O prazo para “limpar” as fincas de maleza remata 31 de maio, como medida preventiva contra o lume estabelecida Lei 3/2007, do 3 de abril, de prevención de incendios forestais (DOG do 17 de abril de 2007), modificada posteriormente pola Lei 7/2912 de Montes da Galiza (DOGA do luns 23 de xullo de 2012).
Quen é o responsábel da xestión da biomasa vexetal?
As persoas proprietarias ou os usufrutuarios dos terreos (artigos 21 e 22) incluídos nas faixas de especial protección de núcleos. Se non actúan os responsábeis, compete aos concellos executar a limpeza e repercutirlle os custos.
Deben xestionar a biomasa vexetal nun perímetro de 50 metros ao solo urbano de núcleo rural e urbanizábel delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións. No caso de depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, ubicadas a menos de 400 metros do monte, medirase desde límite das instalacións.
A empresa pública Seaga, nas áreas de maior risco (ZAR), fará limpezas a un prezo de 350€ por hectárea. Chantada está en ZAR, mais o Concello de Chantada é un dos poucos da Galiza que non asinaron o covenio polo que os proprietarios non se poden acoller a esta opción. 𝐎𝐮𝐭𝐫𝐨 𝐠𝐫𝐚𝐧𝐝𝐞 é𝐱𝐢𝐭𝐨 𝐝𝐨 𝐆𝐨𝐛𝐞𝐫𝐧𝐨 𝐝𝐨 𝐩𝐢𝐥𝐨𝐭𝐨 𝐚𝐮𝐭𝐨𝐦á𝐭𝐢𝐜𝐨 𝐝𝐞 𝐌𝐚𝐧𝐮𝐞𝐥 𝐕𝐚𝐫𝐞𝐥𝐚…
O rascuño de Real Decreto polo que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel nos solos agrarios (RD) impulsado polo Goberno do Estado esquece máis unha vez a realidade galega e atenta contra todos os sectores agrarios e gandeiros que apostan por modelos sustentábeis polo que, de non atender ás modificacións propostas, terá o efeito contrario aos obxectivos que, teoricamente, procura.
Neste sentido, Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular formulou 40 alegacións ao documento e vindicamos novamente normas legais e unha PAC axeitadas para a Galiza e o noso sector primario, fundamental para a comarca de Chantada, que se vería especialmente castigada polas disposicións do RD. Se non se revisa o rascuño inicial no sentido proposto será letal para as pequenas e medianas exploracións galegas, que son a maioría, e atinxe a todos os sectores: o vacún, a carne, o vitícola, o froiteiro, a horta ou o florestal. Todos estes sectores foron defendidos nas nosas alegacións.
A pesares das boas intencións expostas na súa redacción actual o RD apenas favorece o intensivo e determinadas industrias, nomeadamente o sector porcino polo lobbing das organizacións estatais, para alén de impulsar a venda de maquinaria agrícola e a venda de adubos sintéticos moito máis contaminantes. É o mundo ao revés e, coma sempre, esquécese á maioría social que resiste no medio rural producindo.
Inxectores de xurro e obrigas burocráticas.
Embora na imprensa o pouco que trascendeu do RD foi a necesidade de inxectores de xurros, resulta que as disposicións son tan lesivas para a Galiza que isto sería o mal menor dentro das novidades que este traerá. Moito piores van ser as enormes obrigas burocráticas: análises de solos e materiais empregados, obrigatoriedade de asesoramento externo privado, caderno de fertilización, restricións ao amoreamento de esterco obviando o sistema tradicional galego de muricos que actúa como semicompostaxe e con nulo impacto ambiental, inspeccións de equipas, planos de adubado etc. Estas medidas van atinxir de cheo a todo o sector primario: desde unha pequena horta ou viñedo até calquera cultivo froiteiro ou florestal.
