[Audio] Plenos extraordinarios 27 de decembro de 2018

No día de onte, en pleno Nadal, celebráronse dous plenos extraordinarios de suma importancia. Asistiron os 13 concelleiros, a interventora municipal e, como secretario accidental, Cores. Tamén estivo presente o funcionario municipal Julio. Canto ao público asistiron 3 persoas ao primeiro pleno e 4 ao segundo.

No primeiro deles, ofrecemos audio íntegro dos dous, Inta negouse a abrir expediente pola venda ilegal de auga da empresa Viaqua. No segundo, aprobaron a liquidación ás empresas OVIGA e FOVISA nunha valoración das obras cuestionadas pola propia interventora e cunha diferenza de máis de 200.000 euros. Estas obras foron contratadas verbalmente e sen crédito en 2015 e declaradas nulas de pleno direito. Aínda así o Goberno decidiu erguer no Pleno os reparos da intervención e seguir adiante a pesar das numerosas irregularidades, un feito gravísimo. Vergoñento tamén que o PP se absteña perante uns feitos tan graves e lesivos para as arcas municipais.

 

1) Audio pleno extraordinario “Apertura expediente á empresa Viaqua por venda ilegal de auga”https://drive.google.com/open?id=1XmnyLzxjrSl0UJl-2H7JDX4ATAGb8BDB

Documentación:

Solicitude dos partidos da oposición ao Sr. Alcalde para que proceda á convocatoria dun pleno extraordinario.

INFORMES SECRETARIA 2018-0042 [Informe Secretaría Agua G13172017]

FISCALIZACION DE INTERVENCION 2018-0111 [INFORME AUDITORIA 13172017]

Votación apertura de expediente:

A FAVOR: 4 (CUP e PSOE) EN CONTRA: 7 (Inta) ABSTENCIÓN: 2 (PP)

Votación remisión do debate plenario a Augas de Galiza e á Confederación Hidrográfica: UNANIMIDADE.

 

2) Audio pleno extraordinario “Liquidación indemnización ás empresas OVIGA e FEVISA“: https://drive.google.com/open?id=1VkUjbtiNttu2Q0p4K_ZiCXs41oP51vmH

Documentación:

20181213_PROPUESTA DE INDEMNIZACION PLENO LEVANTAMENTO REPARO

20181213_PROPUESTA DE APROBACION INDEMNIZACION PLENO

20181102_Providencia da alcaldía 2//11/2018

 INFORME SECRETARIA 119/2018 [Informe Secretaría G1173 2018_29_11_2018]

Informe de FISCALIZACION DE INTERVENCION 210/2018 [LIQUIDACION CONTRATO 2015-2016 DEFINITIVO

20181128_PROVIDENCIA ALCALDIA

20181213_MEMORIA DE OBRAS EXECUTADAS NO ANO 2015

20181213_acta de recepción de la obra COMPLETA_ FEVISA Y OVIGA

 

Antecedentes expediente

20181212_20180810_EXPTE PAPEL ESCANEADO BLOQUE 1

20181212_20180810_EXPTE PAPEL ESCANEADO BLOQUE 2

20181212_20180810_EXPTE PAPEL ESCANEADO BLOQUE 3

20181212_20180810_EXPTE PAPEL ESCANEADO BLOQUE 4

20181212_20180810_EXPTE PAPEL ESCANEADO BLOQUE 5

20181212_BLOQUE 6 EXPTE

20181212_BLOQUE 7 EXPTE

20181212_BLOQUE 8 EXPTE

 

Votación mudanza no acordo por erro: UNANIMIDADE.

Votación Liquidación:

A FAVOR: 7 INTA EN CONTRA: 4 CUP e PSOE ABSTENCIÓN: 2 PP

 

Como advertimos no Pleno desde Por Chantada-CUP estudaremos asumir medidas no plano xudicial dado que, por un importe moito menor, nun caso análogo o alcalde de Vimianzo foi inhabilitado durante oito anos e condenado.

 

Por Chantada lamenta a desidia do Concello de Chantada na problemática do lixo

 

Foto Roi Fernández para La Voz de Lemos (15/04/2006).

 

Desde a candidatura de unidade popular lamentamos que o Goberno municipal sexa incapaz de adotar medidas no tocante ao lixo: vertedeiros incontrolados en todas as parroquias, taxas de recollida selectiva ínfimas, problemas de recollida do lixo no rural, incumprimento da normativa do ponto limpo, ausencia de planificación….

Por Chantada considera que non é de recibo que se culpabilice a veciñanza, que demostrou con iniciativas cidadás de recollida voluntaria e limpeza dos montes sensibilidade e iniciativa, mentres se obvian as serias deficiencias no servizo e as reponsabilidades do Goberno.  Por exemplo, foi Manuel Varela e non os veciños quen nos conduciu a un modelo privatizado da xestión e tratamento do lixo, máis caro e deficiente que o desenvolvido noutros concellos con xestión pública. Se non se predica co exemplo de pouco valen os brindes ao sol e a situación só empiorará.

