- Por Chantada nunha moción de doce páxinas fai unha diagnose do estado do interior galego e da necesidade dunha fiscalidade rural.
- Por Chantada propón a modificación do mapa de axudas rexionais para, de acordo co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, se crien xa axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora coa máxima intensidade que o marco europeu permita a razón da súa condición ultraperiférica.
- Asemade, propomos, pra reverter a demotanasia, instar ao Congreso e ao Senado a que impulsen unha renda básica rural e que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.
Casco antigo de Chantada. O interior galego atravesa unha encrucillada que o sitúa nunha situación de completa emerxencia. Fiscalidade rural ou demotanasia. Foto: Por Chantada.
Através dunha completa diagnose, demostramos que o interior galego está sufrindo un implacábel proceso de demotanasia, é dicir, un proceso en que as accións ou omisións políticas provocan a desaparición da poboación nun territorio, cuestión que profunda nas desigualdades sociais e territoriais, á vez que nos converte nunha zona de sacrificio, ou sexa unha área xeográfica permanentemente suxeita a dano medioambiental, espolio dos seus recursos naturais e/ou a falta de investimento económico.
Este conxunto de fenómenos provocan unha mingua de poboación e degrada as condicións de vida dos habitantes, así como os seus medios de vida. Así pois, hai unha perda de biodiversidade natural, cultural e produtiva.
A diagnose que xustifica a necesidade dunha fiscalidade rural complétase atendendo a:
a) Envellecemento.
Ourense, Zamora e Lugo son das provincias da Unión Europea coa poboación máis envellecida e con índices de avellentamento brutais.
b) Despoboamento.
Durante o século XX, dez provincias no conxunto do Estado perderon poboación, con Lugo e Teruel á cabeza. Nas dúas décadas que levamos do século XXI o dramático récorde teno Ourense (10,88%) en termos cuantitativos, aínda que a porcentaxe de despoboamento é superior en Zamora (15,40%) e seguidas de Lugo (9.85%). Na Riberira Sacra a caída media das parroquias ribeirás de Miño e Sil foi do 40%! Para que serviron as supostas medidas de protección e dinamización por parte da Xunta na Ribeira Sacra?
c) Dispersión xeográfica.
Temos xa amplas áreas do interior galego que rozan o deserto demográfico. A dispersión xeográfica sumada ao avellentamento dispara as necesidades de gasto público social e torna máis complexa a prestación dos servizos públicos. Mentres no centro de Europa a maior parte da poboación encóntrase a menos de 15 minutos conducindo dun hospital na Península estas cifra smudan moito, encontrándose Teruel, Cuenca, Soria, Cáceres e Lugo entre as que apresentan unhas isócronas piores.
d) Mocidade, desemprego e precariado.
O precariado é un fenómeno cada vez máis xeneralizado, con amplas capas da sociedade que viven en risco de exclusión social aínda cando sexan traballadores activos. Na Galiza, a taxa de desemprego para as persoas mozas é 24,7% (2021), polo que máis que duplica a taxa xeral de desemprego, que é de 11.7%, e máis que triplica a taxa xeral da UE. No segundo semestre de 2022 19,7% da poboación entre 16 e 34 anos atópase desempregada, 8,5 puntos por riba da media total do Estado español. Asemade, as taxas de desemprego alcanzan a 55,5% das persoas de 16 a 19 anos e a 31,3% entre 20 e 24 anos. Neste contexto, explícase o elevado nivel de precariedade e parcialidade no colectivo, favorecido por traballar 71,6% da mocidade no sector servizos.
Por se o anterior fose pouco, os salarios das persoas menores de 35 anos están 20,5% por baixo da media, unha fenda salarial de 4.678 euros anuais e a diferenza coa medida estatal aumenta cada ano.
Son as xeracións máis novas as que marchan e a vaga migratoria expulsou da Galiza máis envellecida da historia 371.637 persoas entre 2009 e 2021 con especial incidencia no interior galego. Deste total, 38% eran menores de 29 ano. Emigran as camadas máis formadas e en que se fixo un investimento social por medio do ensino, afectando a expulsión de talento á capacidade para promover iniciativas produtivas e prexudica o consumo interno no interior galego.
e) Consecuencias políticas.
Ourense (37,38%), Zamora (36,3%) e Lugo (35,12%) teñen a maior porcentaxe de maiores de 65 anos, por riba do 35% do censo eleitoral, fronte ao 24% do conxunto do Estado. Por volta de 70% das persoas que pertencen á faixa etaria dos maiores de 65 anos, segundo o CIS, vota sempre e cunha altísima fidelidade, é dicir, votan sempre e case sempre ao mesmo partido, favorecendo ao bipartidismo (PP e PSOE) e, daquela, os representantes eleitos nesas provincias teñen escasos incentivos para cuestionar as políticas centralistas do Goberno central con independencia do partido que nese momento goberne e aínda menos as da Xunta. Porén, todo pode mudar, como demostran Soria (35,12%) e Teruel (31,58%) que veñen de apostar maioritariamente por formacións que desafían a demotanasia e o abandono do mundo rural.

Unha FISCALIDADE RURAL para un INTERIOR GALEGO VIVO.
Por Chantada integra o movemento cidadán Interior Galego Vivo, que leva demandando en diferentes ocasións unha fiscalidade rural que debe concretarse en planificacións e coordinacións transversais das diferentes administracións públicas partindo do direito europeu e do principio constitucional de igualdade e da cohesión territorial, pois non pode existir igualdade e equilibrio territorial sen servizos nen mocidade. Infelizmente, as propostas que fixemos chegar na última campaña das eleicións galegas ao PP, ao PSOE, ao BNG, a C’s e a UP foron desatendidas e tampouco o labor parlamentar destes partidos en Madrid ou Bruxelas se destacou por unha sensibilidade especial para a demotanasia que padece o interior galego.
