Por Chantada-CUP exixe á Xunta da Galiza unha cobertura pediátrica digna para o noso Concello.

No día de hoxe, desde a Comisión política de Por Chantada-CUP, emitimos a seguinte nota de imprensa sobre as novas deficiencias detectadas na atención pediátrica. Se o prefires podes consultala en formato PDF: Nota imprensa Por Chantada-CUP 8 de outubro de 2019.

 

Desde hai varios días, o Concello de Chantada volve ter unha cobertura pediátrica equiparábel a dos concellos de menos de 3.000 habitantes. Só contamos con dous de asistencia neste momento e nen sequera son fixos, senón que varían dependo da semana. Así as cousas, esta semana o posto estará coberto os días 9 e 10 e a semana seguinte os días 16 e 17 e dentro de dúas o día 21… sen sabermos se se vai cubrir cunha ou cun médico de familia, cun ou cunha pediatra ou, cando menos, cunha médica ou médico puericultor.

A titular encóntrase de baixa sine die de momento e é vergoñento que só se habilite para controis dous días por semana e en horario variábel (un día de 4-8 os outros a saber…). A crónica falla de planificación e xestión na atención pediátrica é unha eiva que debe solventarse con celeridade, pois o noso país ten precisamente un problema demográfico que exixe especial sensibilidade cos nosos maiores e cos depositarios do noso futuro: os pícaros e as pícaras.

O centro de saúde de Chantada conta cunha praza de pediatría, que presta servizo a por volta de 800 crianzas dos Concellos de Carballedo e Chantada, que só contarán con servizo de pediatría dous días. Esta é a calidade dos servizos sanitarios e públicos cos que se quere facilitar a conciliación e a fixación de poboación no interior galego?

Chove sobre mollado, con continuos problemas desde, cando menos, o inverno de 2016. Isto trouxo consigo, en 2017 unha intensa mobilización popular xuntou máis de 4.000 sinaturas, nun Concello de pouco máis de 8.000 habitantes, para exixir unha cobertura sanitaria digna para os nosos menores. A resposta do SERGAS, perante a mobilización social, foi anunciar a cobertura do servizo de pediatría en Chantada por dous días á semana, durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2017. Estes días cubríronse por unha das persoas profesionais de pediatría do Hospital de Monforte: vestir un santo para desvestir outro, cando a comarca de Lemos xa é habitualmente deficitaria en atención pediátrica como vimos sinalando desde 2015.

A Consellaría faltou a súa palabra, xa que nunha queixa da Plataforma Chantada quere pediatría á Valedora do pobo, comprometérase diante desa institución a ter unha «relación de titulados en pediatría que permita dar cobertura máis inmediata a esta situación», que fundamentaba no «próximo remate da formación dos novos médicos residentes na especialidade de pediatría e a resolución do concurso de traslados».

Múltiplas comarcas galegas padecen a carencia de servizo de pediatría, ben por excesiva ratio de tarxetas por profesional, ben polo afastamento do centro onde atende a profesional de referencia; feitos agravados pola non reposición de prazas cando as profesionais se atopan de baixa. Isto sucede, fundamentalmente, na provincia de Lugo, na área da Montaña lucense, no sur de Lugo e na Mariña. A falta de servizo de pediatría no rural galego é unha constante, converténdose o déficit deste servizo básico nun factor máis que acentúa a tendencia demográfica regresiva.

Exiximos que a Xunta da Galiza brinde a Chantada un servizo pediátrico axeitado ás súas necesidades e dimensións. É preciso que as administracións se compromentan en serio con servizos públicos e de calidade #PorunInteriorGalegoVivo.

Chantada, 9 de outubro de 2019.

A Comisión Política de Por Chantada-CUP.

Comunicado de Por Chantada sobre o PEP

Para o pleno do 8 de maio rexistramos por escrito a solicitude de aclaracións sobre o PEP (Plano de Especial Protección do Casco Histórico de Chantada) demandando novamente que se volvese a súa aprobación inicial dadas as numerosas irregularidades detectadas na súa deficiente tramitación entre abril de 2015 e febreiro de 2017. Esta deficiencias consistiron en que se ocultou documentación aos concelleiros da oposición no pleno de abril de 2014 ou que non se notificou o acordo aos proprietarios até decembro de 2016, ou sexa fóra de calquera prazo razoábel após a aprobación inicial.
 
No pleno ordinario de marzo o proprio Manuel Varela dixo o seguinte, así o recolle a acta (páxina 60):
É mellor tramitalo de novo. É un erro. Non hai ningunha ilegalidade e tampouco intención de ocultarlle información, contamos que sexa a primeiros de abril, xa me puxen en contacto co redactor do proxecto e virán a Chantada se fai falta.
No entanto, dous meses depois Inta non só pospón a cuestión até aprobar o orzamento de 2017, senón que tenta descargar na empresa #EPTISA a responsabilidade de non querer volver facer a aprobación inicial para gañar tempo. 
 
É máis, en declaracións a Televinte Chantada o acalde de Chantada restoulle importancia ás pegas ao proxecto de aparcadoiro, defendéndoo coa falaz coartada da peonalización e sabendo que o PEP cos erros na súa tramitación actual non resistiría un contencioso, para alén de que se coartou totalmente a participación cidadá e non se tivo en conta a opinión dos viciños.
 
Pois ben, desde a CUP, acreditamos que a mellor ferramenta é dar información á cidadanía e que xulgue por ela mesma. E dado que unha imaxe vale máis que mil palabras deixámosvos a mostra da dimensión e do impacto que ten o proxecto de aparcadoiro (a área marcada como UI-1). Como se ve ocupa toda a ribeira do Asma desde onde o Casco Histórico oferece precisamente as mellores vistas, nunha área de alto valor paisaxístico e ecolóxico e que acreditamos que debería ser unha zona verde ou hortas urbanas.
 