Fronte á inacción e a desidia de Inta temos análises e propostas pensadas para o beneficio da veciñanza e feitas desde a aplicación do sentido común. É de lamentar que desde o Goberno con moitos máis medios se sexa incapaz de propor, implantar ou desenvolver políticas para avanzarmos colectivamente e situar a Chantada no lugar que lle corresponde.

Seguir lendo

Crónica do pleno ordinario do 08/05/2017

 

O pleno comezou ás 20:08 horas coa presenza dos 13 concelleiros do Pleno mais a secretaria e a interventora municipais. Foi un pleno bronco onde se evidenciou máis unha vez a total falta de repeito pola lei e polo debate democrático por parte de Inta, quen leva meses baleirando o pleno de calquera contido en canto o Concello segue sen iniciativa e na parálise.

Seguir lendo

A propósito de herdanzas

Ildefonso Piñeiro Díaz. Artigo publicado no seu día en La Voz de Galicia. Edición Lemos. O autor foi concelleiro en Chantada durante máis dunha década e tenente de alcalde polo BNG entre 2007 e 2011. En 2015 deixou a primeira liña da política local, aínda que participou na campaña de Por Chantada-CUP.

 

 

Ás veces cando non coñecemos a orixe dunha frase, dunha expresión, dun dito, achacámosllo a ¨aquel¨ , como ¨aquel¨ que dixo, que dixo aquel. Se aínda así non queda claro, dicimos que é un proverbio chinés. Así que vou comezar este relato cunha verdade coma un templo que seica é unha sentenza desa nacionalidade: ¨a primeira vez que me enganes a culpa é túa, a segunda é miña…”. Eu engado que se me contas varias veces a mesma milonga, teño a obriga de, polo menos, tentar demostrar que o que dis non é certo.

As falsidades, as medias verdades ou simplemente dicir o que me convén, por moito que se repitan, nunca se poden converter en verdades. Unha verdade é unha verdade dígaa Agamenón ou o seu porqueiro.

A estas alturas, ao mellor, estámonos preguntando a que ¨corafio¨ vén esto.

Pois vén a propósito das herdanzas, o soniquete que nos repite día sí e día tamén o recén elixido alcalde de Chantada. Non se cansa de dicir que recibiu unha ¨rémora¨, economicamente falando, do anterior goberno municipal, do bipartito que gobernou Chantada unha lexislatura, si, digo ben, unha lexislatura, catro anos, no período 2007-2011. E quero desde este medio aclarar algunhas cousas … e por suposto falar de herdanzas.

En primeiro lugar lembrar que este alcalde gobernou en Chantada desde o ano 1996 até o 2007 baixo as siglas do Partido Popular, unha obviedade, pero como desde hai anos que Manuel Varela non milita nel, parece querer esquecer. Axudémoslle a facer memoria e analicemos algúns datos, non como defensa senón como algo para que se saiba, despois cada quen que saque as súas conclusións. Por certo, o que vou dicir, non o digo eu, dino todos os informes que son públicos e que se poden consultar no Concello, no Ministerio de Facenda, ou no Consello de Contas.

Entre 1996 e 2003, todos sabemos quen gobernaba este municipio, el parece que quere esquecelo , e segundo informes do Consello de Contas, o Concello non rendeu as súas contas nese período. No ano 1999, hai un balanzo negativo de máis de 9 millóns (aínda se contaba en pesetas).

No ano 2001, hai un resultado orzamentario negativo. Prevense uns ingresos de 734 millóns de ptas, contráense obrigas, é dicir, gastan 778 millóns e o curioso e que só se recadan 575 millóns. Hai que dicir tamén que se recoñecen extraxudicialmente máis de 268 millóns de ptas.

No ano 2002 aparecen 16 millóns de ptas de exceso e iso supuxo un gasto a maiores. Neste ano o Concello non respectou os seus propios acordos, non hai máis que ver os múltiples expedientes de modificación de créditos e de préstamos de investimento sen ningunha contrapartida de investimento produtivo. Revisando as X.G.L. da época poderémonos dar conta de que nin sequera respectaron os seus propios acordos. Díxose daquelas que ¨sobre algunhas facturas volverase facer unha investigación exhaustiva para averiguar a efectiva débeda cos provedores, dado que á maioría delas fáltalle a conformidade á realización da obra ou a prestación do servizo. Curioso, empezábanse a facer obras e ninguén asinaba. Isto chegou até o ano 2006.

Independentemente da cuestión numérica, o certo é, que se investiron arredor de 550 millóns de ptas no ano 2001, pero resulta que no 99, 2000 e 2001, anos de goberno de Manuel Varela, non o esquezamos, aínda que el pretende facelo, contratáronse débedas por importe duns 400 millóns de ptas. Non lles parece excesivo? Eran os tempos dos cementos nas airas, nas adegas particulares, nas curradas, nos galiñeiros, e vaia vostede a saber onde. Eran os tempos en que ¨toda a terra era País”.

