Resumo da sesión ordinaria do Pleno ordinario correspondente ao 3 de outubro de 2019 [audio]

 

 

 

Ao Pleno asistiron 12 concelleiro (Manuel Diéguez do PP só estivo presente no ponto 7º, o da privatización do SAF), a Interventora, a Secretaria e un funcionario. Asistiron 2 xornalistas e aproximadamente 30 persoas, no pleno ordinario máis numeroso dos últimos anos. Moitas e moitos dos asistentes levaban colantes contra a privatización do SAF, mostrando así o seu rexeitamento ao Goberno.

Confire premendo aquí o AUDIO íntegro do PLENO

 

 

1.- Acta anterior, correspondente á sesión ordinaria do día 1 de agosto de 2019.

Indicamos que os rogos e perguntas deben recollerse con máis exactitude e que as actas da Xunta de Goberno Local (2/8/2019. 14/08/2019…) non se nos están remitindo, a pesar do que indica a lexislación.

Aprobada por unanimidade.

 

2.- Suplemento de crédito 05/2019 por importe de 80.719,97€ (Expediente G. 1021/2019).

Neste ponto viñan moitas facturas reparadas, a maioría de actuacións desenvolvidas durante a campaña eleitoral de 2019. Obras feitas sen respeitar a LCSP, sen licitación, sen crédito axeitado nen axeitado, etc.

O asunto aprobouse cos votos a favor do grupo PP (6) e os votos en contra: Por Chantada (2) e PSOE (4).

 

3.- Aprobación de facturas Recoñecemento extraxudicial 14/2019 por importe de 1.176,12€ (Expediente G. 1016/2019).

Facturas contratación menor para limpeza de decembro 2018.

O ponto apróbase cos votos do grupo PP (6) e os votos en contra de Por Chantada (2) e do PSOE (4).

 

4.-. Conta Xeral 2018, aprobación definitiva expediente G. 420/2019.

A documentación da Conta Xeral recolle todos os ingresos e gastos do Concello no exercicio 2018. Podes ver toda a documentación premendo aquí (ligazón a Google Drive). Tamén podes ver análises da Conta Geral doutros anos neste mesmo site. Neste ponto o alcalde tentou cortar o debate cando evidenciamos que a débeda unicamente se recurtou mercede a brutal suba impositiva dos últimos catro anos, unha Aposta Segura:

  • No período 2014-2019 os impostos directos (IBI, IVTM, ICIO) pasaron de 2.296.279,28€ a 3.164.452,78€, por outras palabras un incremento impositivo de 72,56% en só catro anos (868.173,5€ máis). Só o IBI urbano (Catastrazo) subiu 776.690,25€ (+64% en só catro anos!)

  • 11,51% do orzamento non se executou, é dicir, de 8.692.669,61€ deixaron 999.873,65€ de remanente. Excesivo, máximo se temos en conta que son 329.284,26€ de remanentes de inversións reais (obras daquela tan necesarias e que non se fan pola mala xestión do goberno).

  • A área de gasto 0, correspondente á débeda pública totaliza 1.563.508,25€, todo un récorde por riba dos niveis de 2014 (1.200.000€) e representa o 20,33% do total do gasto. Iso explica en boa medida o por que de dúas lexislaturas in albis canto a inversións reais. O que vai para os bancos non pode ir para a viciñanza.
  • A deficiente xestión xerou continuos reparos da intervención; atraso no pago de facturas; incumprimento do período medio de pago a provedores; continuarmos no Plano de axuste e termos que ir a un Plano Económico Financeiro en 2019, polo incumprimento da regra do gasto…

Votou a favor da Conta Xeral o PP (6) e en contra Por Chantada (2) e o PSOE (4), portanto fica definitivamente aprobada.

 

5.- Moción do grupo municipal socialista sobre Catálogo de camiños e inventario de bens e direitos. Expediente G. 1013/2019.

A moción aprobouse por UNANIMIDADE de todos os grupos.

 

6.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para o estudo, catalogación e posta en valor do Patrimonio material e inmaterial do Concello de Chantada (expediente G. 1013/2019).

 

A moción foi rexeitada, aínda que todos os grupos recoñeceron o valor das propostas, cos votos en contra do PP (6) e os votos a favor de Por Chantada (2) e do PSOE (4).

 

7.- Iniciación expediente de contratación externa do Servizo de Axuda no Fogar (expediente G. 925/2019).

A pesar da falta de argumentos do grupo de Goberno, que non contestou a ningunha das cuestións formuladas nas contundentes intervencións do grupo socialista e da CUP (vid. audio do Pleno), acordouse aprobar o inicio da privatización cos votos a favor do PP (6) e os votos contrarios de Por Chantada (2) e do PSOE (4).

