Interior Galego Vivo,  Por Chantada e AVA exixen ao Goberno central, á Deputación de Lugo e ao Concello de Chantada menos propaganda eleitoral e mellor mantemento das estradas.

  • O estado das infraestruturas é especialmente calamitoso na provincia de Lugo, con especial incidencia na comarca de Chantada.
  • Discriminar o rural deste xeito supón acelerar a perda de poboación e prexudicar a iniciativa económica das nosas comarcas do interior galego.

20221202_171407

Fotos: Por Chantada.

Interior Galego Vivo (IGV), a iniciativa das súas agrupacións Alternativa Veciñal Antas de Ulla e Por Chantada, considera que o estado da N-540 é completamente lamentábel e que asistimos a un desleixo crónico que pon en perigo a seguranza viaria e discrimina a viciñanza de Lugo e Ourense ao ser o principal eixo viario de comunicación para as dúas cidades. O desgaste do pavimento é de tal intensidade que acada xa con especial intesidade carrís de incorporación e saídas expondo a accidentes aos utentes da estrada.

Por Chantada xa solicitou no pasado o seu arranxo (2018, 2020 e 2022) e mesmo o pleno de Chantada adoptou un acordo por unanimidade neste sentido en 2018 e 2020. IGV lémbralle ao MITMA que xa en 22 de xuño de 2017 a Comisión de Seguranza Vial do Congreso aprobara unha proposición non de lei para a reforma e rehabilitación entre Guntín e Ventas de Narón e para o trecho entre Chantada e Taboada. No entanto, obsérvase unha continuidade no mal estado do firme coa conseguinte perigosidade para a condución e o incremento de avarías que requiren custosas reparacións a unha poboación que non dispón de alternativas de transporte público.

IGV dirixiuse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que acometa actuacións urxentes nesta vía, que conecta Ourense con Lugo e é de extrema importancia para os concellos do partido xudicial de Chantada. Cómpre considerar que as abundantes choivas e o mal estado das gabias ten contribuíndo a deteriorar aínda máis o estado da N-540.

20221202_175120

De por parte, Por Chantada dirixiuse á Deputación de Lugo para demandar o arranxo de varias estradas da súa titularidadea comezar pola LU-P-1801, unha estrada desfeita pola arroiada do regato da Porqueira, que precisa ser arranxada con urxencia procurando solucións duradeiras para previr grandes corrementos como os acontecidos e intervindo en Sernande onde hai un dique que está cedendo e a estrada fendida podendo producirse unha desgraza.

O estado das estradas provinciais no termo municipal de Chantada é unha problemática estrutural que require solucións urxentes e tamén que permitan reverter no medio-longo prazo esta situación non podendo considerarse arranxo botar grava.

20221202_172813

Por todo isto, Por Chantada considera de extrema necesidade o arranxo das seguintes estradas provinciais: LU-P-1801 (Santiago de Riba até Peares), LU-P-1002 (San Amaro – Esmoriz), LU-P-1805 (O Seixo – Esmoriz), LU-P-1806 (Rabelas – Boán), LU-P-1807 (O Seixo-LU-P-1002), LU-P-1809 (Chantada-Antas), LU-P-1815 (Viana-Comezo), LU-P-1816 (Outeiro-Viana) e LU-P-1817 (Alto de Ramos – Santa Uxía).

Finalmente, Por Chantada lamenta que o Goberno local non puxese en marcha a comisión de infraestruturas e o plano de infraestruturas que se aprobou en pleno para priorizar criterios técnicos e de premura no arranxo das estradas. Hai moitas pistas e núcleos rurais que están nun estado de abandono total. Son de especial urxencia, por citar algunhas, os accesos de San Pedro de Viana, a de Soutariz – Pincelo, Vilardamos – Burgás ou a de Sabadelle – Pedrafita.

20221202_175125

Na actualidade, o estado das estradas dificulta a actividade agrogandeira da zona, que enfronta xa incrementos nos custes de produción ao que se soma deterioro da maquinaria, problemas de patas nos animais ou de desprazamento das reses que castiga especialmente as granxas en extensivo e/ou ecolóxicas; dificulta os desprazamentos aos lugares de traballo, centros sanitarios e escolas nun contexto de altísimo envellecemento e devalo poboacional complicando tamén fixar poboación e contribuíndo para a demotanasia; dificulta a prestación de servizos no fogar como poden ser o SAF ou rehabilitación ou o fornecemento diario de produtos de primeira necesidade (pan, peixe…); e prexudica as iniciativas de turismo rural e a atracción de visitantes.