No ano 2003 aparece unha débeda de case 2,4 millóns de euros. O aumento dos investimentos non se equilibran como aumento de ingresos. No servizo de intervención sinálase que habería que facer axustes nos gastos de persoal, xa que deberían aumentar só nun 3,5% o que supoñía unha cantidade de 63.000 euros, pero sóbense 123.000. Non se fixo política de contención do gasto porque non se axustaron ao incremento do IPC. Se se fixese poderíanse aforrar uns 243.000 euros e serían innecesarias a suba do IBI, a nova ordenanza da plusvalía e a suba da taxa de recollida do lixo. Lémbranse de aquilo? non era daquelas o alcalde de Chantada Manuel Varela? Pediuse a todos os chantadinos pagar máis para recibir menos.

Pero, aínda hai máis. Lembremos un pouco o pasado para tratar de entender o presente para resolver o futuro. No ano 2005 hai un remanente de tesourería negativo de máis de 1,8 millóns de euros e un aforro neto negativo, moi negativo de 678.897 euros.

O Consello de Contas aconsellou, ditaminou, propuxo, e por suposto non se lle fixo caso, que o Concello se atopaba no suposto previsto polo artigo 53.1 da LBRL e que se debería aprobar un plan de saneamento financeiro nun prazo non superior aos tres anos. Por suposto non o fixeron, quen era o responsable daquela desfeita?. El non o lembra, nós si.

No ano 2006 vólvese a presentar un remanente de tesourería negativo de máis de 1,75 millóns de euros e por riba non se adoitan as medidas previstas no artigo 174 da LBRL, é dicir, proceder á redución de gastos no novo presuposto.

E chegamos por fin ao ano 2007. Ese ano houbo cambio de goberno, e atopámonos cunha débeda de case 7 millóns de euros. Así como soa. Unha débeda que se pode ver no seguinte cadro, e insisto, os datos pódense comprobar, son públicos:

As arcas municipais precisaban dun plano económico e financeiro xa que a liquidación dos diversos orzamentos incumprían o obxectivo de estabilidade orzamentaria. Cando o aforro neto é negativo, no noso caso supernegativo, está establecido, e vouno repetir, porque o establece a lei, que o deber do Pleno é aprobar un plan de saneamento. Nada disto se fixo. Gastouse máis do que se recadaba, e foi unha práctica habitual durante moitos anos. Como canta o proverbio, “come a gusto e pracenteiro, e que xexune o teu herdeiro. É dicir, como bos debedores burlaron aos seus herdeiros pero non aos seus acredores.

Como definirían esta herdanza?, deixo o cualificativo para os lectores, e teñen razón os que están a pensar por que non o dixestes antes. Nunca falamos de herdanzas, había moito que facer e pouco tempo que perder. Non vou lembrar aquí os logros do bipartito, dentro dalgún tempo alguén o reivindicará. Eu sempre o fixen e o seguirei a facer.

Con esta situación, herdanza, que se fixo?. No ano 2009 o goberno de coalición subscribe un crédito duns 606.000 euros para facer fronte ao pago de facturas atrasadas.

  • Do ano 2006 apróbanse de xeito extraxudicial 8.117,01 euros.

Moitas das facturas dubidosas de 2006 e 2007 ían ser revisadas para detectar anomalías e poder seren aprobadas en plenos posteriores (había facturas dos gobernos de Manuel Varela que non eramos capaces de aclarar, e debo de dicir, que nin el mesmo era capaz de facelo, non sabia de facturas de traídas de augas, de portas polas que se cobraban auténticas barrabasadas, ou da multitude de facturas que el mesmo tivo que conformar nas oficinas do Concello cando xa non exercía coma alcalde. Isto lémbrollo eu porque fun testemuña visual da sinatura desas facturas (pasou varios días asinando). O propio Manuel Varela, xa na oposición, con algo de cara dura, preguntou ao equipo de goberno por que non se liquidou todo o do ano 2006 e 2007 para deixar eses anos limpos, pero en calquera caso, valorou positiva a medida porque permitía emendar deficiencias de anos anteriores, e concluíu afirmando que o seu grupo ía votar a favor para aprobar o expediente por unanimidade, xa que parte desa facturación corresponde á súa etapa de goberno (acta de pleno de 21-07-2009)

  • Do ano 2007 apróbanse 245.149 euros

Deste ano, segundo o servizo de intervención, a débeda dividiuse en dous semestres, o primeiro do goberno popular de M. Varela e o segundo semestre do goberno de coalición (datos de intervención, non o dicimos nós): a débeda do goberno de coalición neste período era de 63.157 euros).

