasa forestal non facemos silvicultura de calidade nen transformamos a madeira explorando a cadea de valor senón que exportamos madeira barata cun altísimo custe ambiental e social como nas boas e mansas colonias. Tamén se explica que as UXFOR en canto agrupamentos de terreos, agora denominadas SOFOR, tiveron un alcance e potencial que o PP dinamitou, como aconteceu co Bantegal, e volveu ao modelo das brigadas municipais por puro clientelismo político. As SOFOR en hectares e actuacións ficaron a anos luz, non foi mudar o nome senón virar 360º no modelo de xestión territorial e agrupamento de terreos, xa que agora non se busca rédito e potencial para o pequeno proprietario, mas ao servizo das grandes empresas da celulosa ou da madeira onde logo se xubilan os políticos nos Consellos de administración.

Varela solicita cortar o debate e proceder a votar.

Votación da emenda e da moción, por esta orde:

A FAVOR: 4 (CUP e PSOE)         EN CONTRA: 8 (Inta e PP).

A favor: 1 (CUP) Abstención: 3 (PSOE) En contra: 8 (Inta e PP).

 8.- Mocións e asuntos de urxencia.

Non se produciron.

9.- Dación de contas de resolucións da alcaldía.

10.- Reparos intervención 136, 137, 139, 139 e 140.

11.- Plano de axuste 3º T 2017.

12.- PMP 3ºT 2017.

13.- Informe morosidade 3º T 2017.

14.- Execución trimestral 3º T 2017.

15.- ROGOS E PERGUNTAS.

15.1.- Rogos e perguntas PSOE.

15.1.1.- Reparos da intervención. Un clásico en todos os plenos. Falan das responsabilidades na administración pública. Reparos sobre contratacións, de carácter estrutural. Xa falamos do persoal das piscinas e dos monitroes e non comprenden como non se xustifica e como non se subsana o que di a intervención. Nóminas debería ser o persoal do Concello, falta RTP… Débito directo… Buscar a maneira de evitar estes reparos. Hai novidades canto á RTP? Que medidas se van tomar para evitar estes reparos? Varela di que o señor Maxi dixolle que se porán con iso na Deputación a partir do 1 de decembro que Raquel xa o debería saber. Sen RTP é imposíbel facer nada e se fala con alcaldes do PSOE verá como depende dos servizos da intervención que haxa reparos e que, se non os erguese, perxudícase a toda a administración. Ao mellor tiña que facelo para que quen repara non o faga ao non cobrar a final de mes. O alcalde xógase o pescozo todos os días. Raquel di se o da xestoría tamén entre nesa casuística que comenta… Varela di que se podería licitar. Comunica que aínda no día do Pleno recibiu unha factura de AFA Chantada polos servizos de SAF, iso era inaprazábel e había que contratar unha empresa. Seguen aínda traballando 4-5 persoas. Gostaría de saber como resolvería o PSOE esa cuestión. Raquel insiste que aínda comprendendo ao alcalde o que faltan son informes que non hai excusa para non facelos. Varela retruca dicindo que da actual interventora só pode pór adxectivos calificativos (sic.), mais da anterior prefire non falar e se ten que ir ao xulgado irá encantado e falará alí todo o que ten que falar a ver que pasa. Raquel pide que se estuden solucións. Varela di que como lle dicía Medela antes a Antom, vostede que faría? López indícalle que facer o informe tal e como piden os inforems da interventora. Varela di que o departamento que lle corresponde facelo é quen ao mellor non o fai e que iso non o di o PSOE.

15.1.2.- Perguntas CUP. Que conste en acta por terceira vez que non se remetiton. Diego Otero di que nas primeiras houbera un problema co enderezo electrónico en secretaría. Enviáronse hoxe, aínda esta mañá as respostas.

15.1.3.- Modificación de crédito. Critica que haxa ausencia de crédito e teña que recorrerse a isto por falta de PO cun orzamento aprobado hai un par de meses. Falta de previsión. Varela di que son cousas que acontecen, non se dá axustado tanto, nen previsto axudas e gastos que sobreveñen.

15.1.4.- Estado do río e da maleza do mesmo. Pergunta sen responder do pleno anterior. Varela explica que este ano a Confederación non vai limpar o río. O tramo da Ponte ao Sangoñedo onde deran permiso está en perfeito estado. Teñen que facer un azude [presa con exclusas e canais en orixe traída polos árabes] de 22.000€ para que suban as troitas e solicitar o abastecemento de auga para Chantada que leva daquela maneira desde época inmemorial. hai organismos que funcionan mal, non deixan facer, mais tampouco fan. Castor engade que o ano pasado a limpeza foi manual, con desbrozadora de mao, e logo accederon a tirar a sedimentación por risco para unha casa. Entón ese tipo de limpeza non serve sen tirar a sedimentación.

