Por Chantada denuncia desleixo municipal fronte a falla de prazas de infantil e propón medidas para a conciliación.

Ouvidas as demandas das familias e dado que xa é un problema crónico sen que o Concello adopte medidas concretas apresentaremos unha moción para ampliar a Galiza Azul de Chantada cun novo módulo, así como outras melloras para a mesma, xunto a medidas que favorecen a conciliación.

10028

 

Na listaxe de agarda definitiva do baremo ordinario para o curso 2021-2022 figuran 10 alumnos e na provisional 13. Algunhas familias encontraron praza noutra escola (Taboada, Barrela, Lalín e Vilamarín) cos prexuízos que trae consigo e pondo en risco que parellas mozas se formulen deixar de tecer o seu proxecto de vida aquí, un luxo que non podemos permitirnos. Porén, o pior está por chegar, xa que en setembro e decembro haberá novos demandantes, mais non prazas, polo que a listaxe de agarda será substancialmente maior.

Para alén de vagas promesas sen concreción algunha, como unha nova escola que tería que financiar o Concello e que sairía moitísimo máis cara que ampliar a actual, o Goberno de Manuel Varela segue sen facer absolutamente nada. Ten algún interese inconfesábel en cronificar esta situación?

 

30/06/2021
 
 
A atención da infancia de 0 a 3 anos é un servizo esencial para a conciliación da vida laboral e familiar e para a igualdade entre homes e mulleres. Por outra parte, cada vez máis, demóstrase que a etapa educativa dos 0 aos 3 anos é esencial para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación e nos resultados académicos posteriores entre nenos e nenas, e constitúe un servizo indicado para reducir os índices de risco de pobreza infantil e as consecuencias desta situación na infancia, para alén que cada euro investido en educación ten un retorno de sete, segundo o premio Nobel de economía Stiglitz
 

Na Galiza, esta etapa depende da Consellería de Política Social e conta con disparidade de acceso e de servizos no territorio, non garantíndose unha rede pública, gratuíta e universal. En todo o sul de Lugo só hai 258 prazas públicas en escolas infantís da Xunta, máis 5 en Casa Niño.

Por todo isto, xa na pasada lexislatura rexistraramos, en 22 de decembro de 2017, a Moción de PorChantada-CUP a prol das escolas infantís na provincia de Lugo, aprobada por 11 votos a favor (Por Chantada, PSOE e Inta) e dúas abstencións (PP). Pedíanse 700 novas prazas para a provincia de Lugo, segundo a listaxe de agarda daquela altura, e un novo módulo para a Galiña Azul de Chantada, lembrándolle ao PP na Xunta que estaban apoiando máis as gardarías privadas cás públicas. Porén, a persistencia de familias sen praza anos após ano levounos a desenvolver parte do noso programa sobre a infancia através da Moción de Por Chantada-CUP sobreadopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliacióndas prazas públicas (novembro de 2019), que foi rexeitada polo PP (ex-Inta).

Para alén de vagas promesas sen concreción algunha, como unha nova escola que tería que financiar o Concello e que sairía moitísimo máis cara que ampliar a actual, o Goberno de Manuel Varela segue sen facer absolutamente nada. Ten algún interese inconfesábel en cronificar esta situación?

Cos dados da serie histórica na mao, en varios baremos Chantada apresentaba a segunda listaxe de agarda máis elevada da provincia, só por detrás de Lugo que ten máis de 80.000 habitantes fronte os 8.000 escasos de Chantada. Constátase así ano unha infradotación de prazas no noso Concello, cando o problema demográfico é unha cuestión fulcral e as políticas de conciliación e de axuda ás familias deberían ser prioridade nas axendas das institucións para loitar por un rural e un interior galego vivos.

Desta arte, Por Chantada entende, así como moitas familias que teñen transmitido o seu malestar, que é urxente negociar co goberno da Xunta para propoñer unha ampliación de outra unidade da Escola como xa nos pronunciamos en xaneiro de 2018 desde esta Corporación e facelo, asociándoo a xestións concretas por parte do Goberno e através dos Fundos europeos (FEDER). Nesta cuestión todas e todos temos que camiñar na mesma dirección e cunha única voz.

Sería tamén o momento de pular polo consumo de alimentos de proximidade e non polo catering privado. As cantinas escolares teñen un papel central para unha cociña colectiva artesá, pública e social que vertebre a comunidade educativa.

 

QUE PROPOMOS?

1.- Convenio entre o Concello de Chantada e a Xunta para dotar a escola infantil dun novo módulo e unha cociña ou no seu defeito, explorar fórmulas para empregar alimentos locais e as cociñas dos CEIP.

2.- Compromiso municipal de achegar a asignación económica que complemente os Fundos Feder da Unión europea cos que se farían estas actuacións.

3.- Exixirlle á Xunta que universalice a atención educativa de 0-3 anos como servizo público para a educación á infancia e contribúir á conciliación.