  • Do ano 2008: Aprobamos 358.923 euros de facturas que eran do Goberno de Coalición

Son curiosas as recomendacións que se fan chegar nun informe de intervención desa época e que di:

¨A rebaixa do gasto público, deberá pasar por unha rebaixa drástica de gasto corrente (combustíbeis, gastos telefónicos, enerxía eléctrica, aluguer de maquinaria, pequenas reparacións, comidas do obradoiro de emprego, pinchos de todo tipo, comidas festas, comidas varias, comidas protocolarias, comidas de bandas de música, máis comidas, etc)¨.

Ben, pois segundo os datos que se poden consultar, públicos, o goberno de coalición fechou a súa andaina no ano 2011 co seguinte balanzo económico, é dicir, así lle deixamos o Concello:

Isto que significa?:

1.- Que a herdanza que recibiu de Manuel Varela (negativa) o goberno bipartito foi de case 7 millóns de euros (6.927.365 euros por ser exactos). Manuel Varela gobernou 11 anos consecutivos desde 1996, a través dunha moción de censura, até o ano 2007 arrastrando todos os ¨pufos¨ que se levan comentado.

2.- Que o goberno bipartito reduciu esa débeda en case 3 millóns de euros (2.790.493 euros) en só catro anos de goberno facendo máis investimentos ca nunca, mesmo descontando o Canon Eléctrico que por fin cobrou Chantada. Non está mal para só catro anos, pero iso tamén o deben de dicir vostedes. O importante non é reducir a débeda a calquera prezo, o importante é garantir que o que se gasta é para beneficio de Chantada porque gobernar non é simplemente xestionar o existente. Gobernar é ante todo a asunción dun compromiso: abordar os problemas da xente e comprometerse na procura de solucións. Defender os intereses da xente é concibir o goberno como instrumento de transformación para mellorar a calidade de vida e conquistar a igualdade. Gobernar non é o mesmo que mandar. Gobernar é escoitar á cidadanía, atender as súas demandas, facer fronte ás súas necesidades, ser próximos aos seus problemas e ser transparentes nas actuacións. Analicen vostedes os derradeiros catro anos de goberno de Manuel Varela .

3.- En facturas pendentes de pagar, a nosa herdanza foi de uns 3,5 millóns de euros fronte a uns 1,6 millóns que nós deixamos.

E este dato de onde sae:

No ano 2011, volve gañar as eleccións Manuel Varela e, sendo alcalde, no ano 2012 o Concello acóllese a un plan de axuste para o pago a provedores, un mecanismo do goberno central para o pagamento de facturas, ou sexa, o Concello pedirá un crédito para pagar as súas débedas cos provedores. En si, e por facer unha paréntese, xa daquelas dixemos que ese plano non ía supoñer unha axuda aos concellos senón que abría a posibilidade de pedir un crédito que deberemos devolver os cidadáns cumprindo un plan de saneamento feito en función dese préstamo. O que se fixo, unha vez máis, foi favorecer o enriquecemento da banca.

Pero, non nos vaiamos do tema, como se comenta, o Concello pide un crédito por valor de 2.575.468 euros para facer fronte as facturas que quedan pendentes de pago, e (oh casualidade!) se lle botamos unha ollada a acta do Pleno de 14 de marzo de 2012, onde se aproban por unanimidade esas facturas, vemos que 1.636.872 euros é a cantidade que queda pendente da etapa do goberno bipartito e que 938.596 euros pertencen a etapas de goberno de Manuel Varela. Demostrando que a herdanza en facturas é bastante máis pequena do que anda a dicir o actual alcalde de Chantada.

Como remate analicemos a derradeira conta publicada no Consello de Contas de Galiza, analicemos os datos da conta xeral correspondentes ao ano 2013, conta que se presenta no Consello de Contas de Galiza o 14 de outubro de 2014, ou sexa, despois de tres anos de goberno de Manuel Varela, e que podemos ver no seguinte enlace:

http://www.rendiciondecuentas.es/VisualizadorPortalCiudadano/VisualizadorEstadosPortal.jsp

Segundo este informe a débeda do Concello de Chantada referida ao ano 2013 (último ano fiscalizado) é de:

1.- Acredores a longo prazo: 3.951.568.09 euros

Dividida en débeda a longo prazo con entidades financeiras e con outras entidades:

(públicas ou privadas)

1.1- Débedas con entidades de crédito: 1.483.136,81 euros

1.2.- Outras débedas: 2.465.931.28 euros

2.- Acredores a curto prazo (facturas e outras): 1.773.924,02 euros

TOTAL: 5.725.492 euros

Como se comentou, no ano 2012 pídese un crédito para facer fronte á débedas adquiridas en anos anteriores (2006, 2007, 2008, 2009, 2010, 2011).

A débeda a longo prazo (aos bancos) está incluída nesta dación de contas, e suman eses case catro millóns de euros. Lóxico, se se pide un crédito aumenta este concepto, pero, por outra banda, se a débeda a curto prazo (facturas) se paga no 2012 e queda a cero, un ano despois, é dicir 2012 – 2013 o Concello, alcalde Manuel Varela, adquiriu débedas en facturas por valor de 1.773.924 euros. Non o digo eu, dío o propio Consello de Contas á vista das propias contas do Concello.

