Moción de Por Chantada para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria.

 

A situación sanitaria derivada da pandemía da COVID19 é cada vez máis preocupante e desde marzo non se reforzou a sanidade polo que a sombra de novas restricións é unha evidencia nesta segunda vaga, que semella vai castigar con maior virulencia a nosa comarca cá primeira. Por iso, desde Por Chantada levaremos ao próximo pleno unha Moción para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria, é dicir, no sul de Lugo. Por todo isto, imos seguir traballando en alternativas e demandando que fagamos Política, en maiúscula, e adaptada ao novo mundo que nos tocou viver, xa que nada voltará ser igual.

 

Que pedimos?

👉 Solicitar á Xunta da Galiza que incremente o orzamento sanitario e que garanta que os fondos estatais se destinen á sanidade e á educación pública na Galiza. Nomeadamente, o sul de Lugo precisa un aumento dos recursos para atención primaria e o hospital comarcal.

👉 Que se poña fin ás restricións de acceso aos centros de Saúde, que están limitando as actividades de promoción, prevención e recuperación da saúde da poboación. A atención telefónica debe ser un complemento á atención presencial e non a única opción para a poboación.

👉 Incrementar o persoal dos equipos de Atención Primaria, garantíndolles unhas condicións de traballo dignas, un equipamento adecuado e o libre acceso a probas diagnósticas.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que cese a política de desmantelamento e feche de servizos do hospital comarcal de Monforte, dotándoo do persoal necesario en cada categoría e contratando as/os especialistas necesarios. Concretamente:
• unha praza de especialista en neuroloxía;
• unha praza de especialista dixestivo;
• unha praza de especialista en cardioloxía;
• unha praza de pediatra en atención primaria para toda a zona, que xa era precisa sen a COVID-19.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que recupere a área sanitaria de Monforte, con capacidade de xestión.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que se publiquen as listaxes de espera ocultas – non estruturais – e se acometa un plano de redución das listaxes de agarda e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos no Hospital de Monforte.

👉 Acabar coa parálise dos servizos hospitalarios, para o que propoñemos crear circuítos separados para persoas coa COVID-19 e con outras patoloxías e abrir os centros pola tarde para acabar o máis pronto posíbel coa enorme listaxe de agarda xerada durante a pandemia.

👉 Dar participación aos concellos e aos representantes da poboación na loita contra a COVID nas áreas sanitarias.

👉 Desenvolver os instrumentos de participación social na sanidade, poñendo en marcha o Consello de Saúde da Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.

👉 Proporcionar información real e actualizada, das persoas afectadas en cada localidade, para que os Concellos e a poboación, coñezan a transcendencia da pandemía e colaboren activa e responsabelmente na súa solución.

👉 Constituír unha Comisión de coordinación sanitaria comarcal con representantes dos PAC e dos Concellos de Chantada, Carballedo e Taboada. As súas funcións serían partillar informacións, seguir a incidencia comarcal da COVID-19 e propor medidas e proposta para aplicar desde o ámbito municipal na comarca.

 

Podes consultar aquí o texto íntegro da moción en formato PDF: Moción de Por Chantada para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria.

 

#construírfuturo #mellorarChantada #opartidodaxente