A raíz do envío de 4.600 cartas aos chantadeses e ás chantadesas, do que alertamos desde Por Chantada, o Concello contou cunha empresa que informa os afectados, mais non fai alegacións que é o que realmente pode arranxar as deficiencias ou abusos detectados.
Ao non termos capacidade para darvos axuda individualizada a todas as persoas afectadas deixámosvos modelos de alegacións que agardamos vos valan para adaptar e facer as vosas.
Nun caso trátase dunha feita para unha adega, pensando no sector primario que se dedica ao viño, que pasou de uso residencial a agrario, co que lle baixou moitísimo o valor cadastral; e noutra, para un establo que xa se destinaba unicamente ao autoconsumo – por exemplo persoas xubiladas – e non xa á produción de leite e ao que tamén lle baixou o valor. Por último, vai un recurso de reposición xenérico con alegacións para calquera outro tipo de edificación. Este último conseguiu no anterior catastrazo unha redución de 50% do valor catastral e, xa que logo, unha redución significativa da cota a pagar de IBI (“contribución”) cada ano ao Concello de Chantada.
Naturalmente, convén que anexedes fotos do interior e do exterior onde se poida comprobar que efectivamente o uso é o que indicades, por exemplo agrícola fronte a almacén ou garaxe que pagan máis.
Para calquera aclaración ficamos, como de costume, ao voso dispor e agrademento especial para aquelas persoas que colaboraron con nós para a confección destes modelos.
O pleno ordinario de maio comezou ás 20 horas coa presenza de 10 concelleiros. En total, finalmente, asistiron, 12 concelleiros ausentándose Cándida Carnero do grupo Inta e Goyanes do PP. Como público, alén de Televinte, só asistiu unha persoa.
A continuación facemos un detallado resumo do pleno.
O vindeiro luns día 9 de maio celebrarase o pleno ordinario de maio. Desde Por Chantada levaremos a este pleno tres mocións que conteñen propostas achamos que vitais para a nosa vila.
A primeira das mocións que apresentamos trata sobre mobilidade e o cumprimento da normativa vixente no tocante ás prazas para persoas con mobilidade reducida, sendo elaborada polo Grupo de Traballo de Mobilidade de Por Chantada. É a todo ponto inexplicábel que a estas alturas en Chantada non se cumpra nin coa disposición de prazas suficientes desta natureza nin se respeite en absoluto a normativa aplicábel ás mesmas por parte do Goberno municipal. Unha nova mostra do seu desleixo e incompetencia.
Na proposta íntegra de nova ordenanza que anexamos propomos, entre outras cuestións de relevancia, rebaixar o tipo xeral do IBI rústico ao mínimo legal do 0’3%, aplicar bonificacións a aquelas vivendas que fan esforzos para cumprir coa eficiencia enerxética, a familias numerosas, ou bonificacións entre 90-95% para os inmóbeis ligados a explicacións gandeiras ou núcleos tradicionais do medio rural recoñecidos polo ordenamento urbanístico como tales. Trátase, en suma, dunha proposta de ordenanza fiscal moito máis completa e actualizada que a existente, que mesmo insire certa progresividade e que, de aplicarse, suporía unha baixada deste imposto para máis do 95% dos veciños.
Tamén apresentamos unha terceira moción con propostas destinanadas a reclamar solucións para o centro de saúde de Chantada, consensuada co propio centro e subscrita xa de inicio tanto pola candidatura de unidade popular canto polo PSOE, xa que consideramos que, dunha parte, hai cousas que están por riba das siglas e dos partidos políticos e, doutra parte, non se pode permitir seguir aforrando en vida para gañar en morte.
Alén do exposto formularemos coma sempre moitas outras cuestións relacionadas con asuntos que nos fan chegar desde a veciñanza, o último aínda onte, ou relacionados coa nosa función fiscalizadora do Goberno atrapado nas vellas inercias da inacción que sempre lle foron propias e que a maioría absoluta só fixo aumentar.
De especial relevancia son a nosa proposta de regulamento para o auditorio municipal ou as nosas consideracións sobre o estado, deficiencias e alternativas para a Casa da música, a raíz dun informe do arquitecto municipal que conseguimos que se fixera mal que ben a raíz dunha proposta que apresentamos en xaneiro. A respecto da proposta sobre o regulamento municipal desde o concelleiro de cultura de Inta fixo afirmacións sesgadas sobre a mesma. Entregámola en xaneiro sen obtermos resposta e primando as asociacións e o seu uso aberto a todas e todos. Publicaremos ambas as propostas xunto co resumo do pleno.
