
Aausencia total de participación das comunidades afectadas, a exclusión xa que logo dos indíxenas que manteñen e conforman a paisaxe e o ámbito que se quer protexer, agudiza a sensación de que os diferentes instrumentos aplicados sobre a Ribeira Sacra (BIC, Reserva de Biosfera, POMF…) son exóxenos e impostos de arriba a abaixo, sen consentimento explícito da poboación das áreas afectadas nen participación real. É máis, a desinformación e falta de coñecemento sobre o expediente e as súas consecuencias é íntegro no caso destas.
Desde a década de oitenta temos diversos exemplos que veñen demostrando como este proceder cria figuras de protección que rematan por elaborar decorados artificiais ou marcas territoriais en canto as comunidades locais foron explulsas. Neste sentido, un POMF, un BIC ou calquera outra figura de protección nen é boa nen má per se, o problema é o uso que se lle dá aos instrumentos, a súa concepción e implementación e a propaganda que agocha unha participación real e fluxos de información efectivos.
Daquela, esta panoplia declarativo-lexilativa, alentada no fundo só como requerimentos para atinxir a declaración de Patrimonio da Humanidade como “política estrela” de configuración dunha marca territorial, contrasta coa ausencia de inversións reais efectivas no territorio, coa falta de aposta polo tecido produtivo primario –auténtico baluarte e salvagarda da poboación e das formas tradicionais de humanizar o territorio– ou con continuadas agresións ao patrimonio sen consecuencias, por citarmos algúns exemplos recentes (posteriores a 2015):
-
venda pola Internet de pedra do mosteiro de San Salvador de Asma (BIC);
-
cimentación do camiño lousado de Belesar por parte do Concello de Chantada, tiradas hai séculos as lousas do río pola viciñanza;
-
formigoneado da base do Cruceiro de Muradelle por parte do Concello de Chantada;
-
desfiguración polo bispado da capela da Virxe do Faro;
-
derribo de hórreos;
-
degradación con maquinaria pesada da mámoas do monte Cabeza do Faro…