
Exposición de motivos
A pesar da política informativa da Xunta de Galiza a ninguén se lle escapa que estamos perante nun novo verán negro no que a incendios se refire e que estes golpean con maior virulencia naquelas comarcas xa de por si deprimidas. Como di a sabedoría popular: a can fraco acoden as moscas.
A 31 de xullo de 2015 arderon máis de 5000 hectáreas, máis do duplo da superficie que ardeu en 2014, sendo este dato escasamente relevante tendo en conta que foi o mellor ano no tocante a incendios en moito tempo. Só desde o día 16 de xullo, segundo os datos da propia Consellaría de Medio Rural, arderon 2.002 hectáreas, o equivalente a 2.000 campos de fútbol e o día 10 de agosto, en só 36 horas, rexistráronse 96 lumes.
Desde 1988 até a actualidade, segundo datos oficiais, rexistráronse máis de 100.000 incendios forestais e arderon máis de 500.000 hectáreas de monte, das que 200.000 eran de arboredo. Desde 1995 hai unha terríbel media de 10.000 incendios por ano, un por cada 2 quilómetros cadrados de superficie forestal, cando a media do Estado é de un por cada 25 quilómetros cadrados. Así pois, co 7,7% da superficie forestal do Estado sufrimos 45% dos incendios e temos 30% da superficie forestal afectada. Algo, por non dicir todo, se está facendo mal e xa é hora de mudar un modelo totalmente ineficiente, cando non responsábel en boa medida do que acontece.
O dispositivo de loita contra o lume en Galiza segue adoecendo das eivas que, conscientemente, non se palian:
1) a fragmentación e balcanización dos dispositivos (diferente a unha descentralización coordenada), onde nun incendio conflúen diversidade de medios privados, de organismos e de administracións (Xunta, concellos e empresas públicas como TRAGSA ou SEAGA), coa ausencia dun mando único o que vai en contra da eficacia do mesmo. E aínda que teoricamente o mando sempre corresponde á SDCIF esta bate con enormes problemas loxísticos, por non saberen o persoal que dirixen, a súa formación nin a súa experiencia.
2) A minusvaloración, mediática e comunicativa desde a Xunta, da SDCIF fronte á UME. Unha estratexia consciente para incrementar o gasto militar mentres se recurta nun dos mellores servizos contra-incendios que ten este país, formado por especialistas e profesionais. Cando menos, encontramos que se outorgan 570.000€ desde a Xunta ao exército só na Operación Sentinela. O exército recibe desde xeito varios millóns de euros adicionais, en canto se lles recorta aos profesionais. Por certo, nas imaxes dos incendios sempre sae a UME porque levan con eles un equipo de prensa que a través de Europa Press ou EFE distribúen polos medios en detrimento da visibilidade dos verdadeiros profesionais que arriscan a súa vida.
3) O incremento ano após ano da precariedade laboral no dispositivo. Hai galegas e galegos que se xogan a vida, literalmente, por un salario que non chega aos 900€ brutos ao mes. En moitos concellos os peóns cobran 645€, en canto a policia autonómica só por garda 80 euros cando se limitan a desprazarse e preguntar á SDCIF (que cobra 240 euros por mes en concepto de gardas).
4) A nefasta decisión de municipalizar case a metade dos medios, que aumenta a precariedade das e dos traballadores – que cobran moito menos que as brigadas da Xunta– e incrementa os riscos para a súa saúde e integridade ao careceren de equipos de protección e vehículos axeitados (non é o caso de Chantada que conta cun Defender en perfecto estado). Isto por non meternos coa “diversidade de criterios de selección” (por sermos elegantes), especialmente grave nos concellos do interior máis afectados polos incendios e que se limita a unha certificación da Xunta que si pide o título esixido e a titulación sen ningunha outra valoración.
5) A inxección económica brutal en medios privados para a extinción de incendios. En 1989, unha mudanza política, provocou un ano negro no tocante aos lumes. A solución da administración Fraga foi bombear diñeiro público para que ninguén incendio carecese de resposta centrando esforzos na extinción e non na prevención. O resultado foi alimentar desde 1989 a industria do lume e provocar que os incendios fosen a máis, ardendo desde entón máis dun terzo da superficie da Galiza autonómica. Por exemplo, no caso das avionetas en vez de seren públicas contrátanse a empresas privadas e chégase ao extremo de enviar como norma xeral os medios aéreos antes de que chegue o director de extinción e moitas veces obviando as ordes destes por mandato expreso de Santiago (alegando que a contratación é por horas e se deben moitas polo escaso número de incendios de 2014!!!).
