Por Chantada reclama políticas preventivas inmediatas fronte á seca para mitigar as restricións que se van orixinar.

 

Desde Por Chantada demandamos ao Concello de Chantada, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Xunta que comecen xa a traballar nun plan de continxencia coordinado que mitigue os efeitos da pior seca en décadas, pois de non faceren nada as restricións poden atinxir a auga potábel e comprometer seriamente a vida da viciñanza.

IMG-20220508-WA0010

 

O inverno e a primavera foron excepcionalmente pobres no tocante a precipitacións e, se o ano continúa por este camiño, no verao imos afrontar serias dificultades nas traídas viciñais. Amais, precisamos con urxencia antepor a calquera outra consideración a salvagarda da cada vez máis escasa auga potábel, xa que os nitratos e outras polucións comprometen seriamente que no país dos mil ríos haxa auga que poidamos beber sen risco para a saúde humana e animal.

O Goberno local debe comezar a facer política preventiva, por exemplo, aconsellando un uso racional da auga, dando pautas á viciñanza e predicando co exemplo, para o que cómpre vixiar que non se volvan producir vendas de augapor parte da concesionaria sen coñecemento, aparentemente, por parte do Goberno local. Neste sentido, debemos volver lamentar o uso de glifosato na vila de Chantada, aínda esta mesma semana; a crónica insuficiencia da depuradora, que non se atende desde as diferentes administracións; ou a ausencia de separativo de pluviais e fecais en amplas zonas da vila. Cando nos deamos de conta do mal que estamos tratando o medio e as reservas hídricas pode ser xa tarde demais.

Igualmente, facemos un chamado á Confederación Hidrográfica a vixiar o impacto ambiental e social dos pantaláns e embarcacións que está autorizando para o que se debería elaborar un estudo muldisciplinar.

IMG-20220508-WA0009

Unhas institucións serias deberían actuar xa, pois a seca é evidente e fai prever unha época estival moi complicada en canto a fornecemento de augas, mais tamén para os incendios polo que demandamos á Xunta un reforzo dos servizos de extinción e aumentar as dotacións para rozado mecánico e manual de xeito preventivo, así como revisar as infraestruturas de fornecemento de auga en caso de lume.

Se non actuamos agora o cenario máis plausíbel será un verao con restricións no consumo con consecuencias para a hostelaría, as piscinas municipais ou mesmo as exploracións agrogandeiras.

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Por Chantada lamenta a opacidade do goberno municipal e reitera a súa enérxica oposición ao uso de herbicidas para usos non agrarios.

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

O pasado 19 de decembro desde Por Chantada dirixímonos ao Concello de Chantada solicitando información sobre os produtos que se botaron en varias rúas e baixo que protocolos e condicións se fixo uso dos mesmos. Coma de costume, este grupo non obtivo resposta, unha tónica que vén sendo demasiado habitual, xa que tampouco se nos está dando en tempo e forma acceso a outra documentación que demandamos para poder exercer o noso labor de fiscalización da nefasta xestión municipal.

Lembramos que en 2015 aprobouse, por unanimidade de todos os grupos, a moción Moción de Por Chantada para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada. A pesar disto, o Goberno municipal segue a facer caso omiso dos acordos e actúa con total opacidade.

Xa en 2017 propuxemos un protocolo para o emprego correcto dos fitosanitarios no noso termo municipal, debendo sinalizarse e informar correctamente do seu uso, xa que afectan á saúde das persoas e ao Medio ambiente. Conseguiramos que aparecese sinalización por primeira vez, aínda que esta fose incorrecta e incompleta. No entanto, desde entón, coa mudanza de titular ca Consellaría de Medio Ambiente, retrocedemos.

De por parte, no noso escrito reiteramos a lexislación de aplicación e os condicionamentos específicos para os ámbitos non agrarios.

Anexamos a nosa solicitude de 19/12/2021 e imaxes das diferentes áreas do casco urbano que foron queimadas com herbicida nesa semana e que non se sinalizaron.

SOLICITUDE_PORCHANTADA_USO_HERBICIDA_CASCOURBANO

O pase de diapositivas require JavaScript.