4.- Trasladar ao Goberno do Estado a necesidade de aumentar os permisos retribuídos por maternidade e parternidadade até un ano de duración con cargo á Administración Xeral do Estado.

5.- Impulsar unha Mesa de Traballo entre os concellos da zona sul de Lugo para homologar as condicións das diferentes escolas infantís e solicitar máis prazas á Xunta até cobrir a demanda existente e as previsións a futuro.

 

Chantada, 30 de xuño de 2021.

 

Poder ler íntegra a nosa moción aquí: Moción Por Chantada Galiña Azul e conciliación

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

 


Resumo do Pleno ordinario de Chantada correspondente ao 24 de setembro de 2020.

 

Asisten 13 concelleiras e concelleiros (todos os integrantes da Corporación), o secretario accidental, a interventora, un funcionario e un viciño.

 

Accede ao audio íntegro da sesión plenaria premendo aquí.

 

1.- ACTAS ANTERIORES, CORRESPONDENTES ÁS SESIÓNS: EXTRAORDINARIA 09/03/2020.

ACTA DO PLENO MESAS ELECTORAIS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS 09-03-2020

Apróbase por UNANIMIDADE. A acta da sesión ordinaria de 30 de xuño aínda non está feita, segundo explicou o alcalde por ferias do secretario titular.

2.- APROBACIÓN CONTA XERAL 2019. EXP. G-286/2020.

Documentación da Conta Xeral 2019.

1.-PROPOSTA APROBACION CONTA XERAL 2019

Comeza intervindo o grupo municipal socialista por medio da súa voceira Raquel López. Expón que a conta xeral reflecte uns orzamentos desvirtuados cun 15% de inexecución e que espella improvisación e falla de previsión, aínda que non todo se pode prever. Se se volve a vista a 2012 seguen os mesmos problemas: reparos de intervención, omisións de fiscalización, pagos atrasados, contratos menores, planos que non se cumpren e outros problemas endémicos do Concello de Chantada que dificultan ter información. Esperan que en 2021 o Orzamento modifique algúns destes aspectos para podelos apoiar.

Como xa dixemos na CI correspondente a liquidación do Orzamento 2019 aprobouse por Decreto da alcaldía 168/2020, do 27 de abril, polo que debera darse conta dela na sesión extraordinaria do Pleno de xuño e non se fixo.

O primeiro que cómpre destacar é que a execución orzamentar bateu un récorde. 15,96% do orzamento ficou sen executar, a pesar do estado da infraestrutura, da listaxe de agarda no SAF e as problemáticas noutros servizos, das eivas da limpeza ou da necesidade de novas políticas. Non é de recibo ter 1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€, cando a estabilidade orzamentar e o teito de gasto permitían aínda gastar 1 millón máis. Este altísimo volume de inexecución fala dunha má planificación, xestión e concreción do orzamento e explica o aforro neto de 829.606,57€, en todo caso bastante inferior ao que debería dada a execución deficiente do orzamento, mais que se explica polo elevado volume de facturas de exercicios anteriores que se pagaron no 2019 e as que aínda se están pagando neste 2020, como demostran os 11 recoñecementos extraxudiciais de crédito (REC) que levamos en 2020, moitas facturas son de 2019 e 2020.

Dentro da xestión deficiente atópase o uso e abuso do contrato menor, contornando a LCSP. Tamén con eivas na contratación do persoal entre outras innúmeras cuestións que fomos asilanando no seu momento. Así as cousas, o 2019 fechou con 65 Reparos de intervención e 41 Omisións de fiscalización por parte da intervención municipal.

A consecuencia deste tipo de procedemento é que se fecha o exercicio con 68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 24 de setembro de 2020 levamos 547.588,84€ en pagos pendentes de 2019.

Relación de pagos do ano 2019 abonados en 2020

Recoñecementos extraxudiciais de crédito 1, 23 e 28/2020

74.378,83€

Suplemento de crédito 1/2020 con cargo ao RTGX

125.486,77€

Transferencia de crédito no orzamento prorrogado de 2019 para abono de xuros de demora a Fevisa (obras ilegais adxudicadas a dedo, sen contrato e sen crédito dispoñíbel en maio de 2015)

120.140,43€

REC 11/2020

227.582,85€

TOTAL pagos 2019 (e 2018) abonados en 2020

547.588,84€

Por outras palabras, desvirtúase totalmente a contabilidade por abusar do contrato menor e non licitar os principais servizos e fornecementos aos que recorre dun xeito reiterado o Goberno local, así como obras e outras actuacións nas que non se licita por xunto senón que se fraccionan como contratos menores, por exemplo numerosas actuacións feitas durante os meses de abril e maio de 2019. O RTGX real se non se producise este desfase sería, xa que logo, de 227.582,85, menos da metade. Cómpre engadir que se gastou 1.008.518,82 do RTGX durante 2019.

