Por Chantada lamenta a politización do camiño de inverno en campaña electoral

logo-por-chantada

Desde a candidatura de unidade popular Por Chantada lamentamos profundamente o incumprimento da lexislación electoral por parte de Inta e do PP, algo absolutamente execrábel e que nos devolve ao tempo do caciquismo máis cinsento. É intolerábel que se fagan inauguración en campaña electoral, máxime cando Monforte de Lemos e Chantada comparten secretario tendo advertido este nun informe que:

A data escollida, o 17 de setembro, está dentro da campaña das eleccións ao Parlamento de Galiza e hai restricións da normativa electoral para este tipo de actos se participan representantes das administracións públicas.

Nin ao PP nin a Manuel Varela lle importou este informe como semella que non lles interesa a lei, demostrando cos seus feitos día si e día tamén que están por riba dela.

Igualmente, é lamentábel que unha asociación cun fin tan nobre como promover o camiño de inverno se preste a esta burda manipulación política, tomando partido así precisamente polos mesmos políticos que, co seu desleixo crónico, nin son capaces de conservar e sinalar axeitadamente o camiño ou que seguen permitindo que o trazado histórico e a variante por Oseira continúen sendo invisibilizadas.

As candidaturas de unidade popular de Lugo comezamos a coordinarnos para resolver problemas comúns

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pasado domingo, día 2 de abril, xuntámonos representantes das candidaturas de Lugo, tanto cargos institucionais como membros das diversas plataformas cidadás. Desde Por Chantada-CUP valoramos positivamente a xuntanza e pulamos para que sexa o comenzo dunha fraternal colaboración nas problemáticas que afectan á veciñanza dos nosos concellos.

Afondamos así na posta en común dos problemas que confrontamos no distrito electoral de Lugo como a nova Lei do solo –que en Chantada coincide coa aprobación inicial o 18 de marzo do PXOM, na véspera da entrada da nova lei e cuxa aprobación inicial aínda non saíu no DOG–; o Catastrazo, que supuxo no noso termo municipal unha suba de máis de 300% no rural da carga impositiva do IBI; o ferrocarril e a desvertebración territorial, que afecta especialmente á nosa comarca; a defensa da contorna natural, nomeadamente as concas fluviais do Miño e do Sil; as consecuencias nefatas do TTIP para o noso tecido produtivo e para a Ribeira Sacra, pois suporía a desaparición das D.O.; a liquidación do sector agro-gandeiro fronte á pasividade dos nosos alcaldes cómplices de palabra, obra e omisión en boa medida da desfeita; a desfeita demográfica ou emigración da mocidade

Debullando os problemas avogamos por estabelecer métodos de colaboración e construír unidade popular para botar ao PP da Xunta de Galiza, para o que se acordou constituír unha rede estábel de colaboración entre as diversas candidaturas para unificar voz e criterios con posicións unificadas en asuntos comúns fronte ás diversas administracións.

Hai que lembrar que recentemente a Deputación aprobou o seu orzamento anual, que supera os 90 millóns de euros e dos que Chantada non recibirá un só euro alén das transferencias obrigadas, polo que semella que pouco importan as dedicacións que aprobe o Goberno da absoluta de Inta.

Coincidimos os presentes en que é precisa a unidade na diversidade, ou sexa construír unidade popular real, desde a participación democrática, directa e individual, de todas as persoas que así o desexen. En consecuencia, e perante as eleccións ao parlamento de Galiza, decidimos impulsar unha única candidatura unitaria segundo os principios de radicalidade democrática, a participación directa da cidadanía e o noso código ético e de acordo coas iniciativas galegas existentes.

O 20 de decembro vota desde abaixo e á esquerda

12369018_1016904094999592_2442146803071957142_n

O 20 de decembro desde Chantada tamén temos a responsabilidade de emitir un voto crítico e oposto aos novos e vellos partidos da austeridade. Un voto para exixir políticas que nos permitan ter futuro na nosa Terra. Un voto para comezar a desterrar o caciquismo, a praga que asolaga a Galiza interior.

Desde Por Chantada apoiamos as candidaturas da esquerda, que se opoñen á austeridade e que, ao noso entender, mellor representan os intereses do pobo traballador galego: Nós-Candidatura Galega e En Marea!.

 

#HaiQueBotalos