Como se comentou, as conclusións deben sacalas vostedes, os datos están para ser vistos, confirmados, cotexados, analizados e amparados en documentos públicos.

Se Manuel Varela quere falar de herdanzas, falemos de herdanzas, pero non só das que lle conveña en cada caso, falemos do que fixo cada quen cando lle tocou facelo e analicemos 15 anos de goberno de Manuel Varela e catro anos de Goberno Bipartito. Iso é o xusto e non botar só a porcallada cara a onde che convén, estimado Alcalde.

Ti fuches responsable, en grande medida, da situación da que agora te queixas. Non o esquezas, porque se o fas corres o risco de volver a repetila

Dixen que non ía sacar conclusións, pero permítanme que sexan só dúas as que faga, ¨pódese enganar a algún todo o tempo, pódese enganar a todos algún tempo pero non se pode enganar a todos todo o tempo…. como dixo ¨aquel¨

Bien se puede perdonar a un hombre ser necio una hora, cuando hay tontos que no lo dejan de ser una hora en toda su vida… Francisco de QUEVEDO

O alcalde de Chantada veta unha moción da CUP na orde do día do pleno

 

No día 2 de marzo de 2017 desde Por Chantada-CUP publicamos unha Moción para estabelecer unha taxa municipal nas instalacións de transporte e enerxía e outras medidas fiscais para impulsar e financiar un plano de emerxencia social e asinar o convenio da FEGAMP para garantir a luz e o gas nos fogares en situación de vulnerabilidade.

Como explicamos no seu momento, trátase dun paquete de medidas coas que o Concello recaudaría moitos más ingresos invertindo a lóxica do Catastrazo ao cobrarllo aos grandes como as eléctricas que nos esquilman e non á veciñanza. Con isto xa non habería escusa para  revisar a fiscalidade actual do IBI altamente lesiva, como xa reclamamos en anteriores ocasións. Ao tempo, solicitamos que o concello se acolla ao convenio da FEGAMP para evitar que se lle poda cortar a luz a ningunha persoa sen medios e lanzar un plano de emerxencia social.

A nosa sorpresa é que Inta dedidiu na comisión informativa, que só ten carácter deliberativo, votar en contra da nosa moción para logo o alcalde excluíla da orde do día a pesar dun voto particular emitido pola voceira do PSOE. Trátase dun acto sen precedentes na historia do Concello de Chantada e que non só vulnera a cortería máis elementar senón que xera unha situación ridícula, como explicamos no escrito remitido hoxe mesmo a todos os membros da Corporación.

Unha treta para evitar o debate no pleno da moción de Por Chantada, ao forzarnos a apresentala no pleno “por urxencia” (cando a remitimos 10 días antes da celebración do pleno moito antes do que se nos remite a nós a documentación por exemplo, e falamos de centos de páxinas) negándolla co rodillo da maioría absoluta.

Por outras palabras, uns traballamos con seriedade e audacia propostas para mellorar o noso concello e as condicións de vida das veciñas e veciños e outros retratan o seu infantilismo político e as súas prioridades moi distantes do ben común como dan fe os case 100 reparos emitidos pola intervención municipal nos últimos 5 meses.
Escrito encamiñado polo voceiro de Por Chantada-CUP aos membros da Corporación con motivo da exclusión dunha moción da orede do día

 

 

Por Chantada-CUP apresenta alegacións ao Expediente de vertido de augas residuais no río enviande e aos suplementos de créditos cos que se quere facer pagar ao concello sen dilucidar as pertinentes responsabilidades

logo-por-chantada

 

No día de hoxe, 19 de decembro de 2016, o Grupo Municipal Por Chantada-CUP vén de apresentar dúas alegacións no concello de Chantada que quere dar a coñecer e cuxo coñecemento entendemos que é importante sexa de libre acceso para que os cidadáns podan ter unha análise rigorosa para conformar a súa opinión sobre os asuntos públicos.

A primeira delas é un documento de 13 páxinas que recolle as Alegacións de Por Chantada-CUP e Asociación de Viciños Torre de Arcos ao “Expediente de vequido de augas residuais e obras en dominio público hidráulico” no río Enviande. Antes de máis queremos agraceder a confianza e o apoio da entidade viciñal na defensa do patrimonio natural de todas e todos, non só da viciñanza da parroquia de Arcos. Pola nosa banda, xa anunciaramos que iamos estudar o expediente e apresentar, se procedía, alegacións, perplexos perante a deixadez do Goberno local (as súas razóns terán opostas polo que se ve a velar polos intereses xerais). A seguir, indicar que o documento, pode leerse integramente nesta entrada, consta dunha exposición inicial dos motivos que nos levan a apresentar estas alegacións (pp. 1-5), continuando por 7 alegacións onde detallamos os principais aspectos do proxecto e do vertido que pomos en causa (pp. 5-12) e, por último, unha solicitude composta de 5 pontos (pp. 12-13).

