No día de hoxe o concello de Chantada celebrou unha sesión extraordinaria urxente.
Antes da sesión enviamos o escrito (pdf) que anexamos a esta nota de imprensa advertindo de que hai xurisprudencia suficiente para considerar os seus acordos nulos de pleno direito ao non ter xustificado a urxencia en ningún momento, moito menos no momento da convocatoria como fixa a lexislación vixente, nin ter remitido aos concelleiros toda a documentación dos asuntos recollidos na orde do día.
Finalmente, Inta empregou a maioría absoluta para sacar adiante a urxencia (ponto 1º) e dúas modificacións de crédito por valor superior ao millón de euros, máis de 500.000€ para amortizar débeda, após negarse facelo en 2015 porque o concello estaba “saneado” (cando agora recoñecen que ten “un alto valor de débeda”), e outra de máis de 600.000€, cun recoñecemento extraxudicial de crédito posterior (ponto 4º), para poder pagar a dúas empresas que o alcalde contratou abusando do contrato menor (a dedo), sen contrato nin concurso, fraccionando facturas para nunca atinxir os 50.000€ e sen fiscalización previa dun gasto para o que non había consignación orzamentar suficiente.
Actos nulos de pleno direito como o propio concello recoñeceu no pleno ordinario de marzo de 2016 e como ratifica o informe do Consello Consultivo da Galiza (pdf). A pesar de retirarse o ponto 4º finalmente é nulo de pleno direito polo xa exposto e é gravísimo que Inta tente eludir a súa propia responsabilidade facendo pagar ao erario público o total da indemnización ás empresas cando hai unha parte que a xurisprudencia imputa aos responsábeis de cometer un acto preciscindindo total e absolutamente do procedemento e das disposicións legais en vigor.
O reparo hoxe rexistrado é o paso previo á formulación de denuncia administrativa perante o propio concello e, de cismar este en continuar adiante cuns acordos adotados nun pleno convocado precisdindo total e absolutamente do procedemento estabelecido o seguinte paso será o contencioso-administrativo de ser o caso.
Lembramos que se gastaron entre maio e agosto de 2015 máis de 600.000€ sen ter consignación orzamentar, sen fiscalización previa da intervención municipal, sen contrato de ningún tipo (factura directa), abusando da figura do contrato menor (a dedo), sen revisar o valor das obras polo técnico municipal (ou sexa pagando do peto de todos o que a empresa pedía nas facturas directas emitidas sen máis dores de cabeza) e prescindindo total e absolutamentemente do procedemento legalmente estabelecido tal e como o propio concello recoñeceu ao anular o seu propio acto no mes de marzo de 2016. [Vid. p. ex. pontos 4º e 5º do pleno de marzo]
Xa na altura, no mes de marzo cando o concello anulou finalmente o seu propio acto por presión da oposición, o noso grupo indicou e advertiu que isto ía pasar e que a negativa de envialo ao Consello de Contas e só ao Consello Consultivo (este último como o seu nome indica nunca sanciona) ia dilatar o proceso para envialo ao ponto de partida sen darlle solución satisfactoria:
https://porchantada.files.wordpress.com/2016/03/sobre-os-informes-da-intervencic3b3n.pdf
Todos os grupos da oposición manifestáronse en contra na totalidade dos pontos da orde do día.