Valoración da asemblea de Por Chantada-CUP dos resultados das #municipais2019

Reunida a militancia e simpatizantes de Por Chantada-CUP, o pasado sábado, aprobouse, por unanimidade, a seguinte análise e valoración dos resultados das #municipais2019:

Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular non pode congratularse polos resultados, xa que supoñen máis catro anos de maioría absoluta de Manuel Varela, agora no PP, e a perda dunha oportunidade histórica para a mudanza que Chantada precisa. No entanto, fomos a forza que máis medrou en apoios (+8,25), obtendo 966 votos e o 18,56% dos apoios e ficando a 75 votos de obter o terceiro concelleiro e, con el, derribar a maioría absoluta. É o máis importante a nosa implantación social viuse amplamente reforzada permitindo encarar con optimismo o período 2019-2023.

Neste sentido, podemos parabenizarnos por sermos un revulsivo eleitoral e disputarlle a hexemonía a quen acumula xa 20 anos no poder con consecuencias perniciosas visíbeis para todo o Concello. As forzas tradicionalmente hexemónicas en Chantada obtiveron o pior resultado da súa historia e mesmo foron superadas polas forzas a prol do cambio en 279 votos. De feito, Manuel Varela, a pesar de traballar coa maquinaria ao 100%, obtivo os mesmos apoios practicamente ca en 2015 con Inta e cunha moi importante baixada se metemos na ecuación os que tiña o PP. Infelizmente, a lei eleitoral, novamente, agasallou coa maioría absoluta a Manuel Varela.

Compre lembrar que se partía dun cenario complexo e difícil por factores diversos:

  • dunha parte, Inta e o PP totalizaban 9 concelleiros e 60,75% dos apoio;

  • as forzas proclives ao cambio ían en exceso divididas, en tres candidaturas, co procedente de 2015, cando Inta obtivo a maioría pola lei eleitoral ao ficar o BNG sen representación;

  • o traballo e o labor de oposición non foi socializado todo o axeitadamente que cumpría;

  • as eleccións estatais e a coincidencia das europeas non eran o mellor cenario para unha candidatura veciñal e independente, aínda así podemos dicir que superamos as eivas cunha campaña preciosa, en positivo e centrada en propostas para construír futuro e mellorar Chantada;

  • desde xaneiro a nosa vila vive un apagón informativo, polo feche de Televinte, e as RRSS só chegan a unha parte da poboación sen termos aínda unha implantanción uniforme e axeitada nas 36 parroquias e tendo moi pouca presenza na imprensa.

 A aposta pola unidade popular que sempre defendemos, acreditando na pluralidade e na soma de continxentes diversos centrados na mellora de Chantada, revelouse máis unha vez como certa e aprezada por amplos sectores sociais, conseguindo ilusionar e consolidando un proxecto soberano, centrado nas veciñas e veciños de Chantada, cada día máis enriquecido, e con enorme potencial.

Por Chantada-CUP fixa como obxectivo atinxir a confianza dunha maioría social que nos permita acceder á alcaldía en 2023, para o que debemos mellorar a relación e comunicación coa cidadanía, mellorar a nosa implantación territorial e traballar, desde xa, en mellorar Chantada: propostas e alternativas que desenvolvan o noso programa, diálogo social, traslado das problemáticas da viciñanza ao Pleno e procura de solucións… Para todas estas tarefas, a asemblea elixiu, por unanimidade, unha Coordinadora que desenvolverá diferentes áreas de traballo e liñas de actuación para conseguir o noso horizonte estratéxico: a transformación do Concello para polo ao servizo da viciñanza rematando co abandono e as políticas de piloto automático que provocan o devalo do noso potencial e do noso territorio. En definitiva, non desfalecer e #construírfuturo.

Municipais 2015-2019: evolución resultados totais.

2019

2015

Diferenza

Partido

Votos

%

Concelleiros

Votos

%

Concelleiros

Votos

%

PP (+Inta)

2.428

46.65%

7

3.216

60,75%

9

– 788

– 14,1

PSOE

1.471

28.26%

4

1.194

22,55%

3

+ 277

+ 5,71

CUP

966

18.56%

2

546

10,31%

1

+ 420

+ 8,25

BNG

270

5.19%

224

4,23%

+ 46

+ 0,96

2019: último escano asignado PP. Candidatura máis próxima: CUP a 75 votos.