 

8.- Moción e asuntos de urxencia.

Presentouse por urxencia a proposta de días feriados para 2020 porque, segundo o alcalde, ficara esquecido nalgún caixón do Concello. Por unanimidade aprobouse a urxencia e na votación do asunto o PP votou a favor e Por Chantada e o PSOE abstivéronse.

 

9.- Dación de conta de resolucións da alcaldía (Decretos 333 a 376).

 

10.- Rogos e perguntas.

  • Rogos e perguntas de Por Chantada-CUP por escrito (pendentes de contestación, pendentes dun informe di o alcalde). Perguntas de POR CHANTADA-CUP por escrito para o Pleno ordinario de outubro 2019. As cuestións formuladas xiran sobre os tres seguintes temas:
    • xestións realizadas para conseguirmos unha nova ponte sobre o río Asma para o bairro da Ponte;
    • agresión patrimonial ao Mosteiro de San Salvador de Asma, declarado BIC;
    • e actividade de fabricación de formigón sen licenza nen título habilitante na ribeira do río Asma, segundo escrito recebido por este grupo municipal.
  • Rogos e perguntas orais de Por Chantada-CUP.
  1. Rogo para arranxo de pistas municipais que o precisan con urxencia a solicitude da veciñanza: Brigos de Arriba, a do lugar; Baltar, moi deteriorada; Casas Novas-Eiriz: fochancas que superan os centímetros que ditaminan que a responsabilidade civil é do encarregado de manter a estrada; Garabelos – Paderne: está tamén en moi mal estado; Carballeira – Río Pedroso: totalmente estragado o firme e con fochancas que superan o máximo legal, canto a responsabilidade civil municipal [comezarán o martes ou o mércores “posibelmente”]; Vilardamos-Burgás e Santa Cruz; Pista de Pincelo, hai árbores caídas e todo, urxe actuar [dísenos que os piñeiros foron retirados); Nogueira de arriba, necesario arranxar a pista desde a que se accede cara a Igrexa, xa que o Concello deixouna no seu día mal e cando arroia inunda a antiga escola das rapazas (hoxe unha casa particular); en Laxe están practicamente todas desfeitas e requiren actuación.

    Rogamos novamente que se faga un inventario e se ordenen por orde de prioridade para o seu arranxo as estradas de titularidade municipal.

  2. Arranxo Deputación en Sabadelle e Axulfe – San Lucas. Ten o Concello coñecemento de cando se vai completar o arranxo da estrada e o mesmo para pista de Axulfe – San Lucas. [Varela chamou á Deputación e non se cumpriu o inicialmente previsto e desde o Servizo de Vías e Obras dixéronlle que iso era unha cacicada. Tamén comprender que a Deputación de Lugo ten moitos quilómetros. Daniel Camiñas (PSOE) aclara que tres das actuacións responden a un contrato extraordinario de reforzo de firme, son as de Sabadelle, a de San Pedro de Líncora-Belesar e a de Antas de Ulla. A do San Lucas non entraba nesta actuación, senón na conservación].
  3. Fonte Muradelle. Rogo para limpeza e canalización axeitada do manancial.
  4. Pista Muradelle ponto quilométrico 5.5, que vai a estrada vella de Lalín. As tubaxes levan tempo tupidas polo que arroia e deteriora a pista. É necesario limpalos.
  5. Rogo limpeza traída da auga de Carballizos (Laxe).  A viciñanza solicita que o Concello limpe a puza que está a carón da traída da auga do lugar, a auga corre pola estrada no inverno deteriorándoa. Tamén indican que a traída da auga de Riopedroso non é potábel, contemplan algunha actuación? [Non sabían nada, contesta o alcalde].
  6. Piscinas. Compráronse as 25 biciletas que se ofertaban por 3.000€ e das que se informou ao Goberno? [Non, difícil de conseguir – di Diego Otero, concelleiro de Deportes. Novas os 3.000€ só chegarían para 5-6. Cruz amplía información sobre esas bicicletas e Diego di que para meter novo habería que ir a unha inversión maior] Que alternativas se prevén? Tense previsto facer algún timpo de mantemento das instalacións, como adquisición de materiais ou o preciso para os cursos de aqua-gym?
    [este ano aínda non].
  7. Rogo para rebaixa das beirarrúas de Chantada para que estas cumpran coa normativa. Actualmente a mobilidade é difícil na nosa vila, máxime co descontrol existente nos aparcadoiros indebidos e nas terrazas irregulares. Rogamos que se rebaixen as beirarrúas e se cumpra coa normativa. [Algunhas fóronse facendo].
  8. Rogo para repintado dos pasos de peóns. Son varios os que precisarían ser repintados coa menor brevidade posíbel.
  9. Limpeza viaria. Durante o verán e nomeadamente nas festas a recollida de lixo non foi a correcta. No tocante á vila o problema foi un deficiente deseño do plano de autoprotección. Igualmente o estado de suxidade das beirarrúas exixe tomar medidas e que se adopten sancións ou medidas perante actitudes incívicas. Excrementos de pombas e cans, papeleiras con cheiro no paseo a carón dos bancos, colectores nas festas toda a semana a tope de lixo… A imaxe que transmitimos dista de ser a axeitada. [Non hai outro remedio ca sancionar, afirman que limparan colectores e os expositores das necrolóxicas tal e como se lles pediu desde o noso grupo municipal]
  10. Auga: extracción de auga no Polígono de Chantada. A raíz da información obtida no pleno ordinario do 1 de agosto, a instancias do noso grupo, ficou patente que Viaqua practicou máis unha vez a venda directa de auga a particulares, sen empregar contador e sen avisar ao Concello, polo tanto contravindo os pregos de contratación nalgo tan esencial e mesquiño que pasa de ser concesionaria a «dona e señora» da auga, subtraendo ao público e ao municipio competencias esenciais que lle son proprias.
    • Que medidas adoptou o Goberno municipal até o día de hoxe? Ten previsto adoptar algunha medida? [Varela di que era para Estrella Galicia a maior parte, Fente retruca que en todo caso non se cumpre o indicado na concesión nen se usa contador. Raquel di que se vendeu a máis empresas]
  11. Horario biblioteca municipal. Nos pasados días anunciaron que a partir do 15 de setembro a Biblioteca municipal voltaría ter o horario de inverno, mais recentemente mudaron o cartaz e adiaron a súa apertura até o 1 de outubro. A que se debe isto? [Necesidades do servizo di Varela] Que xestións fixeron para a construción da máis que necesaria nova biblioteca? [Varela di que imos ter novas axiña e que probabelmente haberá un pleno extraordinario neste mes de outubro con novidades sobre o asunto e explicando que queren facer].

  12. Limpeza solares. Cantos proprietarios foron notificados, xa que os solares que pedimos que se rozaran seguen igual? [Non saben, di Varela. Se seguen igual é porque non fixeron caso. Vai a Xunta meter man no asunto] Por que non se executa e limpa pasando as minutas? Rogamos que se cumpra a Lei de Montes (Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes da Galiza), a Lei de acompañamentos (Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. DOG nº247 do 28/12/2017) e o Decreto 15/4/2018. Lembrámoslle que, segundo a lexislación vixente, o prazo para facer os requirimentos é antes do 30 de maio, ao igual que deberan ter a brigada municipal antes do 1 de agosto.

  13. Rogo aos partidos para retirada de cartaces. Pasados 5 meses das municipais rogamos que se retiren os cartaces das eleicións, por exemplo do carballo da Cruz en Fornas (PSOE) ou da rúa do Comercio (PP). [Varela di que hai tamén nos colectores, que non se debía colar neles]
  14. Limpeza colexios e Consello escolar. Rogo para non agardar ao día anterior do comezo do curso para limpar os colexios. Por que se fixo mediante unha subcontrata e segue sen licitar o contrato da limpeza municipal? Por que o goberno municipal leva, polo menos, tres anos sen acudir aos concellos escolares do IES Lama das Quendas e por que non foi ao último, celebrado neste mes de setembro? [Non saben porque non asistiron eles mesmos!!!]
  15. Rúas sen luz. En Xoán XXIII estiveron na semana do 23 ao 29 de setembro sen luz varios días e tamén ocorreu en Pardo Bazán. [Pode ser que estean mal regulados, aí o que hai é baixada de potencia para aforro enerxético]

  16. Proxectos de prevención de adiccións nos concellos. No pasado Pleno do 1 de agosto aprobamos por unanimidade unha moción do noso grupo sobre as apostas que facía fincapé no labor de prevención que pode ser feito desde os concellos. Asemade, entidades sociais como ARCHA tamén partillan este obxectivo, no tocante ao alcohol. No DOG nº 184, do 27 de setembro de 2019, publicouse a Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma da Galiza, e se procede á súa convocatoria (código deprocedemento SA463G) [Vaise falar con ARCHA para optar a esta liña]