A grande pergunta é… hai algo que non se nos está contanto? Que novidade houbo nos dous últimos meses para este pinchacarneiro de Manuel Varela? Imos permitir que uns poucos que levan facendo e desfacendo 20 anos en Chantada arrasen valores patrimoniais, medioambientais e turísticos como xa aconteceu antes coa praza de Santa Ana, coa Torre de Vilar de Eiriz, con Xoan XXIII, etc.?
Só a presión popular obrigará a que se volva a tramitar inicialmente o PEP e a obrigar a Inta a retirar o esperpéntico proxecto de aparcadoiro. É a hora de defender desde o sentido común o noso futuro!

#SomosAlternativa #CUPChantada

O alcalde de Chantada veta unha moción da CUP na orde do día do pleno

 

No día 2 de marzo de 2017 desde Por Chantada-CUP publicamos unha Moción para estabelecer unha taxa municipal nas instalacións de transporte e enerxía e outras medidas fiscais para impulsar e financiar un plano de emerxencia social e asinar o convenio da FEGAMP para garantir a luz e o gas nos fogares en situación de vulnerabilidade.

Como explicamos no seu momento, trátase dun paquete de medidas coas que o Concello recaudaría moitos más ingresos invertindo a lóxica do Catastrazo ao cobrarllo aos grandes como as eléctricas que nos esquilman e non á veciñanza. Con isto xa non habería escusa para  revisar a fiscalidade actual do IBI altamente lesiva, como xa reclamamos en anteriores ocasións. Ao tempo, solicitamos que o concello se acolla ao convenio da FEGAMP para evitar que se lle poda cortar a luz a ningunha persoa sen medios e lanzar un plano de emerxencia social.

A nosa sorpresa é que Inta dedidiu na comisión informativa, que só ten carácter deliberativo, votar en contra da nosa moción para logo o alcalde excluíla da orde do día a pesar dun voto particular emitido pola voceira do PSOE. Trátase dun acto sen precedentes na historia do Concello de Chantada e que non só vulnera a cortería máis elementar senón que xera unha situación ridícula, como explicamos no escrito remitido hoxe mesmo a todos os membros da Corporación.

Unha treta para evitar o debate no pleno da moción de Por Chantada, ao forzarnos a apresentala no pleno “por urxencia” (cando a remitimos 10 días antes da celebración do pleno moito antes do que se nos remite a nós a documentación por exemplo, e falamos de centos de páxinas) negándolla co rodillo da maioría absoluta.

Por outras palabras, uns traballamos con seriedade e audacia propostas para mellorar o noso concello e as condicións de vida das veciñas e veciños e outros retratan o seu infantilismo político e as súas prioridades moi distantes do ben común como dan fe os case 100 reparos emitidos pola intervención municipal nos últimos 5 meses.
Escrito encamiñado polo voceiro de Por Chantada-CUP aos membros da Corporación con motivo da exclusión dunha moción da orede do día

 

 

Por Chantada lamenta a politización do camiño de inverno en campaña electoral

logo-por-chantada

Desde a candidatura de unidade popular Por Chantada lamentamos profundamente o incumprimento da lexislación electoral por parte de Inta e do PP, algo absolutamente execrábel e que nos devolve ao tempo do caciquismo máis cinsento. É intolerábel que se fagan inauguración en campaña electoral, máxime cando Monforte de Lemos e Chantada comparten secretario tendo advertido este nun informe que:

A data escollida, o 17 de setembro, está dentro da campaña das eleccións ao Parlamento de Galiza e hai restricións da normativa electoral para este tipo de actos se participan representantes das administracións públicas.

Nin ao PP nin a Manuel Varela lle importou este informe como semella que non lles interesa a lei, demostrando cos seus feitos día si e día tamén que están por riba dela.

Igualmente, é lamentábel que unha asociación cun fin tan nobre como promover o camiño de inverno se preste a esta burda manipulación política, tomando partido así precisamente polos mesmos políticos que, co seu desleixo crónico, nin son capaces de conservar e sinalar axeitadamente o camiño ou que seguen permitindo que o trazado histórico e a variante por Oseira continúen sendo invisibilizadas.

Por Chantada denuncia o emprego de herbicida sen sinalizar en casco urbano

Por Chantada - Participación Democrática Directa

A candidatura de unidade popular Por Chantada recibiu alertas cidadás en que se puña en coñecemento do noso grupo o emprego de herbicida por parte dunha empresa contratada polo concello de Chantada, extremo confirmado polos propios traballadores que empregaban mascariñas aínda que se negaron a informar sobre o produto empregado.

Os cidadáns xa puxeron en coñecemento do concello e das autoridades medioambientais esta circunstancia que é duplamente grave. Dunha parte, non se está sinalizando de ningún xeito o emprego dun tóxico co conseguinte perigo para a saúde pública en pleno casco urbano, por exemplo na zona do Telecentro, estación de autobuses, tanatorio… Doutra banda, o concello incumpre máis unha vez o que se aproba en pleno, concretamente a “Moción de Por Chantada para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada” que contou cun apoio unánime e que podedes consultar na nosa páxina xunta a diversos estudos e mesmo directivas europeas relacionadas: 

https://porchantada.wordpress.com/2015/08/12/mocion-de-por-chantada-para-prohibir-o-emprego-de-herbicidas-para-usos-non-agrarios-no-concello-de-chantada/ 

Coa saúde pública non se xoga e os responsábeis políticos desta situación deberían demitir porque é obriga do concello supervisar e, se é o caso, adoptar as medidas pertinentes para velar para que as contratas se axusten á legalidade vixente e máis cando se pon en risco a saúde da veciñanza.

#SomosAlternativa #CUPChantada