A CUP apresenta senllos recursos de reposición aos acordos plenarios sobre a taxa da auga e a modificación do PXOU.

 

A Canditadura de Unidade Popular Por Chantada rexistrou hoxe senllos recursos de reposición contra os acordos 5º e 6º do último pleno (resumo aquí), por entendermos que, como xa anunciaramos na sesión plenaria, concorren circunstancias que poñen en tea de xuízo tanto a idoneidade canto a legalidade deses acordos. Trátase dunha parte da suba aplicada á Taxa da auga, non ficando claro o período de devengo e, portanto, que sexa aplicábel neste 2018; e, doutra parte, a modificación do PXOU onde explicamos os diversos motivos que nos levan a pedir a nulidade de pleno direito do acordo.

Desde a CUP seguimos loitando por facer da isonomía unha realidade e un principio inquebrantábel dos nosos principios ético-políticos.

Recurso de reposición ao acordo 5º Modificacion das tarifas do servizo da auga e sumidoiros

Recurso de reposición ao acordo 6º “Rectificación do PXOU

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

Por Chantada-CUP elevará tres mocións ao pleno ordinario do 8 de novembro de 2017

O próximo 8 de novembro celébrase sesión ordinaria do pleno, adiantada por mor de motivos persoais de concelleiros de Inta que, doutro xeito, non poderían asistir e coa orde do día que anexamos en pdf nesta mesma entrada xunto ás mocións que apresentamos.

Non hai moito tempo, produciuse unha mudanza de pastas no Goberno “por motivos persoais”, onde Castor asumiu Educación e deixou Deportes, que sempre fora o seu grande foco de atención. Previamente a dedicación de Diego Otero e o seu soldo por 4 horas de traballo creara, nos comezos de 2016, unha crise no Goberno de Manuel Varela. Agora vaise producir, tamén por “motivos persoais”, a renuncia á acta de concelleira de Cándida Otero e, por tanto, a saída do Goberno dunha tenente de alcalde. Por Chantada leva toda a lexislatura insistindo en que temos un Goberno en piloto automático que, amais, comeza a dar signos de descomposición e crise, talvez antesala do seu regreso ao útero do partido máis corrupto de Europa: o PP.

Para este pleno, desde a Candidatura de Unidade Popular apresentamos 3 mocións que, coma sempre, oferecemos para coñecemento e discusión pública e que defenderemos na sesión plenaria do día 8. Desta arte, seguimos loitando desde Por Chantada pola defensa dos intereses comúns e abertos á participación e achegas da cidadanía porque acreditamos que a autoorganización popular por riba das siglas é o único camiño para un municipalismo alternativo e transformador que non sexa escravo de siglas nen sucursal de ninguén.

(PDF) Orde do día do pleno de novembro: DECRETO 2017-0503 [CONVOCATORIA PLENO 08.11.2017](3).

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP para dirixirse á Comisión Nacional do Mercado e a Competencia para evitar os abusos no prezo do leite

(PDF) Moción Lei de Predación Galiza

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego

#SomosAlterntativa #CUPChantada

Europa non ten constancia da existencia do vertido ao Enviande e responsabiliza á Xunta

A eurodeputada Lídia Senra remitiu a Por Chantada-CUP, ao SLG e a Asociación de viciños Torre de Arcos a pergunta formulada no parlamento europeu así como o escrito de resposta.

 

Imaxe tomada no exterior do muíño da Alameda o 20 de xaneiro de 2017 nun acto impulsado desde Por Chantada-CUP para informar aos medios e á viciñanza sobre o impacto do proxecto de vertidos ao río Enviande. O acto celebrouse nas inmediacións do muíño debido a que  o Goberno de Manuel Lorenzo Varela negouse a ceder o interior das instalacións. De esquerda a direita: Paula Verao, deputada de En Marea no parlamento galego; Antom Fente, voceiro da CUP; Lídia Senra, eurodeputada de AGEE; e Olga Otero, da Asociación de Viciños Torre de Arcos.

 

A eurodeputada Lídia Senra perguntou á Comisión europea se o vertido que se contempla no río Enviande por parte dunha empresa, que xa foi condenada por contaminación e agresións ao medio ambiente, debería ter avaliación de impacto ambiental de acordo coa Directiva 2011/92/UE, así como os requisitos que debería cumprir un proxecto tan agresivo e poluente para ter unha hipotética avaliación positiva.

