Por Chantada impulsa unha moción para dotar dunha canle pública galega á mocidade.

 

Mediante esta nota de imprensa damos conta de que, na vindeira sesión ordinaria do Pleno da Corporación de Chantada, defenderemos a Moción do grupo municipal Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular para dotar dunha canle pública galega á mocidade, a cal podedes consultar integramente premendo aquí: Moción Por Chantada para dotar dunha canle pública galega á mocidade (arquivo en formato PDF).

Concretamente, demandamos as seguintes cuestións:

👉 Ao Goberno do Estado que a TVE emita os seus contidos con dobraxe ao galego, nomeadamente na programación da canle Clan TV e nos contidos da súa APP. Amais, debe facerse efectivo o compromiso de recepción na Galiza das canles de televisión portuguesas a través da TDT, segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, máxime ao non existir nengún atranco desde a aprobación, pola banda portuguesa, pola Assembleia da República dunha iniciativa a favor de recibir as televisións e radios portuguesas na Galiza e tamén desde o Parlamento galego.

👉 Á Xunta que adopte medidas e accións precisas para que a Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.

👉 Ao Concello a criazón dunha praza para contratar unha persoa técnica en normalización lingüística no Concello de Chantada e pular para que as actividades lúdicas e culturais dirixidas á infancia e á mocidade e financiadas polo Concello de Chantada se desenvolvan en lingua galega.

 

Na exposición de motivos, entre outras cuestións, incidimos en que a  lingua galega é a única oficial no Estado que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil, a diferenza do que acontece co castelán, co catalán e co éuscaro. O resultado disto é que só 4,6% da programación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana, o que unido a emerxencia das RRSS e da prevalencia do castelán nas mesmas, así como noutros dispositivos electrónicos de lecer, invisibiliza na práctica a nosa lingua nas camadas máis mozas da poboación. A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español, agás as galegas, poden gozar dos mellores contidos televisivos na súa lingua.

En consecuencia, na actualidade, a situación da lingua galega entre a mocidade é dramática. Por dar apenas algúns dados: tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes e só 23,90% sabe falar galego. Daquela, cómpre un compromiso enérxico de todos os poderes públicos a prol da nosa lingua.  Como deixou para a historia escrito Afonso Daniel Rodríguez Castelao no Sempre en Galiza (1944): «unha língoa é mais ca unha obra de arte; é matriz inesgotábel de obras de arte». Así pois, xa que o goberno galego conta con importantes recursos para tornar realidade a demanda cidadá para que o galego estexa presente e dispoñíbel en todos os espazos, nomeadamente para a infancia e a mocidade, é o momento de irmos á fronte a prol das mil primaveras máis para o galego das que falaba Álvaro Cunqueiro.

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA-CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

Por Chantada fai achegas á proposta de Orde para a Tarifa Xente Nova da Xunta.

No día de hoxe, desde Por Chantada-CUP rexistramos propostas de mellora e suxestións ao Proxecto de Orde pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta da Galiza, que podedes consultar aquí: IM-orde-tarifa-xentenova-gal.
O noso documento coidamos que conta con achegas moi salientábeis que, de seren aceites, mellorarían substancialmente o documento. En síntese:

  1. Consideramos que a Xunta da Galiza debería prever unha ampliación de idade para aqueles mozos e mozas que non poden cursar os seus estudos no seu lugar de residencia. Cremos que isto sería positivo para axudar a que parte desa mocidade, especialmente a que vive no rural, se manteña vinculada a el fomentando un interior galego vivo.
  2. Propoñemos que a Xunta da Galiza contemple convenios coas Administracións locais. Dese xeito, os Concellos poderían sufragar parte dos gastos ocasionados por eses estudantes universitarios que previamos na epígrafe anterior, de forma que, dun tramo tarifario superior, se puidese pasar a un inferior ou ao plenamente gratuíto. Isto permitiría que as axudas promovesen o transporte público e se adecuasen mellor aos desembolsos que teñen que realizar os mozos e mozas.
  3. Consideramos que o procedemento de reembolso da contía das viaxes previsto é sumamente confuso e pouco intuitivo para as persoas usuarias. Coa redacción actual, sería necesario acudir a un caixeiro da entidade financeira colaboradora para solicitar o reembolso das viaxes realizadas.Cremos que sería máis áxil que aos usuarios non se lles retirase o saldo da tarxeta cando realizan unha viaxe. Deste xeito, eliminaríase a necesidade de todo o proceso anterior e a intermediación bancaria.
Se quixeres ler as nosas propostas íntegras podes facelo premendo aquí (PDF): Propostas de Por Chantada-CUP ao anteproxecto da tarifa Xente Nova.
#Construírfuturo #InteriorGalegoVivo

Resumo do pleno ordinario do 9 de xullo de 2018

O pleno comezou pasadas as 20 horas asistindo a secretaria e a interventora titulares, o funcionario Segundo Navaza, 12 dos 13 concelleiros (todos agás Salud Sotelo de INTA) e 9 persoas como público.