  17. Sentenzas. Alén das sentenzas do Contencioso de Lugo dando a razón a numerosos traballadores e traballadoras do Concello que litigan contra este pola deficiente xestión do persoal e o non recoñecemento dos seus direitos, agora tamén veñen dúas sentenzas do TSX da Galiza condenatorias.
  • Sentenza do 28 de novembro do 2019 da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, pola que se declara contraria ao ordenamento xurídico a resolución administrativa que deixou fóra a unha persoa que optaba un posto de traballo no Concello (obradoiro de emprego 2016). Portanto, o Concello deberá abonarlle o salario que deixou de percebir. Concretamente, no Fundamento de direito 4º da sentenza indícase que debe percebir a agraviada <<os salarios que tería percebido de terse efectuado o seu nomeamento>>. 5.400€ aproximadamente. [Nen idea di o alcalde]
  • Sentenza 459/2019, do 27 de setembro, que ractifica sentenza anterior do Contencioso-administrativo de Lugo pola que se condena ao Concello de Chantada a executar os seus proprios actos e se desestima o recurso de apelación apresentado por este e mais polo Grupo Hotusa. Impóñenselle as costas. Segundo a sentenza, o Concello debe executar o acordado pola Xunta de Goberno Local en numerosas ocasións: paralización da actividade e cerre do edificio sito na rúa Rosalía de Castro, por actividade ilegal de oficinas sen título habilitante nen licenza municipal. Na sentenza, entre outras cuestións lémbraselle ao Concello e, máis concretamente ao alcalde:

<<que no tiene sentido la conducta de la [parte] demandada, lo que resulta incomprensible es que se acuerden cosas, se adopten decisiones, como la de suspensión inmediata de la ejecución de las obras, para no cumplirlos, para no llevarlos a efecto, con el extravagante paraguas de que igual la conclusión del expediente de reposición urbanística favorece o respalda la continuación de las obras”.>>

[O alcalde di que van executar que xa se dirixiron aos servizos xurídicos o martes desta semana, a ver o que din]

 

Vídeos de Televinte sobre o pleno ordinario de marzo

3.- Resolución de reclamación e aprobación definitiva do orzamento 2016

A FAVOR: 7 (INTA)  EN CONTRA: 4 (Por Chantada-CUP e PSOE) ABSTENCIÓN: 2 (PP)

 

Nas seguintes ligazóns deixamos información relativa ao orzamento, tamén as “alegacións de pouca importancia”:
As INTERVENCIÓNS de Por Chantada sobre o orzamento no pleno ordinario de xaneiro:

4.- Resolucion de reclamacións e aprobación definitiva do expediente de modificación de créditos suplemento de crédito 1/2016

Doc.: INFORME SOBRE ALEGACIONES AL SC -ok 26 feb viernes e RESOLUCIÓN RECLAMACIÓN SUPLMENTO DE CREDITOS 12016

5.- Resolución de recurso de reposición contra o recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2016

Doc.: RECURSO DE REPOSICIÓN RECOÑECEMENTO EXTRADUDICIAL 12016 INFORME RECURSO RECOÑECEMENTO 01-2016

6.- Plano económico-financeiro

Doc.: PEF DEFINITIVO

8.- Aprobación definitiva de desafectación do camiño da finca “Os Cipreses”, en expediente de permuta

A favor: 7 (Inta) En contra: 4 (Por Chantada-CUP e PSOE) Abstención: 2 PP

9.- Aprobación definitiva de desafectación de camiño en Zaquín, expediente de permuta

A favor: 7 (Inta) Abstención: 2 (PP) En contra: 3 (Por Chantada-CUP e PSOE. Deste grupo non vota Héctor por encontrarse nun caso de abstención forzosa por parentesco).

10.- Aprobación definitiva de desafectación de camiño en Centulle, en expediente de permuta

Neste caso non se apresentaron alegacións veciñais e segundo o alcalde hai unanimidade dos veciños. Desde o PSOE dise que non sobraba a relación de consentimento. Varela retruca que non lle corresponde ao Goberno facer ese labor.

A favor: 9 (Inta e PP) Abstención: 4 (Por Chantada-CUP e PSOE)

11.- Resolución de recurso de reposición en expediente de investigación dun camiño sito no lugar de Mundín, parroquia de Vilauxe

A favor: 7 (Inta) Abstención: 6 (Por Chantada-CUP, PSOE e PP).

13.- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para o cumprimento real e efectivo da carta europea das linguas rexionais e minorizadas

Moción Por Chantada-CUP para o cumprimento real e efectivo da Carta Europea das Linguas

A favor: 11 (Inta, PSOE e Por Chantada-CUP) Abstención: 2 (PP)

14.- Moción do Grupo municipal Por Chantada-CUP para impulsar un proceso de fusión entre as entidades locais de Chantada, Carballedo e Taboada

Moción para impulsar un proceso de fusión entre as entidades locais de Chantada

15.- Moción do grupo municipal socialista sobre o apoio á vivenda como ben social

A favor: 11 (PSOE, Inta e Por Chantada) Abstención: 2 (PP)

16.- Proposta do grupo municipal socialista de moción promovida pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega para os concellos

Moción PSOE asociación escritoras-es en lingua galega

UNANIMIDADE