Polo lados dos ingresos, a previsión definitiva de ingresos era de 8.117.183,81€, mais o defeito de previsión é moi elevado, de 1.614,649,05€, o que, de persistir, pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.

Canto ao gasto,prodúcense moitas modificacións de crédito (MC) e, nomeadamente, transferencias de crédito (TC) e, por veces, fanse posteriormente ao gasto. Atinxiron en 2019 un volume desmesurado: 1.744.068,93€.

Aínda que na campaña eleitoral defenderon que o Concello estaba en “débeda 0” o certo é que en 2019 destináronse 436.245,39€ para amortizar débeda e a área de gasto 011 ascendeu a 441.498,19€, que se ben é menos que outras anualidades onde o servizo da débeda superaba o millón de euros, segue sendo considerábel.

O gasto en persoal, capítulo 1, situouse en 2.672.919,80€ superando os 2.625.594,24€ dos capítulos 1 e 2 de ingresos. Por outras palabras, todos os impostos directos e indirectos –a pesar da suba substancial dalgúns como o IBI ou o ICIO– non abondaron para abonar os custes de persoal.

No capítulo 4, de transferencias correntes, destacar a baixa execución nas Axudas de emerxencia social (48904), xa que se gastaron 6.994,62€ e ficaron sen executar 2.005,38€. Por pedir unha ordenanza axeitada non foi. E a bolsa de transportes (48906), sobre a que demandamos mudar as bases para aproveitar o orzamentado, tamén ficou cun remanente de 8.600€ moi superior aos 3.400€ repartidos. Dixeron que o ían estudar e resulta que en 2020 desaparecen.

No capítulo 6, inversións reais, pasa o mesmo que en 2018, un grao de execución baixísimo. Do 1.211.246,43€ de créditos definitivos só se executaron 653.799,63€ ficando un remanente de 557.446,80€. É dicir, o 47% das inversións comprometidas non se executou a pesar do estado calamitoso de moitas infraestruturas en Vías públicas (157) foi máis o non executado (90.472,45€) có executado (67.256,14€), o que ten difícil explicación.

Canto ao pendente de cobro e de pago de exercicios anteriores:

  • 2.032.413,78€, dos que 1.196.926,48 pertencen aos anos 1991-2012 e, xa que logo, son de dubidoso cobro.

  • 293.208,33€ pendentes de pago, dos que 290.667,42€ son de 1991-2012.

É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación. Persistir nesta situación adultera as contas e afecta á exactitude coa que se pode configurar o RTGX, polo que redunda en prexuízo da administración local.

En conclusión:

  • 1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€ (15.96%) sen executar, especialmente sangrante no capítulo 6 de inversións reais ou en emerxencia social.

  • 68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 30 de xullo de 2020 levamos 320.005,99€ en pagos pendentes de 2019, que se incrementarán hoxe co REC 11/2020 (125.112,58€). Portanto, o RTGX “real” sería menos da metade de pagarse en tempo e forma: 227.582,85.

  • Moitas MC e TC por importe de 1.744.068,93€ o que, unido ao defeito de previsión de ingresos moi elevado, de 1.614,649,05€ pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.

  • É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación.

 

Intervén polo grupo municipal popular o alcalde Manuel Varela. Todo o que dixo a oposición recoñece que pode estar ben, aínda que hai cousas coas que non coincide. Ora ben, a conta xeral ou se aproba ou nbon se aproba e a baixa execución orzamentar págase agora, por exemplo coas facturas de FENOSA. A ver se entran na central de contratacións da FEMP e licitan a electricidade antes de rematar o ano. Defende que todos os parámetros da Conta Xeral dan ben e son correctos e que o Consello de Contas, ou ben nunca le as de Chantada, ou están ben porque nunca lles turraron das orellas. Segundo a oposición todo vai mal, cando todo vai á perfección, segundo o alcalde.

 

Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.

3.-RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO (REC) Nº 11/2020 por importe de 125.112,58€. EXP. G-822/2020.

1.-PROPOSTA AO PLENO APROBACION REC 11-2020

2.-REPAROS 2020-0028 [FISCALIZACION INTERVENCION]

Raquel López lembra que os REC son un ponto fixo da orde do día. Caos no Concello pagando aínda facturas de 2018 e 2019. Non poden votar a favor cun reparo da intervención. Celebran que queiran solventar o da electricidade antes de rematar o ano, mais hai outra factura reparada por contratar cunha comunidade bens, o cal é ilegal que facturen cunha administración.

Este é xa o enésimo REC que vén este ano. Levamos 11. Desta volta facturas de 2018 e 2019 que se abonarán aínda en finais de 2020 e por importe total de 125.112,58€. Como sinalabamos anteriormente desvirtúan por completo a contabilidade anual e os recursos reais do Concello, por un lado, e incúmprese a LCSP polo outro.