De por parte, a situación das estradas multiplica o perigo de estoupido de rodas, accidentes de tráficos con consecuencias nefastas, rotura de cárter, escape e outras avarías, lesións como escordaduras nos viandantes e, especialmente, mingua de confianza nas institucións, niste caso en concreto, perda de confianza nas institucións e nos seus gobernos.

Interior Galego Vivo lembra o informe de 2015 da Asociación Española de la Carretera que situaba a Galiza entre as cinco CCAA co firme das estradas en pior estado, situación que desde aquela altura –e en extremo lamentábel ter que subliñalo– só piorou, con especial intensidade na provincia de Lugo. Un dos viais que aquel estudo sinalaba como especialmente calamitoso era precisamente a N-540.

CHANTADA TEN FUTURO. O RURAL TEN PARTIDO.
igvlogo22

Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas.

 

A Candidatura de Unidade Popular Por Chantada rexistrou o pasado 9 de outubro no Concello de Chantada a Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas. A moción nace após verificarmos varias eivas en relación coa Galiña Azul de Chantada, que levan tempo sen obteren resposta.

Os direitos da infancia ocupaban unha parte importante e central do noso programa, tanto pola súa importancia per se canto pola crise demográfica que padece o interior galego. Neste sentido, aínda en outubro denunciamos a falta dun servizo digno de pediatría no noso Concello. O 22 de decembro de 2017 rexistramos no Concello a Moción de Por Chantada-CUP a prol das escolas infantís na provincia de Lugo desenvolvendo tamén diversos e rogos e cuestións en relación coas mesmas ao longo da pasada lexislatura (2015-2019). A moción foi aprobada no Pleno do oito de xaneiro de 2018 cos votos favorábeis de Por Chantada, PSOE e Inta (11) e a abstención do PP (2), aceitando a emenda de Inta e ficando o acordo do seguinte xeito:

1.- Instar á Xunta de Galiza a incluír nos orzamentos partidas suficientes para a posta en marcha de 700 novas prazas públicas en escolas infantís na provincia de Lugo para o curso 2018-2019, que son as que pola listaxe de agarda se precisan.

2.- Dotar a escola infantil de Chantada de medios materiais e humanos para ampliala cun novo módulo.
3.- Apresentar, antes de final do ano 2018, perante o Parlamento Galego un plano orzamentar e un plano que permita garantir a gratuidade total do ensino de 0 a 3 anos, de xeito progresivo, antes de rematar 2020. Para alén do anterior, garantir que as crianzas sexan educadas na lingua propria das galegas e dos galegos.
4.- Reorganizar as prioridades da política pública cara as escolas infantís, de tal xeito que os fondos do bono concilia máis as axudas a garderías privadas e de iniciativa social, se reorienten a aumentar máis a rede de escolas infantís públicas. Do mesmo xeito, debe inverterse a tendencia actual en que é maior o apoio da Xunta a garderías privadas cás escolas de titularidade municipal.
5.- Que os concellos non asuman competencias improprias.

É evidente que os acordos adoptados naquel momento non só non foron conquistados, mais tamén se verifican novas necesidades e problemáticas asociadas á Galiña Azul de Chantada. Chantada apresentaba a segunda listaxe de agarda máis elevada da provincia, só por detrás de Lugo que ten máis de 80.000 habitantes fronte os 8.000 escasos de Chantada. Isto obrigou a algunhas familias a recorrer á Galiña Azul de Taboada. Constátase así ano a ano unha infradotación de prazas no noso Concello, cando o problema demográfico é unha cuestión fulcral e as políticas de conciliación e de axuda ás familias deberían ser prioridade nas axendas das institucións para loitar por un rural e un interior galego vivos.

Por Chantada acredita que a Xunta da Galiza e o Concello de Chantada deben sentar e procurar un novo módulo e unha cociña para a escola infantil, aínda neste mes de setembro investíronse 141.000 euros na ampliación da Escola Infantil de Cedeira, achegando o Consorcio 100.000€, do que 80% eran Fondos Feder da Unión Europea, mentres que 41.000€ foron achegados polo Concello.

Porén, infelizmente, as necesidades da Galiña Azul non son só de capacidade, mais tamén de servizos e calidade dos espazos.  As familias levan anos demandando un servizo de cociña con cociñeira e opóndose ás pretensións de optar polo catering privado, cuxas consecuencias son ben coñecidas nos centros educativos, a última aínda esta semana producíndose a intoxicación de varias crianzas pola comida do catering (consúltese outros exemplos aquí, aquí e aquí). Non é de recibo que nun país europeo unha escola infantil aqueza a comida de crianzas nos microondas da escola, mais isto é o que está acontecendo en Chantada.

