Por Chantada demanda que a Xunta dota de fondos os planos de mellora, incorporacións e á produción ecolóxica

  • A ausencia de debate social e de atención mediática e política sobre a PAC dá a medida da orfandade política do sector primario e do mundo rural.
  • A sobrevivencia de centos de granxas e do modo de vida de centos de familias está en xogo, mais tamén que haxa fumo e vida en centos de aldeas e parroquias do interior galego.
  • A Xunta NON axuda as persoas que se queren incorporar á actividade agrícola ou gandeira e que cumpren os requisitos para ter esta axuda, nun país que perde SAU e explotacións e onde 6 de cada 10 persoas que teñen granxa nestes momentos estarán xubiladas en 2030.
  •  Mentres outros partidos están entregados á especulación coas listaxes dos comicios municipais ou enfrascados na carreira caciquil de votos por cimento, Por Chantada continúa decote acarón dos problemas da viciñanza e procurando solucións para os problemas do interior galego.

Vacas_Vitor_Esmoriz

Vacas en pastoreo extensivo e con produción de leite ecolóxico na parroquia de Esmoriz. Foto: Por Chantada – Interior Galego Vivo.

A Xunta castiga a produción en ecolóxico contravindo a estratexia comunitaria.

 
No día de hoxe rexistramos Moción do grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo par a dotación de fondos por parte da Xunta aos planos de mellora, incorporacións e á produción ecolóxica na campaña 2022 e para o período 2023-2027 dentro da aliña de desenvolvemento da PAC. Esta acción súmase a outras anteriores, por exemplo na sesión ordinario do pleno de 24 de setembro de 2020 aprobamos por unanimidade a Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP a prol dunha PAC axeitada para o interior galego. O documento de 10 páxinas propuña liñas de acción para unha PAC axeitada aos intereses e ao territorio galegos no período 2023-2027.

 

Así pois, e infelizmente, a Corporación de Chantada foi un dos escasos foros institucionais onde houbo algo de debate cando se estaba no período de negociacións, aínda que fose pola insistencia de Por Chantada, sobre esta cuestión de vital importancia para o sector primario e para o interior galego. A ausencia de debate social e de atención mediática e política sobre a PAC dá a medida da orfandade política do sector primario e do mundo rural.

 
A PAC contén o Pacto Verde cuxo alvo é atinxir 25% da SAU dos 27 estados membros da UE de produción ecolóxica en 2030 e traduciuse en 2022 na liña de axudas da Consellaría de Medio Rural que, ao ser de concorrencia competitiva e estabelecer unha priorización de 2 pontos para as exploracións de montaña e de 1 ponto para as situadas en Rede Natura, deixou fóra, de por si, a meirande parte das pequenas granxas de leite e de pequenos produtores de horta e de carte de vacún, mais tamén a producións de ovino e cabrún en ecolóxico.

 

É dunha manifesta e incomprensíbel irresponsabilidade deixar fóra desde a Xunta ao 43% das hectares solicitantes, nomeadamente cando desde maio tiñan os dados na Consellaría e había fundos do PDR. A falta de planificación crónica no agro galego e a intensidade das axudas através da PAC e de fundos nacionais para a agricultora ecolóxica noutros estados da UE (Alemaña, Dinamarca, Austria, Franza…) sitúa nun beco sen saída a agricultura ecolóxica galega se se exclúe destas axudas.

Afondando no exposto, a perda das axudas á produción ecolóxica asóciase a risco de feche de exploracións, nomeadamente naquelas con solicitantes de nova incorporación polo castiga aínda máis a aquelas iniciativas da mocidade e, daquela, con futuro no territorio. Estas persoas cómpre saber que renunicaron ás axudas agroambientais que viñan cobrando en convencional por seren incompatíbeis coa ecolóxcio, aumentaron o gasto en asesoramento entre 1.200 e 1.400 euros, cotas de inscrición no CRAEGA (450 euros en media), corrección de incidencias na transición e adaotacións (milleiros de euros), maior custe nos insumos (só no penso 15 céntimos en quilo), perda de ingresos inicial polo descenso da produción… En síntese, é deixar desamparado e co cu ao ar as iniciativas máis valentes e de futuro por unha desastrosa previsión.

Ao tempo, Por Chantada e IGV subliñan que na Galiza a produción ecolóxica anda aínda arredor de 5%, moi afastada do 25% que marca o horizonte de 2030 da PAC. Este obxectivo é de importancia estratéxica para preservar a biodiversidade, reducir o exceso de fertilizantes (cada vez máis caros ao seren importados) e fitosanitarios e, en definitiva, para a seguranza e soberanía alimentares.

