Por Chantada proporá no vindeiro pleno medidas para protexer o mosteiro de San Salvador de Asma

A candidatura viciñal lamenta que prosiga o abandono por parte da Xunta e do Concello de Chantada a pesar de ser declarado BIC na categoría de monumento (BIC.000.705).

Por Chantada propón impulsar un plan especial de protección (PEP) do mosteiro de San Salvador de Asma como primeiro paso firme para deter o seu deterioro e demanda dirixirse á Consellaría de Cultura para que colabore nas actuacións protectoras através dun convenio de financiamento do devandito instrumento de planeamento urbanístico.

Antom Fente e Cruz Fernández defenderán no pleno que o Goberno central e a Xunta adquiran o mosteiro para darlle un uso público e garantindo o seu uso e desfrute, en tanto BIC, para a toda a cidadanía.

Mosteiro de San Salvador
O noso voceiro nas inmediación do mosteiro acompañado pola viciñanza que alertou das obras que se estaban efectuando sen licenza habilitante. Foto Por Chantada.

O mosteiro de San Salvador de Asma é un dos núcleos xustificativos da inventio da Ribeira Sacra e co románico base da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade que, reiteramos, ten deixado na marxe aos habitantes do territorio ao primar a configuración dunha marca territorial sobre a protección real do patrimonio material e inmaterial, a paisaxe ou a fixación de poboación. De feito, todas as parroquias ribeirás incluídas na delimitación da candidatura perderon entre 2000-2020 40% da poboación e o envellecemento é notábel. Uns dados tan rotundos só poden definirse como demotanasia, é dicir, o baleirado dun territorio alentado –por acción ou omisión– desde as institucións.

San Salvador de Asma é central para historia da comarca. A súa orixe remóntase ao século IX e consta documentación desde 1074, cando aínda era unha abadía. Dificilmente, se pode entender que semellante fito do noso patrimonio colectivo aparecese en pleno século XXI á venda en Milanuncios sen que a declaración de BIC por parte da Xunta tivese revertido a súa continuada degradación, ruína e abandono.

obras mosteiro são salvador de asma 4
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Desde Por Chantada levamos desenvolto numerosas iniciativas perante diversas institucións na defensa do noso patrimonio e, no que atinxe ao mosteiro de San Salvador de Asma, podemos salientar iniciativas como a Moción de Por Chantada-CUP para impulsar a adquisición e xestión públicas do mosterior de San Salvador de Asma (2017), varios expedientes demandando a intermediación da Valedora do pobo (2019-2022) ou perante a Dirección Xeral de Patrimonio. No entanto, o único certo é que, e isto cómpre subliñalo, a degradación de San Salvador de Asma continúa a pesar de que, no papel, a súa protección é integral.

obras mosteiro são salvador de asma 3
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Desta arte, Por Chantada demandará o cumprimento do artigo 20.1 da Lei 16/58 do Patrimonio Histórico Español, que fixa a obriga de redactar un Plano de especial protección para os lugares declarados BIC. Tamén o disposto no Catálogo do Patrimonio Cultural da Galiza, art. 30.1 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural da Galiza (LPCG) e no art. 35 LPCG para o grado de protección e usos permitidos.

Entre as prerrogativas do Concello de Chantada atópase a de instar á redacción dun plan especial ou mesmo outras actuacións protectoras como a prevista na lei, mesmo a situación disposta no artigo 51 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural da Galiza no tocante á expropiación forzosa.

obras mosteiro são salvador de asma 2
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Por todo isto, Por Chantada propón, por unha banda, impulsar, como primeiro paso para a súa conservación, a redacción dun plan especial de protección (PEP) do mosteiro de San Salvador de Asma (BIC.000.705) e dirixirse á Consellaría de Cultura para que colabore nas actuacións protectoras através dun convenio de financiamento do devandito instrumento de planeamento urbanístico. Por outra banda, desde a candidatura viciñal entendemos que o Goberno central e a Xunta da Galiza deben pór os medios para adquirir o mosteiro de San Salvador de Asma dándolle un uso público e garantindo o uso e desfrute do BIC debidamente contextualizado.

obras mosteiro são salvador de asma 1
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

A Asociación Cultural Veciños de San Salvador de Asma e Por Chantada-CUP denuncian actuacións no mosteiro de San Salvador de Asma

 

 

No pasado domingo comunicamos mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio, ao Concello de Chantada e á Valedora do Pobo que no mosteiro de San Salvador de Asma, recentemente declarado BIC, se están desenvolvendo actuacións para as que non nos consta que exista licenza nen autorización por parte das administracións públicas, afectando seriamente a un elemento patrimonial que leva sendo vítima de incontábeis modificacións e afectacións desde hai décadas: portas románicas desfeitas para meter maquinaria, pedra tirada para restaurar outros edificios, a biblioteca usada como establo, etc. Nesta ocasión estase a introducir pedra do exterior afectando a antiga adega, ás cabaleirizas, etc. Agardamos que coa máxima celeridade as administracións adopten as medidas oportunas após unha semana de actividade no interior do elemento catalogado como BIC sen que ninguén tomase cartas no asunto.

De por parte, tamén nos reunimos coa deputada Paula Vázquez Verao, de En Marea, que vai rexistrar no Parlamento galego estes sucedidos para reclamar explicacións e medidas efectivas para protexer os elementos que na práctica desminten a euforia pública co BIC, aprobado acriticamente e sen ter en conta as alegacións que apresentamos desde o noso grupo. De pouco vale un BIC se non se acompaña de inversións para protexer e restaurar o patrimonio e, sobre todo, de medidas efectivas para fixar poboación e actividade económica no rural, especialmente focadas no sector estratéxico para a nosa comarca: o primario.

 

Podedes consultar (PDF) o noso documento aquí: denuncia de obras no mosteiro de San Salvador de Asma.

 

 

 

 

 #SomosAlternativa #CUPChantada 

https://www.facebook.com/PorChantada/ 

Resumo do pleno 11/09/2017

 

Foi o pleno máis concorrido da lexislatura. Cabo da secretaria, da interventora, do funcionario Segundo Navaza e dos trece concelleiros asistiron 16 persoas e dous xornalistas de Televinte. Un dos asistentes era aínda un bebé e puxo de manifesto o inaxeitado do salón de plenos pola falta total de accesibilidade. De seguido, a crónica completa para todos os asuntos tratados no pleno.

Seguir lendo