
Asisten 13 concelleiras e concelleiros (todos os integrantes da Corporación), o secretario accidental, a interventora, un funcionario e un viciño.
1.- ACTAS ANTERIORES, CORRESPONDENTES ÁS SESIÓNS: EXTRAORDINARIA 09/03/2020.
ACTA DO PLENO MESAS ELECTORAIS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS 09-03-2020
Apróbase por UNANIMIDADE. A acta da sesión ordinaria de 30 de xuño aínda non está feita, segundo explicou o alcalde por ferias do secretario titular.
2.- APROBACIÓN CONTA XERAL 2019. EXP. G-286/2020.
Documentación da Conta Xeral 2019.
1.-PROPOSTA APROBACION CONTA XERAL 2019
Comeza intervindo o grupo municipal socialista por medio da súa voceira Raquel López. Expón que a conta xeral reflecte uns orzamentos desvirtuados cun 15% de inexecución e que espella improvisación e falla de previsión, aínda que non todo se pode prever. Se se volve a vista a 2012 seguen os mesmos problemas: reparos de intervención, omisións de fiscalización, pagos atrasados, contratos menores, planos que non se cumpren e outros problemas endémicos do Concello de Chantada que dificultan ter información. Esperan que en 2021 o Orzamento modifique algúns destes aspectos para podelos apoiar.
Como xa dixemos na CI correspondente a liquidación do Orzamento 2019 aprobouse por Decreto da alcaldía 168/2020, do 27 de abril, polo que debera darse conta dela na sesión extraordinaria do Pleno de xuño e non se fixo.
O primeiro que cómpre destacar é que a execución orzamentar bateu un récorde. 15,96% do orzamento ficou sen executar, a pesar do estado da infraestrutura, da listaxe de agarda no SAF e as problemáticas noutros servizos, das eivas da limpeza ou da necesidade de novas políticas. Non é de recibo ter 1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€, cando a estabilidade orzamentar e o teito de gasto permitían aínda gastar 1 millón máis. Este altísimo volume de inexecución fala dunha má planificación, xestión e concreción do orzamento e explica o aforro neto de 829.606,57€, en todo caso bastante inferior ao que debería dada a execución deficiente do orzamento, mais que se explica polo elevado volume de facturas de exercicios anteriores que se pagaron no 2019 e as que aínda se están pagando neste 2020, como demostran os 11 recoñecementos extraxudiciais de crédito (REC) que levamos en 2020, moitas facturas son de 2019 e 2020.
Dentro da xestión deficiente atópase o uso e abuso do contrato menor, contornando a LCSP. Tamén con eivas na contratación do persoal entre outras innúmeras cuestións que fomos asilanando no seu momento. Así as cousas, o 2019 fechou con 65 Reparos de intervención e 41 Omisións de fiscalización por parte da intervención municipal.
A consecuencia deste tipo de procedemento é que se fecha o exercicio con 68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 24 de setembro de 2020 levamos 547.588,84€ en pagos pendentes de 2019.
Relación de pagos do ano 2019 abonados en 2020
|
Recoñecementos extraxudiciais de crédito 1, 23 e 28/2020
|
74.378,83€
|
Suplemento de crédito 1/2020 con cargo ao RTGX
|
125.486,77€
|
Transferencia de crédito no orzamento prorrogado de 2019 para abono de xuros de demora a Fevisa (obras ilegais adxudicadas a dedo, sen contrato e sen crédito dispoñíbel en maio de 2015)
|
120.140,43€
|
REC 11/2020
|
227.582,85€
|
TOTAL pagos 2019 (e 2018) abonados en 2020
|
547.588,84€
|
Por outras palabras, desvirtúase totalmente a contabilidade por abusar do contrato menor e non licitar os principais servizos e fornecementos aos que recorre dun xeito reiterado o Goberno local, así como obras e outras actuacións nas que non se licita por xunto senón que se fraccionan como contratos menores, por exemplo numerosas actuacións feitas durante os meses de abril e maio de 2019. O RTGX real se non se producise este desfase sería, xa que logo, de 227.582,85€, menos da metade. Cómpre engadir que se gastou 1.008.518,82 do RTGX durante 2019.