Nesta condicións, Galiza fica máis unha vez á intemperie perante máis unha vaga de lumes, sendo preciso subliñar que a política da Xunta é completamente intencionada, rexéndose polos criterios ultraliberais do new public management que tamén se aplican na sanidade e na educación. Tamén no Estado español o PP vén de sancionar, co apoio de UpyD e UPN, a nova Lei de Montes, coa que se deixa vía libre á Xunta para a recualificación do chan que ardeu, sen que teñan que pasar os 30 anos de prazo que marcaba a lei de 2003 (sempre en aras do interese xeral, como se non houbese antecedentes do que entenden algúns por “interese xeral”…).
Ao tempo, e en consonancia co que está acontecendo en Galiza, a nova Lei de Montes quítalles competencias aos axentes forestais á hora de denunciar delitos ambientais, pasando a ser auxiliares dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Un paso máis na militarización e no incremento do gasto militar encuberto, algo esencial en calquera estado que pase do welfare state ao warfare state, ou, por outras palabras, do estado social ao estado penal (Lei Mordaza mediante).
Chantada, coa contorna da Ribeira Sacra de importancia económica vital para o sector vitícola e turístico, e co Faro na Rede Natura é un municipio que debe extremar a protección do medio ambiente e a prevención de lumes, porque ninguén vai visitar terra queimada. Un paso nesa dirección e apostar pola prevención, a comezar pola erradicación de plantacións de especies pirófitas e invasoras e no mantemento de perímetros axeitados aos núcleos habitados, limpos de biomasa.
Lembramos que, segundo a Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, os concellos poden actuar nos casos de incumprimento de limpeza da biomasa vexetal nos perímetros de núcleos (artigos 21, 22 e 23 de dita lei).
No caso de Chantada mención aparte merece que levemos 17 anos esperando por un PXOM, ficando sen unha norma axeitada, o que require revisar ou aprobar unha nova ordenanza que regule aspectos esenciais para a loita contra incendios e a ordenación do territorio.
Aínda sendo responsabilidade da Xunta de Galiza loitar contra o abandono do medio rural e cambiar o modelo de loita contra o lume, como xa dixemos cunha planificación das tarefas de prevención en todo o territorio e cunha política forestal que entenda o monte como algo vivo que pode xestionarse e dar rendemento e non como un fornecedor de madeira barata e unha escusa para financiar empresas afíns (creando unha industria que vive de queimar o país mentres se recorta aos profesionais públicos medios e soldo); o Concello ten competencias que permiten mellorar a prevención dos lumes e é a nosa responsabilidade exercelas até esgotalas ao tempo que planificamos o futuro. Isto é gobernar.
Chantada perde poboación e o rural fica despoboado, agravándose a tendencia cada ano. A crise do rural pode supor que moitas persoas deixen de exercer actividades agrarias, coa conseguinte función social de limpeza e ordenación do territorio. Por todo isto temos que extremar as precaucións no tocante as especies que deixamos que se planten e encol os núcleos de vivendas, entre outras medidas a adopar que, a seguir, propomos como acordo plenario:
1.- Redactar unha ordenanza contra-incendios ou revisar a normativa actual que declare a Chantada zona de alto risco de incendios e inclúa, entre outras, as seguintes cuestións:
a.- Estabelecer unha franxa ampla, ao redor das áreas habitadas, de 200 metros, que non se poderá repoboar con árbores de folla perenne (agás algunhas que non son pirófitas como o teixo) e chopos. Concretamente, as especies que indica a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención de incendios forestais de Galiza, a saber: piñeiro do país (Pinus Pinaster), piñeiro bravo (Pinus sylvestris), piñeiro de Monterrei (Pinus radiata), piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii), mimosa (Acacia dealbataminoma), acacia negra (Acacia melanoxylumacacia) e eucalipto (Eucalyptus ssp).
b.- Fomentar que nas novas plantacións se empreguen preferentemente especies autóctonas (considerando a oliveira autóctona) estabelecendo unha taxa ou canon sobre especies foráneas que irá en escala crecente, segundo a súa potencial perigosidade (a escala require o asesoramento técnico de profesionais).