Xa fai anos que lles demandamos limitar o abuso do contrato menor e licitar a luz, estudando alternativas ás grandes eléctricas, como as cooperativas enerxéticas galegas. Fai uns anos a Deputación de Ourense licitou a luz, poden pedirlle os pregos a Baltar.

Portanto, isto era evitábel e trátase dun problema recorrente por non ter o servizo licitado, o cal non podemos partillar nen apoiar.

A maior abastanza, o informe da intervención sinala que procedería facer primeiro a revisión de oficio que declarase a nulidade de pleno direito e despois proceder a facer o REC. Así llo temos pedido xa en varios recursos apresentados, mais eluden calquera responsabilidade e seguir os procedementos legalmente estabelecidos.

Manuel Lorenzo di que están na boa liña e antes de comprometer gasto é certo que teñen que comprobar que exista crédito. No entanto, onte visitouno Luís Aragunde [ex-alcalde do PP de Cambados, até 2015] e contoulle que deixou a alcaldía con 35 reparos e a actual rexedora [PSOE] ten 78. Ou se levantan reparos ou se paraliza todo. O Concello de Lugo [PSOE e BNG] vén de aprobar un REC por importe de 28 millóns de euros. Agradece en todo caso o ton das intervencións e dálle pena que haxa xente sen cobrar por estas cousas. Hai cousas que non se poden prever, deben deixar unha partida de imprevistos, mais é difícil calcular e hai urxencias [manipula porque estamos falando da luz que non é nengunha urxencia, senón un gasto elevadísimo e recorrente todos os meses polo que non pode seguir como contrato menor]. Agora teñen que facer un muro no camiño das Córneas e non teñen financiamento (8-10.000€) polo que terán que buscar outras partidas.

Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.

4.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE MEDIDAS PARA A VOLTA ÁS AULAS. EXP. G-835/2020.

Moción do grupo socialista sobre medidas para a volta ás aulas.

Expón a moción Raquel López, conforme a exposición de motivos e os acordos da moción.

No pleno do 29 de xullo xa transmitimos un rogo e varias perguntas sobre esta cuestión, en concreto rogabamos que o Goberno municipal estudara as nosas propostas para chegar a setembro coas tarefas feitas. Infelizmente, coidamos que non foi así.

Queremos, pois, lembrar as alternativas que propomos, algunhas xa contidas na moción:

  • No acceso e na saída dos centros sempre se producen aglomeracións, pola COVID-19 cómpre adoptar medidas decididas. Débese falar coas direccións dos CEIP para optimizar as entradas e saídas1. Asemade, cómpre incrementar o espazo de acceso aos colexios para as crianzas e acompañantes, estudando a nosa proposta de camiño escolar enunciada no seu momento.

  • Para a conciliación é o momento de estudar tamén implementar o Plano madruga, vendo o número de solicitudes e contratando ao persoal necesario. Desde Por Chantada mostramos a nosa disposición para apoiar o cambio orzamentar que se requira para pór en marcha este programa, así como a participar da elaboración dos seus protocolos.

  • Limpeza e desinfección do centro. Contratouse moi pouco persoal para todo o que demandan dos protocolos. Entendemos que o Concello seguirá a asumir a limpeza e desinfección dos centros de primaria – de xeito impropio, pois debería estar coberto por Educación – e que precisa un reforzo orzamentar nesta partida. Un informe xurídico da Deputación de Pontevedra e outro da Deputación da Cruña asinalan que os custes extraordinarios de desinfección e limpeza xerados pola COVID-19 «non son competencia propria dos concellos e supoñen unha ampliación das mesmas». O Concello debe asumir, pois, esta necesidade polo ben da comunidade educativa local, mais logo repercutir os gastos á Xunta da Galiza, que recebeu 92,9 millóns de euros de fundos extraordinarios do Estado para educación.

  • A situación sanitaria vaise manter, previsibelmente, máis aló deste curso, co cal, os nenos e nenas de Chantada vanse ver privadas de facer moitas actividades dentro e fóra da aula que habitualmente facían en conxunto, como poden ser os festivais de Nadal e fin de curso, excursións pola zona ou, simplemente, xogar no parque en conxunto de xeito habitual. Entendemos que dende o Concello se pode contribuír a manter a conexión do alumnado dos CEIPS mediante o recurso a actividades en liña. Por iso, consideramos que se debe reforzar esta área de animación sociocultural e dotala dos recursos necesarios para que durante todo este ano se fomente a conexión dos nenos e nenas con actividades lúdicas e educativas.

  • O PP votou no parlamento galego contra o sufraxio das máscaras que pasarán ao cativo orzamento escolar. Ante a obrigatoriedade do uso de máscaras na aula e dado o custe que vai supor para as familias, uníndose ao custos habituais do inicio de curso, entendemos que é o

    momento de que o Concello realice unha nova dotación de máscaras dirixida á poboación escolar, tanto de Primaria como de ESO, FP e Bacharelato. Aínda que o Concello xa dotou aos nenos e nenas de máscaras estas vanse deteriorando co uso, polo que entendemos que sería importante comezar o curso cunha nova doazón de máscaras á poboación escolar, toda vez que, neste momento, xa se dispón de máis modelos homologados no mercado, tanto reutilizábeis como cirúrxicas dun só uso.