A ex-secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, cuxa representante local Belén Conde tamén participou da loita veciñal por deter os vertidos, alertou en Bruxelas de que a queixaría podería danar zonas naturais protexidas e tamén a auga de granxas e traídas veciñais, como a Comunidade de regantes de Casteda. Natural de Brollón, Lidia tamén cuestionou se a CE pensa que dita empresa pode compaxinar a súa actividade e este novo vertido ao río co respecto as áreas protexidas pola Directiva de Hábitats.

Pois ben, a resposta chegou da man do Comisario europeo de Medio Ambiente, asuntos marítimos e pesca, Karmenu Vella e é do seguinte teor:

En virtude da Directiva de Hábitats é responsabilidade das autoridades competentes dos Estados membros asegurarse, por medio dunha avaliación axeitada, de que calquera plano ou proxecto que poda afectar de forma apreciábel un lugar Natura 2000 non cause perxuízo á integridade dese lugar.

De por parte, a fabricación de produtos lácteos é unha das actividades enumeradas no anexo II da Directiva de avaliación de impacto ambiental. Por conseguinte, antes de autorizar un proxecto, as autoridades competentes deben determinar se este debe someterse a unha avaliación de impacto.

A Comisión non ten coñecemento do proxecto a que se refire a súa señoría e, á luz da información facilitada, non está en condicións de determinar se esas obrigas se cumpriron no presente caso.

 

Por máis abastamento, o exposto vén coincidir en boa medida coas teses expostas desde Por Chantada-CUP. O noso grupo non só constatou a pasividade do goberno municipal, senón que rexistrou en parcería coa Asociación de viciños Torre de Arcos no seu día unhas alegacións perante a Confederación hidrográfica que seguen, a día de hoxe, sen seren contestadas nas que solitabamos precisamente o informe de impacto ambiental.

Agora, á luz da resposta do maltés Karmenu Vella, consideramos que este informe de impacto ambiental é totalmete necesario e de obrigado esixencia nun proxecto destas características e dimensións. Igualmente, é extremadamente preocupante como continúa sen realizarse un axeitado tratamento dos vertidos e persiste con total impunidade a contaminación dos nosos ríos entre a dilación inexplicábel da Confederación e a pasividade da Xunta. A auga e a calidade da mesma vai ser un ben cada vez máis escaso nun cadro de mudanza climática, sendo a Península o territorio europeo que máis vai sofrer o seu impacto.

Pola súa banda, a deputada  soberina de En Marea, Paula Vázquez Verao, tamén redactou unha pregunta, para resposta oral no pleno e na Comisión do Parlamento Galego, en que lle reclama á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que explique se vai esixir o sometemento do proxecto de vertido ao río Enviande a estudo de impacto ambiental e que nel se contemplen as alternativas posíbeis, informando cumpridamente á cidadanía. Cando se resolva daremos cumprida información.

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

ACTO INFORMATIVO: Lembras cando comer unha troita era saudábel?

 

cartaz-acto-verquidos-20_01_2017-lixeiro

 

A nosa loita pola #auga e a calidade dos nosos ríos segue e removeremos Roma con Santiago se fai falta porque #EntreTodasConstruímosChantada:

1.- apresentamos alegacións ao expediente de vertido ao Enviande xunto coa Asociación de Viciños Torre de Arcos;

2.- instamos ao concello a estudar o expediente e alegar (pasaron de todo coma sempre);

3.- participamos nun acto conxunto do PSOE para informar a veciñanza da parroquia de Arcos;

4.- denunciamos ao Seprona os vertidos ao Asma;

5.- solicitamos perante a Xunta unha nova depuradora para Chantada a través da deputada galega Paula Vázquez Verao;

6.- e agora impulsamos un acto con representantes en diversos niveis, desde a eurodeputada Lídia Senra até a veciña e ex-concelleira Olga Otero;

etc.

Mentres tanto o concello non só olla para outro lado senón que mesmo nos denegou o permiso para poder empregar o interior do muíño da Alameda, que se suma á negativa de cedernos un local para reunirnos como grupo municipal (a Inta si que se lle cedeu cando estaba na oposición).

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

logo-por-chantada