 

O segundo documento é a Reclamación en trámite de exposición pública de expedientes de Suplemento de Crédito 02/2016 e 03/2016 onde explicamos todo o proceso desde o comezo, adxuntamos boa parte da documentación e, entre outras moitas cuestións, sinalamos as irregularidades que, ao entender do noso grupo e fundamentándonos no ordenamento xurídico vixente, existen en todo o proceso: máis de 600.000 euros en obras fraccionadas en contratos menores contratadas verbalmente e a dedo sen proxecto nin consignación orzamentar, prescindindo (tal e como recoñeceu o concello ao declarar a nulidade dos actos) total e absolutamente do procedemento. Consta de 20 páxinas que constitúen un completo dossier sobre todo o proceso mediante o cal procuramos informar á opinión pública ao tempo que evitar que o concello perda nin un só euro por malas praxes e/ou actuacións irregulares.

Todas estas cuestións achamos que poden levar aparelladas responsabilidades patrimoniais e xurídicas que deberán ser esclarecidas a fondo, xa non só polo Concello de oficio senón polo Consello de Contas, entre outros. O que non se pode, desde logo, é “cargarlle o morto” á Facenda local a través dun pleno extraordinario urxente sen entregar a documentación en tempo e forma e sen xustificar a urxencia no momento da convocatoria, aspectos que tamén nos levaron en días pasados a formular unha reclamación.

No caso deste segundo documento, o proceso segue en andamento e non descartamos ningunha actuación para defender os intereses de todas e todos.

CONFIRA OS DOCUMENTOS (PDF):

Reclamación en trámite de exposición pública de expedientes de Suplemento de Crédito 02/2016 e 03/2016

Alegacións de Por Chantada-CUP e Asociación de Viciños Torre de Arcos ao “Expediente de vequido de augas residuais e obras en dominio público hidráulico” no río Enviande

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

stopfeminicidios

 

Apresentamos recurso de alzada contra as últimas bases laborais do concello por entendermos que novamente non cumpren a lexislación vixente

logo-por-chantada

 

Son xa varias as veces que nos vimos queixando de como se xestiona o emprego público no concello de Chantada, con pouca transparencia, prazos sempre acurtados amparándose na urxencia, bases confusas ou pouco claras… Porén, as recentes bases publicadas no BOP nº 275 de 30/11/2016 entendemos que vulneran especialmente o ordenamento xurídico vixente polo que interpomos contras as mesmas senllos recursos  para que, cando menos, fique constancia de que somos perfectamente consciente das malas praxes e do abuso partidario que se fai da institución local, a cal debera ser patrimonio de todos os chantadinos e non só dunha minoría que fai e desfai ao seu antollo.

 

No escrito expomos, entre outras cousas, que o número de membros do tribunal non se axusta ao que indican numerosas disposicións e que reducir só a dous membros con voto non é de recibo nin lóxico desde un ponto de vista de garantir un proceso de selección neutral, técnico e con garantías de igualdade na concorrencia. Tampouco é de recibo contar cunhas bases confusas, con erros evidentes até no tocante á baremación e os totais de cada epígrafe e con sesgos claramente detectábeis como computar polo mesmo valor un curso de 120 horas que un mestrado de máis de 1.600 horas, co cal as sospeitas de prazas feitas á medida non pode ser máis evidente.

#SomosAlternativa #CUPChantada

BOP nº 275 (PDF) 

Impugnacion bases concello de Chantada (PDF)