De por parte, o anteriormente exposto atinxe tamén a granxas e iniciativas da comarca de Chantada, xa que, aínda non habendo facendas afectadas directamente ao sermos alta montaña si que houbo denegacións por outras razóns e pode afectarnos no período da nova PAC, xa que segundo o CRAEGA temos 2 facendas de leite en ecolóxico nas parroquias de Esmoriz e Vilaúxe, así como apicultura e outras iniciativas susceptíbeis de verse afectadas. Na comarca, Taboada conta con outras facendas de leite en ecolóxico. Así as cousas, a provincia de Lugo é a que máis se xoga.

 
Do mesmo xeito, cómpre incidir en que coa nova PAC 2023-2027 todo isto muda e a Consellaría está negociando as axudas do período. O CRAEGA, organismo oficial da Xunta calcula 9.5 millóns de euros para dar resposta a todas as solicitudes, mais Medio Rural só quere chegar até os 7.5 millóns baixando, por un lado, as primas por hectárea, o que colide co obxectivo de Bruxelas; e, por outro lado, pondo tope por hectária mediante a degresividade.
 
45803819_343488529561288_3118119426235301888_n
Imaxe de arquivo dun acto sobre a PAC impulsado desde Por Chantada que contou coa presenza da eurodeputada Lídia Senra e da gandeira chantadadesa Ana Rodríguez, integrantes de Por Chantada. Foto: Por Chantada – Interior Galego Vivo.
 
 
 
 

Incorporacións e plans de mellora.

O día 3 de febreiro publicouse a resolución da convocatoria do 2022 de incorporacións, planos de mellora e pequenas explotacións. En primeiro lugar, resolveron cando xa estaba aberta a nova convocatoria do ano 2023, co cal moita xente non sabía se tiña que pedir outra vez ou non. En segundo termo, é inconcibíbel que queden fóra da axuda persoas que se queren incorporar á actividade agrícola ou gandeira e que cumpren os requisitos para ter esta axuda, nun país que perde SAU e explotacións e que ten unha falta de xente que produza alimentos moi preocupante: 6 de cada 10 persoas que teñen granxa nestes momentos, estarán xubiladas en 2030. Ao tempo, a Xunta e o marco lexislativo favorecen o acaparamento de terras por diferentes vías desde os fundos de investimento, ávidos de adquirir terras en todo o mundo.

Concretamente, os dados foron os seguintes:

Axudas

Concedidas

Denegadas

Incorporacións

353

76

Planos de mellora

485

180

Pequenas exploracións

166

67

Resulta evidente que non se está facendo unha xestión acertada dos fundos da PAC nen unha aposta desde a Xunta polo rural e por facilitar que a mocidade e novas labregas e labregos se incorporen á actividade agraria.

 

20170120_124333_2656x1494-768x432

 

De esquerda a direita: Paula Verao, Antom Fente, Lidia Senra e Olga Otero nunha rolda de impresa conxunta. Foto: Por Chantada – Interior Galego Vivo.

 

Que demandamos que aprobe a Corporación para trasladar á Xunta?

Exiximos que a Xunta complete o orzamento da orde de axudas do ano 2022 na cantidade precisa até acadar os 5.6 millóns de euros necesarios para cobrir 100% das solicitudes apresentadas en ecolóxico e o mesmo para as axudas ás producións ecolóxicas para o novo período 2023-2027 da Política Agraria Común.

De por parte, reclamamos que se manteña o pago por hectárea para aumentar a SAU en ecolóxico e a biodiversidade produtiva apostando pola degrevisidade e o tope de hectáreas en caso de que non houber fondos suficientes, aplicando un criterio racional de xustiza fiscal e redistributiva. En consonancia co anterior, consideramos insuficiente o incremento do 10% no importe das primas con respecto ao 2015 e que se volva ao aprobado no anterior PEPAC.

Por último, dunha parte, solicitamos transparencia ao Goberno da Xunta para que as decisións adoptadas sexa de coñecemento público, nomeadamente para as persoas produtoras en ecolóxico, co gallo de que poidan reconducir as súas exploracións evitando perdas económicas inxustificadas que traen consigo enormes prexuízos; e, doutra parte, exiximos dotación orzamentar suficiente para que as incorporacións e planos de mellora permitan que se incorpore á actividade agrícola ou gandeira todas aquelas persoas que cumpran os requisitos, así como acelerar a resolución das peticións desde a Consellaría de Medio Rural.

 

 

MOCIÓN ÍNTEGRA EN PDF: Moción_PCh_PAC-ECO

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO.

PCh_logo_2023