STOP á impunidade! Coa corrupción e o caciquismo tolerancia 0

suso otero
Foto: El Progreso

A candidatura de unidade popular Por Chantada reitera, como vén defendo desde a súa creación, que coa corrupción e co caciquismo non pode haber tolerancia social, pois hipoteca o futuro colectivo para beneficio duns poucos.

Lamentamos que após dúas sentenzas firmes, a última da sala II do Tribunal Supremo, o alcalde de Monterroso sexa incapaz de apresentar a súa demisión polo ben da imaxe do seu concello, que é dos cidadáns e non seu, e polo ben da Galiza interior, asociada aínda co caciquismo e coa mala praxe política, precisamente por casos como este en que se abusa da autoridade para retirar multas a quen conveña.

Hoxe (26/05/2016) coñecemos polo xornal El Progreso que “Jesús Otero apela ao Constitucional para manter a alcaldía de Monterroso” representando o pior da vella política incapaz de demitir polo ben do seu concello e da veciñanza.

Aferrados ao cargo pase o que pase, este e outros comportamentos son ao tempo os responsábeis desa imaxe de impunidade do vello caciquismo que se traduce en abulia e parálise do tecido social e que tapia calquera saída de futuro para os nosos concellos.

Uns concellos do interior de Lugo onde os escándalos de corrupción e abuso de autoridade se suceden. Hai uns días era o caso de Pantón en relación co PXOM e agora mentres en Monterroso hai un alcalde condenado por quitar multas, en Chantada temos un alcalde que asina decretos e que paga multas de velocidade aos seus traballadores:

Decreto da alcaldía nº 63 do 14 de abril de 2016: https://porchantada.files.wordpress.com/2016/05/multa-de-trc3a1fico.pdf

multa tráfico decreto alcalde

A mocidade e as maiorías sociais que queremos unha nova política que nos permita ter futuro na nosa Terra e non ter que emigrar non nos merecemos que o caciquismo siga destruíndo o futuro colectivo con total impunidade.

Desde Por Chantada-CUP solicitamos a demisión do alcalde de Monterroso, porque é un imperativo ético, e solicitamos que Manuel Varela dea explicacións, xa non só polas amizades perigosas dos Inta, mais tamén por procedementos como o pago de multas por exceso de velocidade a traballadores do concello de Chantada cos cartos de todas e todos.

que voltem para a casa
Queremos futuro para tod@s, tamén para os que emigraron, e non covertirnos nun deserto verde.

As “fINTAs” laborais comúns a Chantada e Monterroso

Por Chantada - Participación Democrática Directa

En galego a palabra finta deriva da italiana finta (do latín FICTA, “modelar, inventar”), que significa “simulación”. Na nosa lingua, entre outras acepcións, ten a de “engano” ou “calote”. Por iso, é a mellor palabra, ao noso xuízo, para condensar algo que é común ás convocatorias laborais de INTA, tanto en Chantada canto en Monterroso, aínda que para ser xustos é a norma na maioría dos concellos.

Hai uns días, para o caso de Chantada, tiramos un comunicado sobre as bases que regulan a selección de seis prazas de peóns especialistas para traballar en eventos culturais. Pois ben, desta volta tócanos falar de Monterroso e como non podemos facer un exhaustivo seguimento de todas as convocatorias da comarca incluiremos desta volta tamén unha especie de resumo  do que podemos facer como cidadáns, para alén da pertinente reclamación que presentamos por escrito.

A devandita reclamación (en anexo en pdf: Monterroso S_D) contén información resumida sobre os fundamentos legais que poden empregarse nestas reclamacións, co que pretendemos facilitar que calquera cidadán que o desexe teña as ferramentas para, cando menos, facer ouvir a súa voz e reclamar os seus dereitos, aínda que como se verá o percorrido real destas reclamacións é mínimo porque o que fai a lei, fai a trampa.

Xa que logo, non imos falar do alcalde de Monterroso condenado mediante sentencia pola Audiencia Provincial de Lugo a sete meses e quince días de cárcere por un delito continuado de tráfico de influencias e inhabilitado para cargo público durante dous anos e tres meses (1). Tampouco dunha oposición inexistente que mostra o urxente que é que a sociedade civil crítica de Monterroso se artelle e organice para evitar que o concello non se axuste sequera a legalidade nas súas convocatorias laborais ou que estas, axustándose superficialmente, sexan un mecanismos de clientelismo político, co que Monterroso seguiría instalado no mesmo caciquismo de sempre (independententemente de que goberne o PP, o PSOE ou INTA).

Non, desta volta, trátase dunha praza de normalización lingüística que convocou a citada insititución e que, ao noso xuízo, é máis unha “simulación” que cumpre coa letra da lexislación, mais non co seu espírito xa que nin se garante a igualdade, nin a equidade nin o mérito tal e como marca a lexislación (poderíamos falar doutras que tamén parecen presentar irregularidade, mais compréndase que non temos tempo material suficiente para atender a tantos frentes).

Como no caso de Chantada INTA en Monterroso tamén aposta por contratar sen as garantías necesarias para que se respecte a igualdade e a transparencia, aínda que neste último caso hai fundamentos de dereito para pedir a súa nulidade, tal e como expuxemos na pertinente solicitude ao alcalde-presidente de Monterroso.

Desde Por Chantada-CUP, repetimos – as veces que faga falta – que calquera posto laboral no sector público debe guiarse polos criterios de mérito e igualdade, conforme ao artigo 23 da Constitución do Reino de España e  ao artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galiza, e que as présas aducidas normalmente son unha tapadeira e non se xustifican (como neste caso que o prazo vai até outubro e liquidouse todo nunha semana).

A continuación detallamos, como de costume, polo miúdo os feitos e anexamos a impugnación que redatamos: Monterroso S_D

Seguir lendo