Polo lados dos ingresos, a previsión definitiva de ingresos era de 8.117.183,81€, mais o defeito de previsión é moi elevado, de 1.614,649,05€, o que, de persistir, pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.
Canto ao gasto,prodúcense moitas modificacións de crédito (MC) e, nomeadamente, transferencias de crédito (TC) e, por veces, fanse posteriormente ao gasto. Atinxiron en 2019 un volume desmesurado: 1.744.068,93€.
Aínda que na campaña eleitoral defenderon que o Concello estaba en “débeda 0” o certo é que en 2019 destináronse 436.245,39€ para amortizar débeda e a área de gasto 011 ascendeu a 441.498,19€, que se ben é menos que outras anualidades onde o servizo da débeda superaba o millón de euros, segue sendo considerábel.
O gasto en persoal, capítulo 1, situouse en 2.672.919,80€ superando os 2.625.594,24€ dos capítulos 1 e 2 de ingresos. Por outras palabras, todos os impostos directos e indirectos –a pesar da suba substancial dalgúns como o IBI ou o ICIO– non abondaron para abonar os custes de persoal.
No capítulo 4, de transferencias correntes, destacar a baixa execución nas Axudas de emerxencia social (48904), xa que se gastaron 6.994,62€ e ficaron sen executar 2.005,38€. Por pedir unha ordenanza axeitada non foi. E a bolsa de transportes (48906), sobre a que demandamos mudar as bases para aproveitar o orzamentado, tamén ficou cun remanente de 8.600€ moi superior aos 3.400€ repartidos. Dixeron que o ían estudar e resulta que en 2020 desaparecen.
No capítulo 6, inversións reais, pasa o mesmo que en 2018, un grao de execución baixísimo. Do 1.211.246,43€ de créditos definitivos só se executaron 653.799,63€ ficando un remanente de 557.446,80€. É dicir, o 47% das inversións comprometidas non se executou a pesar do estado calamitoso de moitas infraestruturas en Vías públicas (157) foi máis o non executado (90.472,45€) có executado (67.256,14€), o que ten difícil explicación.
Canto ao pendente de cobro e de pago de exercicios anteriores:
-
2.032.413,78€, dos que 1.196.926,48 pertencen aos anos 1991-2012 e, xa que logo, son de dubidoso cobro.
-
293.208,33€ pendentes de pago, dos que 290.667,42€ son de 1991-2012.
É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación. Persistir nesta situación adultera as contas e afecta á exactitude coa que se pode configurar o RTGX, polo que redunda en prexuízo da administración local.
En conclusión:
-
1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€ (15.96%) sen executar, especialmente sangrante no capítulo 6 de inversións reais ou en emerxencia social.
-
68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 30 de xullo de 2020 levamos 320.005,99€ en pagos pendentes de 2019, que se incrementarán hoxe co REC 11/2020 (125.112,58€). Portanto, o RTGX “real” sería menos da metade de pagarse en tempo e forma: 227.582,85€.
-
Moitas MC e TC por importe de 1.744.068,93€ o que, unido ao defeito de previsión de ingresos moi elevado, de 1.614,649,05€ pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.
-
É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación.
Intervén polo grupo municipal popular o alcalde Manuel Varela. Todo o que dixo a oposición recoñece que pode estar ben, aínda que hai cousas coas que non coincide. Ora ben, a conta xeral ou se aproba ou nbon se aproba e a baixa execución orzamentar págase agora, por exemplo coas facturas de FENOSA. A ver se entran na central de contratacións da FEMP e licitan a electricidade antes de rematar o ano. Defende que todos os parámetros da Conta Xeral dan ben e son correctos e que o Consello de Contas, ou ben nunca le as de Chantada, ou están ben porque nunca lles turraron das orellas. Segundo a oposición todo vai mal, cando todo vai á perfección, segundo o alcalde.
Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.
3.-RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO (REC) Nº 11/2020 por importe de 125.112,58€. EXP. G-822/2020.
