
As violencias machistas son un atentado contra os dereitos humanos, que transcende as condicións sociais, culturais, económicas e demográficas das mulleres que se atopan nesta situación. As violencias machistas poden manifestarse de distintas formas, a maioría das veces de maneira simultánea (violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual), nunha variedade de ámbitos, tanto no espazo público como no privado no que se producen: de parella, familiar, laboral, social e comunitario.
O pasado 7 de novembro de 2015 confluiron en Madrid milleiros de persoas de todo o Estado, convocadas polo Movemento Feminista, para denunciar esta grave violación dos dereitos humanos e aínda celebrando o noso pleno a posteriori non debemos perder a oportunidade de sumar o noso apoio.
Todas as persoas e entidades, especialmente as públicas, estamos emprazadas non só a manifestarnos e contribuír a esta acción cidadá, senón a reactivar e mellorar a prevención e a resposta á permanencia da violencia machista evidenciada nos casos gravísimos deste verán, dez anos despois da Lei Integral contra a Violencia de Xénero de 2004, das numerosas leis autonómicas e un ano despois da ratificación do Convenio de Istambul (BOE do 06.06.14),
que se incumpren substancialmente en canto a prevención no ámbito educativo, que só dan protección laboral ou económica a 1% das 126.742 denunciantes, ou de vivenda, mentres crece a desigualdade que é o caldo de cultivo das diversas violencias que eslabazan unha sociedade.
En Chantada temos un plano de igualdade, o II Plano de Igualdade de oportunidades (2013-2017), cuxo grado de cumprimento é manifestamente mellorábel e polo que preguntamos no pasado pleno ordinario contestándosenos que preguntaramos no CIM, o cal é bastante desafortunado porque os programas e as actividades hai que idealas, planificalas e financialas. Amais, os planos precisan dun seguimento cuxas conclusións deben ser públicas para medir a súa eficiencia e traballar na subsanación dos erros de cara a futuras tarefas. Ao menos así, é como se traballa nas sociedades onde se toman a igualdade e os proxectos en xeral a serio.
Os concellos, como institución máis próxima, somos imprescindíbeis para a prevención e a atención social, xurídica e psicolóxica que estabelece o artigo 19 da lei estatal de 2004. Con todo, o artigo 27.3.c) da Lei de Réxime Local reformado pola Lei 27/2013 di que os concellos só poderán prestar servizos sociais, de promoción da igualdade de oportunidades e de prevención da violencia contra a muller por delegación do Estado ou da Comunidade Autónoma financiada ao 100%, gastos que en absoluto se cobren cos 6 millóns da partida 45 do programa 232C de Violencia de Xénero no Proxecto de Orzamentos do Estado 2016.
Por iso, o grupo municipal de Por Chantada-CUP propón para o seu debate e aprobación polo Pleno do Concello de Chantada, os seguintes ACORDOS:
1.- Colocar cada ano o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia cara ás mulleres, na fachada do Concello unha pancarta lilás coa palabra de orde “contra as violencias machistas”.
2.- Solicitar ás Cortes Xerais que as violencias machistas sexan consideradas unha cuestión de estado e por tanto sexan sostidos todos os días do ano, todos os anos, os recursos persoais, materiais e políticos para a igualdade e para a prevención e atención xurídica, social e psicolóxica ás vítimas de violencia machista, cumprindo o art. 19 da Lei Orgánica 1/2004, establecendo un sistema estábel de financiamento estatal, autonómica e local a longo prazo.
3.- Garantir unha atención estábel e de calidade, en condicións de ampla accesibilidade, confidencialidade, protección e anonimato, que inclúa a rehabilitación, avaliación e seguimento, o que leva a xestión pública directa dos servizos para a igualdade e contra a violencia de xénero.
4.- Contribuír á promoción da igualdade e contra a violencia de xénero en todos os centros e en todas as etapas educativas, cooperando coa comunidade escolar.
5.- Promover a sensibilización contra o sexismo na actividade cultural, de organización de actos, de seguridade e convivencia e todas as actuacións e servizos de competencia municipal.
6.- Pór todos os medios ao alcance do Concello para erradicar do noso municipio o sexismo, a segregación, o acoso e os estereotipos sexuais en todas as nosas actuacións e servizos.
7.- Garantir unha atención especial ás mulleres con discriminación múltiple e outros colectivos agredidos pola violencia machista, como persoas con diversidade sexual, inmigrantes, con diversidade funcional, desempregadas ou dependentes, e non incorrer na vitimización múltiple nos procesos de atención.
8.- Promover a participación da sociedade civil, en particular, das organizacións de mulleres.
9.- Enviar este acordo á Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, para que no seu seguimento e Informes ao GREVIO (Group of Experts on Action against Violence against Women and Domestic Violence) para a aplicación do Convenio de Istambul que estabelece o seu artigo 68 inclúa, conforme aos artigos 7.3 e 18.2, as actuacións da
administración local.
En Chantada , a 29 de outubro de 2015.
Antón Fente Parada, Por Chantada-CUP.