Moción de Por Chantada para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria.

 

A situación sanitaria derivada da pandemía da COVID19 é cada vez máis preocupante e desde marzo non se reforzou a sanidade polo que a sombra de novas restricións é unha evidencia nesta segunda vaga, que semella vai castigar con maior virulencia a nosa comarca cá primeira. Por iso, desde Por Chantada levaremos ao próximo pleno unha Moción para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria, é dicir, no sul de Lugo. Por todo isto, imos seguir traballando en alternativas e demandando que fagamos Política, en maiúscula, e adaptada ao novo mundo que nos tocou viver, xa que nada voltará ser igual.

 

Que pedimos?

👉 Solicitar á Xunta da Galiza que incremente o orzamento sanitario e que garanta que os fondos estatais se destinen á sanidade e á educación pública na Galiza. Nomeadamente, o sul de Lugo precisa un aumento dos recursos para atención primaria e o hospital comarcal.

👉 Que se poña fin ás restricións de acceso aos centros de Saúde, que están limitando as actividades de promoción, prevención e recuperación da saúde da poboación. A atención telefónica debe ser un complemento á atención presencial e non a única opción para a poboación.

👉 Incrementar o persoal dos equipos de Atención Primaria, garantíndolles unhas condicións de traballo dignas, un equipamento adecuado e o libre acceso a probas diagnósticas.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que cese a política de desmantelamento e feche de servizos do hospital comarcal de Monforte, dotándoo do persoal necesario en cada categoría e contratando as/os especialistas necesarios. Concretamente:
• unha praza de especialista en neuroloxía;
• unha praza de especialista dixestivo;
• unha praza de especialista en cardioloxía;
• unha praza de pediatra en atención primaria para toda a zona, que xa era precisa sen a COVID-19.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que recupere a área sanitaria de Monforte, con capacidade de xestión.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que se publiquen as listaxes de espera ocultas – non estruturais – e se acometa un plano de redución das listaxes de agarda e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos no Hospital de Monforte.

👉 Acabar coa parálise dos servizos hospitalarios, para o que propoñemos crear circuítos separados para persoas coa COVID-19 e con outras patoloxías e abrir os centros pola tarde para acabar o máis pronto posíbel coa enorme listaxe de agarda xerada durante a pandemia.

👉 Dar participación aos concellos e aos representantes da poboación na loita contra a COVID nas áreas sanitarias.

👉 Desenvolver os instrumentos de participación social na sanidade, poñendo en marcha o Consello de Saúde da Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.

👉 Proporcionar información real e actualizada, das persoas afectadas en cada localidade, para que os Concellos e a poboación, coñezan a transcendencia da pandemía e colaboren activa e responsabelmente na súa solución.

👉 Constituír unha Comisión de coordinación sanitaria comarcal con representantes dos PAC e dos Concellos de Chantada, Carballedo e Taboada. As súas funcións serían partillar informacións, seguir a incidencia comarcal da COVID-19 e propor medidas e proposta para aplicar desde o ámbito municipal na comarca.

 

Podes consultar aquí o texto íntegro da moción en formato PDF: Moción de Por Chantada para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria.

 

#construírfuturo #mellorarChantada #opartidodaxente

 

Resumo do pleno 11/09/2017

 

Foi o pleno máis concorrido da lexislatura. Cabo da secretaria, da interventora, do funcionario Segundo Navaza e dos trece concelleiros asistiron 16 persoas e dous xornalistas de Televinte. Un dos asistentes era aínda un bebé e puxo de manifesto o inaxeitado do salón de plenos pola falta total de accesibilidade. De seguido, a crónica completa para todos os asuntos tratados no pleno.

Seguir lendo

[Crónica] Pleno ordinario de xullo de 2016

 

Por Chantada - Participación Democrática Directa

 

O de xullo é o pleno ordinario no que o Goberno chega co chip das ferias, pois é o previo ás vacacións oficiais do alcalde e, habitualmente, ten escasa carga. Isto determinou tamén a súa brevidade. Comezando ás 20:04 horas e rematando sobre as 23:00 horas. O concelleiro do PP Manuel Javier Goyanes incorporouse co pleno xa comezado e o de INTA Diego Otero Veiga non asistiu ao encontrarse de vacacións en Sevilla, a pesar de comezar a traballar aínda o día 1 de xuño, o que xunto á negativa de Manuel Varela de facer públicas as súas funcións, amparándose na maioría absoluta con pouco máis do 40% dos votos, é unha evidente falta de respecto á cidadanía de Chantada e unha concepción da política a desterrar.

A continuación damos unha detallada crónica do mesmo.

Seguir lendo

Os recortes matan

Por Chantada-CUP
  Por Chantada-CUP

 

Desde a canditatura de unidade popular reiteramos a nosa denuncia de que os recortes matan e xeran exclusión social. É un feito cada vez máis  constatábel  que a  economía política ultraliberal fai pagar aos que menos teñen a especulación e os abusos da oligarquía, coa colaboración servil das vellas elites políticas desde a Comisión Europea até os concellos do deprimido sur lucense. 