1.-PROPOSTA AO PLENO APROBACION REC 11-2020
2.-REPAROS 2020-0028 [FISCALIZACION INTERVENCION]
Raquel López lembra que os REC son un ponto fixo da orde do día. Caos no Concello pagando aínda facturas de 2018 e 2019. Non poden votar a favor cun reparo da intervención. Celebran que queiran solventar o da electricidade antes de rematar o ano, mais hai outra factura reparada por contratar cunha comunidade bens, o cal é ilegal que facturen cunha administración.
Este é xa o enésimo REC que vén este ano. Levamos 11. Desta volta facturas de 2018 e 2019 que se abonarán aínda en finais de 2020 e por importe total de 125.112,58€. Como sinalabamos anteriormente desvirtúan por completo a contabilidade anual e os recursos reais do Concello, por un lado, e incúmprese a LCSP polo outro.
Xa fai anos que lles demandamos limitar o abuso do contrato menor e licitar a luz, estudando alternativas ás grandes eléctricas, como as cooperativas enerxéticas galegas. Fai uns anos a Deputación de Ourense licitou a luz, poden pedirlle os pregos a Baltar.
Portanto, isto era evitábel e trátase dun problema recorrente por non ter o servizo licitado, o cal non podemos partillar nen apoiar.
A maior abastanza, o informe da intervención sinala que procedería facer primeiro a revisión de oficio que declarase a nulidade de pleno direito e despois proceder a facer o REC. Así llo temos pedido xa en varios recursos apresentados, mais eluden calquera responsabilidade e seguir os procedementos legalmente estabelecidos.
Manuel Lorenzo di que están na boa liña e antes de comprometer gasto é certo que teñen que comprobar que exista crédito. No entanto, onte visitouno Luís Aragunde [ex-alcalde do PP de Cambados, até 2015] e contoulle que deixou a alcaldía con 35 reparos e a actual rexedora [PSOE] ten 78. Ou se levantan reparos ou se paraliza todo. O Concello de Lugo [PSOE e BNG] vén de aprobar un REC por importe de 28 millóns de euros. Agradece en todo caso o ton das intervencións e dálle pena que haxa xente sen cobrar por estas cousas. Hai cousas que non se poden prever, deben deixar unha partida de imprevistos, mais é difícil calcular e hai urxencias [manipula porque estamos falando da luz que non é nengunha urxencia, senón un gasto elevadísimo e recorrente todos os meses polo que non pode seguir como contrato menor]. Agora teñen que facer un muro no camiño das Córneas e non teñen financiamento (8-10.000€) polo que terán que buscar outras partidas.
Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.
4.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE MEDIDAS PARA A VOLTA ÁS AULAS. EXP. G-835/2020.
Moción do grupo socialista sobre medidas para a volta ás aulas.
Expón a moción Raquel López, conforme a exposición de motivos e os acordos da moción.
No pleno do 29 de xullo xa transmitimos un rogo e varias perguntas sobre esta cuestión, en concreto rogabamos que o Goberno municipal estudara as nosas propostas para chegar a setembro coas tarefas feitas. Infelizmente, coidamos que non foi así.
Queremos, pois, lembrar as alternativas que propomos, algunhas xa contidas na moción:
-
No acceso e na saída dos centros sempre se producen aglomeracións, pola COVID-19 cómpre adoptar medidas decididas. Débese falar coas direccións dos CEIP para optimizar as entradas e saídas. Asemade, cómpre incrementar o espazo de acceso aos colexios para as crianzas e acompañantes, estudando a nosa proposta de camiño escolar enunciada no seu momento.
-
Para a conciliación é o momento de estudar tamén implementar o Plano madruga, vendo o número de solicitudes e contratando ao persoal necesario. Desde Por Chantada mostramos a nosa disposición para apoiar o cambio orzamentar que se requira para pór en marcha este programa, así como a participar da elaboración dos seus protocolos.
-
Limpeza e desinfección do centro. Contratouse moi pouco persoal para todo o que demandan dos protocolos. Entendemos que o Concello seguirá a asumir a limpeza e desinfección dos centros de primaria – de xeito impropio, pois debería estar coberto por Educación – e que precisa un reforzo orzamentar nesta partida. Un informe xurídico da Deputación de Pontevedra e outro da Deputación da Cruña asinalan que os custes extraordinarios de desinfección e limpeza xerados pola COVID-19 «non son competencia propria dos concellos e supoñen unha ampliación das mesmas». O Concello debe asumir, pois, esta necesidade polo ben da comunidade educativa local, mais logo repercutir os gastos á Xunta da Galiza, que recebeu 92,9 millóns de euros de fundos extraordinarios do Estado para educación.