Aprobeitamos tamén para denunciar que a concelleira de servizos socias levase as bases que rexirán o reparto de alimentos só a Xunta de Goberno Local sen contar coas propostas da oposición nin atreverse a debaterse en pleno esta cuestión de vital trascendencia.
Non imos redundar na devastadora crise que padece o sector primario: produtores de porcino, de leite, hortícola… centos de pequenos produtores e explotacións, que producen e sustentan milleiros de postos de traballo, ao borde do abismo e até en moitos casos adquirindo novas débedas que terán devastadoras consecunecias xa non só económicas senón tamén sociais.
O fin das cotas no sector lácteo; a estafa dos fondos europeos, pois só 60 familias de terratenentes recibiron 250 millóns de euros da PAC desde 2008 no Estado español (o equivalente ao orzamento de 45 anos do noso concello que se di pronto); ou o denominado como catastrazo supuxeron unha nova volta de porca. Ao tempo, un comercio global deprimido entre outras causas, pola financiarización e a especulación, a extrema desigualdade –85 persoas acumulan globalmente tanta riqueza como a metade máis pobre da humanidade: máis de 3.700 millóns de seres humanos– ou as intervencións imperialistas como a da OTAN en Ucraína que potenciaron as práticas de dumping e sobreprodución a nivel europeo.
Unha crise total que non é só conxuntural nin pasaxeira como nos queren facer crer senón tamén de modelo. De persistir na inacción por parte dos poderes públicos as consecuencias sociais, ambientais e económicas van ser terríbeis e van marcar o devalar das próximas décadas, alén de supor a liquidación definitiva do sector produtivo primario galego fundamentado en explotacións familiares social e ambientalmente integradas no territorio.
Para accederes integramente ao texto da moción, xunto co seu acordo e a proposta de nova Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmóbeis preme aquí (PDF): Moción Catastrazo maio 2016 Por Chantada_CUP
No marco das xornadas “As figuras de protección medioambiental da UE en zonas de montaña” celebradas en Trives o pasado sábado 16 de abril, as diversas candidaturas de unidade popular da Ribeira Sacra celebramos o noso primeiro encontro abranxendo problemáticas comúns e alternativas para facerlle fronte. Desde un espírito fraternal e de cooperación emitimos o seguinte comunicado:
O pasado domingo, día 2 de abril, xuntámonos representantes das candidaturas de Lugo, tanto cargos institucionais como membros das diversas plataformas cidadás. Desde Por Chantada-CUP valoramos positivamente a xuntanza e pulamos para que sexa o comenzo dunha fraternal colaboración nas problemáticas que afectan á veciñanza dos nosos concellos.
Afondamos así na posta en común dos problemas que confrontamos no distrito electoral de Lugo como a nova Lei do solo –que en Chantada coincide coa aprobación inicial o 18 de marzo do PXOM, na véspera da entrada da nova lei e cuxa aprobación inicial aínda non saíu no DOG–; o Catastrazo, que supuxo no noso termo municipal unha suba de máis de 300% no rural da carga impositiva do IBI; o ferrocarril e a desvertebración territorial, que afecta especialmente á nosa comarca; a defensa da contorna natural, nomeadamente as concas fluviais do Miño e do Sil; as consecuencias nefatas do TTIP para o noso tecido produtivo e para a Ribeira Sacra, pois suporía a desaparición das D.O.; a liquidación do sector agro-gandeiro fronte á pasividade dos nosos alcaldes cómplices de palabra, obra e omisión en boa medida da desfeita; a desfeita demográfica ou emigración da mocidade…
Debullando os problemas avogamos por estabelecer métodos de colaboración e construír unidade popular para botar ao PP da Xunta de Galiza, para o que se acordou constituír unha rede estábel de colaboración entre as diversas candidaturas para unificar voz e criterios con posicións unificadas en asuntos comúns fronte ás diversas administracións.
Hai que lembrar que recentemente a Deputación aprobou o seu orzamento anual, que supera os 90 millóns de euros e dos que Chantada non recibirá un só euro alén das transferencias obrigadas, polo que semella que pouco importan as dedicacións que aprobe o Goberno da absoluta de Inta.
