No pasado domingo comunicamos mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio, ao Concello de Chantada e á Valedora do Pobo que no mosteiro de San Salvador de Asma, recentemente declarado BIC, se están desenvolvendo actuacións para as que non nos consta que exista licenza nen autorización por parte das administracións públicas, afectando seriamente a un elemento patrimonial que leva sendo vítima de incontábeis modificacións e afectacións desde hai décadas: portas románicas desfeitas para meter maquinaria, pedra tirada para restaurar outros edificios, a biblioteca usada como establo, etc. Nesta ocasión estase a introducir pedra do exterior afectando a antiga adega, ás cabaleirizas, etc. Agardamos que coa máxima celeridade as administracións adopten as medidas oportunas após unha semana de actividade no interior do elemento catalogado como BIC sen que ninguén tomase cartas no asunto.
De por parte, tamén nos reunimos coa deputada Paula Vázquez Verao, de En Marea, que vai rexistrar no Parlamento galego estes sucedidos para reclamar explicacións e medidas efectivas para protexer os elementos que na práctica desminten a euforia pública co BIC, aprobado acriticamente e sen ter en conta as alegacións que apresentamos desde o noso grupo. De pouco vale un BIC se non se acompaña de inversións para protexer e restaurar o patrimonio e, sobre todo, de medidas efectivas para fixar poboación e actividade económica no rural, especialmente focadas no sector estratéxico para a nosa comarca: o primario.
Podedes consultar (PDF) o noso documento aquí: denuncia de obras no mosteiro de San Salvador de Asma.