ACTO INFORMATIVO: Lembras cando comer unha troita era saudábel?

 

cartaz-acto-verquidos-20_01_2017-lixeiro

 

A nosa loita pola #auga e a calidade dos nosos ríos segue e removeremos Roma con Santiago se fai falta porque #EntreTodasConstruímosChantada:

1.- apresentamos alegacións ao expediente de vertido ao Enviande xunto coa Asociación de Viciños Torre de Arcos;

2.- instamos ao concello a estudar o expediente e alegar (pasaron de todo coma sempre);

3.- participamos nun acto conxunto do PSOE para informar a veciñanza da parroquia de Arcos;

4.- denunciamos ao Seprona os vertidos ao Asma;

5.- solicitamos perante a Xunta unha nova depuradora para Chantada a través da deputada galega Paula Vázquez Verao;

6.- e agora impulsamos un acto con representantes en diversos niveis, desde a eurodeputada Lídia Senra até a veciña e ex-concelleira Olga Otero;

etc.

Mentres tanto o concello non só olla para outro lado senón que mesmo nos denegou o permiso para poder empregar o interior do muíño da Alameda, que se suma á negativa de cedernos un local para reunirnos como grupo municipal (a Inta si que se lle cedeu cando estaba na oposición).

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

logo-por-chantada

 

Por Chantada condena a discrecionalidade e opacidade coa que o alcalde emprega os fondos públicos

logo-por-chantada

 

O 22/09/2016 o xornal La Voz de Lemos informaba sobre o “Déficit nas contas do Chantada“. Segundo recollía este xornal, a directiva cesada do SD Chantada obtivo na última asemblea a maioría necesaria para aprobar unhas contas cun superávit de máis de 8.000 euros e a nova directiva demostra que o realmente existente é un déficit de máis de 9.000 euros. No mesmo corpo da nova informábase que, tanto a directiva saínte canto a entrante, existe un compromiso verbal de Manuel Varela de asumir con fondos públicos esa débeda. Ao respecto desde Por Chantada-CUP queremos facer as seguintes valoracións:

1.- A SD Chantada recibiu a subvención nominativa recollida no Orzamento de 2016 en vésperas da asemblea en que mudou a directiva, non sabemos se é unha casualidade ou unha axuda persoal do alcalde para contribuír á maquillaxe das contas.

2.- Os fondos públicos non os outorga verbalmente nin como favor persoal a persoa senón os órganos colexiados existentes na institución e só na medida en que son representantes dos cidadáns e axustándose á lexislación vixente. O contrario son as vellas prácticas herdadas do caciquismo do século XIX e que semellan resistirse a desaparecer nun país que di querer ser europeo.

3.-  Neste momento o concello gasta tanto en pagarlle a unha empresa por xestionar o facebook do concello (3.000€ cada 6 meses) como en emerxencia social (6.000€ ao ano) ou págalle proporcionalmente máis ao concelleiro da dedicación parcial, cuxas funcións seguimos descoñecendo, que cobra un profesor da secundaria ou un médico recén incorporado á sanidade pública. Ao tempo incumpre o plano de axuste onde lle convén (transparencia na contratación, escolla da mellor oferta, incremento expoñencial do gasto en persoal, etc.), mais é celoso e rigorista na aplicación de suba de impostos como o IBI ou a creación de novas taxas. E como mostra o seguinte extracto do informe da intervención municipal (para lelo íntegro preme aquí).

subvencions-no-plano-de-axuste-1

En definitiva, Por Chantada-CUP condena a discrecionalidade coa que a alcaldía do concello de Chantada outorga os fondos públicos, así como a falta total de transparencia  e unha política económica desastrosa e irresponsábel. Se o concello asume a débeda da SD terá que facelo mediante un acordo do órgano colexiado competente e rendendo as debidas contas, alén de precisar dunha modificación orzamentar que debe pasar polo pleno.  O contrario é un emprego caciquil e espúreo das institucións, como se fosen feudos persoais e non patrimonio colectivo de toda a veciñanza de Chantada.

#SomosAlternativa #CUPChantada

As “fINTAs” laborais comúns a Chantada e Monterroso

Por Chantada - Participación Democrática Directa

En galego a palabra finta deriva da italiana finta (do latín FICTA, “modelar, inventar”), que significa “simulación”. Na nosa lingua, entre outras acepcións, ten a de “engano” ou “calote”. Por iso, é a mellor palabra, ao noso xuízo, para condensar algo que é común ás convocatorias laborais de INTA, tanto en Chantada canto en Monterroso, aínda que para ser xustos é a norma na maioría dos concellos.

Hai uns días, para o caso de Chantada, tiramos un comunicado sobre as bases que regulan a selección de seis prazas de peóns especialistas para traballar en eventos culturais. Pois ben, desta volta tócanos falar de Monterroso e como non podemos facer un exhaustivo seguimento de todas as convocatorias da comarca incluiremos desta volta tamén unha especie de resumo  do que podemos facer como cidadáns, para alén da pertinente reclamación que presentamos por escrito.