 

Áudio íntegro do Pleno ordinario do 9/7/2018: https://drive.google.com/open?id=1QAwu8njeIu8oAI2ZaJo8xcjcsom9xERL

 

1.- Aprobación da acta da sesión anterior: ordinaria de data 14 de maio de 2018.

BORRADOR ACTA PLENO ORDINARIO 14.05.2018

Aprobada por unanimidade.

2.- Aprobación do proxecto de obra de substitución do céspede artificial do campo de fútbol municipal do Sangoñedo. (Exp. 717/2018)

INFORME DE NECESIDADE

Informe urbanístico sectorial

Proxecto mudanza de céspede do estadio municipal Sangoñedo

Proposta da alcaldía ao Pleno para a aprobación do proxecto de cambio de céspede do Sangoñedo 

 

A favor: 11 (Inta, PP e PSOE) Abstención: 1 (CUP).

 

3.- Delegación de competencia do artigo 22.2.ñ) da LRBRL do Pleno na XGL. (Exp. 676/2018)

Providencia de solicitude de informe de secretaría

Informe da secretaria municipal 60/2018: Informe delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local

Proposta de acordo ao Pleno 

A favor: 6 (Inta)   En contra: 6 (CUP, PSOE e PP). Ao existir empate a votación decídese polo voto de calidade do alcalde.

 

4.- Suplemento de Crédito 1/2018 por importe de 1.194.737,82€ para amortizar débeda pública (Exp. 735/2018).

01 Providencia Suplemento de crédito 1/2018

02 Memoria-proposta SC 1/2018 

03 Proposta ao Pleno SC 1/2018

Decreto 82/2018: decreto liquidación 2017 

Fiscalización da Intervención 22/2018: informe de estabilidade orzamentar liquidación 2017

Fiscalización da Intervención 98/2018: Informe intervención SC 1/2018 amortización débeda

A favor: 6 (Inta)   En contra: 1 (CUP)  Abstención: 5 (PP e PSOE)

5.- Suplemento de Crédito 2/2018 por importe de 630.406,65€ para indemnizar a dúas empresas por facturas nulas de pleno direito (Exp. 745/2018).

01 Providencia SC 2/2018

02 Memoria-proposta SC 2/2018 

03 Proposta a Pleno do SC 2/2018

04 Acta de recepción da obra de Fevisa e Oviga completa

05 Fiscalización da intervención 101/2018: informe da intervención sobre a indemnización SC 2/2018

06 Informe valoración técnico municipal

Votación nominal solicitada desde Por Chantada-CUP:

A favor: 4 (CUP e PSOE) En contra: 6 (Inta) Abstencións: 2 (PP).

Votación ordinaria:

A favor: 6 (Inta) En contra: 4 (CUP e PSOE) Abstencións: 2 (PP).

Con posterioridade ao Pleno, no 25 de xullo Día Nacional da Galiza, Por Chantada-CUP apresentou a seguinte reclamación a este ponto:

Reclamación de Por Chantada-CUP ao SC 2_2018

 

6.- Aprobación da Conta Xeral 2017. (Exp. 460/2018)

Informe sobre a existencia no rexistro de entrada de alegacións á Conta Xeral 2017

Proposta aprobación Conta Xeral 2017

Fiscalización 99/2018: informe-proposta aprobación Conta Xeral 2017 

A favor: 6 (Inta) En contra: 4 (CUP e PSOE) Absntecións: 2 (PP)

7.- Aprobación definitiva do Orzamento xeral 2018. (Exp. 8/2018)

A documentación orzamentar xa foi publicada no seu día e é accesíbel premendo aquí. Tamén podedes ver nesta ligazón as nosas alegacións ao Orzamento na fase de exposición após a aprobación inicial.