-
A situación sanitaria vaise manter, previsibelmente, máis aló deste curso, co cal, os nenos e nenas de Chantada vanse ver privadas de facer moitas actividades dentro e fóra da aula que habitualmente facían en conxunto, como poden ser os festivais de Nadal e fin de curso, excursións pola zona ou, simplemente, xogar no parque en conxunto de xeito habitual. Entendemos que dende o Concello se pode contribuír a manter a conexión do alumnado dos CEIPS mediante o recurso a actividades en liña. Por iso, consideramos que se debe reforzar esta área de animación sociocultural e dotala dos recursos necesarios para que durante todo este ano se fomente a conexión dos nenos e nenas con actividades lúdicas e educativas.
-
O PP votou no parlamento galego contra o sufraxio das máscaras que pasarán ao cativo orzamento escolar. Ante a obrigatoriedade do uso de máscaras na aula e dado o custe que vai supor para as familias, uníndose ao custos habituais do inicio de curso, entendemos que é o
momento de que o Concello realice unha nova dotación de máscaras dirixida á poboación escolar, tanto de Primaria como de ESO, FP e Bacharelato. Aínda que o Concello xa dotou aos nenos e nenas de máscaras estas vanse deteriorando co uso, polo que entendemos que sería importante comezar o curso cunha nova doazón de máscaras á poboación escolar, toda vez que, neste momento, xa se dispón de máis modelos homologados no mercado, tanto reutilizábeis como cirúrxicas dun só uso.
-
Partillamos dos acordos da moción tamén que a pandemía fai necesario impulsar o Consello escolar municipal, con reunións periódicas para o seguimento da situación sanitaria e das necesidades dos centros e da comunidade educativa.
O alcalde di que non está disposto a darlle unha patada ao presidente da Xunta ou ao Conselleiro aprobando esta moción. O PP obtivo maioría absoluta. Se son incompetentes, como defende o PSOE, que nas próximas eleccións os cidadáns tomen nota e os boten fóra. Non concorda co que di a oposición. Con maior previsión recoñece que poderían derivarse alumnos a Carballedo ou Taboda ou mesmo usar escolas rurais, mais pensa que en Chantada non hai problemas de lotación de alumnado. Reforzouse a limpeza dúas horas ás mañás e están facendo bolsa de traballadores. Prorrogáronlle a empresa o contrato até setembro de 2021 e a partir de aí licitarán mellor a limpeza. No Xoán de Requeixo xa hai área habilitada e acceso desde o pavillón e mais desde García Árias. Os pais deberían ter maior conciencia e no IES non é posíbel seguramente que se poña a policía local por mor do horario. Canto ao consello escolar asisten aos de cada centro e están contentes coas actuacións do Concello [non é o que nos consta desde Por Chantada como temos demostrado nalgún pleno]. O diñeiro para medios dixitais pode estudarse cando se estuden os orzamentos para 2021. Hai pontos da moción que van tentar cumprir de aquí a finais de ano e debater o orzamento antes de rematar o ano, mais non se van dirixir á Xunta cando xa comezou o curso e defende que o Goberno galego funciona á perfección. Ao mellor o PSOE debería preocuparse máis polo ingreso mínimo vital, que só entregaron 10%, ou os ERTEs. O Concello axudará ás familias con necesidades e ás persoas maiores.
Raquel lamenta como profesional e como viciña que o PP vote en contra e di que eles critican calquera administración da cor que sexa. Preocupante a defensa fechada da Xunta. Varela retruca que iso dio ela. Raquel di que ten a mesa do primeiro alumno pegada a dela. Varela dille que en que Concello é iso, que apresenten alí a moción. Raquel retrúcalle que onde están os cartos do Goberno central entregados á Xunta para educación. Varela dille que xa dixo Antón que ían en parte para computadores. Eles cumpren cos cidadáns de Chantada e cada catro anos hai oposicións nas urnas e a Xunta revalidou unha maioría aplastante.