A devandita reclamación (en anexo en pdf: Monterroso S_D) contén información resumida sobre os fundamentos legais que poden empregarse nestas reclamacións, co que pretendemos facilitar que calquera cidadán que o desexe teña as ferramentas para, cando menos, facer ouvir a súa voz e reclamar os seus dereitos, aínda que como se verá o percorrido real destas reclamacións é mínimo porque o que fai a lei, fai a trampa.

Xa que logo, non imos falar do alcalde de Monterroso condenado mediante sentencia pola Audiencia Provincial de Lugo a sete meses e quince días de cárcere por un delito continuado de tráfico de influencias e inhabilitado para cargo público durante dous anos e tres meses (1). Tampouco dunha oposición inexistente que mostra o urxente que é que a sociedade civil crítica de Monterroso se artelle e organice para evitar que o concello non se axuste sequera a legalidade nas súas convocatorias laborais ou que estas, axustándose superficialmente, sexan un mecanismos de clientelismo político, co que Monterroso seguiría instalado no mesmo caciquismo de sempre (independententemente de que goberne o PP, o PSOE ou INTA).

Non, desta volta, trátase dunha praza de normalización lingüística que convocou a citada insititución e que, ao noso xuízo, é máis unha “simulación” que cumpre coa letra da lexislación, mais non co seu espírito xa que nin se garante a igualdade, nin a equidade nin o mérito tal e como marca a lexislación (poderíamos falar doutras que tamén parecen presentar irregularidade, mais compréndase que non temos tempo material suficiente para atender a tantos frentes).

Como no caso de Chantada INTA en Monterroso tamén aposta por contratar sen as garantías necesarias para que se respecte a igualdade e a transparencia, aínda que neste último caso hai fundamentos de dereito para pedir a súa nulidade, tal e como expuxemos na pertinente solicitude ao alcalde-presidente de Monterroso.

Desde Por Chantada-CUP, repetimos – as veces que faga falta – que calquera posto laboral no sector público debe guiarse polos criterios de mérito e igualdade, conforme ao artigo 23 da Constitución do Reino de España e  ao artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galiza, e que as présas aducidas normalmente son unha tapadeira e non se xustifican (como neste caso que o prazo vai até outubro e liquidouse todo nunha semana).

A continuación detallamos, como de costume, polo miúdo os feitos e anexamos a impugnación que redatamos: Monterroso S_D

Seguir lendo

Carta aberta de Por Chantada ás candidaturas de BNG, PSOE, Inta e PP

logorecorteComo candidato á Alcaldía de Por Chantada, Antón Fente, lamenta a negativa de INTA e PSOE a participar nun debate Público.

Adxúntase a carta que remitín a BNG, PSOE, PP e INTA, nun último intento de que as veciñas e veciños de Chantada tivesen a oportunidade de asistir e participar nun debate entre as persoas candidatas á alcaldía de Chantada. Para ser fiel á verdade teño que comezar por dicir que o BNG contestou afirmativame e sen demora a un debate coa moderación do xornalista Carlos Cortés, e que fose aberto á participación da cidadanía. Indicando ademais que eles tampouco participaron da reunión do luns 18, aínda que si recibiron “chamadas varias con presuntas informacións e opinións que gardamos no cartafol da rumoroloxía (de moi escaso interese pra nós”.
Lamentabelmente INTA negouse en todo momento e a cidadanía xulgará a responsabilidade dun alcalde que custa máis de 3.500 € mensuais ao Concello e que se nega a comparecer, dar conta e debater coas outras persoas aspirantes á alcaldía de Chantada.
Mais o que fai imposíbel o debate, carece de sentido un debate entre só dúas alternativas (Por Chantada e o BNG), son as pegas do PSOE que eu non agardaba e que arrastra ao PP na súa retirada. Primeiro que non podía ser debate porque a súa candidata non o tiña preparado, logo só podían intervir persoas previamente identificada como se lle tivesen medo as veciñas e veciños, e por último non contestaron ao noso ofrecemento de facer o debate o venres, sacrificando a nosa programación de campaña, senón que optaron por sacar un comunicado e a campaña suxa. Tal e como nos comunicaron na reunión do 19, tanto para eles como para o PP o único importante era visualizar a cadeira libre de INTA, non as preguntas que puidera formularnos calquera cidadán.

Non imos entrar nestas provocacións, a nosa é unha campaña que seguirá sendo en positivo e centrada nas nosas propostas para Chantada. Hai catro anos os chantadinos e as chantadinas sufrimos tamén unha campaña electoral con intoxicacións e ataques persoais infames. A dirección de campaña do PSOE acóllese agora tamén a ese modelo e escolle gastar os tiros contra Por Chantada ao tempo que se nega a participar dun debate merecedente de tal nome. Do comunicado do PSOE, sen entrar en maiores fonduras, que non pagan a pena, destacan certas contradicións evidentes entre programa, discurso e praxe:

1.- A referencia a que membros da candidatura estamos fóra do concello dá a medida do seu interés por integrar a xente que tivo que irse de Chantada.
2.- Un partido que ten tan claro que é “a única alternativa” nunca tería a actitude que o PSOE está demostrando. Centraríase, como o outros o facemos, en propostas políticas e non en ataques persoais.
3.- Fálase de que o debate o solicitaba só o 5% e logo que toda a cidadanía demanda un debate. Esa referencia ao 5% e os xogos de maiorías e minorías tampouco son propios de quen se pretende “única alternativa”.
4.- O subconsciente tamén atraizoa a quen fala de que eles son a “xente seria, rigorosa, representativa”. Ese discurso non está lonxe daqueles dos que o PSOE local pretende ser a “única alternativa”. Os que publicamente din querer un debate logo vetan esa palabra e presentan un debate case como un favor e non como algo normal e propio de calquera democracia. Dicir que un debate cos veciños e coas veciñas é unha “encerrona” retrata a quen fai esas afirmacións.
5.- Os que non practican a cultura democrática do asemblearismo, os que non entenden que o decidimos todo colectivamente, recorren a mans negras e teorías da conspiración para xustificar a súa falta de cultura democrática e de disposición para un debate merecente de tal nome. Recorren ao ataque persoal e mesmo a mensaxes privadas que son provocacións para que baixemos ao terreo do camorrismo e do matonismo. Non lles imos dar o gusto.

Lamentábel a actitude de INTA, PSOE e PP. Vén confirmar o que moita cidadanía xa sabe: a ausencia de transparencia e de cultura democrática dos “grandes” partidos, cada vez máis afastados das preocupacións e das inquedanzas das persoas que din representar; e un medo atávico ao debate e a libre participación dos cidadáns na política. A fuxida para adiante do PSOE local é máis un triste capítulo dos furibundos ataques que as novas alternativas políticas debemos sufrir. Agachar os erros ou as miserias que podamos ter proxectándoas sobre os demais é unha mala estratexia política. Tamén o é o curtopracismo electoral como único obxectivo político e o vale todo.

Sentimos que unha boa idea como a do debate, servise de coartada para alterar a normalidade e a boa onda coa que transcorría a nosa campaña e a de todos os partidos en xeral, alén das lexítimas diferenzas políticas. Sentimos igualmente que Olga sufra ataques pola simpatía que nos profesa ou que as asociacións de Chantada se vexan envoltas neste triste episodio. Sexades o 5% ou o 95% nós sempre vos imos escoitar e dialogar fraternalmente polo ben do país do Faro.

Chantada a 21 de maio de 2015
Antón Fente Parada, candidato de Por Chantada á alcadía.

 

Carta remetida aos partidos participantes da reunión do día 19 ás 13 horas por petición do PSOE:

Carta 1_2 Carta 2_2

 

 

Até o día 14 de maio podes solicitar o teu voto por correo

Por Chantada - Participación Democrática Directa

A nosa candidatura ten moi presente a diáspora. De feito, en Por Chantada algúns de nós pertencemos a ela. Emigrados forzosos na procura de oportunidades laborais e vitais. O concello de Chantada conta cun amplo censo de residentes no exterior.

Se resides fóra do país do Faro ou non vas estar en Chantada o 24 de maio próximo lembámosche que o voto por correo pode solicitarse até o vindeiro 14 de maio.

Para saberes que pasos seguir para solicitar o teu voto por correo preme na seguinte ligazón: http://www.correos.es/ss/Satellite/site/pagina-1363186877288/sidioma=gl_GL?idiomaWeb=gl_ES

 

Ilusión POR CHANTADA para reiniciarmos a política e construír colectivamente o futuro.

POR CHANTADA abre unha conta bancaria para achegas económicas voluntarias

acto dia 9

 

A candidatura Por Chantada celebrará o vindeiro sábado a partir das 19 horas no local sindical do município chantadino unha nova xuntanza para tratar todos os temas relacionados cos comicios electorais do 24 de maio. Véxanse recadación, campaña, programa, actos …

Tamén se quere anunciar a apertura dunha conta bancaria para que aquelas persoas que o desexen, de maneira totalmente voluntaria, colaboraren economicamente coa formación. Os interesados e as interesadas deberán indicar o seu nome e apelidos pondo como concepto “Chantada” e indicando os seus nomes e apelidos. Por Chantada comprométese a facer un gran exercicio de transparencia, amosando en cada xuntanza os ingresos recibidos.

Grazas pola vosa axuda. Ilusión POR CHANTADA

Os datos e o número de conta son os seguintes:

Conta de POR CHANTADA – Participación Democrática Directa

Entidade: ABANCA

CCC 2080 – 0144 – 87 – 3040004352

IBAN ES62 – 2080 – 0144 – 8730 – 4000 – 4352

Indicar Nome+Apelidos+Concepto: Chantada

 

Por Chantada - Participación Democrática Directa

Xuntanza aberta de Por Chantada

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O vindeiro sábado, día 9, Por Chantada celebra unha nova xuntanza, aberta a todas as persoas que desexen partipar, no local sindical ás 19 horas. Esperamos contar coa túa presenza e as túas achegas. Cremos na participación e na pluralidade como ferramenta para avanzarmos colectivamente.

acto dia 9