Nota de imprensa sobre o pleno extraordinario urxente do 05/12/2016

logo-por-chantada
No día de hoxe o concello de Chantada celebrou unha sesión extraordinaria urxente.
Antes da sesión enviamos o escrito (pdf)  que anexamos a esta nota de imprensa advertindo de que hai xurisprudencia suficiente para considerar os seus acordos nulos de pleno direito ao non ter xustificado a urxencia en ningún momento, moito menos no momento da convocatoria como fixa a lexislación vixente, nin ter remitido aos concelleiros toda a documentación dos asuntos recollidos na orde do día.
Finalmente, Inta empregou a maioría absoluta para sacar adiante a urxencia (ponto 1º) e dúas modificacións de crédito por valor superior ao millón de euros, máis de 500.000€ para amortizar débeda, após negarse facelo en 2015 porque o concello estaba “saneado” (cando agora recoñecen que ten “un alto valor de débeda”), e outra de máis de 600.000€, cun recoñecemento extraxudicial de crédito posterior (ponto 4º), para poder pagar a dúas empresas que o alcalde contratou abusando do contrato menor (a dedo), sen contrato nin concurso, fraccionando facturas para nunca atinxir os 50.000€ e sen fiscalización previa dun gasto para o que non había consignación orzamentar suficiente.
Actos nulos de pleno direito como o propio concello recoñeceu no pleno ordinario de marzo de 2016 e como ratifica o informe do Consello Consultivo da Galiza (pdf). A pesar de retirarse o ponto 4º finalmente é nulo de pleno direito polo xa exposto e é gravísimo que Inta tente eludir a súa propia responsabilidade facendo pagar ao erario público o total da indemnización ás empresas cando hai unha parte que a xurisprudencia imputa aos responsábeis de cometer un acto preciscindindo total e absolutamente do procedemento e das disposicións legais en vigor.
O reparo hoxe rexistrado é o paso  previo á formulación de denuncia administrativa perante o propio concello e, de cismar este en continuar adiante cuns acordos adotados nun pleno convocado precisdindo total e absolutamente do procedemento estabelecido o seguinte paso será o contencioso-administrativo de ser o caso.
Lembramos que se gastaron entre maio e agosto de 2015 máis de 600.000€ sen ter consignación orzamentar, sen fiscalización previa da intervención municipal, sen contrato de ningún tipo (factura directa), abusando da figura do contrato menor (a dedo), sen revisar o valor das obras polo técnico municipal (ou sexa pagando do peto de todos o que a empresa pedía nas facturas directas emitidas sen máis dores de cabeza) e prescindindo total e absolutamentemente do procedemento legalmente estabelecido tal e como o propio concello recoñeceu ao anular o seu propio acto no mes de marzo de 2016. [Vid. p. ex. pontos 4º e 5º do pleno de marzo]
Xa na altura, no mes de marzo cando o concello anulou finalmente o seu propio acto por presión da oposición, o noso grupo indicou e advertiu que isto ía pasar e que a negativa de envialo ao Consello de Contas e só ao Consello Consultivo (este último como o seu nome indica nunca sanciona) ia dilatar o proceso para envialo ao ponto de partida sen darlle solución satisfactoria:
 https://porchantada.files.wordpress.com/2016/03/sobre-os-informes-da-intervencic3b3n.pdf

Todos os grupos da oposición manifestáronse en contra na totalidade dos pontos da orde do día.

Concello de Chantada: dous soldos ningunha dedicación

logo-por-chantada

A realidade, teimuda, volve demostrar que de pouco serven dúas dedicacións en Chantada cando non se vela e se loita por cousas elementais. O enésimo exemplo é o relacionado co anuncio do BOP nº 247 do día 27 de novembro de 2016 (páxinas 11-12). No mesmo anúnciase a creación dunha EDAR que vai verter 20.183 metros cúbicos de “augas residuais industriais e de escorrentía” por parte da empresa Lácteos Casa Macán S.L.

Vaia por diante que o desenvolvemento no rural é vital para fixarmos poboación e tamén a súa transformación, xerando valor engadido dos nosos excelentes produtos algo que debería guiar  a acción das políticas públicas, aínda que estea lonxe de ser así na actualidade. Ora, estas grandes liñas que deben fomentar as institucións deben facerse de acordo coa legalidade e os concellos deben velar por un desenvolvemento harmonioso onde se teñan todas as garantías de que o futuro, a calidade ambiental e os dereitos de todas as persoas se respectan. Como é público a empresa no seu día foi condenada por vertidos ilegais que mataron vacas e árbores e produciron transtornos á viciñanza polo que, pese a mudar de propietario agora, as institucións deberían estar se cabe máis vixilantes (La Voz de Galicia 26/04/2014).

Aínda que as instalacións do vertido se ubican en Taboada, o vertido ao Ponte Enviande (no BOP hai un erro) prodúcese xa en Chantada e, a pesar disto, o proxecto non se encontra para a súa consulta e alegacións no concello de Chantada. Inta non elevou ningunha queixa ou informe estudando o proxecto, malia que vai afectar a parrroquias do noso concello ao producirse en límite de finca do concello de Taboada (polígono 109, parcela 88)  cunha parcela do concello de Chantada (polígono 11, parcela 12) ao outro lado do río e afectando de cheo a parroquias do termo municipal chantadino (véxase o punteiro do rato):

img-20161124-wa0006

O alcalde de Taboada tranquilizou aos seus viciños en Televinte, do concello de Chantada nada se sabe nin se molestaron a pedir e consultar o proxecto como si fixemos desde Por Chantada-CUP. O 25 de novembro, a requerimento deste grupo, enviáronnos desde o concello de Chantada a única documentación que teñen sobre este expediente e que debe exporse no taboleiro de anuncios non contemplando adoptar ningunha medida (documentacion-expediente-chantada), extremos que agardamos se corrixan toda vez que o prazo foi aumentado (polo erro de contido no BOP que xa citamos antes).