No caso de Chantada, con titulares de elevada idade, é totalmente surrealista tentar aplicar estas medidas nunha orografía como a dos socalcos da Ribeira Sacra ao ser imposíbel amorear os estercos e enterralos nas catro horas seguintes á súa aplicación e favorecería, por un lado, o abandono, e, por outro lado, o uso de adubos sintéticos que contaminan acuíferos.
Non se estabelece a diferenza entre esterco e xurro.
De feito, o RD é tan incompleto e nefasto que non diferenza o esterco do xurro obviando que o primeiro ten menores perdas de amoníaco, maior contido de carbono orgánico e conserva mellor a estrutura do solo, pola mineralización máis lenta e o favorecemento da microbioloxía etc. É unha aberración condenar aos mesmos controis e obrigas (análises, rexistros, sistemas de aplicación, etc.) a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco do que a unha macroexplotación de porcino sen terra, o cal é un disparate e un auténtico despropósito a nivel ambiental. Tampouco se teñen en conta as características edafoclimáticas da Galiza como se todo o Estado tivese un único tipo de solo e clima e considerando igual unha granxa isolada na montaña do que miles de exploracións concentradas.
O eucalipto trátase como SAU.
Outra barbaridade é considerar o cultivo de especies forestais de crecemento rápido como superficie agraria útil. Entre o ano 1985 e 2005 na Galiza 43% da superficie agraria mudou de uso e representa xa menos da cuarta parte da superficie total da Galiza, a metade que na UE, e a perda de SAU entre 1985 de 2015 cífrase entre 160.000 e 185.000 has. As plantacións de eucalipto e piñeiro pasaron a ocupar 378.718 hectáreas máis de territorio, das cales 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos. A porcentaxe de superficie florestal que ten xa hoxe a Galiza a respeito do seu territorio (69%) é a mesma que Finlandia e Suecia. En síntese, a menor SAU maior despoboamento e piores condicións para producir alimentos de calidade e sustentábeis no rural en canto os usos alternativos para esa SAU que se perde son incumpatíbeis cun interior galego vivo. O RD acelera a conversión do interior galego nunha Laponia sen renos nen nenos.
Impón a necesidade de asesoramento externo.
No tocante a outra novidade como é o asesoramento, obriga a pagarlle a un asesor en fertilización para estercar as fincas sen reparar na extensión da exploración, na súa natureza (autoconsumo ou venda maciza) e no uso de adubos da propria granxa ou non. Para máis Inri, fica a porta aberta a que os asesores teñan relación con comercios agrícolas e empresas de fertilizantes favorecendo o negocio para unha minoría e a ruína da maioría.
Impúlsase o uso de lodos de depuradora, refugallos da agroindustria e até residuos plásticos na produción de alimentos.
A realidade supera a ficción. Un decreto que leva a palabra sustentábel no seu nome resulta que permite e incentiva o emprego de lodos de depuradora e outros refugallos da agroindustria, favorecendo que os microplásticos pasen á cadea trófica. O RD mesmo permite até medio quilo de plásticos por tonelada de material, un atentado á saúde da cidadanía e dos propios solos agrarios. Os cidadáns non merecemos gobernos que poñan por cima da nosa saúde e benestar os intereses da agroindustria.
De por parte, os níveis de metais pesados máximos permitidos son obsoletos. Deberíase ter en conta a revisión á baixa que xa fixeron destes valores varias CCAA.
Despropósito nas medicións GEI e no tratamento da agricultura ecolóxica.
Outro aspecto a pór en destaque é que a base de dados do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, o cal é especialmente grave e lesivo para a Galiza. Indícanse 0 horas (si o horas!) de pastoreo cando 61,2 % das granxas galegas fan pastoreo con algún ou coa totalidade dos lotes do rabaño (produción, secas e xatas). Amais, en nengún momento se fala dos pastos permanentes, a pesar de seren sistemas de produción máis extensivos e sustentábeis que reducen os gases de efeito estufa (GEI) e crian un solo vivo. Contrasta este maltrato á agricultura ecolóxica coa ausencia de regulación da gandaría intesiva sen base territorial e moito menos se potencia a soberanía alimentar e os alimentos quilómetro 0.