  • Partillamos dos acordos da moción tamén que a pandemía fai necesario impulsar o Consello escolar municipal, con reunións periódicas para o seguimento da situación sanitaria e das necesidades dos centros e da comunidade educativa.

1 O CEIP Eloísa Ribadulla abre portas ás 9:00 horas e o Xoán de Requeixo ás 9:30 horas e no primeiro saen ás 14:00 e no segundo ás 16 horas. No Eloísa Ribadulla á hora de entrada e saída hai aglomeracións no exterior, conflúen as crianzas e acompañantes que chegan a pé cos que chegan de carro (o transporte escolar accede ao recinto polo que non afecta ao exterior).

No Xoán de Requeixo á hora de entrada e de saída conflúen no exterior todos e hai aglomeracións no espazo habilitado de agarda (rúa poeta Añón) e diante da cancela de entrada. Para maior agravante o tránsito non se interrompe aumentando a conxestión e a beirarrúa onde baixan as crianzas do transporte escolar é moi estreita e coinciden coas que acceden a pé.

O alcalde di que non está disposto a darlle unha patada ao presidente da Xunta ou ao Conselleiro aprobando esta moción. O PP obtivo maioría absoluta. Se son incompetentes, como defende o PSOE, que nas próximas eleccións os cidadáns tomen nota e os boten fóra. Non concorda co que di a oposición. Con maior previsión recoñece que poderían derivarse alumnos a Carballedo ou Taboda ou mesmo usar escolas rurais, mais pensa que en Chantada non hai problemas de lotación de alumnado. Reforzouse a limpeza dúas horas ás mañás e están facendo bolsa de traballadores. Prorrogáronlle a empresa o contrato até setembro de 2021 e a partir de aí licitarán mellor a limpeza. No Xoán de Requeixo xa hai área habilitada e acceso desde o pavillón e mais desde García Árias. Os pais deberían ter maior conciencia e no IES non é posíbel seguramente que se poña a policía local por mor do horario. Canto ao consello escolar asisten aos de cada centro e están contentes coas actuacións do Concello [non é o que nos consta desde Por Chantada como temos demostrado nalgún pleno]. O diñeiro para medios dixitais pode estudarse cando se estuden os orzamentos para 2021. Hai pontos da moción que van tentar cumprir de aquí a finais de ano e debater o orzamento antes de rematar o ano, mais non se van dirixir á Xunta cando xa comezou o curso e defende que o Goberno galego funciona á perfección. Ao mellor o PSOE debería preocuparse máis polo ingreso mínimo vital, que só entregaron 10%, ou os ERTEs. O Concello axudará ás familias con necesidades e ás persoas maiores.

Raquel lamenta como profesional e como viciña que o PP vote en contra e di que eles critican calquera administración da cor que sexa. Preocupante a defensa fechada da Xunta. Varela retruca que iso dio ela. Raquel di que ten a mesa do primeiro alumno pegada a dela. Varela dille que en que Concello é iso, que apresenten alí a moción. Raquel retrúcalle que onde están os cartos do Goberno central entregados á Xunta para educación. Varela dille que xa dixo Antón que ían en parte para computadores. Eles cumpren cos cidadáns de Chantada e cada catro anos hai oposicións nas urnas e a Xunta revalidou unha maioría aplastante.

Votos a favor: 6 (Por Chantada e PSOE). Votos en contra: 7 (PP). Rexeitada.

5.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA-CUP A PROL DUNHA PAC AXEITADA PARA O INTERIOR GALEGO. EXP. G-835/2020.

Mocion Por Chantada PAC

Expón a moción o voceiro de Por Chantada, Antom Fente, sintetizando a exposición de motivos.

Desde o PSOE, Raquel López, di que é unha moción densa, aínda que entenden que o tema é complexo. O PSdG leva décadas traballando no tema da PAC e seguirá facéndoo. Coinciden nalgúns aspectos da moción: paisaxe, relevo xeracional, mudanza climática, calidade alimentar etc. Neste momento non tiveron en conta a situación da COVID-19, que é unha variábel a ter en conta. Tomara teñan en conta a moción os grupos do parlamento galego.

O PP di que non teñen inconveniente en apoiar a moción. Gobernando o PP en Madrid pasaban en gobernar en Europa sen reunións coas CCAA e sería bon que as fixesen. Ve ben pasarlle esta exposición de motivos á Xunta, ao Ministerio e aos grupos políticos e agarda que a teñan en conta. O Ministerio de Agricultura do Goberno estatal ten un ministro que é competente e cumpre chegar a Europa con unidade e sen confrontación.

