Existe unanimidade en Chantada sobre o bon facer das traballadoras e traballadores do SAF, así como do seu grande labor. Este servizo, actualmente público, é esencial ao axudar e coidar a persoas maiores que viven soas nas súas casas. Doutro xeito, moitas destas persoas, nomeadamente no rural, veríanse imposibilitadas para seguir vivendo nas súas casas e/ou sen recursos para contratar a prezos de mercado un servizo análogo (as pensións na provincia de Lugo están 400€/mes por baixo da media estatal!). Tamén é un servizo esencial para as familias con maiores que precisan axuda no eido dos coidados.
Porén, sen levar iso no seu programa e non tendo cumprido aínda nada do mesmo, Manuel Varela e o actual PP de Chantada queren deteriorar e privatizar o SAF do que só lle parece interesar o rédito eleitoral. Así as cousas, esta quinta feira, tres de outubro, traen ao Pleno o comezo do proceso de privatización, cunha valoración que só ten en conta o IPC e non a realidade do custo para a cidadanía dun servizo privado.
👉🏼 As traballadoras municipais do SAF de Chantada cobran por baixo do convenio autonómico (-20%) e están gañándolle todos os xuízos laborais ao Concello.
👉🏼 O custe do Servizo de Axuda no Fogar para todos subiría 60% (vía impostos), como pasou nos dous primeiros anos en Monforte, xeraría conflitos laborais (Outeiro de Rei) ou minguaría o tempo de prestación real nos fogares (no Saviñao pasou de 60 a 45 minutos para cargar con máis usuarios ás traballadoras).
👉🏼 O problema non está nas traballadoras, senón na absolutamente neglixente xestión do servizo que fai o Goberno Local de Chantada de Manel Varela. Non o dicimos nós, testemúñao a Intervención Municipal: Reparo 14/2019 de 9 de abril, Omisión de fiscalización 10/2019 de 22 de abril, Omisión de fiscalización 7/2019 de 3 de abril ou Fiscalización de Intervención 228/2018, de 18 de decembro con Reparo 96/2018. Nun deses informes a Intervención asevera, no tocante á contratación externa dunha empresa: «cabe sinalar a gravidade da contratación, xa que se repite ao longo do tempo, non se solicita a existencia de crédito adecuado e suficiente, e descoñécese o custo das horas e o importe das contratacións efectuadas.». Consecuencia: atrasos de meses nos pagos por parte do Concello a AFA e, como consecuencia, as traballadoras externas de AFA Chantada, que cobren baixas e ferias das traballadoras municipais, sen cobrar (nalgúns fogares é o único salario que entra cada mes).
👉🏼 Dada a situación explosiva creada pola incompetencia do Goberno este fai un duplo anuncio: a privatización do SAF e a contratación dunha nova empresa até decembro, Asanis Galicia, para baixas e vacacións e que se fará cargo das traballadoras actuais de AFA Chantada. O contrato non foi público nin licitado polo que, por montante e procedemento, pode contravir a Lei de Contratos do Sector Público, no sentido que xa ten indicado a Intervención municipal.
👉🏼 As traballadoras externas, agora Asanis Galicia, van ter unhas condicións laborais que non só as prexudican a elas, mais tamén degradan o servizo e aumentan a precariedade e a explotación laboral:
👉🏼 os km ao primeiro fogar non se cobran.
👉🏼 o tempo de fogar a fogar non computa como traballado
Son estas as condicións que queren impor ás traballadoras públicas mediante a privatización do SAF? E isto só é o comezo…
Dende Por Chantada manifestamos a nosa total solidariedade cun colectivo maioritariamente feminino e xa moi castigado (funcións impropias, falta de apoio, ausencia de tabelas laborais en tempo e forma…).
A Aposta Segura de Manuel Varela era esta? Lonxe de cumprir o seu programa eleitoral e atender ás necesidades da viciñanza xeran novos problemas para non facer o seu cometido: gobernar e xestionar. Non sería máis doado privatizar o Goberno?
#StoPPrivatización #ServizosPúblicos #DefenderAmaioría #ConstruírFuturo
Cartaces en PDF para difundir: Cartaces #StoPPrivatización SAF