Síntese das nosas alternativas.
Así as cousas, Por Chantada defende:
Aplicar medidas de discriminación positiva para a produción ecolóxica e as pequenas e medianas granxas familiares e os proxectos agrarios biodiversos.
Excepcións no RD para as granxas de pequeno tamaño que practiquen a agricultura sustentábel e que empreguen métodos de aplicación tradicional dos estercos ou que estexan en zonas de alto valor natural ou que sigan prácticas agroecolóxicas en todo o seu conxunto.
Normas máis estritas para as granxas sen terra, restricións severas ao uso de lodos de depuradora e refugallos industriais e a consideración como SAU apenas das parcelas destinadas á alimentación humana e animal, nunca o eucalipto.
GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.
Con tristura e estupor é como recibimos a nova de que a Deputación de Lugo e varios alcaldes da provincia de Lugo, fundamentalmente do PSOE, participen dunha plataforma que aposta por permitir a plantación de eucalipto no interior galego. Opóñense así á idea inicial da Consellaría do Medio Rural de prohibir o eucalipto na provincia de Ourense e en 29 concellos da provincia de Lugo. Aínda máis indignante é que a Deputación vaia destinar fondos públicos para unhas xornadas onde expor “diferentes pontos de vista sobre a especie”, ou sexa pura e simple apoloxía do eucalipto.
Por Chantada-CUPcelebra que no proxecto de decreto se contemple deixar a Chantada entre os territorios onde este cultivo fica prohibido e só pode comprender esta fronte ou no servilismo ás empresas extractivas ou na ignorancia. Non sabemos o que é pior. É máis parécenos insuficiente que en toda a Galiza o eucalipto só se restrinxa na provincia de Ourense e na de Lugo nas montañas orientais, nos concellos da Ribeira Sacra e do Val de Lemos e en boa parte dos concellos do interior lucense, como os da comarca de Sarria, coincindo por certo coas áreas onde o nitens tan caro a ENCE ten máis difícil prosperar.
Un pouco de historia e perspectiva para entender o problema
Precisamente cando o goberno portugués ben de restrinxir severamente o eucalipto no seu territorio, cando menos até 2030, un cultivo desterrado do resto de Europa dito sexa de paso (FIG. 1 e FIG. 2), convén lembrar algúns dados.
FIG. 1: hectáreas destinadas ao eucalipto na Península ibérica. A pesar de estar a cola na maioría dos capítulos (pensións, salarios, etc.) Galiza lidera a produción de eucalipto.
FIG. 2: distribución do Eucalyptus globulus en millerios de ha no mundo. Sendo orixinario de Australia destaca que o Estado español, fundamentalmente Galiza, e Portugal a superen amplamente. Outros estados que o cultivan teñen igualemnte unha inserción subalterna e colonial na economía do actual sistema-mundo.
Tradicionalmente, na Galiza o monte non foi unha superficie forestal, mais agrícola e pecuaria inserida no que Bouhrier descrebeu como complexo agrario das sociedades tradicionais, onde o monte tiña un papel de fornecedor de materia orgánica que, convertido en estrume polos animais, servía para fertilizar as terras de cultivo. Sabémolo ben en Chantada co uso tradiconal do toxo. Amais, o monte tiña moitísimos máis usos: lugar para as estivadas e a plantación rotatoria de cereais, para o pasto do gando, para fornecer froitos silvestres e plantas medicinais, para obter pedra e carbón, para a vaza e para obter madeira. Moitos destes usos eran colectivos, manténdose aínda áreas do noso concello comunais.
As repoboacións forestais comezaron a finais do século XIX e no XX, por razóns que nada tiñan a ver coas dinámicas propias do rural galego senón para abastecer de maderia á industria estatal e mesmo moitos terreos de mancomún foron forestados á forza no franquismo, especialmente na montaña oriental lucense. Que agora se reclame o eucalipto para non ter unha Galiza de dúas velocidades é tan ridículo canto historicamente refutado. É como pedir un encoro en Erbedeiro ou en Chouzán para que volvan os viciños.