15.1.5.- Solicitude de informe por parte dos grupos da oposición pola xestión e venda da auga. Segue sen resposta. Varela di que a secretaria está de baixa polo que ese tema está parado. Raquel di se hai constancia de que se cargue auga a día de hoxe. Varela di que non lles consta , senón saberíao, non tocan a traída de Chantada e se o fixeran tería coñecemento o Concello e a local e tería que ser para algunha empresa local. Desde Viaqua lembráronlle contodo que o Asma e o río non é competencia do Concello, se teñen permiso da Confederación poden vender auga... Raque di que por iso é importante o informe. Varela retruca que se callar quen o ten que facer tamén ten que ir informarse primeiro.

15.1.6.- Casco histórico, empresas e alegacións PXOM. Varela di que debería xa saber, porque saiu na imprensa, que EPTISA, agora de propriedade chinesa, devolve os máis de 20 planos xerais que tiñan. Teñen que facer unha nova concesión. No Concello non teñen toda a documentación polo que primeiro terán que pedirlla a EPTISA e remitirlla á nova empresa. Non se atreve a facer unha previsión de tempo e hai discrepancias sobre se se pode adxudicar mediante contrato menor ou se hai que ir a unha concesión pública.

15.1.7.- Bases axudas transporte. Castor di que queren falar cos voceiros e xa estánmáis ou menos confeccionadas. O alcalde di que dá fe, que os viu traballando mesmo de noite. Castor di que traballou máis Susana Martínez. Susana di que a autorización da Xunta da Galiza aínda non chegou, sendo necesaria ao ser unha competencia impropria dos entes locais.

15.1.8.- Problemas de tráfico. Nos Castro camiños e no Mánix e á altura do polbeiro especialmente. É a terceira vez que o din e o paso de peóns do útimo tramo segue aí. O ano pasado en pleno falouse tamén de transporte de mercadorías da castaña que causa problemas e díxose que non ía volver pasar, mais este ano estamos na mesma. Varela indica que a policía local fixo xestións e Castor di que foi máis ben cousas de persoas individuais. Varela di que non poder ser o das castañas en plena vila que teñen que facer como os das uvas e iren para o mercado gandeiro. A xente dá pena.

15.1.9.- Procedemento xudicial 523/2017. Agradece a remisión da documentación do pleno ao seu enderezo electrónico, xa que non daba entrado no Xestiona. López di que hai un decreto que fala do Procedemento xudicial 523/2017 e pergunta en que consiste. Castor di que no roubo do Ponto Limpo, que xa vai de segunda.

15.2.- Rogos e perguntas PP.

15.2.1.- Parte de control da xestión. Ao outro pleno viñeron os reparos 26/2017 a 32/2017 e hoxe comezamos no 37/2017. Susana explica que foron ao pleno dous que xa non veñen no SC: o 133 e o 134/2017. Medela di que aínda así faltan o 135 e o 136. Susana di que se mandarán no próximo pleno entón. Di que desde o 22/08/2017 non hai actas da XGL. Varela di que a eles si lles chegan coa convocatoria da XGL.

15.2.2.- Polígono. Pergúntase se a limpeza é con cargo e conta da Deputación de Lugo. Varela di que fixo unha xestión na Deputación do mes de agosto e xa está o desbroce agora feito. A iluminación que falta xa llo dixeron tamén a el industriais.

15.2.3.- Rexistro cans de animais perigosos. Manuel Diéguez di que desde 2005-2006 existe. O PP pergunta polo lector. Castor di que a policía local ten un detector. Varela di que non estaría mal ter un censo de cans. Castor di que no medio rural moitos non teñen chip. Varela di que cómpre peinar todo o Concello e Manuel Diéguez di que sería mellor facer unha campaña de sensibilización.

15.2.4.- Vandalismo: parque Eloísa Ribadulla nas casteas dos polbeiros. Castor explica que iso xa foi na véspera da Feira do Viño deste 2017.

15.2.5.- Desbroce de pistas. Acaba de adxudicar en 2ª adxudicación, ao quedar a primeira deserta, e aprobouse aínda onte despois dun sorteo ao haber un empate porque as empresas póñense de acordo.

15.2.6.- Ausencia secretaria. O alcalde di que José Ángel Cores traballa 24 horas e que descoñece o problema que ten a secretaria titular, de baixa. Susana aclara que evidentemente a baixa é médica ante as perguntas reiteradas de Medela.

15.2.7.- Adxudicación PEP e PXOM. Varela di que si, que se adxudicará novamente como xa explicou.

 

15.3.- Rogos e perguntas CUP.

15.3.1.-  As perguntas da pasada sesión plenaria non se contestaron. Xa se está convertendo en costume, ao que se une que non se enviaron as actas das XGL polo que se está incumprindo lexislación básica. Comprendendo a situación de interinidade da secretaría solicitan que se remitan en canto sexa posíbel.