Votos a favor: 6 (Por Chantada e PSOE). Votos en contra: 7 (PP). Rexeitada.
5.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA-CUP A PROL DUNHA PAC AXEITADA PARA O INTERIOR GALEGO. EXP. G-835/2020.
Mocion Por Chantada PAC
Expón a moción o voceiro de Por Chantada, Antom Fente, sintetizando a exposición de motivos.
Desde o PSOE, Raquel López, di que é unha moción densa, aínda que entenden que o tema é complexo. O PSdG leva décadas traballando no tema da PAC e seguirá facéndoo. Coinciden nalgúns aspectos da moción: paisaxe, relevo xeracional, mudanza climática, calidade alimentar etc. Neste momento non tiveron en conta a situación da COVID-19, que é unha variábel a ter en conta. Tomara teñan en conta a moción os grupos do parlamento galego.
O PP di que non teñen inconveniente en apoiar a moción. Gobernando o PP en Madrid pasaban en gobernar en Europa sen reunións coas CCAA e sería bon que as fixesen. Ve ben pasarlle esta exposición de motivos á Xunta, ao Ministerio e aos grupos políticos e agarda que a teñan en conta. O Ministerio de Agricultura do Goberno estatal ten un ministro que é competente e cumpre chegar a Europa con unidade e sen confrontación.
Aprobada por unanimidade, Por Chantada (2), PP (7) e PSOE (4).
6.- RENUNCIA CONDICIÓN DE CONCELLEIRA DE DONA MARÍA VARELA RODRÍGUEZ (PSG-PSOE). DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA. EXP. G-834/2020.
1.-PROPOSTA DE ACORDO
2.-Informe de Secretaría
3.-LISTA PS de G-PSOE
4.-Providencia de Alcaldía solicitando Informe
5.-Renuncia María Varela
Só interviu o alcalde agradecendo a presenza e o labor da concelleira do PSOE, a pesar de pertencer á Corporación apenas un ano. Desexoulle sorte no plano profesional e laboral e lamentou que se fose unha das “caras máis amábeis do Pleno”. Non se abriu rolda de intervención para os voceiros do grupo socialista e de Por Chantada.
7.- MOCIÓNS E ASUNTOS DE URXENCIA.
Non se produciron.
8.- DACIÓN DE CONTA DE RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA (DECRETOS 400/2020 A 495/2020).
9.- ROGOS E PREGUNTAS.
9.1.- Ornato público e lixo.
9.1.1.- Actividades insalubres en Vista Alegre.
En Vista Alegre recebemos queixas viciñais polo botellón, prohibido pola lexislación actual da COVID-19, e o denominado popularmente como mirador ten cada vez máis lixo. Rogamos que se execute a correspondente limpeza e se incremente a vixilancia, tamén no parque da feira vello, pois recebemos queixas de actividades ilícitas.
Contesta o alcalde, que tamén hai que reforzar a vixilancia nas escolas rurais, que son do Concello e mesmo algunha alugouse. Vaise arranxar a rúa Vista Alegre.
9.1.2.- Sumidoiros atascados.
Rogamos que antes da temporada de choivas máis fortes se proceda a revisar os sumidoiros, xa que existen varios que están totalmente atascados, por exemplos, na rúa de Portomarín e no mercado gandeiro, até con terróns de herba.
Concordan que é necesario, que normalmente se fai en outubro.
9.1.3.- Colectores.
Moitos colectores da vila precisan de ser reubicados e, en todo caso, deben estar limpos. Os amarelos e os de vidro son os que pior están e non se limpa debaixo deles. A imaxe de moitos deles dista moito do desexábel e máxime nesta situación de pandemía. No rural hai varios totalmente rotos. O horario de tirar o lixo só ten sentido se coincide co de recollida inmediatamente despois e hai que mellorar a distribución dos colectores en varios pontos. Os colectores están mellor nun solar sen edificar, pois repartidos quitan prazas de aparcamento. Cada tonelada de cascallos son 80€ van ter que revisar a ordenanza.