Precisamente o que se tenta na actualidade, ao compás do despoboamento e da crise do agro, é converter o monte exclusivamente en terreo produtor de madeira, un deserto verde ao servizo das transnacionais, implantando masivamente especies e técnicas importadas e alleas á unha xestión silvícola racional e respectuosa co noso medio.
Porén, o certo é que o monte debe observarse desde outra perspectiva máis próxima aos nosos avós e menos aos koalas. O monte pode ser zona de pastoreo, especialmente nas zonas máis afastadas das aldeas onde hai extensións sen cultivar que poderían dar rendementos agro-pecuarios acollendo rabaños que limpasen o monte. De feito, Maceda de Tribes creou mesmo postos de traballo públicos con este sistema, xestionando dun xeito eficiente e racional o monte ao tempo que mantén as tradicións.
A lacra dos lumes custoulle á Xunta 173 millóns de euros en 2016, calculan a socialización deste impacto os que fan apoloxía do eucalipto? Véxase a evolución do gasto en incendios na Galiza que como o propio eucalito é o paradigma dunha xestión externa cunha estrutura allea ao local e aos indíxenas do rural, cuxo único papel é proporcional unha eventual e precaria man de obra (e até para iso hai que ter “padriño”):
Fonte: La Voz de Galicia
Con todo, aínda deixando o gravísimo problema dos incendios forestais a cerna do problema é que incentivar a monocultura forestal, como a Lei de montes de 2012, empobrece, polo que o efecto é precisamente o contrario ao que persegue supostamente a fronte do koala.
O eucalipto non lles deixa ver a fraga: dados que obvia a fronte do koala
A produción forestal supón por volta de 450 millóns de euros e dous terzos expórtase, cáseque todo ao resto do Estado, polo que é un sector extractor de materia prima sen transformación. Unha grande produción que non se centra no país nin xera valor engadido. En postos de traballo xera sobre 6.000 directos e 15.000 indirectos aproximadamente, bastantes menos do que o sector agrícola e pecuario a pesar da profunda crise e do abandono que sofre por parte das administracións.
A terceira parte da superficie galega (a que podemos considerar Superficie Agrícola Utilizada) xera un valor engadido aproximado de 1.300 millóns de euros, o que representa sobre 1,3€/ha. Os outros dous terzos dedícanse xa a superficie forestal producindo un valor engadido de 325 millóns, ou sexa, sobre 0,2 ou 0,3€/ha, segundo contabilicemos toda a superficie forestal ou só a arborizada. Se alén diso lle imputamo os custes externalizados que pagamos toda a cidadanía para apagar os lumes cada verán o rendemento é mesmo negativo. En conclusión, está demostrado que o valor engadido xerado por unha ha de superficie agrícola é entre 5 e 8 veces maior que o xerado por unha ha de superficie forestal e precisamente cando moitas explotacións se reorientan ben para o extensivo, ben para unha maior autonomía forraxeira precisando terras próximas o que se está fomentando é o abandono as terras tradicionais de labradío para inzalas de eucalipto.
Por Chantada-CUPacredita nun monte multifuncional e solicita que a Xunta faga unha valoración integral específica dos montes galegos como xa fixeron Extremadura ou Euskadi ao tempo que o que a Xunta, a Deputación, os concellos e os denominados “partidos” deben facer polo ben do país, sen maior demora, é aumentar os lucros obtivos polas funcións recreativas e ambientais do noso inmenso patrimonio natural que fan que Asturies e Cantabria teñan unha renda por ha de monte moi superior á da Galiza.
Que os eucaliptos nos deixen ver e valorar o noso patrimonio natural e ambiental. O eucalipto é sinónimo de deserto verde, de probreza para a maioría social deste país.