Coincidimos os presentes en que é precisa a unidade na diversidade, ou sexa construír unidade popular real, desde a participación democrática, directa e individual, de todas as persoas que así o desexen. En consecuencia, e perante as eleccións ao parlamento de Galiza, decidimos impulsar unha única candidatura unitaria segundo os principios de radicalidade democrática, a participación directa da cidadanía e o noso código ético e de acordo coas iniciativas galegas existentes.
O pasado día 18 de xaneiro celebrouse un dos plenos máis importantes do ano, con 16 puntos na orde do día, entre eles os polémicos orzamentos cunha nova dedicación parcial de 4 horas para Diego Otero Veiga, pola que percibirá 24.070’28€ brutos (soldo máis Seguridade Social). Inicialmente prevíase que fose aínda superior. En todo caso foron moitas outras as cuestións que se trataron. Para veres o resumo íntegro preme en ler máis.
Neste punto, desde Por Chantada-CUP, temos que valorar a suba do soldo do alcalde, como se dun funcionario se tratase, conxuntamente coa creación dunha dedicación de 4 horas diarias para un concelleiro que nin sequera ostenta ningunha tenencia de alcaldía e que vai percibir 1.500€ mensuais por 4 horas de traballo en canto a mocidade local vive a realidade do desemprego e da precaridade percibindo menos de 600€ no mellor dos casos, cando non facendo as maletas e emigrando.
5.- Expediente de modificación de crédito: suplemento de crédito 1/2016
Desde a candidatura de unidade popular Por Chantada afirmamos que se traen a pleno facturas por valor de 631.486’97€, das cales só había no orzamento de 2015 dotación orzamentar para 120.840’40€. Porén, resulta que se gastaron 510.646’57€ (P.O. 450.610.00 Arranxo camiños municipais), non previstos, e que se pretenden aprobar vencido xa o exercicio 2015.
7.- Plano estratéxico de subvencións do concello de Chantada período 2016-2017
Desde Por Chantada emitimos un voto contrario ao Plano estratéxico de subvencións após pedir a súa retirada para elaboralo participadamente e contar co tecido social da vila do Asma. INTA votou en contra de deixalo sobre a mesa en canto a CUP e o PSOE votamos a favor. Na segunda votación, xa sobre a proposta orixinal de INTA, emitimos un voto contrario por ser un documento feito ás carreiras, sobre os prazos e sen contido real nin co rigor que require un Plano de calquera tipo.
8.- Modificación das medidas do Plano de axuste aprobado como consecuencia da operación de endebedamento derivada do RD/Lei 4/2012
Un dos puntos do pasado pleno foi a modificación do plano de axuste. Aproveitamos o punto para criticar o plano de axuste a nivel macro (como parte dunha estratexia de facernos pagar vía impostos o rescate encuberto ao Estado español para pagar as inxeccións de capital a cambio de nada aos bancos e especuladores) e a nivel micro (cun desenvolvemento moi desigual do acordado e que se centrou na creación de taxas e subos de impostos de natureza regresiva -obviando a aplicación desa mesma “austeridade” na propia administración e sen a transparencia axeitada na contratación, etc.-). Por estas razóns, nin apoiariamos o plano de axuste tal e como se elaborou no seu momento (sen coñecer tan sequera a taxa de xuro que ía pagar o concello) nin tampouco calquera modificación.
Tampouco se pode vender como un logro saír dun plano de axuste cando quen nos meteu nel (o que supón devolver máis de 3.000.000€) foron as políticas desenvolvidas por Manuel Varela na súa etapa no PP, responsábeis de xerar un volume de débeda que lastrou as contas do concello.
A explicación é sinxela: cando deixou o concello, após 11 anos desde 1996 cando chegou a alcadía mediante moción de censura, a débeda ascendía a 6.900.000€ con 3.427.365€ en facturas pendentes de pago. Ao cabo, esa situación foi a que “obrigou” a recorrer a un plano de axuste, toda vez que 4 anos despois -cando con INTA regresa á alcaldía- as facturas pendentes de pago ascenden a 1.636.872€ das que 938.596€ son aínda da etapa de Varela no PP tal e como reflexa a acta en que se aproba o Plano de axuste ao que vota favorabelmente o propio Varela sen pór reparo algún a estes datos.
13.- Moción do Grupo Municipal por Chantada-CUP para que o Goberno Municipal comapreza en sesión plenaria extraordinaria e monotemática para explicar porque non se seguiu o mantemento do edificio da casa da música conforme o disposto no libro do edificio