Moción de Por Chantada-CUP para controlar a proliferación de apostas en liña, máquinas comecartos de apostas e casas de xogo na Galiza e proposta de medidas de prevención perante a ludomanía.

 

A primeira moción que desde Por Chantada se vai apresentar nesta lexislatura 2019-2023 é a Moción de Por Chantada-CUP para controlar a proliferación de apostas en liña, máquinas comecartos de apostas deportivas e casas de xogo na Galiza e proposta de medidas de prevención perante a ludomanía.

As galegas e os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas no ano 2016 (últimos datos dispoñibles, ofrecidos polo Ministerio de Facenda). En concreto, xogaron uns 134 millóns de euros e obtiveron uns premios duns 106 millóns. Nestes datos non entran os cartos apostados a través da Internet, que nese ano 2016 se elevaran até os 11.000 millóns de euros en todo o Estado Español. Calcúlase que só no ano 2017 as apostas deportivas no Reino de España supuxeron uns ingresos para estas empresas de 742 millóns de euros, que benefician fundamentalmente a fondos voitres en canto somos todas e todos os que temos que facer fronte ás consecuencias sociais, económicas e sanitarias das problemáticas que crea o xogo, con especial impacto nos menores. O 30% dos mozos entre 14 e 17 anos recoñece que apostou algunha vez, dados alarmantes e que non paran de medrar. É a máxima ultraliberal: socializar as perdas, privatizar os gaños, sexan da natureza que foren e sen calquera barreira ética.

Alén das salas de xogo, existen 3.171 terminais en locais de hostalaría, tamén en Chantada, cuxa distancia aos centros de ensino e de lecer da mocidade non se contempla no Anteproxecto da nova lei do xogo que quere implementar a Xunta. E aínda non chegamos ao tope, xa que desde as 2.000 máquinas comecartos aprovadas en locais de hostelaría en 2012 a Xunta optou por ampliar até as 3.600 en 2017, aliñándose cos especuladores e non coas alarmas claras dun fondo problema social. Xa en 1985, data da actual lexislación na materia, fora condenado o daquela vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro (PP).

Desde Por Chantada cremos que a nova lei da Xunta debe  prohibirlle ás casas de apostas que ofrezan bonos de benvida para captar clientes; estabelecer limitacións nos terminais de apostas instalados nos bares e nos que o controlo do acceso de menores de idade é mínimo na actualidade, por exemplo, obrigando a inserir o DI electrónico e cun mecanismo semellante ao das máquinas de tabaco; por último, a publicidade debe prohibirse en todos os medios, tamén nos escritos. Tampouco valen de nada os 300 metros aos centros escolares se non se aplican ás máquinas comecartos de apostas dos bares. De por parte, o Goberno central debe aumentar severamente a carga fiscal a estas empresas.

Desta arte, desde Por Chantada-CUP, denunciamos un problema social de primeira orde no que todo o mundo mira cara a outro lado. Formulamos nesta moción unha serie de medidas, a nível municipal e supramunicipal para pór freo a esta problemática. Dunha banda, entendemos que é preciso prohibir a publicidade destes locais e frear en seco a súa expansión através das ordenanzas ou as normas urbanísticas no plano local; tamén son importantes as medidas de prevención perante a ludomanía, que deben envolver a todas as administracións; e, por último, formulamos unha serie de proposta a nível fiscal para gravar a actividade das casas de apostas e do xogo en liña.

 

Coma sempre podedes consultar o texto íntegro da moción e os acordos propostos en PDF: Moción de Por Chantada-CUP para controlar a proliferación de apostas e proposta de medidas de prevención perante a ludomanía.

 

Chantada, no Día Nacional da Galiza, 25 de xullo de 2019.