Certificacións aprobación inicial do Orzamento do Concello de Chantada 2018 (EXP 8_2018)

Ditame da Comisión Informativa

Certificado 78/2018: certificado alegacións ao orzamento 2018

Fiscalización da intervención 100/2018: informe alegacións Orzamento

Informe da secretaría municipal 61/2018: informe alegación referida execución sentenza g8/2018

Proposta proxecto orzamento 2018 con erro

Proposta proxecto orzamento 2018 sen erro

 

A favor: 6 (Inta) En contra: 4 (CUP e PSOE) Abstencións: 2 (PP).

 

8.-  REC Xantar na Casa. (Exp. 258/2018)

Fiscalización da Intervención 95/2018: proposta xantar na casa 4º trimestre 2017

Informe liquidación 4T 2017

Libro contabilidade 260/2018 [RC XANTAR NA CASA 4 TRIMESTRE]

XANTAR NA CASA OUTUBRO-NOVEMBRO-DECEMBRO

 

A favor: 8 (Inta e PP) Abstencións: 4 (CUP e PSOE)

 

9.- Moción de Por Chantada-CUP para responder á necesidade dunha rede comarcalizada de refuxios de animais na provincia de Lugo.

Moción para responder á necesidade dunha rede comarcalizada de refuxios de animais na provincia de Lugo

Votación emenda:

A favor: 4 (CUP e PSOE) En contra: 6 (Inta) Abstencións: 2 (PP)

Votación moción:

A favor: 4 (CUP e PSOE) En contra: 8 (Inta e PP) 

 

10.- Moción do grupo municipal socialista sobre o camiño da estrada de Pesqueiras a Vilameá por Outeiro.

Unanimidade.

11.- Moción do grupo municipal socialistas sobre o arranxo de rúas no casco urbano de Chantada.

Unanimidade.

12.- Mocións e asuntos de urxencia.

Unanimidade declaración exixindo fisioterapeuta no Centro de día.

PARTE DE CONTROLO DA XESTIÓN

13.- Dación de contas de resolucións da alcaldía.

14.- Dación de contas de reparos da intervención 15 a 54, 56 a 59 e 61, 62 de 2018 e informes de omisión de fiscalización 1 e 2/2018.

15.- Rogos e perguntas.

Por Chantada-CUP levará ao Pleno de maio unha moción sobre o sector da castaña

Desde Por Chantada-CUP levamos toda a lexislatura insistindo na potencialidade do noso medio rural e na necesidade de facer unha política centrada nel e na construción dun futuro económico o máis diversificado posíbel. Sabedores das dificuldades que viviu o sector, mais tamén das erradas políticas que está desenvolvendo a Xunta da Galiza -xunto á crónica inoperancia e inactividade total do Concello- dedidimos impulsar a seguinte Moción de Por Chantada-CUP para a adopción de medidas en apoio ao sector da castaña.

Baixa (formato PDF) a nosa moción: Moción de Por Chantada-CUP para a adopción de medidas en apoio do sector da castanha.

 

 

Moción de POR CHANTADA-CUP para a defensa do direito ao transporte público

 

No día de onte, 30/08/2017, desde Por Chantada-CUP rexistramos a seguinte moción que se debaterá no vindeiro pleno ordinario de setembro e que pode lerse aquí en formato pdf: MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP PARA A DEFENSA DO DIREITO AO TRANSPORTE PÚBLICO DA CIDADANÍA DE CHANTADA

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

Por Chantada-CUP apresentará 3 mocións no pleno ordinario de xaneiro (23/01/2017)

logo-por-chantada

ORDE DO DÍA DEFINITIVA: convocatoria-orde-do-dia-definitiva

O vindeiro 23 de xaneiro celébrase a sesión ordinaria do pleno de Chantada, atrasada a petición de Inta xa que debera celebrarse o día 9 de xaneiro, mais alegaban certar coas vacacións. A pesar do notábel atraso na convocatoria das comisións informativas, que se mudaron de día sen previo aviso, o Goberno non trasladou ningún asunto para ser tratado e continúa a procurar subterfuxios de diversa índole para dificultar o labor de oposición de Por Chantada-CUP, cuxo voceiro está actualmente traballando no estranxeiro ao igual que moita da nosa mocidade emigrada que pouco lle importa ao indolente Desgoberno municipal.

