Por Chantada-CUP elevará tres mocións ao pleno ordinario do 8 de novembro de 2017

O próximo 8 de novembro celébrase sesión ordinaria do pleno, adiantada por mor de motivos persoais de concelleiros de Inta que, doutro xeito, non poderían asistir e coa orde do día que anexamos en pdf nesta mesma entrada xunto ás mocións que apresentamos.

Non hai moito tempo, produciuse unha mudanza de pastas no Goberno “por motivos persoais”, onde Castor asumiu Educación e deixou Deportes, que sempre fora o seu grande foco de atención. Previamente a dedicación de Diego Otero e o seu soldo por 4 horas de traballo creara, nos comezos de 2016, unha crise no Goberno de Manuel Varela. Agora vaise producir, tamén por “motivos persoais”, a renuncia á acta de concelleira de Cándida Otero e, por tanto, a saída do Goberno dunha tenente de alcalde. Por Chantada leva toda a lexislatura insistindo en que temos un Goberno en piloto automático que, amais, comeza a dar signos de descomposición e crise, talvez antesala do seu regreso ao útero do partido máis corrupto de Europa: o PP.

Para este pleno, desde a Candidatura de Unidade Popular apresentamos 3 mocións que, coma sempre, oferecemos para coñecemento e discusión pública e que defenderemos na sesión plenaria do día 8. Desta arte, seguimos loitando desde Por Chantada pola defensa dos intereses comúns e abertos á participación e achegas da cidadanía porque acreditamos que a autoorganización popular por riba das siglas é o único camiño para un municipalismo alternativo e transformador que non sexa escravo de siglas nen sucursal de ninguén.

(PDF) Orde do día do pleno de novembro: DECRETO 2017-0503 [CONVOCATORIA PLENO 08.11.2017](3).

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP para dirixirse á Comisión Nacional do Mercado e a Competencia para evitar os abusos no prezo do leite

(PDF) Moción Lei de Predación Galiza

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego

#SomosAlterntativa #CUPChantada