O Sindicato Labrego Galego e Por Chantada organizan unha xornada para o aproveitamento do monte comunal.

 

O sindicato Labrego galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, interesados ambos polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan o próximo día 11 de xaneiro, as 11:00h no local da AA.VV de San Cristovo (parroquia de Mouricios en Chantada), unha xornada para propietarios de monte comunal e para todas aquelas persoas que se queiran achegar. Falarase da lexislación aplicada a esta tipoloxía de montes, as diferentes estratexias con diferentes cultivos e poñeranse sobre a mesa tamén exemplos de boa xestión.

O Sindicato Labrego Galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, dende o interese común polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan unha xornada dirixida aos propietarios de montes comunais e a interesados en xeral coa intención de achegar información á veciñanza neste eido.

Con esta xornada preténdese ofrecer diferentes formas de xestionar o monte comunal no marco da Escola de Acción Campesina na que participa o SLG. Falaremos de novas formas de explotación e diversas formas de pór en valor os nosos recursos. Para iso, contamos con tres relatores que falarán sobre a xestión dos montes, os aspectos legais que atinxen a estas propiedades e tamén de prácticas novidosas, que introducen alternativas á madeira, como o aproveitamento de resina ou mesmo gando. Todo isto coa intención de crear riqueza e emprego en base ao noso monte.

Intervirán na xornada Alberto Ledo Moure, axente forestal que explicará as particularidades legais que atinxen o monte comunal. Tamén Diego Sánchez Agra, técnico do Sindicato Labrego Galego que falará da xestión dos montes comunais e das diversas formas de aproveitamento dos mesmos. Por último,

José Manuel Yglesias e Ángel Buján Zas, propietarios do Monte Veciñal en Man Común do Carballo Vivo en Friol. Falaranos da súa experiencia particular e do rendemento do seu monte, canto a actividades como a madeira, resina, apicultura, porco celta… entre outras.

Para máis información contáctanos ou consulta o noso evento no Facebook: https://www.facebook.com/events/463651044526300/

Por Chantada-CUP elevará tres mocións ao pleno ordinario do 8 de novembro de 2017

O próximo 8 de novembro celébrase sesión ordinaria do pleno, adiantada por mor de motivos persoais de concelleiros de Inta que, doutro xeito, non poderían asistir e coa orde do día que anexamos en pdf nesta mesma entrada xunto ás mocións que apresentamos.

Non hai moito tempo, produciuse unha mudanza de pastas no Goberno “por motivos persoais”, onde Castor asumiu Educación e deixou Deportes, que sempre fora o seu grande foco de atención. Previamente a dedicación de Diego Otero e o seu soldo por 4 horas de traballo creara, nos comezos de 2016, unha crise no Goberno de Manuel Varela. Agora vaise producir, tamén por “motivos persoais”, a renuncia á acta de concelleira de Cándida Otero e, por tanto, a saída do Goberno dunha tenente de alcalde. Por Chantada leva toda a lexislatura insistindo en que temos un Goberno en piloto automático que, amais, comeza a dar signos de descomposición e crise, talvez antesala do seu regreso ao útero do partido máis corrupto de Europa: o PP.

Para este pleno, desde a Candidatura de Unidade Popular apresentamos 3 mocións que, coma sempre, oferecemos para coñecemento e discusión pública e que defenderemos na sesión plenaria do día 8. Desta arte, seguimos loitando desde Por Chantada pola defensa dos intereses comúns e abertos á participación e achegas da cidadanía porque acreditamos que a autoorganización popular por riba das siglas é o único camiño para un municipalismo alternativo e transformador que non sexa escravo de siglas nen sucursal de ninguén.

(PDF) Orde do día do pleno de novembro: DECRETO 2017-0503 [CONVOCATORIA PLENO 08.11.2017](3).

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP para dirixirse á Comisión Nacional do Mercado e a Competencia para evitar os abusos no prezo do leite

(PDF) Moción Lei de Predación Galiza

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego

#SomosAlterntativa #CUPChantada