O Goberno do Estado vén de anunciar tamén beneficios fiscais que se aplicarán ás tres provincias de menor densidade de poboación (Teruel, Soria e Cuenca) e que foron incluídas pola Comisión Europea no novo mapa de Axudas á Finalidade Rexional. As novas axudas actívanse xa conforme a disposición adicional 123 dos Orzamentos de 2022 e suporán reducir as cotizacións empresariais nos contratos indefinidos nun 5% nos contratos existentes no ámbito provincial, dun 15% nos novos contratos e dun 20% nos novos contratos en concellos de até 1000 habitantes (se a sede social e fiscal está nese concello). No entanto, o anunciado está aínda lonxe do tope que permite a UE.
Celebramos esta vitoria do rural, que non se entendería sen o traballo parlamentario de Teruel Existe dito sexa de paso, xa que fixou a activación destas axudas como conditio sine qua non para apoiar os próximos Orzamentos Xerais do Estado, se ben fica aínda moito por facer para termos unha fiscalidade rural de noso. No entanto, a situación de Zamora, Ourense e Lugo non é mellor e entendemos deberían acollerse a estes beneficios fiscais de igual xeito, xa que aínda tendo unha maior densidade de poboación o envellecemento e a dispersión sitúannos igualmente un escenario de recursos e dinamismo económico reducido e nunha proxección de deserto demográfico, que xa é unha realidade en moitas parroquias, concellos e mesmo comarcas do interior galego. En consecuencia, Ourense, Zamora e Lugo encóntranse de pleno direito no mesmo artigo 174 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea polo que non atopamos xustificación para que se aplique nuns territorios e noutros non.
Ao tempo, Interior Galego Vivo reclama que se abandone o indicativo de investimento por habitante co que se realizan as valoracións dos Orzamentos Xerais do Estado como fundamento único, xa que é moi lesivo para o interior galego. Demandamos, pola contra, o emprego do estándar de investimento por superficie, que deixa ben en claro a marxinación dos territorios rurais do interior. Os indicativos do PIB; a renda ou o investimento por habitantes non son bons indicadores para medir o desenvolvemento dun territorio, pois o que cómpre é valorar o custe real dos servizos para planificar o seu financiamento en base á dispersión e o índice de avellentamento se verdadeiramente se acredita na igualdade e na cohesión territorial.
Interior Galego Vivo demanda o recoñecemento de Zamora, Ourense e Lugo como territorios ultraperiféricos e subvencionábeis en virtude do seu índice de envellecemento, as proxeccións demográficas e a elevadísima dispersión demográfica que encarece a prestación de servizos públicos esenciais e reduce a igualdade de oportunidades. O PIB per cápita na maioría dos concellos tamén está nas rendas inferiores do Estado e é inferior a 75 % da media da UE, concentrándose no sul de Lugo e en Ourense a meirande parte dos concellos con maiores índices de pobreza, entre eles Chantada co 40,88% da poboación en risco de exclusión social, segundo cifras do INE.
Asemade, Interior Galego Vivo entende que a Xunta debe destinar parte do incremento do financiamento autonómico, que recollen os vindeiros Orzamentos Xerais do Estado, a un reforzo efectivo dos apoios ao sector primario e a unha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, a rehabilitación de vivenda no rural para uso social, a reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, a impulso á conciliación e a unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.
Finalmente, cabe perguntarse se as comarcas do interior galego poden continuar permitíndose o luxo de non disporen de voz nas institucións, xa que os deputados galegos e as senadoras galegas actuais non demandaron algo tan elemental e de xustiza como as reducións nas cotizacións empresariais que si conseguiron Teruel Existe e Soria Ya! na secuencia das negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado. Tampouco ouvimos voces galegas na Eurocámara pedindo unha fiscalidade rural e políticas agrícolas que garantan a fixación de poboación e o equilibrio territorial.

As propostas da nosa moción.
1.- Demandar do Estado español a modificación do mapa de axudas rexionais 2022-2027, incluído no plan territorial de transición xusta no contexto do Regulamento sobre o Fundo de Transición Xusta no marco das Directrices sobre as axudas de finalidade rexional revisadas (DAR), e a súa notificación á Comisión europea co fin de aplicar un aumento da intensidade máxima das axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora atendendo ao elevado índice de avellentamento, á dispersión poboacional e á demotanasia que sofren estes territorios.
2.- Dirixirse ao Goberno central para que as provincias de Zamora, Ourense e Lugo sexan consideradas rexións ultraperiféricas e, portanto, subvencionábeis, de acordo co artigo 107 do TFUE e tamén para que o Goberno defenda a modificación do TFUE para dotar de maiores axudas ao equilibrio territorial e ao mundo rural.
3.- Solicitar da Xunta da Galiza que incremento do financiamento autonómico, que recollen os Orzamentos Xerais do Estado, se traduza nun reforzo dos apoios ao sector primario e nunha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, rehabilitación de vivenda no rural para uso social, reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, impulso á conciliación e unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.
4.-Propor ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se impulse un marco lexislativo que ancore o despregue dunha fiscalidade rural e dunha renda básica rural como pago social pola xestión sustentábel e a garantía de soberanía alimentar que supoñen as comunidades rurais.
5.- Instar ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.
GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR
#ofuturotenpartido
#mellorarChantada
#avozdorural