9.1.4.- Limpeza rúas.
Nas inmediacións da praza de abastos ou na rúa da Flora, por pór só algúns exemplos.
9.1.5.- Praza Santa Ana.
Rogamos novamente que se arranxen os elementos do pavimento que o precisan con urxencia, así como vernizar os bancos e limpalos por baixo. Debe vixiarse que se aparque mellor.
Van arranxar os bancos en breve.
9.1.6.- Camión abandonado.
Hai un camión abandonado nun solar fronte ás piscinas e está criando maleza polo que rogamos que se actúe.
Hai outro nun solar alugado polo Concello. Toman nota.
9.2.- Peonalización Cantón.
Rogamos que se vixíe o mal uso dos aparcadoiros existentes na nova zona peonil a horas en que non está xustificado o seu uso.
Negan que haxa problemas.
9.3.- Xardín da infancia (Galiña Azul).
Para alén de que coa escusa da COVID-19 se impuxo o mesmo catering que opera no centro de día, tanto en Chantada canto en Taboada, Antas e Pantón, a escola infantil segue sen pintar. Coidamos que este ano disporíase de fundos suficientes para facelo, xa que non comprometería unha contía moi elevada. Rogamos, pois, que se pinte a escola infantil.
Toman nota e verán se se pode facer xa neste 2020.
9.4.- Piscinas municipais.
Cando contemplan abrilas?
Se poden o 2 de outubro.
9.5.- Rozado na parroquia de Arcos.
Desbrozaron mal en Arcos e non volveron a pasar a pesar das queixas viciñais. Por exemplo, o camiño da parte de arriba de Souto non se desbrozou e en Gomesende. Rogamos se solucione.
Están rematando coas ribeiras e empezarán outra vez que cumpre en San Vicente etc. Este ano houbo tres meses perdidos pola pandemía.
9.6.- Pistas.
9.6.1.- Arcos.
Aínda que xa trouxemos unha relación na moción que veu ao pasado Pleno e que está a comisión de seguemento das infraestruturas por constituírse, transmitíronnos que urxe o arranxo das seguintes pistas:
-
A pisa que sai da Cruz de Outeiro até Casteda.
-
Pedrafita a Casteda.
-
Arsilleiros desde Casteda á cima da Cruz.
-
Igrexa – Arcos, o firme está moi deteriorado.
-
Vilanova (estrada a Antas), a pista non se anda.
-
Rogamos que se faga, como solicitamos, unha relación polo nível de deterioro e que se liciten conxuntamente, xa que se están contratando como contratos menores todas con FEVISA Vías e obras, empresa á que aínda recentemente se lle abonaron 120.143,43€ en xuros de demora (Decreto 446/2020 de 12 de agosto).
9.6.2.- Devolución AGADER.

Mediante Decreto 405/2020 de 24 de xullo acordouse devolver á Consellaría de Medio Rural os fondos non xustificados AGADER 2019 por importe de 39.431€. Estes fondos correspondían ao expediente PM19-291 Mellora de camiños municipais da Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza. Poden explicarnos isto? Provabelmente naquele intre o Concello non lle podía facer fronte ou ben incumpriron o prazo da xustificación.
9.7.- Sentenzas (Decreto 430/2020 de 4 de agosto).
Abonáronse 11.087,1€ a varias persoas en conceito de expropriación e xuros pola Sentenza 86/2020 do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Lugo do 12 de xuño de 2020. Pódennos explicar isto? Non se concreta na resposta nada.
9.8.- Guía de linguaxe inclusiva (Decreto 426/2020 de 3 de agosto).
Contratouse con Coeduca Consultora de Coeducación por importe de 2.194,78€.
-
A quen se vai dirixir? Primeiro aos funcionarios e logo a outros colectivos pouco a pouco, como asociacións.
-
Cantos exemplares en papel se van facer? A subvención inclúe a impresión de 20 exemplares.
-
Disponibilizarase na web para baixar libremente? Rogamos que así se faga. Din que se fará.
10.- Muradelle. Cruceiro e patrimonio.
Propomos como rogo que o Concello de Chantada se dote dunha Guía de restauración, conservación e xestión do patrimonio. Están de acordo.