No caso de Chantada elevamos mocións para defender tanto o hospital comarcal como o centro de saúde da vila do Asma. Em ambos casos foron aprobadas por unanimidade, aínda que con enmendas no caso da segunda ao non comprometerse desde INTA a estabelecer unha partida orzamentar para un servizo supletorio de ambulancias no caso da Xunta de Núñez Feijoo persistir en degradar o servizo de emerxencias coa nova concesión á macroempresa Salutrans. A maiores, sobre a nova concesión das ambulancias que deixa a Chantada cunha única ambulancia para emerxencias cando o radio de acción chega aos Peares, elevamos a cuestión ao parlamento de Galiza, a través da deputada Consuelo Martínez (Ambulancias Chantada).

Entón, como partido na oposición, consideramos que fixemos os nosos deberes e exiximos que quen goberna en Chantada e na Xunta de Galiza faga o propio. De feito, o último aviso foi especialmente notorio ao producirse no campo de fútbol do Sangoñedo, encóntrandose a ambulancia do 061 prestando un servizo e avariándose o helicópero, tal e como recolle a imprensa. Aos recortes da Xunta na sanidade únense os recortes feitos desde o concello de Chantada.

Desde Por Chantada-CUP demandamos que o concello de Chantada asine un convenio coa Cruz Vermella para recuperar o servizo que esta prestaba nos eventos deportivos e que tamén incluía o reparto de alimentos da UE ou o voluntariado para outras accións como a cabalgata dos Reis Magos. Ditos servizos foron suprimidos unilateralemente polo goberno de Manuel Varela na pasada lexislatura.

É inexplicábel que un servizo que pode salvar vidas e andaba sobre  3.000€ ao ano fora unha das primeiras vítimas do plano de axuste,  que se cebou na creación de taxas e impostos e foi profundamente antisocial para pagar as débedas das políticas de cemento e farolas da etapa de Manuel Varela como alcalde do PP. Na actualdiade, a Cruz Vermella só recibe 500€ mediante subvención nominativa. Lembramos que no Orzamento de 2016, que ascende a máis de 5 millóns de euros, INTA aprobou unha nova dedicación parcial, onde por 4 horas se remunerará a un dos seus membros con 2.500€ ao mes (máis de 24.000€ ao ano), ou sexa, case o mesmo do que Cruz Vermella cobraba polo servizo de ambulancia medicalizada durante todo un ano!

Xa que logo, este é un exemplo máis do carácter antisocial destes orzamentos contra os que apresentamos alegacións onte mesmo, alén de alegar tamén contra os máis de 600.000€ que se gastaron en obras e que dos que apenas había 120.000€ consigandos no orzamento de 2015, prórroga de 2014, polo que se operou un recoñecemento extraxudicial de crédito que en palabras da propia intervención do concello de Chantada é <<convalidar un acto irregular>> e sobre o cal, toda a oposición de Chantada, demandamos un informe complementar da secretaría.

Se o desexares podes consultar aquí as alegacións:

Alegación Orzamento 2016

Alegación suplemento de crédito 01_2016

Por último, reiterar que desde a candidatura de unidade popular estamos abertos ás suxestións, participación e achegas da veciñanza porque cremos que a autoorganización desde abaixo é necesaria e imprescindíbel para desenvolver outra política ao servizo da maioría social.

Podes contactarnos ora mediante o noso espazo web (https://porchantada.wordpress.com/sobre/), ora mediante mensaxe a través das redes sociais Facebook (https://www.facebook.com/PorChantada/?fref=ts) ou Twitter (https://twitter.com/CUPChantada).

Saúde e unidade popular!

 

Moción de Por Chantada-CUP para que o pleno de Chantada traslade á Xunta de Galiza que se cubra de forma estábel unha praza de pediatría no Hospital de Monforte de Lemos

Por Chantada - Participación Democrática Directa

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O SERGAS obriga a pediatras do Hospital de Lugo e Vigo a desprazarse ao Hospital de Monforte a cubrir xornadas de varios días no servizo de pediatría, principalmente as gardas da fin de semana.

Neste momento, hai tres prazas de pediatría no Hospital e unha máis a media xornada. A de media xornada é por redución de xornada para a atención das fillas e dos fillos, situación que durará varios anos; outra a xornada de completa acaba de coller unha baixa; as dúas restantes a xornada completa encóntranse unha cuberta e outra está en Lugo, ainda figurando como contratada polo Hospital de Monforte (lembramos que a xerencia se encontra agora en Lugo, desde onde se toman as decisións de toda a área sanitaria).

Esta situación é a que obriga a reforzar con pediatras, que se trasladan desde Vigou ou Lugo para as gardas. No entanto, a maior parte do tempo todo o sur de Lugo só conta cunha praza e media en pediatría en Monforte e é totalmente inxusto que os recortes se ceben nunha área xa de por si deprimida e cada vez máis dependente de centros de decisións alleos ás nosas necesidades.

A lóxica e o cumprimento da lei, no senso de minimizar os riscos laborais e primar o interese sanitario (e, neste caso, tamén económico, pois aforraríanse cartos) debería levar á contratación dun/dunha pediatra para o Hospital de Monforte a tempo completo, eliminando a peregrinación de pediatras desde Vigo e/ou Lugo como acontece na actualidade.
Por todo iso, proponse o seguinte ACORDO

O Concello de Chantada demanda da Xunta de Galiza que se cubra de xeito estábel a tempo completo a cuarta praza de pediatría no Hospital de Monforte.
Chantada, 31 de xullo de 2014.

Asdo.: Antón Fente Parada, portavoz do Grupo Municipal Por ChantadaCUP