Por Chantada-CUP apresentará 3 mocións no pleno ordinario de xaneiro (23/01/2017)

logo-por-chantada

ORDE DO DÍA DEFINITIVA: convocatoria-orde-do-dia-definitiva

O vindeiro 23 de xaneiro celébrase a sesión ordinaria do pleno de Chantada, atrasada a petición de Inta xa que debera celebrarse o día 9 de xaneiro, mais alegaban certar coas vacacións. A pesar do notábel atraso na convocatoria das comisións informativas, que se mudaron de día sen previo aviso, o Goberno non trasladou ningún asunto para ser tratado e continúa a procurar subterfuxios de diversa índole para dificultar o labor de oposición de Por Chantada-CUP, cuxo voceiro está actualmente traballando no estranxeiro ao igual que moita da nosa mocidade emigrada que pouco lle importa ao indolente Desgoberno municipal.

Desde Por Chantada-CUP trasladamos 3 mocións ao vindeiro pleno que explicamos suscintamente e que poden consultarse en PDF nesta mesma entrada. Para comezar dicir que están pensadas tamén no marco da aprobación do novo marco orzamentar para este 2017 que, como é habitual, chegará tamén con notábel atraso e fóra de prazo.

1.- Moción de Por Chantada-CUP para a mellora e ampliación da biblioteca municipal. Con esta moción, que recolle peticións que nos trasladaron usuarios e mocidade organizada do noso concello, queremos sentar as bases para a construción dun espazo digno para a consulta e o estudo, a recuperación do arquivo municipal e a reorganización e racionalización da Casa da Cultura, etc.

2.- Moción para impulsar a creacion dunha mesa local de coordinacion interinstitucional fronte a violencia de xenero . Con esta moción tentamos achegar unha proposta concreta, xa en andamento nalgunha comarca galega, para o combate da violencia doméstica e da lacra da violencia de xénero xa que ano a ano vemos que os minutos de silencio e as declaracións institucionais de pouco serven sen medios e disposicións concretas.

3.- Moción de Por Chantada-CUP para a restitución do acceso universal ao sistema estatal de saude e plano de choque contra a exclusion no concello de Chantada. Con esta proposta visamos defender a universalidade dos servizos públicos, nomeadamente da sanidade, trasladando a nosa visión local a outras instancias e, ao tempo, comprometéndonos cun humilde e perfectamente asumíbel plano de choque local contra a crecente exclusión social (o Reino de España é o estado europeu onde máis inzou a desigualdade desde 2008 e o sul de Lugo é o territorio coas taxas de exclusión social máis elevadas da Galiza).

A orde do día foi modificada grazas a nosa petición de que inclúa a rendición de contas da suposta “urxencia” do pleno extraordinario de decembro que, finalmente, ficou en nada.

Tamén trasladaremos numerosas cuestións, preguntas e rogos como vén sendo habitual e ficamos á vosa disposición para calquera suxerencia, pois entre tod@s construímos Chantada.

#SomosAlternativa #CUPChantada

https://www.facebook.com/PorChantada/?fref=ts  

As candidaturas de unidade popular de Lugo comezamos a coordinarnos para resolver problemas comúns

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pasado domingo, día 2 de abril, xuntámonos representantes das candidaturas de Lugo, tanto cargos institucionais como membros das diversas plataformas cidadás. Desde Por Chantada-CUP valoramos positivamente a xuntanza e pulamos para que sexa o comenzo dunha fraternal colaboración nas problemáticas que afectan á veciñanza dos nosos concellos.

Afondamos así na posta en común dos problemas que confrontamos no distrito electoral de Lugo como a nova Lei do solo –que en Chantada coincide coa aprobación inicial o 18 de marzo do PXOM, na véspera da entrada da nova lei e cuxa aprobación inicial aínda non saíu no DOG–; o Catastrazo, que supuxo no noso termo municipal unha suba de máis de 300% no rural da carga impositiva do IBI; o ferrocarril e a desvertebración territorial, que afecta especialmente á nosa comarca; a defensa da contorna natural, nomeadamente as concas fluviais do Miño e do Sil; as consecuencias nefatas do TTIP para o noso tecido produtivo e para a Ribeira Sacra, pois suporía a desaparición das D.O.; a liquidación do sector agro-gandeiro fronte á pasividade dos nosos alcaldes cómplices de palabra, obra e omisión en boa medida da desfeita; a desfeita demográfica ou emigración da mocidade

Debullando os problemas avogamos por estabelecer métodos de colaboración e construír unidade popular para botar ao PP da Xunta de Galiza, para o que se acordou constituír unha rede estábel de colaboración entre as diversas candidaturas para unificar voz e criterios con posicións unificadas en asuntos comúns fronte ás diversas administracións.

Hai que lembrar que recentemente a Deputación aprobou o seu orzamento anual, que supera os 90 millóns de euros e dos que Chantada non recibirá un só euro alén das transferencias obrigadas, polo que semella que pouco importan as dedicacións que aprobe o Goberno da absoluta de Inta.

Coincidimos os presentes en que é precisa a unidade na diversidade, ou sexa construír unidade popular real, desde a participación democrática, directa e individual, de todas as persoas que así o desexen. En consecuencia, e perante as eleccións ao parlamento de Galiza, decidimos impulsar unha única candidatura unitaria segundo os principios de radicalidade democrática, a participación directa da cidadanía e o noso código ético e de acordo coas iniciativas galegas existentes.