Aprobada por unanimidade, Por Chantada (2), PP (7) e PSOE (4).

6.- RENUNCIA CONDICIÓN DE CONCELLEIRA DE DONA MARÍA VARELA RODRÍGUEZ (PSG-PSOE). DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA. EXP. G-834/2020.

1.-PROPOSTA DE ACORDO

2.-Informe de Secretaría

3.-LISTA PS de G-PSOE

4.-Providencia de Alcaldía solicitando Informe

5.-Renuncia María Varela

Só interviu o alcalde agradecendo a presenza e o labor da concelleira do PSOE, a pesar de pertencer á Corporación apenas un ano. Desexoulle sorte no plano profesional e laboral e lamentou que se fose unha das “caras máis amábeis do Pleno”. Non se abriu rolda de intervención para os voceiros do grupo socialista e de Por Chantada.

7.- MOCIÓNS E ASUNTOS DE URXENCIA.

Non se produciron.

8.- DACIÓN DE CONTA DE RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA (DECRETOS 400/2020 A 495/2020).

9.- ROGOS E PREGUNTAS.

9.1.- Ornato público e lixo.

9.1.1.- Actividades insalubres en Vista Alegre.

En Vista Alegre recebemos queixas viciñais polo botellón, prohibido pola lexislación actual da COVID-19, e o denominado popularmente como mirador ten cada vez máis lixo. Rogamos que se execute a correspondente limpeza e se incremente a vixilancia, tamén no parque da feira vello, pois recebemos queixas de actividades ilícitas.

Contesta o alcalde, que tamén hai que reforzar a vixilancia nas escolas rurais, que son do Concello e mesmo algunha alugouse. Vaise arranxar a rúa Vista Alegre.

9.1.2.- Sumidoiros atascados.

Rogamos que antes da temporada de choivas máis fortes se proceda a revisar os sumidoiros, xa que existen varios que están totalmente atascados, por exemplos, na rúa de Portomarín e no mercado gandeiro, até con terróns de herba.

Concordan que é necesario, que normalmente se fai en outubro.

9.1.3.- Colectores.

Moitos colectores da vila precisan de ser reubicados e, en todo caso, deben estar limpos. Os amarelos e os de vidro son os que pior están e non se limpa debaixo deles. A imaxe de moitos deles dista moito do desexábel e máxime nesta situación de pandemía. No rural hai varios totalmente rotos. O horario de tirar o lixo só ten sentido se coincide co de recollida inmediatamente despois e hai que mellorar a distribución dos colectores en varios pontos. Os colectores están mellor nun solar sen edificar, pois repartidos quitan prazas de aparcamento. Cada tonelada de cascallos son 80€ van ter que revisar a ordenanza.

9.1.4.- Limpeza rúas.

Nas inmediacións da praza de abastos ou na rúa da Flora, por pór só algúns exemplos.

9.1.5.- Praza Santa Ana.

Rogamos novamente que se arranxen os elementos do pavimento que o precisan con urxencia, así como vernizar os bancos e limpalos por baixo. Debe vixiarse que se aparque mellor.

Van arranxar os bancos en breve.

9.1.6.- Camión abandonado.

Hai un camión abandonado nun solar fronte ás piscinas e está criando maleza polo que rogamos que se actúe.

Hai outro nun solar alugado polo Concello. Toman nota.

9.2.- Peonalización Cantón.

Rogamos que se vixíe o mal uso dos aparcadoiros existentes na nova zona peonil a horas en que non está xustificado o seu uso.

Negan que haxa problemas.

9.3.- Xardín da infancia (Galiña Azul).

Para alén de que coa escusa da COVID-19 se impuxo o mesmo catering que opera no centro de día, tanto en Chantada canto en Taboada, Antas e Pantón, a escola infantil segue sen pintar. Coidamos que este ano disporíase de fundos suficientes para facelo, xa que non comprometería unha contía moi elevada. Rogamos, pois, que se pinte a escola infantil.

Toman nota e verán se se pode facer xa neste 2020.

9.4.- Piscinas municipais.

Cando contemplan abrilas?

Se poden o 2 de outubro.

9.5.- Rozado na parroquia de Arcos.

Desbrozaron mal en Arcos e non volveron a pasar a pesar das queixas viciñais. Por exemplo, o camiño da parte de arriba de Souto non se desbrozou e en Gomesende. Rogamos se solucione.

Están rematando coas ribeiras e empezarán outra vez que cumpre en San Vicente etc. Este ano houbo tres meses perdidos pola pandemía.

9.6.- Pistas.

9.6.1.- Arcos.

Aínda que xa trouxemos unha relación na moción que veu ao pasado Pleno e que está a comisión de seguemento das infraestruturas por constituírse, transmitíronnos que urxe o arranxo das seguintes pistas:

  • A pisa que sai da Cruz de Outeiro até Casteda.

  • Pedrafita a Casteda.

  • Arsilleiros desde Casteda á cima da Cruz.

