Por Chantada denuncia os recortes da Xunta no IES Lama das Quendas

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

A Xunta pon en risco a saúde da comunidade educativa, mingua a calidade e a oferta educativas e deixaría sen educación para adultos a toda a comarca.

Exiximos que a Consellaría reverta estes brutais e irracionais recortes sen parangón nos 50 anos de historia do centro e que os alcaldes do PP de Chantada, Taboada e Carballedo fagan unha fronte común para manter a calidade educativa e servizos esenciais para a comarca.

Por Chantada xa puxo en coñecemento do Valedor do pobo estes graves feitos para que medie na procura dunha solución.

Foto Roi Fernández 2018

Foto: Roi Fernández para La Voz de Galicia edición Lemos. Imaxe de 2018 cando a comunidade educativa se tivo que mobilizar perante a perda de itinerarios no bacharelato e da cafetaría do centro. A Corporación naquela altura aprobara por unanimidade a Moción de Por Chantada-CUP a prol dunha educación pública, galega e de calidade para o rural galego.

 

Chantada, 6 de agosto de 2021.

 

A candidatura viciñal de Por Chantada reuniuse coa equipa directiva do IES Lama das Quendas, que amosou un profundo malestar pola redución inxustificada do cupo de profesorado para o curso 2021/2022. O centro perde 7.5 docentes a respeito do curso pasado e, o que é máis sorprendente é que perde 3 docentes en relación ao cupo de 2012-2020 sen calquera xustificación. A pesar de ter o aval da Inspección educativa desde Santiago aplícase un brutal recorte en plena pandemía, que non ten parangón nen coa época da Grande Recesión (2011).

As consecuencias deste recorte porán en risco a saúde da comunidade educativa, xa que será imposíbel manter as gardas fixadas no Protocolo COVID do centro, sobretodo ao comezo da xornada e dos recreos, e que foron un éxito no curso pasado. Cun recorte tan acusado do profesorado auméntase o risco de que o alumnado non respeite as normas e que poda darse transmisión na comunidade educativa. Tamén os recortes afectarían de cheo á equipa COVID do centro, que precisa moitas horas de dedicación.

De por parte, van supor unha forte mingua na calidade educativa en contra do espírito da LOMLOE e da propria retórica da Consellaría. Non se poderá formar grupo de PMAR co que sofre a atención á diversidade, que é un principio fundamental da LOE; periga a educación secundaria de adultos (ESA), que só se oferta neste centro en toda a comarca; reducirase moito a oferta de optativas, terase que suprimir o programa CUALE que leva máis de 20 anos impartíndose; pon en perigo os programas PLAMBE (Plano de Mellora da Biblioteca Escolar) ou o Clube de leitura, que tamén suporía detraer recursos económicos; e obrigará a dar as denominadas “afíns”, que ao non seren impartidas por especialistas minguan tamén a calidade educativa.

A Por Chantada parécelle especialmente negativo a perda da ESA, pois é un servizo educativo esencial xa non só para toda a comarca, senón para todo o partido xudicial. As persoas adultas sen a ESO terían que desprazarse até Monforte ou Lalín cando moitas veces o perfil do alumnado é migrante ou persoas con baixos recursos e dificuldades para se desprazaren, máxime coa oferta de transporte realmente existente hoxe por hoxe. Novamente, a obsesión do PP polos recortes mostra a falta de sensibilidade coas persoas e cos servizos para o medio rural.

Por Chantada condena enérxicamente estes recortes feitos con aleivosía no período estival e que se soman á amortización dunha praza de administrativo mais unha praza de limpeza que non se repón e que poderían obrigar a fechar o centro en agosto, algo que non acontecía tampouco durante todos estes anos. Non se pode facer política desde un despacho de Santiago ignorando a a realidade do rural e os dados e a información que dan os centros. O PP debe abandonar a súa economía planificada de recortes draconianos a base de planos quinquenais que baleiran o rural.

Demandamos que os alcaldes da comarca fagan unha fronte común para garantiren a saúde da comunidade educativa e unha atención educativa de calidade que atenda á diversidade e ao sentido común.

 

Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular