Proxecto memoria das mulleres de Chantada

Nenas e nenos na saída da escola (primeiro terzo do século XX).

Desde a fundación de Por Chantada sempre tivemos claro que queriamos ser un proxecto político de base veciñal, participativo e aberto. Ademais, un dos eixes ideolóxicos que dan sentido ao noso traballo é o feminismo e o compromiso ineludíbel coa igualdade de xénero.

Baixo estes principios queremos pois dar cabida a este novo e ilusionante proxecto que vos propoñemos, co obxectivo de que entre todas e todos sexamos partícipes del e lle deamos forma, contido e difusión. Será unha das accións que desenvolveremos con motivo do noso quinto aniversario neste ano 2020.

Convencidos de que a memoria xoga un papel clave na transmisión da identidade e de que cando esta memoria se fai en feminino pode ser unha porta pola que camiñar cara a igualdade entre todas e todos. Así pois, queremos presentarvos este proxecto que pretende recoller a memoria e actividade das nosas mulleres ao longo das terras do Concello. Dende o noso pasado recente ata a actualidade. E, para iso, precisamos da vosa axuda.

Crearemos proximamente un espazo web específico para recoller todo o material sobre a historia e memoria das mulleres no concello de Chantada. Servirá como fondo dun arquivo fotográfico comentado que queremos compartir con toda a veciñanza e que está aberto á vosa participación de cara a enriquecelo e amplialo.

O espazo web contará tamén con entrevistas en vídeo a diferentes mulleres do concello que destacaron ou destacan en diferentes ámbitos da vida social, económica, cultural ou laboral do concello.

Chantada en feminino. Unha xanela do pasado cara o futuro.

  • Como se pode colaborar?

Enviando unha fotografía, preferentemente do século XX, escaneada ou simplemente fotografada de novo a poder ser en boa calidade, onde aparezan mulleres do noso concello ou que estean tomadas nalgún emprazamento da nosa xeografía.

As fotos enviaranse ao correo electrónico: chantadaenfeminino@gmail.com

Animádevos a colaborar!