Como as familias de bebés de 0 a 1 anos van preferir un puré de catering antes do seu tupper? Que calidade humana temos os representantes da cidadanía que permitimos isto? Significa o libre mercado privatizar e facer negocio de absolutamente todo aínda que custe máis e sexa pior? Para que se quere entón o Estado e as institucións? Que alcance e significado pode ter para os cidadáns unha democracia liberal vaciada e viciada?

A maiores, unha terceira necesidade que detectamos,  é que cómpre pintar a Escola Infantil, xa que non se pintou desde a súa inauguración en 2003, hai 16 anos, cun estado actual de evidente deterioro que exixe tamén unha partida específica para o Orzamento municipal de 2020.

Polo exposto, demandamos a adopción do seguinte ACORDO:

  1. Instar á Xunta da Galiza para dotar a escola infantil de Chantada de medios materiais e humanos para ampliala cun novo módulo (o quinto) e unha cociña, asumindo o Concello as obras correspondentes e a Xunta o persoal necesario para o módulo e a cociña.
  2. A Corporación municipal e o Goberno comprométense a incluír no Orzamento de 2020 do Concello de Chantada aplicacións orzamentares para desenvolver as obras do novo módulo e a cociña.
  3. A Corporación municipal e o Goberno comprométense a incluír no Orzamento de 2020 do Concello de Chantada aplicacións orzamentares para o repintado da Escola Infantil.

 

Grupo municipal Por Chantada-CUP.

Podes consultar aquí a moción orixinal na súa integridade: Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas.

Por Chantada-CUP exixe á Xunta da Galiza unha cobertura pediátrica digna para o noso Concello.

No día de hoxe, desde a Comisión política de Por Chantada-CUP, emitimos a seguinte nota de imprensa sobre as novas deficiencias detectadas na atención pediátrica. Se o prefires podes consultala en formato PDF: Nota imprensa Por Chantada-CUP 8 de outubro de 2019.

 

Desde hai varios días, o Concello de Chantada volve ter unha cobertura pediátrica equiparábel a dos concellos de menos de 3.000 habitantes. Só contamos con dous de asistencia neste momento e nen sequera son fixos, senón que varían dependo da semana. Así as cousas, esta semana o posto estará coberto os días 9 e 10 e a semana seguinte os días 16 e 17 e dentro de dúas o día 21… sen sabermos se se vai cubrir cunha ou cun médico de familia, cun ou cunha pediatra ou, cando menos, cunha médica ou médico puericultor.

A titular encóntrase de baixa sine die de momento e é vergoñento que só se habilite para controis dous días por semana e en horario variábel (un día de 4-8 os outros a saber…). A crónica falla de planificación e xestión na atención pediátrica é unha eiva que debe solventarse con celeridade, pois o noso país ten precisamente un problema demográfico que exixe especial sensibilidade cos nosos maiores e cos depositarios do noso futuro: os pícaros e as pícaras.

O centro de saúde de Chantada conta cunha praza de pediatría, que presta servizo a por volta de 800 crianzas dos Concellos de Carballedo e Chantada, que só contarán con servizo de pediatría dous días. Esta é a calidade dos servizos sanitarios e públicos cos que se quere facilitar a conciliación e a fixación de poboación no interior galego?

Chove sobre mollado, con continuos problemas desde, cando menos, o inverno de 2016. Isto trouxo consigo, en 2017 unha intensa mobilización popular xuntou máis de 4.000 sinaturas, nun Concello de pouco máis de 8.000 habitantes, para exixir unha cobertura sanitaria digna para os nosos menores. A resposta do SERGAS, perante a mobilización social, foi anunciar a cobertura do servizo de pediatría en Chantada por dous días á semana, durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2017. Estes días cubríronse por unha das persoas profesionais de pediatría do Hospital de Monforte: vestir un santo para desvestir outro, cando a comarca de Lemos xa é habitualmente deficitaria en atención pediátrica como vimos sinalando desde 2015.

A Consellaría faltou a súa palabra, xa que nunha queixa da Plataforma Chantada quere pediatría á Valedora do pobo, comprometérase diante desa institución a ter unha «relación de titulados en pediatría que permita dar cobertura máis inmediata a esta situación», que fundamentaba no «próximo remate da formación dos novos médicos residentes na especialidade de pediatría e a resolución do concurso de traslados».

Múltiplas comarcas galegas padecen a carencia de servizo de pediatría, ben por excesiva ratio de tarxetas por profesional, ben polo afastamento do centro onde atende a profesional de referencia; feitos agravados pola non reposición de prazas cando as profesionais se atopan de baixa. Isto sucede, fundamentalmente, na provincia de Lugo, na área da Montaña lucense, no sur de Lugo e na Mariña. A falta de servizo de pediatría no rural galego é unha constante, converténdose o déficit deste servizo básico nun factor máis que acentúa a tendencia demográfica regresiva.