Desde Por Chantada-CUP trasladamos 3 mocións ao vindeiro pleno que explicamos suscintamente e que poden consultarse en PDF nesta mesma entrada. Para comezar dicir que están pensadas tamén no marco da aprobación do novo marco orzamentar para este 2017 que, como é habitual, chegará tamén con notábel atraso e fóra de prazo.

1.- Moción de Por Chantada-CUP para a mellora e ampliación da biblioteca municipal. Con esta moción, que recolle peticións que nos trasladaron usuarios e mocidade organizada do noso concello, queremos sentar as bases para a construción dun espazo digno para a consulta e o estudo, a recuperación do arquivo municipal e a reorganización e racionalización da Casa da Cultura, etc.

2.- Moción para impulsar a creacion dunha mesa local de coordinacion interinstitucional fronte a violencia de xenero . Con esta moción tentamos achegar unha proposta concreta, xa en andamento nalgunha comarca galega, para o combate da violencia doméstica e da lacra da violencia de xénero xa que ano a ano vemos que os minutos de silencio e as declaracións institucionais de pouco serven sen medios e disposicións concretas.

3.- Moción de Por Chantada-CUP para a restitución do acceso universal ao sistema estatal de saude e plano de choque contra a exclusion no concello de Chantada. Con esta proposta visamos defender a universalidade dos servizos públicos, nomeadamente da sanidade, trasladando a nosa visión local a outras instancias e, ao tempo, comprometéndonos cun humilde e perfectamente asumíbel plano de choque local contra a crecente exclusión social (o Reino de España é o estado europeu onde máis inzou a desigualdade desde 2008 e o sul de Lugo é o territorio coas taxas de exclusión social máis elevadas da Galiza).

A orde do día foi modificada grazas a nosa petición de que inclúa a rendición de contas da suposta “urxencia” do pleno extraordinario de decembro que, finalmente, ficou en nada.

Tamén trasladaremos numerosas cuestións, preguntas e rogos como vén sendo habitual e ficamos á vosa disposición para calquera suxerencia, pois entre tod@s construímos Chantada.

#SomosAlternativa #CUPChantada

https://www.facebook.com/PorChantada/?fref=ts  

As candidaturas de unidade popular de Lugo comezamos a coordinarnos para resolver problemas comúns

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pasado domingo, día 2 de abril, xuntámonos representantes das candidaturas de Lugo, tanto cargos institucionais como membros das diversas plataformas cidadás. Desde Por Chantada-CUP valoramos positivamente a xuntanza e pulamos para que sexa o comenzo dunha fraternal colaboración nas problemáticas que afectan á veciñanza dos nosos concellos.

Afondamos así na posta en común dos problemas que confrontamos no distrito electoral de Lugo como a nova Lei do solo –que en Chantada coincide coa aprobación inicial o 18 de marzo do PXOM, na véspera da entrada da nova lei e cuxa aprobación inicial aínda non saíu no DOG–; o Catastrazo, que supuxo no noso termo municipal unha suba de máis de 300% no rural da carga impositiva do IBI; o ferrocarril e a desvertebración territorial, que afecta especialmente á nosa comarca; a defensa da contorna natural, nomeadamente as concas fluviais do Miño e do Sil; as consecuencias nefatas do TTIP para o noso tecido produtivo e para a Ribeira Sacra, pois suporía a desaparición das D.O.; a liquidación do sector agro-gandeiro fronte á pasividade dos nosos alcaldes cómplices de palabra, obra e omisión en boa medida da desfeita; a desfeita demográfica ou emigración da mocidade

Debullando os problemas avogamos por estabelecer métodos de colaboración e construír unidade popular para botar ao PP da Xunta de Galiza, para o que se acordou constituír unha rede estábel de colaboración entre as diversas candidaturas para unificar voz e criterios con posicións unificadas en asuntos comúns fronte ás diversas administracións.

Hai que lembrar que recentemente a Deputación aprobou o seu orzamento anual, que supera os 90 millóns de euros e dos que Chantada non recibirá un só euro alén das transferencias obrigadas, polo que semella que pouco importan as dedicacións que aprobe o Goberno da absoluta de Inta.

Coincidimos os presentes en que é precisa a unidade na diversidade, ou sexa construír unidade popular real, desde a participación democrática, directa e individual, de todas as persoas que así o desexen. En consecuencia, e perante as eleccións ao parlamento de Galiza, decidimos impulsar unha única candidatura unitaria segundo os principios de radicalidade democrática, a participación directa da cidadanía e o noso código ético e de acordo coas iniciativas galegas existentes.