  • Igrexa – Arcos, o firme está moi deteriorado.

  • Vilanova (estrada a Antas), a pista non se anda.

  • Rogamos que se faga, como solicitamos, unha relación polo nível de deterioro e que se liciten conxuntamente, xa que se están contratando como contratos menores todas con FEVISA Vías e obras, empresa á que aínda recentemente se lle abonaron 120.143,43€ en xuros de demora (Decreto 446/2020 de 12 de agosto).

  • Cando se prevé criar a comisión de infraestruturas? Facer unha ou dúas e na dos orzamentos facer estudo das que fican sen arranxar.

9.6.2.- Devolución AGADER.

Mediante Decreto 405/2020 de 24 de xullo acordouse devolver á Consellaría de Medio Rural os fondos non xustificados AGADER 2019 por importe de 39.431€. Estes fondos correspondían ao expediente PM19-291 Mellora de camiños municipais da Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza. Poden explicarnos isto? Provabelmente naquele intre o Concello non lle podía facer fronte ou ben incumpriron o prazo da xustificación.

9.7.- Sentenzas (Decreto 430/2020 de 4 de agosto).

Abonáronse 11.087,1€ a varias persoas en conceito de expropriación e xuros pola Sentenza 86/2020 do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Lugo do 12 de xuño de 2020. Pódennos explicar isto? Non se concreta na resposta nada.

9.8.- Guía de linguaxe inclusiva (Decreto 426/2020 de 3 de agosto).

Contratouse con Coeduca Consultora de Coeducación por importe de 2.194,78€.

  • A quen se vai dirixir? Primeiro aos funcionarios e logo a outros colectivos pouco a pouco, como asociacións.

  • Cantos exemplares en papel se van facer? A subvención inclúe a impresión de 20 exemplares.

  • Disponibilizarase na web para baixar libremente? Rogamos que así se faga. Din que se fará.

10.- Muradelle. Cruceiro e patrimonio.

Propomos como rogo que o Concello de Chantada se dote dunha Guía de restauración, conservación e xestión do patrimonio. Están de acordo.

Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas.

 

A Candidatura de Unidade Popular Por Chantada rexistrou o pasado 9 de outubro no Concello de Chantada a Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas. A moción nace após verificarmos varias eivas en relación coa Galiña Azul de Chantada, que levan tempo sen obteren resposta.

Os direitos da infancia ocupaban unha parte importante e central do noso programa, tanto pola súa importancia per se canto pola crise demográfica que padece o interior galego. Neste sentido, aínda en outubro denunciamos a falta dun servizo digno de pediatría no noso Concello. O 22 de decembro de 2017 rexistramos no Concello a Moción de Por Chantada-CUP a prol das escolas infantís na provincia de Lugo desenvolvendo tamén diversos e rogos e cuestións en relación coas mesmas ao longo da pasada lexislatura (2015-2019). A moción foi aprobada no Pleno do oito de xaneiro de 2018 cos votos favorábeis de Por Chantada, PSOE e Inta (11) e a abstención do PP (2), aceitando a emenda de Inta e ficando o acordo do seguinte xeito:

1.- Instar á Xunta de Galiza a incluír nos orzamentos partidas suficientes para a posta en marcha de 700 novas prazas públicas en escolas infantís na provincia de Lugo para o curso 2018-2019, que son as que pola listaxe de agarda se precisan.

2.- Dotar a escola infantil de Chantada de medios materiais e humanos para ampliala cun novo módulo.
3.- Apresentar, antes de final do ano 2018, perante o Parlamento Galego un plano orzamentar e un plano que permita garantir a gratuidade total do ensino de 0 a 3 anos, de xeito progresivo, antes de rematar 2020. Para alén do anterior, garantir que as crianzas sexan educadas na lingua propria das galegas e dos galegos.
4.- Reorganizar as prioridades da política pública cara as escolas infantís, de tal xeito que os fondos do bono concilia máis as axudas a garderías privadas e de iniciativa social, se reorienten a aumentar máis a rede de escolas infantís públicas. Do mesmo xeito, debe inverterse a tendencia actual en que é maior o apoio da Xunta a garderías privadas cás escolas de titularidade municipal.
5.- Que os concellos non asuman competencias improprias.

É evidente que os acordos adoptados naquel momento non só non foron conquistados, mais tamén se verifican novas necesidades e problemáticas asociadas á Galiña Azul de Chantada. Chantada apresentaba a segunda listaxe de agarda máis elevada da provincia, só por detrás de Lugo que ten máis de 80.000 habitantes fronte os 8.000 escasos de Chantada. Isto obrigou a algunhas familias a recorrer á Galiña Azul de Taboada. Constátase así ano a ano unha infradotación de prazas no noso Concello, cando o problema demográfico é unha cuestión fulcral e as políticas de conciliación e de axuda ás familias deberían ser prioridade nas axendas das institucións para loitar por un rural e un interior galego vivos.

