O goberno local incumpre a súa obriga de adecuar as licenzas da hostalería á Lei de Espectáculos.

 

Chantada, 2 de setembro de 2021.

Pode ser uma imagem de 2 pessoas e interiores

O poeta e integrante de Por Chantada, Rafa Lobelle, recitando nun recente recital, que se desenvolveu nas xornadas CULTURMAR, que organizou na semana das festas patronais a Cafetaría Mar de Chantada.

 

O próximo 14 de outubro vence o prazo da Xunta da Galiza para que os Concellos adapten as licenzas dos negocios hostaleiros ao Catálogo de Espectáculos Públicos.

O goberno de Manuel Varela incumpre as súas obrigas: nen se molestou en dous anos en informar aos negocios afectados, nen cumpre as súas obrigas máis básicas, mesmo as que derivan de ordes da Xunta da Galiza. Manuel Varela revela unha e outra vez a súa incompetencia en detrimento dun sector xa duramente castigado pola pandemía como é a hostalaría.

No inicio de 2018 entrou en vigor a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza, que, fora duramente criticada por varios dos colectivos afectados, desde as comisións de festas e festivais até ás salas de concertos e locais hostaleiros que complementan a súa actividade con programación cultural, aos que aquela lei condenaba ao feche.

O 14 de outubro de 2019, o DOG publicou o Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e estabelecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galiza e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia. O seu contido afecta ás comisións de festas e aos locais hostaleiros e corrixía parcialmente os aspectos máis lesivos da lei para o que unha das pancas esenciais é o obriga para os concellos de realizaren a adaptación das licenzas municipais a esta lei nun prazo de dous anos desde o 14 de outubro de 2019.

No tocante aos horarios, desenvolveuse o decreto mediante nunha orde, á que Por Chantada alegou en setembro de 2019 no período de exposición pública1. Coma sempre o Concello de Chantada nen estaba nen se esperaba a pesar de contar con máis medios e dedicacións exclusivas. O senador co seu habitual piloto automático leva dous anos mirando para o ar e o prazo remata de xeito inminente. Por Chantada exíxelle traballo e adicación para seren resolutivos en diálogo coa hostalaría.

Este crónico desleixo fai que Chantada vaia esmorecendo e atinxe directamente tamén á economía local. Nesta ocasión, as consecuencias impactarían na cultura e na hostalaría precisamente os sectores máis castigados pola pandemía.

Desde a candidatura viciñal Por Chantada, á vista de que os prazos postos pola Xunta de Galicia están preto de esgotarse e de que o noso goberno non fai nada para regularizar a situación, apresentamos por rexistro escrito recordándolle a Manuel Lorenzo Varela as obrigas marcadas polo decreto do goberno autonómico, e solicitándolle que de xeito inmediato se dirixa aos negocios afectados, informándoos da Lei de Espectáculos e a lexislación que a desenvolve.

O Concello debe outorgarlle ás persoas afectadas un prazo para realizar os tramites pertinentes, e antes de que venza o tempo estabelecido pola Xunta, a Xunta de Goberno Local, que é o órgano neste caso competente, debe aprobar as licenzas axeitadas á lei.

Tamén aproveitamos para lembrarlle ao Goberno local que segue sen elaborar as bases para repartir os 50.000€ orzamentados para axudas COVID-19 en bonos, tan necesarios para as persoas máis carenciadas pola actual crise.

O desleixo do goberno local cara a hostalería e o comercio do noso concello é cada día máis patente. O descontento dos comerciantes e hostaleiros, tamén. Pola nosa banda, Por Chantada seguirá ao servizo da viciñanza, insistindo na necesidade de crear liñas eficaces de apoio e impulso de campañas de promoción do comercio e o consumo no ámbito local.

Agardamos que, novamente grazas ao traballo e constancia de Por Chantada, o Leviatán local saia do seu sono profundo e a situación se resolva en favor dos referentes culturais do noso concello.

 

POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

 

1“Suxestións de mellora de Por Chantada ao proxecto de orde para regular horarios de abertura e feche dos estabelecementos na Galiza.” in Por Chantada. Dispoñíbel en

https://porchantada.wordpress.com/2019/09/24/suxestions-de-mellora-de-por-chantada-ao-proxecto-de-orde-para-regular-horarios-de-abertura-e-feche-dos-estabelecementos-na-galiza/ (última consulta 7/08/2021).

Suxestións de mellora de Por Chantada ao proxecto de orde para regular horarios de abertura e feche dos estabelecementos na Galiza.

Ao rematar o prazo inminentemente, e após abrir un proceso de participación, desde a Comisión Política de Por Chantada elaboramos un documento con propostas de mellora ao Proxecto de orde pola que se determina o horario xeral de abertura e feche dos estabelecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas na Comunidade Autónoma da Galiza. Dita orde, desenvolve algúns aspectos da Lei 1072017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza. Entón, afecta ao horario de abertura e feche de todos os estabelecementos e regula os procedementos exepcionais para ampliación de horarios (competencia municipal).

Na nosa proposta recollemos a totalidade das contribucións recebidas desde o pasado 5 de setembro. Facemos especial fincapé na nosa demanda de que os estabelecementos de apostas fechen ás 00:00 horas e que se contribúa a que os concellos podan exercer as súas proprias competencias.

Anexamos o documento orixinal e as nosas propostas de mellora:

Solicitude de Por Chantada ao Goberno para axudas á hostelaría

Por Chantada - Participación Democrática Directa
A candidatura de unidade popular Por Chantada solicita ao Goberno municipal que informe aos estabelecementos de hostelaría das axudas para adecentamento das terrazas.

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, do que o noso concello forma parte, dispón dunha partida de 100.000€ para subvencionar aqueles estabelecementos de hostalaría que aposten por uniformizar as súas terrazas, de acordo cunha estratexia que procura dar un pulo ao turismo local.
As mesas e as terrazas deberán reunir unha serie de requisitos, como non teren publicidade nin ser de plástico no caso das mesas, ser téxtiles e dunha soa cor (preferentemente burdeos) no caso dos tornasois, etc. Tamén se bonifican os rótulos comerciais, papeleiras, macetas e outros elementos ornamentais en consonancia co mobiliario escollido.

En consonancia, solicitamos:
1.- Que o concello informe a través da súa páxina web destas axudas e mesmo que outorgue asesoramento a aqueles cidadáns interesados nas mesmas.

2.- Que o concello complemente estas axudas subvencionando a rotulación en galego até un máximo de 3.000€ por estabelecemento.

3.- Que o concello bonifique a partir de 2016 as taxas das terrazas daqueles estabelecementos que se acollan a estas reformas para dar un maior impulso ao turismo.

4.- Que o Goberno manteña unha xuntanza coa asociación de hostaleiros para informar destas axudas así como das axudas específicas do concello para o ano 2016, a orzamentar nos vindouros orzamentos.

5.- Que se revisen as taxas das terrazas para axeitalas á conxuntura económica adversa do presente.