O Enviande nace na Serra do Faro, na Rede Natura, e desemboca no anegado Castro Candaz, cun alto valor paisaxístico e ecológico dada a súa biodiversidade e riqueza piscícola: oucas, árbores, troitas… O inventario de humidais da Galiza identifica 5 humidais de interese só no concello de Chantada figurando no mapa dos humidais da Galiza o alto de San Roque que atinxe ao río Enviande co código 11201351. Estamos falando, pois, dunha área de altísimo valor ambiental, paisaxístico e ecolóxico que merece todo o rigor e atención, tamén porque é unha área prioritaria de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local de especies de aves e como área de distribución potencial do sapoconcho común (Emys orbicularis L.) e considerarase tamén en casos como o que nos ocupa  o disposto no artigo 6.2 do Decreto 70/2013, do 25 de abril, polo que se aproba o Plano de recuperación do sapoconcho común na Galiza, as masas de auga lénticas e zonas húmidas do concellos, así como as súas correspondentes zonas de policía, fican dentro das áreas de distribución potencial desta especie. Ao anterior cómpre engadir a captación e augas que poderían verse afectadas doutras captacións para granxas, exploracións gandeiras e mesmo traídas viciñais.

O presente expediente interpretamos que sería viábel e responsábel expolo en Chantada e que sexa informado tamén polos técnicos municipais correspondentes do concello de Chantada: viabilidade técnica, suficiencia da EDAR, distancia ás vivendas, garantías medioambientais, alternativas para o percorrido e para o vertido, vertido único ou vertido deseminado para unha maior disolución… Porque se leva desde Santa María de Piñeira ao límite con Chantada? Que garantías temos de que non se supere o límite de metros cúbicos contemplados? Quen vai facer controis e con que periocidade da calidade das augas? Que sedimentos e componentes químicos poden deitarse ao río e que impacto poden ter por acumulación no río ou no encoro? Que impacto no ecosistema e na fauna e na flora van ter estas augas residuais? Que alternativas poderían estudarse e barallarse? Vaise esixir estudo de impacto ambiental o cal obrigatoriamente recollería alternativas que podería estudar o concello de Chantada? Preguntas de sentido común que calquera cidadán pode facerse e que un concello competente e responsábel debería ter estudado e demandado as pertinentes aclaracións na defensa dos intereses dos seus representados. Nada se fixo.

conducion-da-tuberia
Na imaxe, en vermello, o longo percorrido entre as instalacións da EDAR e o ponto de vertido xa en Chantada.

En definitiva, con moitas máis dificuldades e menos medios temos que ser os cidadáns organizados os que, coma sempre, velemos polo benestar e os direitos colectivos. Desde Por Chantada-CUP imos seguir exercendo o noso cometido responsabelmente polo que imos estudar o expediente e, se procede, apresentar alegacións  mesmo cos medios dos que dispomos, pois o goberno é como quen non o ten: dous soldos, ningunha dedicación.

A comarca de Chantada queda excluída do reparto de Augas de Galiza

nova101106_augasdegalicia

O organismo público Augas de Galicia, cuxa dirección está intimamente ligada ao PP especialmente desde a aprobación da Lei de augas por Núñez Feijoo, volveu demostrar que fai un reparto partidista dos fondos públicos, segundo se desprende do DOGa do 3 de novembro, xa que dos 66 convenios que foron asinados 57 beneficiaron a cámaras municipais con gobernos do PP.

Esta cifra representa máis dun 86% dos convenios asinados con alcaldes do PP, entre o 13 de xuño e o 31 de agosto de 2016 ambas datas próximas a convocatorias electorais. Tamén varían moito as magnitudes sendo as máis importantes as asociadas a actuacións en concellos do PP como Foz con 8 millóns de euros, Laracha con 2, Cotobade con 1’85…

Desde Por Chantada-CUP levamos máis dun ano preguntando polos fondos de Augas de Galicia que corresponden ao concello de Chantada. O goberno do señor Varela non só non aclarou esta cuestión senón que non fixo ningunha xestión ao respecto e volve reincidir na súa incapacidade. Cómpre lembrar que a maioría das 36 parroquias do concello de Chantada seguen a 2016 sen saneamento, cando moitas das actuacións contempladas no DOGa son precisamente actuacións deste tipo, por exemplo os 405.000€ que se van gastar no saneamento das parroquias de Ferrón, A Igrexa e O Pinar no concello de Sober  ou os 35.000€ que se van destinar a San Roque, no concello de Portomarín.

Outra actuación urxente é a dotación dunha deputadora suficiente para Chantada, tal e como recoñece o propio PXOM, e o saneamento do río Asma, así como a separación de pluviais e fecais en moitas rúas de Chantada. Porén tampouco se fixo ningunha xestión neste sentido. Si a fixeron outros concellos como Moraña (60.000€) ou A Pastoriza (30.000€).

DOCUMENTOS:

Resolución do 12 de setembro de 2016 pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta entidade pública no segundo cuadrimestre do ano 2016

Acta do Pleno ordinario do 18 de xaneiro de 2016 (pregunta 23, páxina 21)
ACTA do pleno do 14 de setembro de 2015 (pregunta 5, páxina 34)

Memoria PXOM aprobada inicialmente cos votos de Inta (páxinas 38, 56 e 57)