Exiximos que a Xunta da Galiza brinde a Chantada un servizo pediátrico axeitado ás súas necesidades e dimensións. É preciso que as administracións se compromentan en serio con servizos públicos e de calidade #PorunInteriorGalegoVivo.

Chantada, 9 de outubro de 2019.

A Comisión Política de Por Chantada-CUP.

Por Chantada-CUP non fica impasíbel perante á agresión perpetrada ao Patrimonio.

 

Este domingo 18 de novembro, centenario da I Asemblea nacionalista de Lugo, Por Chantada-CUP dirixiu senllos escritos de queixa á Valedora do Pobo, de comunicación e denuncia á Dirección Xeral de Patrimonio e solicitude ao Concello de Chantada para a reposición da legalidade urbanística e a adopción de medidas en relación á demolición dun hórreo, tal e como se fixo eco a imprensa o día 17. Sobre este asunto xa formulamos tamén pergunta no Pleno ordinario do día 12 (min. 1:41:20) contestándosenos que non constaba ningunha comunicación previa ou solicitude de licenza municipal para as obras que conduciron á demolición do último hórreo da vila, sito na Alameda ao pé do Casco histórico.

Tamén a deputada de Em Marea, Paula Vázquez Verao, anunciou que levará esta grave agresión ao Patrimonio material ao Parlamento galego.

 

Se queremos legar ás vindeiras xeracións un país con identidade e Patrimonio é obriga colectiva proceder enérxicamente á súa defensa e demandar que as administracións públicas fagan cumprir as leis vixentes en materia de Patrimonio e urbanismo. #STOPimpunidade

 

Disponiblizamos en PDF escrito remitido ao Concello: Escrito de denuncia de Por Chantada-CUP por incumprimento da legalidade urbanística e demolición de hórreo no casco urbano.

 

Foto cortesía de Iago Lestegás Tizón

 

 

 

 #SomosAlternativa #CUPChantada 

MOCIÓN PARA APROBACIÓN DUN PROTOCOLO DE ACTUACIÓN DO CONCELLO DE CHANTADA PERANTE A APLICACIÓN DE FITOSANITARIOS NO SEU TERMO MUNICIPAL

 

Moción íntegra (pdf): Moción de Por Chantada-CUP para aprobación dun Protocolo de actuación do Concello de Chantada perante a aplicación de fitosanitarios no seu termo municipal

 

 

As contas do concello VI: as Festas do Carme e o Folión de Carros en 2016

Foto do Folión de Carros na década de 30 do século XX (arquivo persoal de Alfredo Pardo Hermida).
Foto do Folión de Carros na década de 30 do século XX (arquivo persoal de Alfredo Pardo Hermida).

Seguindo coa nosa aposta pola transparencia e o seguimento das contas públicas que facemos desde Por Chantada-CUP damos continuidade á serie As contas do concello con esta xa sexta entrega. Como NOTA PREVIA indicar que os dados manexados nesta entrada da nosa bitácora foron extraídos da documentación á que temos acceso (Decretos alcaldía, actas da XGL…). Xa que logo, poden existir erros ou imprecisións debendo manexarse estas cifras a modo orientativo.

Última actualización: 07/02/2017 ás 17:45 horas.

Seguir lendo

[OCIP] Subvencións deportivas da Deputación de Lugo 2016

Seguindo coa serie do Observatorio Cidadán da Inversión Pública (OCIP) facemos unha listaxe dos fondos públicos concedidos mediante subvencións en concorrencia competitiva por parte da Deputación de Lugo ás entidades deportivas chantadinas. Incorporamos tamén un cadro final no que lembramos as subvencións nominativas que o concello de Chantada contemplou no orzamento de 2016 para esas mesmas entidadades.

logo-por-chantada
#SomosAlternativa #CUPChantada

Subvencións concedidas para o ano 2016 pola Deputación de Lugo, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a entidades e clubs deportivos da provincia de Lugo

NOTA PREVIA 1: Os dados foron tirados do BOP nº 287 do 16/12/2016 que pode consultarse na seguinte ligazón: http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_15027_1.pdf 
NOTA PREVIA 2: para ponderar correctamente os dados repárese en que o concello de Chantada conta co 2.49% da poboación do ámbito provincial da Deputación de Lugo (dados do INE para 2014).