15.3.2. PMP 3ºT 2017 e 13.- Informe morosidade 3º T 2017. Os dados do PMP volven ser terríbeis e as cifras de débedas a pequenos provedores, tanto do visto cuantitativo canto do cualitativo, son estremecedoras. Canto aos pagos realizados en prazo só se fixeron 14 (9.761’44€) e fóra de prazo 352 por un importe de 458.423’97€. E no tocante aos pendentes de pago fóra do período legal están xa 147 operacións por valor de 202.370’70€ e no caso dos materiais, subministros e obras falamos de 134 días de media para pagar as facturas. Varela di que chamaron dunha empresa das papeleiras, servíranse en febreiro e pagáronse hoxe. Trabucáronse nos servizos económicos, fora autorizado xa por Cristina e había crédito e agora parecía que non. Por veces, hai problemas deste tipo.

15.3.3.- Acolleuse o Concello á Orde do 2 de marzo de 2017 pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017? Varela di que non sabe.

15.3.4.- Comunicaron ás entidades cívicas e asociacións que receben subvencións nominativas que, na vixencia do orzamento de 2017, os antecipos apenas poderán ser de 40% conforme vén de rectificar o proprio Concello a instancias dun Recurso de reposición apresentado polo noso grupo? Están xustificando ao 100%. Susana aclara que non se notificou nada e recoñece que o dos antecipos do 100% está mal porque como di a CUP prevalece a base de execución sobre os convenios.

15.3.5.- Mámoas no monte da Cabeza do Faro. Desde a CUP denunciamos, perante a autoridade competente, a ilegal roturación da contorna das tres mámoas que conforman a necrópole do Monte da Cabeza. Un patrimonio con milleiros de anos de historia e de valor totalmente incalculábel que testemuña o valor simbólico-relixioso do Faro desde tempos inmemoriais.
Na súa maior parte as mámoas, sinalizadas con grandes cartaces por Enerfín cando a construción dos muíños de vento, encóntrase dentro dos límites do Concello de Chantada. Pola súa parte, o alcalde de Rodeiro anunciou que adoptaron medidas e informarán á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta da Galiza onde están catalogadas coas referencias GA36047074 (Monte Cabeza 1), GA36047075 (Monte Cabeza 2) e GA36047076 (Monte Cabeza 3).

Varela di que pensaban que eran todas de Rodeiro… Desde a CUP rógase que tomen inmediatamente medidas e Varela di que si, que así o farán.

15.3.6.- Adegas denunciadas pola APLU. Que xestións se desenvolveron ou se ten previsto desenvolver en relación coa moción apresentada conxuntamente por Inta, PSOE e PP en relación coas adegas denunciadas pola APLU? Varela descoñece que non fixo nada estritamente nese sentido, mais que tiveron varias reunións polo tema da declaración BIC da Ribeira Sacra e que aí van ir todas as adegas que teñan a parecela e a dimensión axeitadas… naturalmente haberá algunhas que non son viábeis e anuncia que con algunha vai haber problemas.

15.3.7.- Ordenanza. Rogamos que se desenvolva unha ordenanza de convivencia e tenza de animais que ampare legalmente as zonas de solta de cans e mellore a convivencia veciñal e a limpeza dos espazos públicos. Varela di que hai un canil. Chamaron o outro día que hai xente con problemas coas mascotas.

15.3.8.-  Teatro.  A canto ascendeu a achega do Concello á mostra de teatro Maruxa Villanueva no 2016? E no 2017? Diéguez di que 2.500€ cada ano. Fente di que non figura nas subvencións nominativas nen consta convenio, se se dá mediante o abono do facturas. Diéguez di que é con factura igual que a mostra de cinema.

9.- Criterios adquisición de libros [Decreto 439/2017 de 29/09/2017]? O alcalde di que é cousa da encarregada da biblioteca baseándose nas peticións e nas bases que impón a Xunta.

Resumo do pleno 11/09/2017

 

Foi o pleno máis concorrido da lexislatura. Cabo da secretaria, da interventora, do funcionario Segundo Navaza e dos trece concelleiros asistiron 16 persoas e dous xornalistas de Televinte. Un dos asistentes era aínda un bebé e puxo de manifesto o inaxeitado do salón de plenos pola falta total de accesibilidade. De seguido, a crónica completa para todos os asuntos tratados no pleno.

Seguir lendo

Moción de POR CHANTADA-CUP para a defensa do direito ao transporte público

 

No día de onte, 30/08/2017, desde Por Chantada-CUP rexistramos a seguinte moción que se debaterá no vindeiro pleno ordinario de setembro e que pode lerse aquí en formato pdf: MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP PARA A DEFENSA DO DIREITO AO TRANSPORTE PÚBLICO DA CIDADANÍA DE CHANTADA

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

Crónica do pleno ordinario do 08/05/2017

 

O pleno comezou ás 20:08 horas coa presenza dos 13 concelleiros do Pleno mais a secretaria e a interventora municipais. Foi un pleno bronco onde se evidenciou máis unha vez a total falta de repeito pola lei e polo debate democrático por parte de Inta, quen leva meses baleirando o pleno de calquera contido en canto o Concello segue sen iniciativa e na parálise.

Seguir lendo