c.- Distancias mínimas que deben respectar as novas repoboacións forestais e as novas plantacións, tomando como base o disposto na Lei 7/2012 de Montes de Galiza.
a) Con parcelas forestais
|
2 metros
|
b) Con terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria
|
10 metros
|
c) Con zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos non clasificados de especial protección agropecuaria
|
4 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo I da Lei 7/2012, e 10 metros no resto de especies
|
d) Desde o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril
|
10 metros para todas as especies, a partir do borde exterior das estradas
|
e) Con pistas forestais principais
|
2 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo I; no resto de especies, 4 metros en xeral, e 6 metros nos concellos declarados como zona de alto risco
|
f) Desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicábel a cada caso, da infraestrutura eléctrica
|
5 metros para todas as especies
|
g) Con canles fluviais de máis de 2 metros de largo
|
5 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo I, e 15 metros no resto de especies, contados desde o dominio público. Non será aplicábel en actuacións de recuperación ambiental
|
h) Con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e fóra de solo urbano e de núcleo rural
i) Fontes e mananciais
|
30 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo I, e 50 metros no resto de especies
|
l) Con cámpings, gasolineiras e industrias ou instalacións preexistentes en que se desenvolvan actividades perigosas consonte o estabelecido na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galiza, ou na súa normativa de desenvolvemento
|
25 metros para especies de frondosas do anexo I, e 50 metros para o resto de especies
|
d.- Até 150 metros da liña delimitadora dos núcleos urbanos, dos núcleos rurais e do solo urbanizábel delimitado non se poderán plantar especies foráneas e a 100 metros as do anexo I da Lei 7/2012 de Montes de Galiza.
e.- O disposto no apartado anterior, non se aplicará cando se trate de plantacións con árbores illadas con fins ornamentais ou árbores froiteiras.
f.- Declarar Chantada zona libre de eucaliptos, prohibindo expresamente a súa plantación en todo o termo municipal.
g.-En todo caso, poderán conservarse árbores de calquera especie en calquera clase de terreos, incluídos nas redes primarias e secundarias de xestión de biomasa, no caso de se trataren de árbores senlleiras, ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un risco para a propagación de incendios forestais.
2.- Recriminar á Xunta de Galiza a falta de medios aéreos na precampaña de lumes de 2015.
3.- Instar á Xunta de Galiza a dotarse dun servizo único, público e profesionalizado de prevención e extinción de incendios, que para alén de apagar os lumes realice a prevención nas zonas de alto risco e maior valor ecolóxico, contratado e xestionado directamente pola Xunta de Galiza, en condicións laborais dignas, rematando coa desigualdade salarial e a arbitrariedade na contratación de brigadas municipais.
4.- Actuación do Concello nos casos de incumprimento da xestión da biomasa forestal, cando menos en núcleos habitados e nos casos máis perigosos para o que, no tocante ao medio rural, debería contarse co parecer dos axentes forestais da zona estabelecendo unha canle comunicativa con eles para tal fin.
5.- Ser totalmente escrupulosos no cumprimento da normativa municipal sobre incendios coas plantacións existentes no Concello e facer cumprir as normas en todo o termo municipal.
6.- Instar á Xunta para habilitar lugares de toma de auga en caso de incendios habilitados para os vehículos contra-incendios, xa que non hai ningún tanque público, nin sequera existe un hidradante en todo o concello onde podan cargar as motobombas en caso de incendio a diferenza de Taboada e Carballedo.
7.- Esixir á Xunta de Galiza que modifique e racionalice os convenios das brigadas municipais, xa que teñen a obrigatoriedade de desbrozar 5 hectáreas de camiños forestais non mecanizábeis con independencia de horarios, condicións climatolóxicas e traballos de extinción, para o cobro da subvención ligada a tal contratación.
8.- Esixir á Deputación provincial e exercer nas estradas de titularidade municipal o disposto Lei 3/2007 do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza nos artigos 20 e 21 para reducir o perigo de accidentes (pola redución da folla) e que o lume poda cruzar as estradas.
9.- Elaborar un Plano Municipal de Emerxencias cos axentes dos diferentes sectores envolvidos.
10.- Redactada a ordenanza, publicar folletos informativos e sensibilizar á poboación sobre os incendios e os seus impactos para a biosfera e a saúde pública.
Asdo.: Antón Fente Parada, portavoz do Grupo Municipal Por Chantada-CUP.