ENTIDADE

CONCEPTO

CANTIDADE

SUBVENCIONS DEPORTIVAS PARA ENTIDADES E CLUBS DEPORTIVOS PARA A REALIZACION DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS

Clube ciclista chantadino

Adquisición vestimenta

596

Clube billar círculo Chantada

Adquisición material e vestimenta

566

Escolas Deportivas de Chantada

Escolas Deportivas da comarca de Chantada

892

Clube Chantada Atlético

Balompé

566

Círculo chantadino de xadrez

xadrez

714

Peña saltasebes Chantada

Atletismo: adquisición de vestimenta

685

Clube xadrez de Chantada

Xadrez: adquisición material e vestimenta

685

Castelo bike clube

Ciclismo e ciclismo de montaña

Desestimada

TOTAL CHANTADA

4704 (3.76% do total)

SUBVENCIONS DEPORTIVAS PARA ENTIDADES E CLUBS DEPORTIVOS PARA A ORGANIZACIÓN DE EVENTOS

Clube SD Chantada

Xornadas de convivencia, socialización, verán e Nadal: torneos de fútbol 7

760

Escolas Deportivas de Chantada

CLAUSURA DAS ESCOLAS DEPORTIVAS DA COMARCA DE CHANTADA E TORNEO COMARCAL DE FÚTBOL SALA ESCOLAR SUR DE LUGO 2016

932

Clube tenis Chantada

Torneos primavera-verán-outono 2016

789

Peña saltasebes Chantada

Carreira popular Carballedo

789

Clube xadrez de Chantada

Campionato colexios, campionato Galiza central

904

TOTAL CHANTADA

4174 (4.17% do total)

SUBVENCIONS DEPORTIVAS PARA ENTIDADES E CLUBS DEPORTIVOS PARA A ACTIVIDADE COMPETITIVA

Clube ciclista chantadino

ciclismo

1.100

Clube billar círculo Chantada

billar

1.173

Clube S.D. Chantada

fútbol

1.391

Clube Chantada Atlético

fútbol

1.000

Clube tenis Chantada

tenis

1.173

Círculo chantadino de xadrez

xadrez

1.210

Castelo bike clube

Ciclismo BBT e cicloturismo

desestimada

TOTAL CHANTADA

7.047 (2’56% do total)

Contía total das subvencións deportivas por entidade

ENTIDADE

Subv. Deputación 2016

(concorrencia competitiva)

Subv. Concello 2016

(nominativas)

SD Chantada

2.151

15.000

Clube tenis Chantada

1.962

1.000

Círculo chantadino de xadrez

1.924

1.500

Escolas Deportivas de Chantada

1.824

15.500

Clube billar círculo Chantada

1.739

0

Clube ciclista chantadino

1.696

600

Clube xadrez de Chantada

1.589

0

Clube Chantada Atlético

1.566

2.500

Peña saltasebes Chantada

1.474

0

S.B. Chantada Baloncesto

Non solicitou

15.000

Escudaría Chantada automobilismo

Non solicitou

6.000

Chantada Karate Klub

Non solicitou

500

Castelo bike clube

0

0

TOTAL

15.925

57.600

Apresentamos recurso de alzada contra as últimas bases laborais do concello por entendermos que novamente non cumpren a lexislación vixente

logo-por-chantada

 

Son xa varias as veces que nos vimos queixando de como se xestiona o emprego público no concello de Chantada, con pouca transparencia, prazos sempre acurtados amparándose na urxencia, bases confusas ou pouco claras… Porén, as recentes bases publicadas no BOP nº 275 de 30/11/2016 entendemos que vulneran especialmente o ordenamento xurídico vixente polo que interpomos contras as mesmas senllos recursos  para que, cando menos, fique constancia de que somos perfectamente consciente das malas praxes e do abuso partidario que se fai da institución local, a cal debera ser patrimonio de todos os chantadinos e non só dunha minoría que fai e desfai ao seu antollo.

 

No escrito expomos, entre outras cousas, que o número de membros do tribunal non se axusta ao que indican numerosas disposicións e que reducir só a dous membros con voto non é de recibo nin lóxico desde un ponto de vista de garantir un proceso de selección neutral, técnico e con garantías de igualdade na concorrencia. Tampouco é de recibo contar cunhas bases confusas, con erros evidentes até no tocante á baremación e os totais de cada epígrafe e con sesgos claramente detectábeis como computar polo mesmo valor un curso de 120 horas que un mestrado de máis de 1.600 horas, co cal as sospeitas de prazas feitas á medida non pode ser máis evidente.

#SomosAlternativa #CUPChantada

BOP nº 275 (PDF) 

Impugnacion bases concello de Chantada (PDF)