Por Chantada acredita que a Xunta da Galiza e o Concello de Chantada deben sentar e procurar un novo módulo e unha cociña para a escola infantil, aínda neste mes de setembro investíronse 141.000 euros na ampliación da Escola Infantil de Cedeira, achegando o Consorcio 100.000€, do que 80% eran Fondos Feder da Unión Europea, mentres que 41.000€ foron achegados polo Concello.

Porén, infelizmente, as necesidades da Galiña Azul non son só de capacidade, mais tamén de servizos e calidade dos espazos.  As familias levan anos demandando un servizo de cociña con cociñeira e opóndose ás pretensións de optar polo catering privado, cuxas consecuencias son ben coñecidas nos centros educativos, a última aínda esta semana producíndose a intoxicación de varias crianzas pola comida do catering (consúltese outros exemplos aquí, aquí e aquí). Non é de recibo que nun país europeo unha escola infantil aqueza a comida de crianzas nos microondas da escola, mais isto é o que está acontecendo en Chantada.

Como as familias de bebés de 0 a 1 anos van preferir un puré de catering antes do seu tupper? Que calidade humana temos os representantes da cidadanía que permitimos isto? Significa o libre mercado privatizar e facer negocio de absolutamente todo aínda que custe máis e sexa pior? Para que se quere entón o Estado e as institucións? Que alcance e significado pode ter para os cidadáns unha democracia liberal vaciada e viciada?

A maiores, unha terceira necesidade que detectamos,  é que cómpre pintar a Escola Infantil, xa que non se pintou desde a súa inauguración en 2003, hai 16 anos, cun estado actual de evidente deterioro que exixe tamén unha partida específica para o Orzamento municipal de 2020.

Polo exposto, demandamos a adopción do seguinte ACORDO:

  1. Instar á Xunta da Galiza para dotar a escola infantil de Chantada de medios materiais e humanos para ampliala cun novo módulo (o quinto) e unha cociña, asumindo o Concello as obras correspondentes e a Xunta o persoal necesario para o módulo e a cociña.
  2. A Corporación municipal e o Goberno comprométense a incluír no Orzamento de 2020 do Concello de Chantada aplicacións orzamentares para desenvolver as obras do novo módulo e a cociña.
  3. A Corporación municipal e o Goberno comprométense a incluír no Orzamento de 2020 do Concello de Chantada aplicacións orzamentares para o repintado da Escola Infantil.

 

Grupo municipal Por Chantada-CUP.

Podes consultar aquí a moción orixinal na súa integridade: Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas.

Crónica do pleno ordinario do 8 de xaneiro de 2018

Cada un de nós só será xusto na medida que faga o que lle corresponde, Sócrates.

Non podemos viver felices se non formos xustos, sensatos e bons; e non podemos ser xustos, sensatos e bons sen sermos felices, Epicuro.

O home xusto non é aquel que non comete nengunha inxustiza, se non o que podendo ser inxusto non quere selo, Menandro de Atenas.

O home perverso coñécese nun só día, mais para coñecer o home xusto fai falla máis tempo, Sófocles.

O pleno comezou pasadas as 20 horas, asistindo 10 concelleiros concelleiros (Salud Sotelo tomou posesión logo e Héctor incorporouse no ponto 2º tamén), o secretario en acumulación José María Baños Campo, a interventora accidental Susana Martínez López e o traballador municipal Julio Cuñarro Taboada. A maiores, asistiron como público 9 persoas e dous xornalistas (Televinte Chantada) sendo un dos Plenos máis concorridos da lexislatura e manténdose a maioría dos asistentes até o final da sesión sobre as 23 horas.

Pasamos, de seguido, a detallar a información relativa a cada asunto focado nesta sesión.

Seguir lendo

Por Chantada-CUP impulsa dúas mocións para o pleno ordinario do 8 de xaneiro

 

O vindeiro 8 de xaneiro celébrase máis unha sesión do Pleno da Cámara municipal de Chantada ás 20 horas. No mesmo, desde Por Chantada-CUP, formularemos dúas mocións que incluímos con carácter previo ás comisións informativas para que, obrigatoriamente, se debatan no pleno.

A primeira destas mocións visa sobre disciplina urbanística, exixindo transparencia e adoptar medidas contra o edificio ilegal propriedade actualmente da SAREB e sito na praza de Santa Ana, un espazo degradado por anos de descontrol urbanístico e políticas de ti vai facendo.

A segunda das mocións foca os problemas das listaxes de agarda e a crecente privatización da educación prescolar por parte do PP, cando consideramos que é de vital importancia ter servizos dignos, públicos, de calidade e en galego no medio rural.

Accede ao contido íntegro das mocións (PDF) nas seguintes ligazóns:

Moción CUP disciplina urbanística SABEB praza Santa Ana_signed

MOCIÓN CUP a prol das escolas infantís_signed

 

#SomosAlternativa #CUPChantada