O organismo público Augas de Galicia, cuxa dirección está intimamente ligada ao PP especialmente desde a aprobación da Lei de augas por Núñez Feijoo, volveu demostrar que fai un reparto partidista dos fondos públicos, segundo se desprende do DOGa do 3 de novembro, xa que dos 66 convenios que foron asinados 57 beneficiaron a cámaras municipais con gobernos do PP.
Esta cifra representa máis dun 86% dos convenios asinados con alcaldes do PP, entre o 13 de xuño e o 31 de agosto de 2016 ambas datas próximas a convocatorias electorais. Tamén varían moito as magnitudes sendo as máis importantes as asociadas a actuacións en concellos do PP como Foz con 8 millóns de euros, Laracha con 2, Cotobade con 1’85…
Desde Por Chantada-CUP levamos máis dun ano preguntando polos fondos de Augas de Galicia que corresponden ao concello de Chantada. O goberno do señor Varela non só non aclarou esta cuestión senón que non fixo ningunha xestión ao respecto e volve reincidir na súa incapacidade. Cómpre lembrar que a maioría das 36 parroquias do concello de Chantada seguen a 2016 sen saneamento, cando moitas das actuacións contempladas no DOGa son precisamente actuacións deste tipo, por exemplo os 405.000€ que se van gastar no saneamento das parroquias de Ferrón, A Igrexa e O Pinar no concello de Sober ou os 35.000€ que se van destinar a San Roque, no concello de Portomarín.
Outra actuación urxente é a dotación dunha deputadora suficiente para Chantada, tal e como recoñece o propio PXOM, e o saneamento do río Asma, así como a separación de pluviais e fecais en moitas rúas de Chantada. Porén tampouco se fixo ningunha xestión neste sentido. Si a fixeron outros concellos como Moraña (60.000€) ou A Pastoriza (30.000€).
DOCUMENTOS:
Acta do Pleno ordinario do 18 de xaneiro de 2016 (pregunta 23, páxina 21)
ACTA do pleno do 14 de setembro de 2015 (pregunta 5, páxina 34)
Memoria PXOM aprobada inicialmente cos votos de Inta (páxinas 38, 56 e 57)